Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2017 Páx. 59321

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

O artigo 88 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en alugamento, cos obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e de favorecerlle o acceso á vivenda a colectivos singulares. No seu artigo 90 sinálase que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria por parte das administracións públicas, con competencia en materia de vivenda, como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.

Son moitos os concellos de Galicia que dispoñen dun patrimonio edificatorio afecto no seu día aos centros educativos para aloxar as persoas que prestaban os seus servizos nestes centros, así como a outros oficios e que na actualidade están en desuso. Ademais, tamén dispoñen no seu patrimonio municipal doutras edificacións, que poden ser obxecto dun uso residencial mediante as oportunas actuacións de rehabilitación.

Por outra banda, o proceso de despoboamento da zona rural fai necesaria unha política encamiñada a fixar poboación nestas zonas, sendo a vivenda unha necesidade básica para este cometido.

Con este programa trátase de rehabilitar os edificios e as vivendas, destinadas no seu día a vivenda dos mestres ou doutros oficios, así como aqueloutros de titularidade municipal susceptibles dun uso residencial, para que poidan destinarse, en réxime de alugamento, á vivenda habitual e permanente de unidades de convivencia con escasos recursos económicos.

O 17 de xullo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 4 de xullo de 2017, pola que se establecían as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, e se procedía á súa convocatoria para o ano 2017. Non obstante, a necesidade de incorporar melloras na tramitación deste programa fan preciso a aprobación dunhas novas bases reguladoras.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2018 habilítanse créditos para o financiamento das actuacións derivadas desta convocatoria.

De acordo coas competencias atribuídas no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 4 e 5 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

ACORDO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da orde

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios, así como as demais edificacións de titularidade municipal, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos. O código de procedemento é VI422F.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para a anualidade 2018.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

Este límite de ingresos poderá ser modificado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a cal será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderanse considerar a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, referido no artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Artigo 4. Requisitos das actuacións

1. Todas as actuacións realizar deberán axustarse á normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

2. As actuacións subvencionables non poderán estar iniciadas no momento da presentación da solicitude.

3. O prazo de execución das actuacións virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder de 12 meses.

4. O número de vivendas resultantes da actuación de rehabilitación non poderá ser superior ao número de demandantes de vivendas inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia nese concello, na data da presentación da correspondente solicitude de subvención.

Artigo 5. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística e correspondente ao día 1 de xaneiro do ano de cada convocatoria.

b) Contar con demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivera vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Concepto e cómputo dos ingresos das unidades de convivencia

1. Para os efectos desta orde, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. Os ingresos dos membros da unidade de convivencia ás que se destinen as vivendas determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do IRPF. Para estes efectos, procederase do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade de convivencia relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude. De non dispoñer da correspondente declaración por non estar obrigado/a a tributar por este concepto, deberanse acreditar os ingresos mediante certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), nóminas e seguros sociais. Nestes casos, deberase achegar, ademais, unha declaración responsable dos seus ingresos.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor no período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Unidade familiar dun membro: 1,00.

Unidade familiar de dous membros: 0,90.

Unidade familiar de tres membros: 0,80.

Unidade familiar de catro membros: 0,75.

Unidade familiar de cinco ou máis membros: 0,70.

3. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do IRPF, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto neste artigo, sumaranse, debendo ser o resultado inferior ao límite máximo previsto nestas bases reguladoras.

4. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nos termos establecidos na normativa do IRPF, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese, conforme o previsto nos apartados anteriores.

5. Para o caso de que na unidade familiar houbera mulleres xestantes no momento da convocatoria, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos/as e non nacidos/as contará como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no apartado 1.c) deste artigo, sempre que coa aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

Artigo 7. Contía da axuda

1. As axudas poderán acadar ata o 90 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada ou de 48.000 euros, no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos camiños de Santiago.

Para estes efectos, enténdese por ámbito histórico:

1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.

2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.

3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

Así mesmo, para estes efectos, enténdese por ámbito dos Camiños de Santiago o comprendido na declaración de área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago realizada o 17 de decembro de 2010 pola Comisión Bilateral de Vivenda Xunta-Ministerio de Fomento.

2. A subvención poderá ter carácter plurianual, distribuíndose as anualidades en función do prazo de execución comunicado polo concello, sen que en ningún caso o importe da última anualidade poida ser inferior ao 20 % do importe total da subvención concedida.

Artigo 8. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I a esta orde. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta orde, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

4. As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

5. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou privada ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron ou obtiveron outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou obtivesen outras axudas para a mesma finalidade, deberase indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou concedida para a mesma finalidade.

c) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Compromiso de destinar as vivendas rehabilitadas, durante un prazo non inferior a quince (15) anos, contado desde a finalización das actuacións subvencionadas, ao alugamento a unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nesta orde.

f) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

g) Declaración de que todos os datos consignados na solicitude, así como os documentos que se acheguen son certos.

Artigo 9. Documentación complementaria

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS, aceptando os termos da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se acompaña á solicitude.

b) Certificado da Secretaría Municipal no que se acredite que a edificación ou a vivenda obxecto de rehabilitación é de titularidade municipal, e de que se cumpren os requisitos recollidos no artigo 5 desta orde.

c) Proxecto técnico ou memoria relativa á actuación que se vai realizar na edificación ou na vivenda. Esta memoria, ou proxecto, deberá conter a seguinte documentación:

1. Informe asinado polo/a correspondente técnico/a municipal relativo á localización da edificación ou da vivenda, ao ámbito no que se inclúe, ás súas características e ao seu estado de deterioración. Este informe deberá ir acompañado dunha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou da vivenda e dunha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

2. Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución. Este calendario é necesario para establecer a repartición das anualidades no momento da concesión da subvención.

3. Informe do/da técnico/a municipal de que a actuación proposta cumpre coa lexislación vixente.

Artigo 10. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para o caso de que algún dos concellos presente a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que o faga electronicamente. Nestes casos, considerarase como data de presentación da documentación complementaria aquela na que fose presentada por vía electrónica.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirirlles a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.

4. No caso de que os documentos que se deban presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido por esta, deberán seguirse, para os efectos da súa presentación, as instrucións que figuran no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa que teña a titularidade da alcaldía ou da persoa en quen este delegue.

b) Número de identificación fiscal do concello.

2. Cando os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente recadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á Carpeta do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS na que estea situado o concello solicitante.

2. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 14. Procedemento de concesión

1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O procedemento inicíase de oficio, mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de convocatoria.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, rematará co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos no artigo 9 ou non fora acompañada da documentación esixida no artigo 10, requirirase ao concello solicitante para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Xefatura da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. As resolucións ditaranse por rigorosa orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela na que conste como validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na correspondente convocatoria.

2. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contado desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución ou desde que se teña presuntamente desestimada a solicitude.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, para o caso de reaxuste de anualidade ou modificación na execución de obras por causa de imprevistos.

Artigo 17. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución, así como aquelas outras relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas no prazo máximo fixado na correspondente resolución.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente Área Provincial do IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades concedidas, nun prazo máximo de quince (15) días. Este prazo comezará a contarse desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. A comunicación deberá facerse por vía electrónica, conforme o anexo II desta orde, no que se deberá facer unha declaración de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, para poder proceder ao pagamento de acordo co artigo 60.4 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunto co citado anexo deberá xuntarse, segundo os casos, a seguinte documentación:

A. Comunicación de execución parcial de obras.

a) Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da parte executada da subvención, na que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que corresponda certificar, así como os conceptos e contías relativos aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta certificación, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e recoñecemento da obriga polo órgano competente.

A citada conta xustificativa incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención, de acordo có establecido no artigo 8 do Decreto 193/2001, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións a entidades locais galegas.

O importe xustificado a conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80 % do total da subvención.

b) Memoria explicativa das obras realizadas.

c) Fotografías que mostren as obras realizadas.

d) Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior.

e) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

f) Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 50.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

B. Comunicación final das obras.

Co remate das obras, deberá presentarse xunto coa documentación sinalada nos seis primeiros parágrafos anteriores, unha certificación da Secretaría do concello do remate definitivo das obras, indicando que se cumpriu a finalidade da subvención, acompañada da súa acta de recepción. E no caso de non ter presentado a documentación sinalada na letra f) do punto anterior deberá achegala neste momento.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o concello beneficiario presente a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez (10) días.

3. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 30 de novembro do exercicio correspondente, salvo que o requirimento sinalado no punto anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data.

4. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo de solicitude do concello, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

5. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados, nin se tivese procedido a un reaxustamento das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que lle será notificado ao concello interesado a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

6. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Xefatura da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Artigo 19. Pagamento das subvencións

1. O gasto subvencionable determinarase, logo da comprobación da total execución das obras e a emisión do informe favorable dos servizos técnicos das correspondentes áreas provinciais do IGVS, en atención á certificación municipal sinalada na letra a) do punto 1 do artigo anterior e ao artigo 58 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

2. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para o efecto no anexo I polo concello beneficiario.

Artigo 20. Obrigas dos concellos

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas dos concellos beneficiarios as seguintes:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar a vivenda rehabilitada durante un prazo non inferior a quince (15) anos, contado desde o día seguinte ao da finalización das obras, ao alugamento de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nesta orde.

3. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda a través do IGVS, de conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Perda e reintegro da subvención

1. Ademais das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, determinará a perda da subvención a non execución das obras dentro do prazo establecido na resolución de concesión, así como a falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido no artigo 18.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Artigo 22. Compatibilidade

As subvencións previstas nesta orde son compatibles coas axudas que se puideran recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante o anterior, estas axudas serán incompatibles coas do programa autonómico de infravivenda.

Artigo 23. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación, sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos concellos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido das convocatorias que se realicen ao abeiro desta orde será publicado na Base de datos nacional de subvencións e os seus extractos no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO III
Convocatoria con financiamento plurianual no ano 2018

Artigo 25. Obxecto

A convocatoria no exercicio 2018 das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e as demais edificacións de titularidade municipal, co obxecto de ser destinadas, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 o IPREM, rexerase polo establecido nesta orde.

Artigo 26. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de xuño de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 27. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

Anualidade 2018: por importe de 108.332 euros.

Anualidade 2019: por importe de 840.000 euros.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento e de informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file