Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 19 de decembro de 2017 Páx. 57386

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 13 de decembro de 2017 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas no capítulo II da Orde do 5 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento TR343A).

A Orde do 5 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 117, do 21 de xuño), establece no seu artigo 2, no cal se recollen os créditos que financian a orde, que estes importes poderán ser obxecto de modificacións, como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Así mesmo, o artigo 2 indica que se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles e que o incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins procedentes de créditos incorporados do exercicio anterior, é necesario ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da devandita orde, coa finalidade de que cheguen ao maior número de persoas beneficiarias posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario

Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no capítulo II –Procedemento TR343A–, da Orde do 5 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, nas seguintes contías e nas aplicacións orzamentarias que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017:

09.40.322C.470.9, código de proxecto 201600309, na contía de 400.000 €.

09.40.322C.481.9, código de proxecto 201600309, na contía de 100.000 €.

Artigo 2. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria