Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 27 de decembro de 2017 Páx. 58460

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2017, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-340 Gondomar-A Ramallosa punto quilométrico 17+650-21+360, nos concellos de Nigrán e Gondomar (clave PO/16/055.06).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu punto 2, a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 6 de xullo de 2017, a Xunta de Galicia declarou a utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na PO-340 Gondomar-A Ramallosa p.q.17+650-21+360, nos concellos de Nigrán e Gondomar, de clave PO/16/055.06, mediante o Decreto 75/2017, publicado no Diario Oficial de Galicia do 9 de agosto de 2017.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Nigrán e Gondomar, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, en que se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Gondomar.

Lugar: Centro neural de Gondomar.

Data: 17 de xaneiro de 2018, das 9.30 ás 13.30 horas, desde o A ata o Z.

Termo municipal de Nigrán.

Lugar: Casa do concello.

Data: 18 de xaneiro de 2018, das 9.30 ás 13.30 horas, desde o A ata Pereira Manzanares, Manuel.

Data: 19 de xaneiro de 2018, das 9.30 ás 13.30 horas, desde Pereira Merlo, Emilio ata o Z.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos nos concellos de Nigrán e Gondomar e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas en Pontevedra (avenida Fernández Ladreda, 43-1º).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, e poden ir acompañados, pola súa conta, se o estiman oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e en cumprimento do establecido nos artigos 17, 18 e 19 da Lei de expropiación forzosa, e do 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa ábrese información pública durante un prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación da presente resolución e ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas en Pontevedra (avenida Fernández Ladreda, 43-1º), as alegacións que consideren pertinentes para os efectos previstos na regulación referida.

Conforme establece o artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado servirá como notificación aos posibles interesados que non puidesen ser identificados, aos titulares de bens e dereitos que sexan descoñecidos, a aqueles cuxo domicilio se ignore ou ben a quen, tentada a súa notificación, non se puido practicar.

Pontevedra, 15 de decembro de 2017

Fausto Núñez Vilar
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra