Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2017 Páx. 57658

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 10 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a documentación de solicitude de autorización ambiental integrada para a ampliación dunha explotación de galiñas poñedoras campeiras que Ovos Xalo, S.C. posúe no concello de Curtis (expediente 2017-IPPC-I-55).

Para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), e no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

«Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para solicitar a autorización ambiental integrada dunha ampliación de explotación de galiñas poñedoras campeiras.

Promotora: Ovos Xalo, S.C.

Localización: monte da Graña, Fisteus, Curtis, A Coruña».

Para que calquera interesado poida consultalos e, se é o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas. O documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio http://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Prevencion_e_control_de_actividades?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/seccion.html&ui=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/dinamico/listado_ippc_central.html

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2017-IPPC-I-55.

Peticionaria: Ovos Xalo, S.C.

CIF: J15926256.

Domicilio social: rúa Río Mandeo, núm. 17, Teixeiro, 15310 Curtis (A Coruña).

Localización da instalación: rúa Río Mandeo, núm. 17, Teixeiro, 15310 Curtis (A Coruña). Un punto de localización da explotación avícola é o definido polas coordenadas UTM (Fuso 29, Datum ETRS89): X: 572573, Y: 4775863.

Actividade: explotación de galiñas poñedoras campeiras dedicada á produción de ovos para consumo.

Descrición: o proxecto consiste na ampliación dunha explotación de galiñas poñedoras campeiras. A actividade actual realízase nunha nave cunha capacidade máxima autorizada de 24.273 galiñas e proxéctase a construción dunha nova nave, tras a cal a explotación pasará a contar cunha capacidade máxima de 47.505 galiñas. A explotación existente conta cunha esterqueira de 255 m2 e proxéctase a construción dunha nova esterqueira similar á existente.

Os ciclos de produción terán unha duración da orde de 385 días (con período de descanso de 30 días con retirada da galiñaza, limpeza, desinfección e preparación do novo ciclo), as poliñas entran ao inicio de posta con 150 días e son enviadas ao matadoiro ao finalizar o ciclo produtivo. Contará con zona dedicada a parque de exercicio ao cal as galiñas terán acceso directamente desde a nova nave. O esterco xerado na explotación será valorizado en parcelas agrícolas.

A auga de limpeza das naves irá á esterqueira xunto coa galiñaza, a auga dos aseos irá a unha fosa séptica e as augas pluviais verteranse directamente ao terreo.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2017/302 da Comisión, do 15 de febreiro de 2017, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no marco da Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello respecto á cría intensiva de aves de curral ou de porcos.