Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 58947

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXIV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, X Manuel María de literatura dramática infantil e XIII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2018.

BDNS (Identif.): 376009.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Requisitos de participación:

– Poderán optar aos premios as persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias.

– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios.

– Non poderán presentarse textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

– Os gañadores da edición inmediatamente anterior non poderán presentarse ao mesmo premio (modalidade, no caso do Barriga Verde) en que resultaron galardoados.

– Non poderá presentarse o persoal da Agadic.

– Non poderán acceder a estes premios os participantes que se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Durante o proceso de resolución desta convocatoria, os participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Segundo. Finalidade

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria para o ano 2018, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXIV edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da X edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e da XIII edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades, para rapaces e para adultos, segundo o público ao que vaian dirixidos os textos (código do procedemento CT214A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXIV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, X Manuel María de literatura dramática infantil e XIII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2018.

Cuarto. Importe

Existirá un único galardoado por premio (e modalidade, no caso do premio Barriga Verde), coa seguinte dotación económica:

– Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.

– Manuel María: 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para rapaces): 6.000 €.

– Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018 con cargo á aplicación orzamentaria da Agadic-10.A1.432B.480.0 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo comezará ao día seguinte da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 10 de maio de 2018.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da
Axencia Galega das Industrias Culturais