Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 14 de decembro de 2017 Páx. 56398

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

Exposición de motivos

I

De acordo cos artigos 148.1.6ª e 149.1.20ª da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.9 que á Comunidade Autónoma de Galicia lle corresponde, dentro do seu ámbito territorial, a competencia exclusiva en materia de portos non cualificados de interese xeral polo Estado, de portos de refuxio e portos deportivos, ao tempo que no seu artigo 28.6 atribúe á propia Comunidade Autónoma competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, en canto aos portos pesqueiros.

Conforme estas previsións constitucionais e estatutarias, en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, e do Decreto do Consello da Xunta de Galicia 167/1982, do 1 de decembro, produciuse a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco de competencias do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, das funcións e dos servizos relativos a todos os portos e as instalacións portuarias, suxeitos ou non a réxime de concesión, non cualificados de interese xeral polo Estado no Real decreto 989/1982, do 14 de maio, existentes no seu ámbito territorial.

No exercicio das ditas competencias aprobáronse os decretos 19/1983, do 17 de xaneiro, e 351/1986, do 2 de outubro, polos que se regulaba a estrutura e o funcionamento da Comisión de Portos de Galicia; a Lei 6/1987, do 12 de xuño, do Plan especial de portos da Comunidade Autónoma de Galicia; a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia (lei que derroga os decretos antes citados e os títulos III e IV da Lei 6/1987, do 12 de xuño); o Decreto 227/1995, do 20 de xullo, que aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia; e máis recentemente o Decreto 130/2013, do 1 de agosto, polo que se regula a explotación dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Contando coa anterior lexislación, o marco normativo baixo o cal ata a data se viña xestionando o conxunto dos portos e das instalacións portuarias da Comunidade Autónoma de Galicia completábase co reenvío normativo que o artigo 4 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, efectuaba á lexislación estatal vixente en materia de portos.

II

A exposición de motivos da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, lembra que na nosa comunidade autónoma «o funcionamento e a evolución do sistema portuario teñen unha especial importancia, xa que as actividades relacionadas co mar representan un factor fundamental na súa estrutura socioeconómica, e non en van o 60,67 por cento da poboación total das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra reside en concellos que contan con instalacións portuarias, onde unha gran parte desa poboación desenvolve actividades directa ou indirectamente relacionadas co sector marítimo».

É un feito que tamén recolle esa exposición de motivos que «os portos, que comezaron como puntos de descarga de mercadoría e pesca, evolucionaron ata converterse nuns complexos industriais e mercantís nos cales se desenvolven numerosas actividades produtivas e administrativas, e que así mesmo realizan unha función de desenvolvemento rexional, permitindo a localización e promoción doutras industrias, e social, en beneficio da comunidade concentrada na súa zona de influencia».

Na actualidade, nos portos de competencia da Comunidade Autónoma desenvólvense operacións comerciais, pesqueiras e deportivas ou recreativas; estes serven de refuxio, avituallamento, reparación e varada; e constitúen tamén en moitas ocasións infraestruturas básicas para que outras administracións, especialmente os concellos, poidan realizar e prestar determinados servizos ou actividades que polas súas características deben localizarse no ámbito portuario, e en particular no ámbito correspondente ás fachadas marítimas dos portos que lindan cos termos municipais e coas aldeas e vilas situadas ao seu carón. Neste senso, cómpre ter en conta a necesidade de coordinación entre os portos e as vilas en que se sitúan, máxime tendo en conta a idiosincrasia do asentamento da poboación galega na costa en forma de grande imbricamento da malla urbana cos portos con incidencia na actividade económico-empresarial delas.

Desde o punto de vista da organización, o exame da situación exposta puxo en evidencia no seu momento a necesidade de contar cun órgano específico encargado da Administración portuaria dotado dunha estrutura, organización e competencias baseadas en criterios que garantan a máxima eficacia no cumprimento das funcións asignadas, ao que se deu cumprimento coa Lei 5/1994, do 29 de novembro, que creou a entidade pública empresarial Portos de Galicia.

Se desde o punto de vista da organización a creación de Portos de Galicia vén cubrir as necesidades básicas de funcionamento, desde o punto de vista da xestión, a planificación e a explotación integral do conxunto do noso sistema portuario, a dispersión normativa e o recurso a unha lexislación estatal que ten como obxecto básico regular portos de gran tamaño económico, cun modelo de xestión portuario do tipo porto propietario (land lord), no cal a Administración portuaria asume funcións de regulación da actividade en réxime de competencia, están a producir distorsións normativas que aconsellan dispoñer dunha lexislación propia adaptada ás peculiaridades dos nosos portos e instalacións, que teña en conta as dimensións económicas e sociais, os obxectivos e as funcións que deben cumprir, así como a súa enorme dispersión xeográfica, atomicidade e oferta moi diseminada.

Co propósito de dar cumprimento ás necesidades expostas e ao propio mandado estatutario elaborouse esta norma.

III

Esta lei estrutúrase nun título preliminar e en seis títulos máis, e na parte final conta con sete disposicións adicionais, oito disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O título preliminar, «Disposicións xerais», dentro do estrito cumprimento da doutrina do Tribunal Constitucional, regula en tres capítulos o obxecto e o ámbito de aplicación da lei, que abrangue a totalidade dos portos e das instalacións portuarias de Galicia, excluídos os cualificados de interese xeral, tal e como se determina no capítulo II, coa inclusión dos espazos pesqueiros e deportivos segregados dos portos de interese xeral e adscritos á Comunidade Autónoma, e mais os portos e as instalacións fluviais e lacustres, dentro do respecto á lexislación do dominio público hidráulico; determina os principios xerais de xestión e actuación; e salienta como unha competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a de establecer os instrumentos axeitados para garantir unha posición estratéxica na xestión entre os portos de competencia autonómica e os de interese xeral do Estado situados no territorio autonómico galego.

O título I, «Da organización portuaria de Galicia», estrutúrase sistematicamente en dous capítulos. O capítulo I recolle o estatuto orgánico da entidade pública empresarial Portos de Galicia, xa previsto na Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación da entidade, que agora se derroga e cuxo contido se insire nesta nova lei, coa necesaria adaptación aos principios da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, configurada como unha entidade pública empresarial con personalidade xurídica e patrimonio de seu, así como con plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que queda adscrita á consellaría competente en materia de portos.

O capítulo II, partindo tamén da regulación xa contida na Lei 5/1994, do 29 de novembro, recada de xeito pormenorizado as competencias que en materia de portos corresponden á Administración autonómica.

O título II, «Planificación, ordenación, obras, ambiente e seguridade», refunde nun mesmo título as cuestións relativas á planificación física portuaria e a execución de obras, así como as cuestións relativas ao planeamento territorial, e axunta igualmente os aspectos sobre o ambiente e a seguridade.

A planificación portuaria regulada no capítulo I, en liña coa diversidade e dispersión dos portos e das instalacións suxeitas ao ámbito de aplicación da lei, prevé a figura de plans directores de infraestruturas, que poderán formularse para un porto ou para un conxunto de portos e que abranguen os proxectos xerais de obras dos portos afectados polo plan durante un horizonte de, cando menos, cinco anos.

O capítulo II, relativo á ordenación urbanística dos portos, partindo da consideración de que a zona de servizo dun porto, tal e como avala o Tribunal Constitucional, se cualifica como sistema xeral portuario fronte a interferencias ou perturbacións na explotación portuaria procedentes dos instrumentos xerais de ordenación, prevé o desenvolvemento do devandito sistema xeral a través dunha planificación sectorial representada nos plans especiais de ordenación dos portos. A tramitación dos ditos plans delimita as competencias municipais e autonómicas sectoriais concorrentes, a ordenación territorial e a planificación urbanística, e, sen superar os límites da autonomía municipal, establécense medidas de coordinación que sirvan para resolver os inevitables conflitos que se presentan permanentemente na relación porto-cidade, seguindo tamén a doutrina do Tribunal Constitucional.

No capítulo III, ademais da regulación básica aplicable á execución de obras e á ampliación ou a construción de novos portos, tamén se regula a incidencia que sobre as ditas obras teñen os actos de control preventivo municipal, e inclúense mecanismos de coordinación aplicables a obras que, aínda que fóra das zonas de servizo dos portos, poidan afectar estas.

Finalmente, o capítulo IV, relativo ao ambiente e á seguridade, regula o desenvolvemento sustentable na planificación e construción de novos portos, así como na explotación destes, con normas relativas á prevención e loita contra a contaminación, á recepción de refugallos e residuos, ás obras de dragaxe e aos plans de emerxencia e seguridade.

O título III, «Do dominio público portuario», aborda unha completa e sistemática regulación da natureza, a extensión e os usos do dominio público portuario e da súa utilización e explotación a través dos títulos clásicos de concesións e autorizacións, coa inclusión do contrato de concesión de obras públicas portuarias.

O título comeza no seu capítulo I coa determinación do dominio público portuario de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa natureza baixo o criterio esencial da afectación, e respectando as competencias da Administración do Estado en materia de adscrición opta, para a delimitación da zona de servizo dos portos e os usos que nel se poden desenvolver, por un instrumento de delimitación dos espazos e dos usos portuarios, mais áxil e sinxelo que o instrumento de planificación portuaria denominado «plan de utilización», e enumera tanto as actividades e instalacións permitidas como o réxime de prohibicións.

O capítulo II, relativo á utilización do dominio público portuario, regula de modo sistemático en cinco seccións as disposicións xerais, as autorizacións, as concesións, as disposicións comúns a autorizacións e concesións e mais o contrato de concesión de obras públicas portuarias.

Dentro das disposicións xerais recóllese a regra xeral e clásica aplicable ao dominio público portuario conforme a cal na utilización para usos que teñan especiais circunstancias de exclusividade, intensidade, perigo ou rendibilidade se exixirá o outorgamento das clásicas autorización ou concesión, coa excepción que se prevé na figura dos convenios que se poidan subscribir con outras administracións públicas que teñan por obxecto ocupacións destinadas a obras ou instalacións de uso público ou aproveitamento xeral para executar polas ditas administracións.

A regulación que se contén nas seccións relativas a autorizacións, concesións e disposicións comúns a ambas as dúas busca de modo consciente a creación dun acabado corpo normativo que permita unha aplicación inmediata da lei sen necesidade de esperar a un ulterior desenvolvemento regulamentario; corpo normativo que, aínda partindo en boa lóxica do réxime clásico e consolidado que aplica a Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, á utilización do dominio público marítimo-terrestre común, contén as especificacións propias derivadas da transformación do litoral e da intensidade de uso que implica a utilización do dominio público portuario.

Desde o punto de vista do procedemento, o outorgamento de autorizacións e concesións poderase iniciar por solicitude das persoas interesadas ou por concurso, coa previsión no caso das concesións daqueles supostos en que resultará obrigatoria a convocatoria dun concurso previo que garanta en todo caso a publicidade e a libre concorrencia.

Tamén no tocante ao procedemento para outorgar concesións cómpre salientar a regulación completa que se aplicará para tramitacións en competencia, a extensión do límite máximo de vixencia ata os cincuenta anos e mais que á regulación clásica sobre condicións de outorgamento, modificacións, revisións, actos de transmisión e gravame e garantías se unen a previsión sobre a posibilidade de renovación da vixencia de determinadas concesións, as cesións de usos parciais e o réxime que se aplica para os terreos e as obras que os concesionarios incorporen ás concesións, que estarán exentos do aboamento das taxas de ocupación.

Dentro das disposicións comúns a autorizacións e concesións, ademais de se prever a posibilidade de exixir garantías de explotación nas autorizacións, regúlanse de xeito pormenorizado as causas de extinción e os seus efectos, e hai que destacar tamén a mención expresa á exixencia de pólizas de seguros para a cobertura dos riscos.

A derradeira sección deste título define e regula a figura clásica do contrato de concesión de obras públicas dentro do ámbito portuario.

A crecente demanda das persoas usuarias e o fomento dun sector que a Comunidade Autónoma de Galicia vén asumindo de forma crecente nos últimos anos determinan a inclusión dun título IV dedicado aos portos deportivos e ás zonas portuarias de uso náutico-deportivo.

Tras definir nos capítulos I e II os obxectivos nesta materia, centrados nun equilibrio entre o fomento da participación da iniciativa privada e coa xestión sustentable que asegure a conservación do litoral, o título recolle no capítulo III a figura dos regulamentos de explotación como instrumentos básicos para regular os usos dos portos e das instalacións xestionados por medio de concesións administrativas, namentres que o capítulo IV desenvolve o réxime que se aplica ás autorizacións temporais de uso de postos de atracada que outorga Portos de Galicia, tanto se existe concesionario como se non.

Neste título resulta destacable a previsión de que os títulos das concesións poidan considerar en determinados casos e coas debidas compensacións a posibilidade, loxicamente excepcional, de que estas instalacións poidan albergar usos distintos ao deportivo.

O título V, «Réxime xeral da prestación de servizos e do desenvolvemento de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza nos portos», aborda unha regulación sistemática dos portos como espazos físicos que permiten a prestación de servizos portuarios e o desenvolvemento de actividades comerciais e industriais axustadas aos usos permitidos na lei, nunha regulación que, partindo da titularidade pública das instalacións, non impide, senón que pola contra fomenta, a intervención e a iniciativa privada na prestación de servizos e na realización de actividades, garantindo en todo caso a prestación dos servizos e a práctica das actividades directamente relacionadas coa actividade, así como a operativa dos portos cando por ausencia ou insuficiencia da iniciativa privada non se poida garantir esa prestación.

O capítulo I establece como principio a iniciativa privada na prestación de servizos e no desenvolvemento de actividades económicas nos portos.

No capítulo II defínense os servizos portuarios, coa distinción entre os xerais, que son aqueles servizos comúns de titularidade de Portos de Galicia dos cales se benefician as persoas usuarias, suxeitos, se é o caso, ao aboamento das taxas nos supostos previstos na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e servizos especiais, definidos como as actividades de prestación que contribúen e facilitan a realización de operacións portuarias; servizos estes que prestan operadores privados en réxime de libre competencia suxeitos ás autorizacións que outorgue Portos de Galicia e ás prescricións establecidas nos pregos reguladores de cada servizo, agás naqueles supostos recollidos na lei en que se deba limitar o número de prestadores; caso este no cal o outorgamento de autorizacións exixirá a convocatoria previa dun concurso público. Con respecto a estes servizos especiais, verbo dos cales, como regra xeral, as autorizacións se outorgan con carácter específico e individualizado para cada servizo, agás no que atinxe os servizos técnico-náuticos (respecto dos que se establece a posibilidade de acumulación para un porto ou unha área portuaria determinada) e as autorizacións para o servizo de recepción de refugallos xerados polos buques, regúlase de xeito pormenorizado o réxime de prestación, as obrigas de servizo público que debe cumprir todo operador, o réxime de utilización e acceso, o prazo de vixencia das autorizacións, as causas de extinción destas e o contido que deben prever os pregos reguladores de cada servizo, así como a posibilidade da autoprestación e integración dos servizos.

O capítulo II, relativo ás actividades comerciais, industriais ou doutra natureza, limita a súa prestación a que se trate de usos permitidos no dominio público portuario pola lei. Para o caso de actividades comerciais ou industriais directamente relacionadas coa actividade portuaria establécese que Portos de Galicia poida aprobar pregos de condicións xerais, facéndose a citación dos máis frecuentes. E considérase finalmente a posibilidade de que Portos de Galicia poida asumir a prestación destas mesmas actividades para cubrir as deficiencias da iniciativa privada, co cobramento en contraprestación de tarifas que neste caso terán a consideración de prezos privados.

O título VI, «Regulamento de explotación e policía, potestades de inspección e seguridade e réxime das sancións», establece no seu primeiro capítulo a figura do Regulamento de explotación e policía como instrumento básico que conterá as normas xerais de funcionamento dos diferentes servizos e operacións e que incluirá igualmente especificacións e gradacións ao cadro de infraccións e de sancións que se recollen neste título.

O capítulo II, sobre as potestades de inspección e seguridade, atribúe á entidade pública Portos de Galicia a potestade de inspección e vixilancia verbo dos servizos e das operacións que se desenvolven nos portos e prevé todo un conxunto de medidas de policía portuaria que permiten garantir o tráfico e a operatividade así como a seguridade nos portos.

No capítulo III procédese a unha clasificación das infraccións en leves, graves e moi graves, e regúlase tamén o réxime de prescrición e o de identificación das persoas responsables.

No capítulo IV recóllense as contías das multas en función da gravidade da infracción coa previsión dos criterios de gradación, que comprenden circunstancias agravantes e atenuantes; establécese unha redución do importe da sanción do trinta por cento para o caso do recoñecemento de responsabilidade, sempre que a sanción teña carácter pecuniario e o aboamento se realice en período voluntario; regúlase a prescrición e as medidas adicionais ás sancións xunto coa posibilidade de adopción de medidas provisionais; e prevense medidas de execución forzosa.

IV

A parte final divídese en sete disposicións adicionais, oito disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Das disposicións adicionais cómpre destacar que a primeira mantén a posibilidade prevista na Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, no senso de que a entidade pública empresarial poida crear sociedades mercantís públicas para «a xestión empresarial singularizada de determinadas actividades portuarias», nas cales a entidade terá participación maioritaria; e a cuarta prevé a posibilidade de que Portos de Galicia elabore unha relación dos espazos pesqueiros e os destinados a usos náutico-deportivos que en atención ás súas características sexan susceptibles de ser segregados dos portos de interese xeral do Estado.

A Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, tivo entre outros obxectivos, e tal e como sinala a súa exposición de motivos, a supresión dos monopolios municipais herdados do pasado e que recaían sobre sectores económicos puxantes. Neste senso, a dita lei deu unha nova redacción ao artigo 86 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, pola que se suprime a referencia ás lonxas entre as actividades ou os servizos esenciais reservados a favor das entidades locais e susceptibles de execución en réxime de monopolio. En coherencia co establecido na normativa básica estatal, na disposición adicional cuarta recóllese a previsión de explotación de lonxas situadas nas zonas de servizo de portos de competencia autonómica de acordo co réxime previsto na lei en concellos nos cales viña existindo unha prestación en réxime de monopolio.

Cómpre subliñar tamén que na disposición adicional quinta se consagra o principio de liberdade de contratación no ámbito do servizo portuario de manipulación de mercadorías, sen prexuízo do establecemento dun proceso transitorio que permita un tránsito ordenado naqueles portos en que viña funcionando o réxime de estibadores e estibadoras da antiga Organización de Traballos Portuarios, co fin de protexer os dereitos laborais do reducido número de traballadores afectados.

Nas disposicións transitorias regúlanse, entre outras materias, o réxime aplicable ás concesións e autorizacións vixentes á entrada en vigor desta lei, así como a ampliación do prazo das concesións portuarias outorgadas pola Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Na disposición transitoria quinta recóllense normas urbanísticas que serán de aplicación directa en tanto non se proceda á aprobación dos plans especiais de ordenación portuaria.

A disposición derrogatoria única, ademais de derrogar cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido na lei, derroga na súa totalidade a Lei 6/1987, do 12 de xuño, do Plan especial de portos da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, polo que se reúne deste xeito nun só texto legal a normativa autonómica existente en materia de portos.

Nas disposicións derradeiras recóllese a cláusula de habilitación regulamentaria para o desenvolvemento da lei.

O anteproxecto foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia, do que se tomaron en consideración no texto case todas as súas observacións.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de Portos de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais

CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación da lei

Artigo 1. Obxecto da lei

Esta lei ten por obxecto establecer a organización portuaria de Galicia e o réxime xurídico dos portos e das instalacións portuarias que son competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende a determinación, planificación, construción, xestión e utilización do dominio público portuario e mais a prestación de servizos nos portos, así como as medidas de policía portuaria e o réxime sancionador.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. No ámbito de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, esta lei aplicarase aos seguintes espazos e infraestruturas portuarias:

a) Os portos marítimos situados na Comunidade Autónoma de Galicia que non fosen cualificados de interese xeral.

b) As instalacións marítimas, que non constitúan instalacións menores segundo a normativa de costas, que formen parte dun porto de competencia autonómica ou que estean adscritas a el.

c) As instalacións portuarias.

d) Os portos deportivos e as zonas portuarias de uso náutico-deportivo.

e) Os espazos pesqueiros e destinados a usos náutico-deportivos situados no recinto portuario dos portos de interese xeral que fosen segregados deses portos e adscritos á Comunidade Autónoma, de conformidade co previsto na lexislación de portos do Estado e da Mariña Mercante.

f) As mariñas interiores marítimo-terrestres que se integren na zona de servizo dun porto.

2. Esta lei tamén se aplicará aos portos e ás instalacións fluviais e lacustres, en canto non se opoña á súa propia natureza e á lexislación do dominio público hidráulico.

CAPÍTULO II
Dos portos e das instalacións portuarias de Galicia

Artigo 3. Determinación dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Son de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia os portos, as infraestruturas e as instalacións portuarias que, non sendo cualificados de interese xeral, estean situados dentro do seu territorio, permitan a realización de operacións de tráfico portuario e presten servizos ás actividades comerciais, pesqueiras e deportivas ou náutico-recreativas.

2. Teñen a consideración de portos e instalacións portuarias de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia os que figuran no anexo desta lei e aqueles que, en desenvolvemento das competencias estatutarias que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, se vaian incorporando por decreto da Xunta de Galicia.

3. Deberán ser tamén obxecto de integración na relación de portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia os espazos pesqueiros e os destinados a usos náutico-deportivos que sexan segregados dos portos de interese xeral do Estado radicados en Galicia e adscritos á Comunidade Autónoma, de conformidade co previsto na lexislación de portos do Estado e da Mariña Mercante.

4. Nos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia poderanse realizar as operacións comerciais, industriais, pesqueiras, deportivas ou recreativas recollidas na delimitación dos espazos e dos usos portuarios, ou poderán servir de refuxio, avituallamento, reparación ou varada, segundo se estableza regulamentariamente.

5. Os elementos, as condicións, os servizos e as demais características con que deberán contar, como mínimo, os portos e as instalacións marítimas a que se refire esta lei determinaranse por vía regulamentaria.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos desta lei, considéranse:

a) Porto marítimo: o conxunto de terreos, augas e instalacións que reúna as condicións físicas e organizativas que permitan, entre outras, a realización de operacións e actividades portuarias tales como entrada, saída, atracada, desatracada, estada e reparación no porto de buques ou outros medios de navegación, así como as de embarque e desembarque de persoas e bens.

b) Instalación marítima: o conxunto de obras e infraestruturas que, non tendo a consideración de porto, se destina a zona portuaria de uso pesqueiro, náutico-deportivo, transbordo de persoas ou bens, embarcadoiros, varadoiros, ancoradoiros ou similares.

Considérase que forman parte dun porto cando estean integradas nel ou cando, mesmo constituíndo unha realidade física descontinua, integren xunto co porto unha unidade organizativa ou estean adscritas a el.

c) Instalacións portuarias: as obras civís de infraestrutura fixas ou desmontables, as de superestrutura e edificación, así como as instalacións mecánicas e as redes técnicas de servizo destinadas a realizar ou facilitar operacións de tráfico portuario, dentro da zona de servizo dos portos.

d) Porto deportivo: o conxunto de augas abrigadas, natural ou artificialmente, os espazos terrestres contiguos a estas e as obras, infraestruturas e instalacións necesarias para desenvolver operacións propias da frota deportiva.

e) Zona portuaria de uso náutico-deportivo: a parte dun recinto portuario preexistente que se destina á prestación de servizos ás embarcacións deportivas e de lecer.

f) Mariña interior: o conxunto de infraestruturas, obras e instalacións necesarias para comunicar permanentemente os terreos interiores de propiedade privada ou da administración pública, urbanizados ou susceptibles de urbanización, co mar territorial, coas augas interiores ou coa lámina de auga dos portos ou das instalacións marítimas, mediante unha rede de canles marítimo-terrestres que se integren na zona de servizo dun porto.

g) Mariña seca: espazo terrestre situado dentro dun recinto portuario destinado ao depósito en terra de embarcacións e a ofrecer, entre outros, servizos de almacenamento, reparación, gardaría e posta á disposición de medios mecánicos de izada e baixada de embarcacións.

h) Autorizacións temporais de uso de postos de atracada: os títulos que habilitan para o uso e gozo, durante un prazo mínimo de seis meses e non superior a catro anos, dun posto de atracada destinado a embarcacións deportivas e de lecer.

i) Embarcacións deportivas ou de lecer con base no porto: aqueles barcos que reciben a prestación do servizo de atracada ou ancoraxe por un período dun ou máis semestres. Os restantes barcos serán considerados como de paso no porto.

Artigo 5. Clasificación

1. Os portos a que se refire esta lei clasifícanse, por razón da súa orixe, en naturais e artificiais.

Son portos naturais os constituídos polas augas abrigadas pola mesma disposición natural do terreo ou os parcialmente abrigados que se destinan á ancoraxe, ocasional ou de tempada, de buques e embarcacións comerciais, de pesca e deportivas ou de lecer.

Son portos artificiais aqueles que requiren para existir a realización de obras de abrigo.

2. Os portos e as instalacións marítimas clasifícanse, por razón do seu uso ou destino, en comerciais, industriais, pesqueiros, deportivos e mixtos, en función de se se destinan de forma exclusiva ou principal a unha ou a varias destas actividades.

CAPÍTULO III
Principios xerais

Artigo 6. Principios xerais de xestión e actuación

1. As actividades reguladas nesta lei desenvolveranse de acordo cos principios de unidade de xestión, rendibilidade socioeconómica, planificación, equilibrio económico-financeiro e desenvolvemento sustentable, co obxectivo da integración e planificación territorial, en prol de preservar o litoral galego en consonancia cos seus valores naturais, culturais, patrimoniais, paisaxísticos e ambientais.

A xestión dos portos e das instalacións portuarias estará orientada a garantir o interese xeral, para o que se promoverá este co fomento da participación da iniciativa privada por medio de concesións e autorizacións no deseño, a construción, o financiamento e a explotación das instalacións portuarias e mais na prestación de servizos, nos termos establecidos nesta lei e no resto do ordenamento xurídico.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro das competencias propias da Comunidade Autónoma, a través de accións normativas ou pactadas, establecerá os instrumentos axeitados para garantir unha posición estratéxica e a cooperación e colaboración na xestión entre os portos de competencia autonómica e os portos de interese xeral do Estado situados no territorio autonómico galego.

TÍTULO I
Da organización portuaria de Galicia

CAPÍTULO I
Entidade pública empresarial Portos de Galicia

Sección 1ª. Natureza e funcións

Artigo 7. Natureza e personalidade

1. A entidade Portos de Galicia é unha entidade pública empresarial das reguladas na sección 4ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A entidade pública empresarial Portos de Galicia, creada pola Lei 5/1994, do 29 de novembro, desenvolverá e xestionará as funcións e os servizos que en materia de portos de competencia da Comunidade Autónoma lle son atribuídos por esta lei, con suxeición aos principios da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. A entidade pública empresarial ten personalidade xurídica, patrimonios e tesouraría de seu, así como plena capacidade para o cumprimento dos fins dela, sen prexuízo das relacións que nesta lei se establecen coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A entidade pública empresarial quedará adscrita á consellaría competente en materia de portos e terá a súa sede en Santiago de Compostela.

5. A entidade pública empresarial Portos de Galicia poderase identificar no desenvolvemento da súa actividade baixo a denominación de «EPE Portos de Galicia».

Artigo 8. Obxecto

1. Á entidade pública empresarial Portos de Galicia correspóndelle o proxecto, a construción, a conservación, a mellora, a ordenación, a administración e a explotación das obras, instalacións, servizos e actividades portuarias, así como a planificación das zonas de servizo e as súas futuras ampliacións, nos termos previstos nesta lei.

Asumirá igualmente as funcións que, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma, lle poida atribuír a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xestión e actuacións no dominio público marítimo-terrestre.

2. Sen prexuízo das competencias que esta lei atribúe aos órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a entidade pública empresarial Portos de Galicia dispoñerá das potestades reguladas nesta lei e das facultades necesarias para a realización dos seus fins.

3. Para os efectos do desenvolvemento e o cumprimento dos devanditos fins, o ámbito territorial de cada porto será o comprendido dentro dos límites da súa zona de servizo.

Artigo 9. Funcións

1. Dentro da esfera de actividades encadradas no obxecto delimitado no artigo anterior, Portos de Galicia xestionará a explotación das instalacións portuarias e dos demais bens adscritos ao seu patrimonio.

2. A entidade pública empresarial asumirá o fomento global da actividade económica no ámbito dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, das actividades industriais e comerciais directamente relacionadas co tráfico portuario e mais da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico en materias relacionadas coa explotación e a construción portuarias.

Artigo 10. Réxime xurídico

1. Portos de Galicia rexerase por esta lei e mais polas disposicións que se diten no seu desenvolvemento.

2. A súa organización e o seu réxime xurídico interno regúlanse polo dereito administrativo, e o seu réxime xurídico externo regúlase polo dereito privado, a non ser no exercicio das potestades administrativas que teña atribuídas e nos aspectos especificamente previstos en normas con rango de lei.

Sección 2ª. Estrutura administrativa, actos da entidade pública empresarial
e recursos e reclamacións contra estes

Artigo 11. Órganos da entidade

1. Para o desempeño das súas funcións, Portos de Galicia estrutúrase nos seguintes órganos:

a) De goberno:

1º. A Presidencia.

2º. O Consello Reitor.

b) Executivo:

A Dirección.

2. No conxunto dos órganos de goberno de Portos de Galicia procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

3. As persoas titulares da Presidencia e da Dirección cumprirán coas obrigas que a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, introduce nos mecanismos de bo goberno e control da actividade das persoas que ocupan altos cargos no sector público autonómico.

Artigo 12. Presidencia da entidade

1. A Presidencia é o órgano unipersoal de goberno da entidade pública empresarial.

2. A Presidencia da entidade será nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de portos.

3. Compete á Presidencia o exercicio das seguintes funcións:

a) Exercer a representación da entidade pública empresarial.

b) Desenvolver e executar as directrices que dite a Xunta de Galicia en materia da súa competencia.

c) Exercer a alta dirección do persoal da entidade.

d) Propoñer ao Consello Reitor as políticas xerais de actuación e xestión da entidade, de acordo coas directrices e cos criterios establecidos para o efecto polo Consello da Xunta de Galicia.

e) Exercer a iniciativa na elaboración dos plans directores de infraestruturas, de obras, de instalacións dos portos e das súas ampliacións, así como dos plans especiais de ordenación portuaria.

f) Formular e remitir ao Consello da Xunta, a través da consellaría competente en materia de portos e por proposta da consellaría competente en materia de facenda, os programas xerais plurianuais de investimentos e o seu financiamento anual cos seus complementarios orzamentos de explotación e capital, se é o caso.

g) Acordar a realización das obras e dos investimentos, coa formalización de todos aqueles contratos, actos e negocios xurídicos que sexan necesarios para o desenvolvemento das funcións da entidade e o cumprimento dos seus fins.

h) Velar polo cumprimento dos acordos do Consello Reitor.

i) Conferir as delegacións de competencias propias que considere convenientes.

j) Outorgar as concesións de ocupación do dominio público portuario e as autorizacións de ocupación do dominio público portuario cando o seu prazo de vixencia sexa superior a dous anos.

k) Outorgar as autorizacións para a prestación de servizos e a realización de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza nos portos.

l) Exercer todas as funcións non atribuídas expresamente a outros órganos da entidade pública empresarial.

Artigo 13. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da entidade pública empresarial.

2. O Consello Reitor estará constituído pola Presidencia e a Dirección da entidade e mais polo número de vogais que se estableza regulamentariamente, nomeados estes pola persoa titular da consellaría competente en materia de portos, entre os que, en todo caso, estarán representadas a consellaría competente en materia de facenda e as distintas consellarías que poidan ter intereses na materia por razóns da súa competencia, en especial a consellaría competente en materia de pesca, así como as entidades locais, as corporacións e as entidades, organizacións e asociacións máis representativas das persoas usuarias.

3. Compete ao Consello Reitor o exercicio das seguintes funcións:

a) Facer o seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da Dirección.

b) Aprobar un informe xeral anual da actividade desenvolvida pola entidade e cantos outros informes extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

c) Aprobar o anteproxecto de orzamentos anuais e contraer as obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

d) Aprobar as contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Controlar o cumprimento das directrices aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia.

f) Aprobar as normas de réxime interior da entidade pública empresarial, así como a organización dos servizos administrativos e dos portos.

g) Aprobar e modificar a dotación de persoal e a proposta de relación de postos de traballo da entidade pública empresarial e o seu réxime de retribucións, logo do informe favorable das consellarías competentes en materia de orzamentos e de función pública.

h) Elaborar as taxas por servizos portuarios para a súa posterior presentación ao Consello da Xunta, a través da consellaría competente en materia de facenda e por proposta da consellaría competente en materia de portos.

i) Propoñer aos órganos competentes da Administración autonómica, a través da consellaría competente en materia de portos, a aprobación dos plans de obras, de instalacións de portos e das súas ampliacións, así como dos plans especiais de ordenación portuaria.

Cando se trate de plans de obras ou instalacións portuarias e as súas ampliacións, ou de plans especiais de ordenación portuaria cun contido de natureza pesqueira, previamente á súa remisión ao órgano competente para a súa aprobación, pedirase informe á consellaría competente en materia de pesca.

j) Aprobar a xestión anual e o balance, así como a conta de resultados e a memoria de cada exercicio económico.

k) Acordar, con suxeición ás disposicións da normativa orzamentaria, as operacións crediticias a medio e longo prazo que sexan necesarias, logo do informe da consellaría competente en materia de facenda para as operacións a medio prazo e da autorización previa da dita consellaría para as operacións a longo prazo.

l) Acordar, con suxeición ás disposicións da normativa orzamentaria, as operacións crediticias necesarias para paliar os desequilibrios transitorios de tesouraría.

m) Promover e exercer, dentro do ámbito da súa competencia, toda clase de pretensións, accións e recursos perante calquera órgano da Administración do Estado, da Comunidade Autónoma e das administracións locais, así como perante os xulgados e os tribunais de xustiza de calquera grao e xurisdición, desistir das pretensións e accións formuladas ou dos recursos interpostos e mais transixir as cuestións litixiosas, conferindo para o efecto as procuracións oportunas.

n) Conferir as delegacións de competencias que xulgue oportunas.

ñ) Velar polo cumprimento desta lei e das disposicións que se diten para o seu desenvolvemento.

o) Resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a lexislación básica vixente sobre o procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. O Consello Reitor designará, por proposta da persoa titular da Presidencia, un secretario ou unha secretaria entre o persoal da entidade pública empresarial.

5. Regulamentariamente determinarase o funcionamento e o réxime de adopción dos acordos do Consello Reitor. No non previsto terase en conta o disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e pola normativa básica do réxime xurídico do sector público, así como pola normativa básica reguladora do procedemento administrativo común.

6. Así mesmo, poderase prever regulamentariamente a creación de comisións delegadas do Consello Reitor.

Artigo 14. Xuntas territoriais

1. Para o estudo dos problemas concretos que afectan cada fachada marítima poderanse designar xuntas de traballo, integradas por membros do Consello Reitor, que actuarán con funcións consultivas e informativas.

2. Os membros das anteditas xuntas, que serán representantes dos distintos órganos da administración e dos sectores das persoas usuarias, serán designados polo Consello Reitor, por proposta da persoa titular da Presidencia da entidade.

3. O seu ámbito territorial de actuación fixarao o Consello Reitor.

Artigo 15. A Dirección

1. A Dirección é o órgano executivo responsable da xestión ordinaria da entidade pública empresarial e exerce as competencias inherentes á dita dirección e mais as que expresamente se lle atribúen na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nesta lei, así como as que lle deleguen os órganos de goberno.

2. A persoa titular da Dirección será nomeada e destituída por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de portos, entre persoas que reúnan os requisitos de solvencia profesional, atendendo criterios académicos, técnicos e científicos, necesarios para o exercicio do cargo, e de acreditada experiencia.

A persoa titular da Dirección terá a consideración de alto cargo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con rango de director ou directora xeral.

3. Corresponde á Dirección, nos termos sinalados no punto 1 anterior:

a) Dirixir a xestión ordinaria, a inspección da entidade e dos portos e mais a súa explotación.

b) Velar pola percepción, a contabilización e o control dos ingresos derivados da xestión empresarial, realizando os actos de xestión tributaria e de recadación en período voluntario dos ingresos de dereito público e privado que corresponden á entidade empresarial.

c) Outorgar as autorizacións de ocupación do dominio público portuario que teñan un prazo de vixencia non superior a dous anos.

d) Exercer cantas funcións lle sexan delegadas e, en xeral, as que resulten inherentes ao normal funcionamento da entidade.

e) Calquera outra función que lle sexa atribuída nas normas de desenvolvemento regulamentario da lei.

Artigo 16. Actos administrativos da entidade pública empresarial. Recursos e reclamacións

1. A entidade pública empresarial Portos de Galicia ditará actos administrativos que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e ordes de servizo da Presidencia da entidade;

b) Acordos do Consello Reitor;

c) Resolucións e instrucións da Dirección.

2. As resolucións, instrucións e ordes de servizo ditadas pola entidade pública empresarial Portos de Galicia publicaranse no Diario Oficial de Galicia cando teñan por destinatario unha pluralidade indeterminada de persoas ou cando a entidade xulgue que a notificación efectuada a unha soa persoa interesada é insuficiente para garantir a notificación a todas, así como nos demais casos previstos na normativa en materia de procedemento administrativo común e réxime xurídico do sector público. O anterior enténdese sen prexuízo da difusión que proceda efectuar en cumprimento da normativa sobre transparencia.

3. As resolucións e os acordos suxeitos ao dereito administrativo ditados polo Consello Reitor e pola persoa titular da Presidencia esgotarán a vía administrativa. Contra eles só se poderán interpoñer os recursos contencioso-administrativos que resulten procedentes, sen prexuízo da interposición do recurso administrativo previo e potestativo de reposición.

4. Os actos suxeitos ao dereito administrativo ditados pola persoa titular da Dirección serán susceptibles de recurso de alzada perante o Consello Reitor.

5. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio de actos administrativos nulos ou de declaración de lesividade de actos anulables e mais de revogación de actos de gravame ou desfavorables corresponderá ao órgano de goberno que ditou o acto.

Respecto destes actos ditados pola Dirección, esta competencia corresponderá á Presidencia da entidade.

6. A rectificación de erros materiais, de feito ou aritméticos corresponderá ao órgano que ditou o acto.

7. O recurso extraordinario de revisión interpoñerase de acordo co que estableza a lexislación reguladora do procedemento administrativo común, e será competente para o resolver o propio órgano que ditou o acto impugnado.

8. A competencia para resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial que se dirixan contra a entidade corresponderá ao Consello Reitor.

9. As reclamacións sobre a aplicación e a efectividade das taxas portuarias por servizos e por concesións e autorizacións administrativas terán carácter económico-administrativo e axustaranse ao procedemento para as reclamacións desta clase, e poderán ser obxecto de recurso previo potestativo de reposición.

Artigo 17. Actos non suxeitos ao dereito administrativo

Fronte aos actos non suxeitos ao dereito administrativo as persoas interesadas poderán acudir aos xulgados e tribunais da xurisdición competente.

Artigo 18. Representación e defensa en xuízo e asesoramento xurídico da entidade pública empresarial Portos de Galicia

A representación e a defensa en xuízo da entidade pública empresarial serán encomendadas á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, mediante o asinamento do oportuno acordo, sen prexuízo de que Portos de Galicia dispoña de servizos xurídicos consultivos propios, os cales deberán respectar as directrices e os criterios de interpretación emanados da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia consonte o disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Sección 3ª. Normas particulares de xestión e explotación

Artigo 19. Conservación, ampliación e amortización do material e das instalacións

1. Portos de Galicia adoptará as medidas axeitadas para garantir que as instalacións e infraestruturas portuarias ou os seus servizos e actividades accesorias e complementarias, así como o material confiado á súa custodia e explotación, sexan construídos, conservados e renovados conforme as necesidades do tráfico portuario e o progreso da técnica.

2. A atribución á entidade pública empresarial da xestión das instalacións, dos servizos ou das actividades a que se refire o punto anterior comprende o outorgamento implícito de todas as autorizacións, permisos ou licenzas administrativas de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que resulten necesarios para as obras de conservación, mantemento e reposición das instalacións e para as demais actividades auxiliares directamente relacionadas coa explotación portuaria, sen prexuízo da necesidade de contar coas autorizacións ou con outros títulos administrativos de competencia local ou estatal que resulten exixibles.

Artigo 20. Réxime de contratación

1. Os contratos que subscriba a entidade pública empresarial Portos de Galicia axustaranse ao establecido na lexislación básica de contratos do sector público e, se for o caso, á normativa de desenvolvemento aprobada pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O órgano de contratación de Portos de Galicia é a persoa titular da Presidencia, sen prexuízo das delegacións que poida levar a cabo na persoa titular da Dirección.

3. Portos de Galicia realizará anualmente un informe, que será sometido ao Consello Reitor e se fará público, respecto dos contratos realizados no ano anterior, no cal se indicarán as súas principais características.

Artigo 21. Actividade inspectora

Portos de Galicia exercerá a inspección dos portos e do desenvolvemento das actividades comerciais, industriais ou doutra natureza e de prestación de servizos que se realicen neles, co propósito de garantir a súa seguridade, a súa eficacia, o cumprimento polas empresas explotadoras e polas persoas usuarias das obrigas que lles correspondan e a observancia das normas técnicas e comerciais de carácter xeral a que teñan que suxeitarse a xestión e explotación dos bens, das instalacións ou das actividades.

Sección 4ª. Facenda e patrimonio

Artigo 22. Facenda

1. Constituirá a facenda de Portos de Galicia o conxunto dos seus bens, dereitos e obrigas.

2. Portos de Galicia financiarase preferentemente cos ingresos propios que perciba como contraprestación polas actividades que realiza e, excepcionalmente, financiarase coas transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os recursos económicos de Portos de Galicia comprenderán:

a) Os produtos, as rendas e os incrementos do seu patrimonio.

b) Os ingresos ordinarios e extraordinarios obtidos no exercicio das súas actividades.

c) Os produtos das taxas que á Comunidade Autónoma lle corresponda percibir en relación co dominio público portuario xestionado pola entidade pública instrumental.

d) O importe das multas e indemnizacións impostas como consecuencia da aplicación do réxime sancionador previsto nesta lei.

e) As dotacións ou subvencións que se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

f) O importe das operacións crediticias que concerte, de conformidade co establecido ao respecto pola consellaría competente en materia de facenda.

g) As subvencións, contribucións e doazóns de todo tipo que poida recibir.

h) O destino dunha porcentaxe dos beneficios que resulten da conta de explotación á dotación dun fondo para atender as necesidades de explotación e as de renovación, ampliación e mellora do activo.

i) Os ingresos derivados da súa participación en sociedades públicas mercantís.

j) Os demais ingresos de dereito público ou privado que se autoricen nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma ou noutras leis do Parlamento de Galicia.

Artigo 23. Patrimonio

1. Para o desempeño das súas funcións adscríbense a Portos de Galicia os bens e os dereitos que integran o dominio público portuario autonómico á entrada en vigor desta lei, así como os posteriores incorporados a este por calquera título, sen prexuízo dos bens de dominio público portuario en réxime de adscrición compartida coa consellaría competente en materia de pesca para o exercicio das súas facultades en acuicultura e ordenación do sector pesqueiro.

2. A adscrición implica a transferencia á entidade pública empresarial das facultades de uso, xestión, administración e explotación vinculadas aos fins desta, sen cambio de titularidade ou cualificación xurídica dos bens e dereitos adscritos.

3. Cando os bens e os dereitos de dominio público portuario que teña adscritos deixen de ser necesarios para o cumprimento dos fins propios da entidade, aqueles serán obxecto de desadscrición na forma prevista nas leis sectoriais.

4. Portos de Galicia poderá realizar todo tipo de actos de xestión e aproveitamento dos bens demaniais adscritos que estean directamente relacionados co servizo e co tráfico portuario e resulten conformes coa normativa sectorial aplicable.

5. O Consello Reitor, sen necesidade da declaración previa da desafectación do servizo, poderá acordar o desmantelamento e, se é o caso, a venda dos demais bens mobles, e aplicará o seu produto ás atencións propias da entidade.

6. O Consello da Xunta ditará, logo da proposta das consellarías competentes en materia de economía e facenda e mais do informe da consellaría competente en materia de portos e da consellaría competente en materia de pesca, as normas para a formación e permanente actualización do Inventario de bens e dereitos de Portos de Galicia, que se axustarán ás prescricións da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e do seu regulamento.

Sección 5ª. Réxime financeiro

Artigo 24. Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control

1. O réxime de control financeiro e contabilidade pública así como o orzamento de Portos de Galicia axustaranse ao disposto na materia polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo das especialidades contidas nesta lei.

A xestión de Portos de Galicia desenvolverase de acordo co principio de equilibrio económico-financeiro da explotación.

Para tal efecto, presentará anualmente ao Consello da Xunta, a través da consellaría competente en materia de facenda e por instancia da consellaría competente en materia de portos, logo da remisión a esta pola persoa titular da Presidencia do Consello Reitor, os proxectos de orzamentos de explotación e capital, os correspondentes programas de actuación, investimentos e financiamento e mais a liquidación, a memoria e o balance do exercicio anterior debidamente auditados.

2. O Consello da Xunta determinará anualmente, dentro dos límites autorizados polos orzamentos da Comunidade Autónoma, o destino dunha porcentaxe dos beneficios que resulten da conta de explotación á dotación dun fondo para atender as necesidades de explotación e as de renovación, ampliación e mellora do activo.

3. Compensarase Portos de Galicia polos gastos inherentes ao cumprimento das obrigas de servizo impostas pola Xunta de Galicia no exercicio das súas funcións de alta dirección institucional da entidade.

4. A entidade pública empresarial estará suxeita ao control externo do Consello de Contas de Galicia e do Tribunal de Contas do Estado, nos termos dispostos na normativa de aplicación.

5. A entidade pública empresarial estará suxeita ao control de eficacia no cumprimento do seu plan de actuación, que será exercido pola consellaría de adscrición. O control do cumprimento dos compromisos específicos que, de ser o caso, asuma a entidade pública empresarial nun convenio ou contrato programa corresponderá á comisión de seguimento regulada no propio convenio ou contrato programa, sen prexuízo dos posibles controis previstos na lexislación orzamentaria.

6. Trimestralmente, Portos de Galicia publicará a súa execución orzamentaria e os seus estados económico-financeiros na súa páxina web.

Artigo 25. Taxas portuarias e outros ingresos de explotación

1. As taxas e os demais ingresos de explotación deberán cubrir, como mínimo, os seguintes gastos:

a) A explotación, conservación e depreciación do material e das instalacións portuarias, así como das infraestruturas que sirvan aos seus fins accesorios ou complementarios.

b) Os gastos xerais que se consideren para cada instalación portuaria ou para os seus servizos ou actividades accesorias ou complementarias, dentro do límite máximo que se determine en virtude dun decreto aprobado polo Consello da Xunta.

c) Os impostos exixibles.

d) As cargas autonómicas, administrativas e financeiras, incluíndo o reembolso de préstamos derivados da explotación e o pagamento de xuros.

2. Admítese a posibilidade, logo dos trámites legais oportunos, de bonificacións nas taxas portuarias co obxecto de promover a competitividade e a sustentabilidade económica ou ambiental da actividade portuaria e do sistema de transporte.

Artigo 26. Efectividade dos créditos e das sancións

A entidade pública empresarial poderá utilizar, para a efectividade dos créditos resultantes da explotación e das sancións pecuniarias que impoña, e a través dos servizos da Tesourería Xeral e de Recadación da Comunidade Autónoma, o procedemento de constrinximento nos termos regulados no Regulamento xeral de recadación.

Sección 6ª. Persoal

Artigo 27. Réxime do persoal

1. O persoal da entidade pública empresarial unicamente poderá ser funcionario ou laboral e persoal de alta dirección.

2. Todo o persoal da entidade estará sometido ao réxime de incompatibilidades establecido para os empregados e as empregadas do sector público.

3. O persoal laboral réxese, ademais de pola lexislación laboral e polas normas convencionalmente aplicables, polos preceptos da lexislación estatal e autonómica reguladora do emprego público que sexan de aplicación ao persoal laboral.

4. A aprobación e modificación tanto do cadro de persoal como da proposta de relación de postos de traballo e mais a aprobación dos instrumentos polos que se regulan as condicións de traballo do persoal e o seu réxime retributivo serán acordadas polo Consello Reitor, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública. A contratación e o nomeamento do persoal corresponden á persoa titular da Presidencia da entidade.

5. A selección do persoal da entidade pública empresarial deberase realizar mediante a convocatoria pública das correspondentes probas selectivas, que se axustarán aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e con carácter xeral ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

6. A contratación de persoal de alta dirección da entidade axustarase ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

CAPÍTULO II
Competencias da Administración autonómica

Artigo 28. Competencias do Consello da Xunta

Compete ao Consello da Xunta o exercicio das seguintes funcións:

a) Realizar a alta inspección e vixilancia do funcionamento da entidade, co ditado para estes efectos das oportunas directrices.

b) Aprobar os plans directores de infraestruturas, os programas xerais de investimentos e o seu financiamento.

c) Levar a cabo a alta política en materia de ordenación e coordinación do tráfico e dos transportes portuarios no ámbito das súas competencias.

d) Designar e destituír as persoas titulares da Presidencia e da Dirección, así como fixar o seu réxime retributivo.

e) Adoptar medidas especiais en casos de emerxencia.

f) Aprobar o proxecto de orzamento de explotación e capital e o programa de actuacións, investimentos e financiamento, así como, se é o caso, os convenios ou contratos de programa que propoña a entidade.

g) Aprobar os aspectos técnicos das modificacións e revisións, de maneira singular as contías, e das taxas polos servizos portuarios e por ocupación do dominio público portuario adscrito á Comunidade Autónoma.

h) Adoptar os acordos sobre o tráfico xurídico do dominio público portuario adscrito á entidade, nos casos en que esta facultade lle estea reservada pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o seu regulamento, e, en especial, no relativo á incorporación ao sistema xeral portuario autonómico de novas infraestruturas portuarias.

i) Adscribir, co informe favorable da Administración xeral do Estado, as zonas de interese de cultivos mariños no dominio público portuario á consellaría competente en materia de pesca para os efectos do exercicio das súas competencias en materia de acuicultura, sempre que esta adscrición resulte compatible cos usos portuarios que se definen nesta lei, que non se prexudique globalmente o desenvolvemento futuro dos portos e as operacións de tráfico portuario e mais que se axuste ao establecido no planeamento urbanístico en vigor.

Enténdese, para os efectos desta lei, como zonas de interese de cultivos mariños aquelas zonas das augas do dominio público portuario que polas súas óptimas condicións para tal actividade aconsellen unha especial protección e así sexan declaradas polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de pesca.

j) Fixar o réxime retributivo dos membros do Consello Reitor e determinar as axudas de custo, as indemnizacións ou as compensacións económicas pola asistencia dos seus membros ás sesións e xuntanzas do dito Consello Reitor.

Artigo 29. Atribucións da consellaría competente en materia de portos

Son atribucións da consellaría competente en materia de portos:

a) Desempeñar as funcións de inmediata relación de Portos de Galicia co Consello da Xunta e coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente para os efectos de actuacións polas competencias enumeradas no artigo anterior.

b) Propoñer o nomeamento e a destitución das persoas titulares da Presidencia e da Dirección, así como o nomeamento e a destitución dos vogais do Consello Reitor.

c) Emitir informe preceptivo sobre os plans, programas xerais en materia financeira e de infraestruturas, os programas de actuacións, investimentos e financiamento, os orzamentos de explotación e capital e, en xeral, sobre todas as propostas, proxectos ou documentación relacionados coa entidade Portos de Galicia que se deban someter ao exame e á aprobación do Consello da Xunta.

d) Presentar ao Consello da Xunta, logo do informe das consellarías competentes en materia de economía e de facenda e das consellarías competentes en materia de industria, de comercio e de pesca, a proposta sobre política de taxas portuarias.

e) Exercer, nos termos previstos na lexislación vixente, as facultades de expropiación forzosa que sexan precisas para o cumprimento dos fins da entidade e promover a entrega dos bens expropiados a Portos de Galicia.

f) Propoñer a actualización da contía das taxas portuarias de acordo coa variación do custo dos servizos, producida por alteracións nos custos destes.

g) Aprobar as delimitacións dos espazos e dos usos portuarios.

h) Exercer, en xeral, o control de eficacia da entidade pública empresarial previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 30. Atribucións da consellaría competente en materia de pesca

Son atribucións da consellaría competente en materia de pesca:

a) Levar a cabo a construción de lonxas, fábricas de xeo e outras edificacións do recinto portuario destinadas a actividades pesqueiras, acuícolas ou marisqueiras, debendo solicitar previamente a Portos de Galicia informe preceptivo e vinculante sobre a súa localización.

b) Sempre que resulte compatible cos usos portuarios que se definen nesta lei, que non se prexudique globalmente o desenvolvemento futuro dos portos e as operacións de tráfico portuario, e axustándose á normativa de costas e ao establecido no planeamento urbanístico en vigor, autorizar a realización de actividades de acuicultura, pesca e marisqueo que teñan lugar no dominio público portuario con carácter previo ao outorgamento das concesións ou autorizacións para a ocupación do dito dominio.

c) Emitir, con carácter preceptivo, informe sobre a relación de actuacións previstas no programa de infraestrutura pesqueira do orzamento xeral de Portos de Galicia.

Artigo 31. Competencias das consellarías competentes en materia de economía ou de facenda

É competencia das consellarías competentes en materia de economía ou de facenda:

a) Realizar a alta supervisión da aplicación pola entidade dos plans e programas financeiros e dos seus orzamentos, e, en xeral, de canto concirne á orde financeira de Portos de Galicia.

b) Presentar ao Consello da Xunta os plans económicos e orzamentarios de Portos de Galicia e emitir informe sobre a súa aplicación e liquidación.

c) Presentar as actuacións que en materia financeira teñan que someterse ao Consello da Xunta.

d) Exercer as competencias que, respecto do dominio público portuario, lle sexan atribuídas pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o seu regulamento.

e) Exercer todas as demais competencias que o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, outorga ás consellarías competentes en materia de economía e de facenda no ámbito das entidades públicas empresariais.

f) Exercer as atribucións previstas na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO II
Planificación, ordenación, obras, ambiente e seguridade

CAPÍTULO I
Planificación portuaria

Artigo 32. Plans directores de infraestruturas de Portos de Galicia

1. A entidade pública empresarial Portos de Galicia poderá formular para un porto ou un conxunto deles plans directores de infraestruturas, que abranguerán os proxectos xerais de obras dos portos afectados polo plan e das súas ampliacións, durante un horizonte temporal de, cando menos, cinco anos.

2. O plan ou os plans directores que elabore Portos de Galicia someteranse, por proposta da consellaría competente en materia de portos, a exame e aprobación polo Consello da Xunta de Galicia.

Unha vez aprobado o plan director de infraestruturas non poderán executarse obras non previstas nel. Non obstante, Portos de Galicia poderá executar obras non consideradas nos plans cando teñan a consideración de obras menores ou en casos de recoñecida urxencia ou de excepcional interese público, debidamente apreciados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de portos.

3. A aprobación ou a modificación dun plan director de infraestruturas poderá determinar a modificación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios nos termos establecidos no artigo 53.

Artigo 33. Intermodalidade e áreas loxísticas

Nos procesos de planificación que se debe realizar para o sistema portuario de Galicia estableceranse medidas co obxecto de acadar unha eficiente intermodalidade e a eficiencia entre os modos e as cadeas de transporte, así como a conexión ou a creación de áreas loxísticas, para facilitar a incorporación de valor engadido aos procesos produtivos.

Artigo 34. Determinacións dos plans directores de infraestruturas

Os plans directores de infraestruturas conterán, polo menos, as seguintes determinacións:

a) A análise da situación actual do porto ou dos portos e a estrutura do tráfico e das actividades portuarias.

b) A definición das necesidades de desenvolvemento do porto ou dos portos nun horizonte temporal de, cando menos, cinco anos.

c) A análise das relacións entre a planificación portuaria e o planeamento territorial e urbanístico.

d) A indicación das distintas alternativas de desenvolvemento, a análise de cada unha delas e a selección da máis óptima.

e) A declaración ambiental estratéxica no caso de que o plan deba ser sometido á avaliación ambiental estratéxica ordinaria e o informe ambiental estratéxico se o plan debe ser sometido á avaliación ambiental estratéxica simplificada.

f) A previsión das fases de desenvolvemento dos plans, a valoración e os recursos e mais a análise financeira e de rendibilidade.

g) A definición dos criterios para a revisión dos plans.

Artigo 35. Documentación dos plans directores de infraestruturas

Os plans directores de infraestruturas estarán integrados polos seguintes documentos:

a) A memoria, coa información básica e os estudos necesarios, onde se analizarán as distintas alternativas de desenvolvemento consideradas e se xustificará a elixida.

b) A documentación gráfica, na cal deberán constar os plans de información, os estudos de planeamento, os proxectos e os outros estudos complementarios.

c) O estudo económico-financeiro, que conterá a avaliación económica xenérica da execución das obras.

d) O programa de actuacións para o desenvolvemento do plan, integrándose neste, cando así resulte preceptivo, o estudo ambiental estratéxico.

Artigo 36. Procedemento de aprobación

1. A elaboración e a aprobación dos plans directores de infraestruturas axustaranse ao seguinte procedemento:

a) Corresponde á entidade pública empresarial Portos de Galicia a formulación do plan, que será sometido previamente ao informe das consellarías e dos concellos afectados polas actuacións, co fin de que poidan presentar as observacións e suxestións que consideren convenientes no prazo de dous meses, e entenderase en senso favorable de transcorrer o dito prazo sen que se emita o informe de forma expresa por parte das consellarías. De se constatar un conflito de atribucións entre diferentes consellarías afectadas no procedemento de elaboración dos plans directores de infraestruturas, este será resolto por un acordo asinado conxuntamente polas propias persoas titulares das consellarías afectadas. No caso de discrepancia, darase traslado ao Consello da Xunta de Galicia, que resolverá no prazo de dez días.

b) O plan someterase ao procedemento de avaliación ambiental que proceda nos termos previstos na normativa en materia de avaliación ambiental.

c) Darase traslado do plan ás corporacións de dereito público e entidades que representen as persoas usuarias co fin de que, por un prazo igual de dous meses, poidan realizar as observacións que xulguen oportunas.

d) Simultaneamente aos trámites anteriores, o plan será sometido a información pública no Diario Oficial de Galicia durante un prazo non inferior a dous meses.

e) O plan someterase, antes da súa aprobación polo Consello da Xunta, a informe da Administración estatal consonte o disposto na normativa en materia de costas.

f) Ao se rematar a tramitación, a consellaría competente en materia de portos procederá a levar o plan ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación por decreto, que será publicado nos diarios oficiais correspondentes.

2. A aprobación dun plan director de infraestruturas levará implícita a declaración de utilidade pública para os efectos da expropiación dos bens e dereitos e do rescate ou a revisión das concesións que requira a actuación portuaria no ámbito do plan.

Artigo 37. Revisións ou modificacións dos plans directores de infraestruturas

1. Cando sexa necesaria unha revisión ou unha modificación dos plans directores de infraestruturas que teña carácter substancial, o procedemento que se deberá seguir será o mesmo que o previsto para a súa aprobación.

2. Cando a revisión ou a modificación non teña carácter substancial, será aprobada pola consellaría competente en materia de portos, oído o concello ou os concellos afectados, e logo do informe da Administración xeral do Estado previsto na normativa de costas e coa tramitación ambiental estratéxica que proceda.

Para estes efectos, terá carácter de modificación substancial a ampliación superior a un trinta por cento da superficie ocupada con obras de infraestrutura, tanto nas superficies en terra como na lámina de auga que integran a zona de servizo.

CAPÍTULO II
Ordenación urbanística dos portos

Artigo 38. Planeamento xeral

1. Os plans xerais de ordenación municipal e os demais instrumentos xerais de ordenación urbanística deberán cualificar a zona de servizo dos portos como sistema xeral portuario e non poderán incluír determinacións que supoñan unha interferencia ou perturbación no exercicio das competencias de explotación portuaria.

2. Dado o carácter supramunicipal do sistema portuario, a superficie do sistema xeral portuario non computará para os efectos da determinación das dotacións, cesións de aproveitamento, reservas e equipamentos.

3. Considérase que o porto ou a instalación marítima pode constituír unha unidade que xustifica a redacción dun plan especial.

Artigo 39. Plans especiais de ordenación dos portos

1. O sistema xeral portuario de cada porto desenvolverase mediante un plan especial, que redactará e formulará a entidade pública empresarial Portos de Galicia e que a administración competente en materia de urbanismo tramitará e aprobará aplicando o establecido na lexislación urbanística en vigor, coas particularidades que se sinalan nos seguintes puntos.

2. Con carácter previo á formulación do plan especial que ordene a zona de servizo do porto, esta deberase encontrar delimitada mediante a aprobación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios no dito porto. As determinacións daquel plan non poderán estenderse máis alá da zona de servizo así delimitada.

3. Unha vez redactado o borrador do plan, Portos de Galicia remitirao, acompañado da documentación ambiental exixible pola lexislación sectorial aplicable, á administración competente en materia de urbanismo, que dispoñerá dun prazo máximo de tres meses para enviar a dita documentación ao órgano ambiental competente para os efectos da tramitación ambiental estratéxica que proceda.

4. O prazo máximo para resolver sobre a aprobación inicial dun plan especial de ordenación portuaria que estea sometido á avaliación ambiental estratéxica ordinaria, unha vez emitido o informe ambiental estratéxico conforme a normativa ambiental aplicable, será de tres meses, contados desde a súa presentación por Portos de Galicia no rexistro do concello.

Ao transcorrer este prazo sen que recaese unha resolución expresa, poderase entender outorgada a aprobación inicial do plan.

5. O prazo máximo para resolver sobre a aprobación inicial dun plan especial de ordenación portuaria que estea sometido á avaliación ambiental estratéxica simplificada, unha vez emitido o informe ambiental estratéxico sobre a falta de efectos significativos deste sobre o ambiente, será de tres meses, que se contará desde a súa presentación por Portos de Galicia no rexistro do concello.

Ao transcorrer este prazo sen que recaese unha resolución expresa, poderase entender outorgada a aprobación inicial do plan.

6. Efectuada a tramitación e emitido o informe da Administración estatal de costas conforme a normativa nesta materia, e antes da aprobación definitiva do plan, deberase dar traslado deste á entidade pública empresarial Portos de Galicia no caso de que a Administración urbanística competente propuxese modificacións respecto da redacción inicialmente aprobada, para que aquela, no prazo dun mes, emita informe sobre os aspectos da súa competencia.

7. A aprobación definitiva do plan especial requirirá que o informe previo a que se refire o punto anterior sexa favorable. No caso de ser desfavorable, deberanse levar a cabo as consultas necesarias en prol de chegar a un acordo entre Portos de Galicia e a Administración urbanística para a súa aprobación definitiva. Se no prazo de dous meses persiste o desacordo, informará con carácter vinculante o Consello da Xunta de Galicia sobre aqueles aspectos de competencia autonómica en materia de portos.

8. O prazo para a aprobación definitiva por un concello do plan especial de ordenación dun porto será de seis meses, que se contarán desde o acordo de aprobación inicial. Ao transcorrer o dito prazo sen que se procedese á notificación da resolución, poderase entender aprobado definitivamente o plan, sempre que se realizase o trámite de información pública e obtivese os informes preceptivos en sentido favorable, de conformidade coa lexislación aplicable, ou, se é o caso, fosen solicitados os informes e transcorresen os prazos para emitilos.

9. Non se aplicará o silencio administrativo estimativo cando os plans conteñan determinacións contrarias á lei, aos plans de superior rango ou aos instrumentos de ordenación do territorio de Galicia.

10. A aprobación definitiva dos plans especiais deberá ser notificada a Portos de Galicia, cos requisitos establecidos na lexislación do procedemento administrativo e publicada nos diarios oficiais correspondentes.

11. O plan especial incluirá entre as súas determinacións as medidas e as previsións necesarias para garantir unha eficiente explotación do espazo portuario, o seu desenvolvemento futuro e a súa conexión cos sistemas xerais de transporte terrestre e co contorno urbano.

Artigo 40. Relacións e medidas de coordinación entre a planificación portuaria e os instrumentos de ordenación territorial e de planeamento urbanístico

1. Os plans directores de infraestruturas e os instrumentos de delimitación dos espazos e dos usos dos portos prevalecerán e serán vinculantes sobre a ordenación urbanística en aspectos relativos á protección do dominio público portuario, á localización de infraestruturas, aos accesos a sistemas de comunicacións, á localización de radicacións e á distribución dos usos.

2. A aprobación dos plans especiais de ordenación dos portos implicará, se for o caso, a necesidade de revisión ou de modificación dos instrumentos de planeamento urbanístico municipal co fin de integrar as determinacións do planeamento sectorial portuario no planeamento urbanístico municipal.

3. A revisión ou modificación dos instrumentos de ordenación urbanística municipal deberana efectuar os concellos con ocasión da primeira revisión ou modificación do instrumento de planeamento urbanístico que tramiten, e, en todo caso, no prazo máximo dun ano desde a aprobación dos instrumentos de planificación portuaria.

4. Nos concellos sen planeamento urbanístico xeral a aprobación dos instrumentos de planificación portuaria sinalados comportará a obriga de inclusión das súas determinacións nos instrumentos de planeamento urbanístico que se aproben con posterioridade.

5. Sen prexuízo de que os instrumentos de planeamento xeral deban adaptarse aos plans especiais de ordenación dos portos, estes poderán prever o réxime de ordenación que se aplicará mentres non se produza a adaptación.

6. Os plans especiais de ordenación dos portos poderán introducir aquelas modificacións ou matizacións estritamente derivadas da natureza e finalidade do plan especial e necesarias para o cumprimento dos seus fins, sen que en ningún caso este poida substituír o planeamento xeral na súa función de instrumento de ordenación integral do territorio.

7. A aprobación, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación territorial e de planificación urbanística que incidan directamente sobre os portos e as instalacións portuarias reguladas nesta lei requiren o informe a Portos de Galicia, sen prexuízo dos demais informes que deban ser emitidos, de conformidade coa normativa sectorial aplicable.

8. Para os efectos de dar cumprimento ao mandato establecido no punto anterior, ao mesmo tempo que o trámite de información pública, solicitarase informe a Portos de Galicia, que deberá emitirse nun prazo de tres meses, e que terá carácter vinculante no que respecta á ordenación da zona de servizo dos portos nos aspectos relacionados coa súa competencia. De non se emitir o informe neste prazo entenderase favorable.

CAPÍTULO III
Proxectos e obras

Artigo 41. Execución de obras e instalacións

1. As obras e as instalacións de carácter permanente que leven a cabo no dominio público portuario a administración pública e os particulares debidamente autorizados por esta deberán adaptarse ao plan especial de ordenación portuaria. Para a constatación deste requisito han someterse ao informe da Administración urbanística competente, que se entenderá emitido en sentido favorable de transcorrer un mes desde a recepción da documentación sen que se emitise expresamente.

2. En ausencia dun plan especial aprobado con carácter definitivo, unicamente poderán realizarse obras de carácter permanente acordes cos usos portuarios e complementarios previstos no artigo 55. Neste caso, o informe da Administración urbanística versará sobre a acomodación das obras ao ordenamento urbanístico municipal xeral vixente e, en última instancia, ás normas urbanísticas xerais de aplicación directa.

3. Os proxectos someteranse ao procedemento de avaliación de impacto ambiental cando así o exixa a lexislación específica vixente.

4. Poderanse realizar obras de dragaxe e de recheo na zona de servizo dos portos exclusivamente con materiais de orixe terrestre ou marítima que pola súa natureza, disposición final ou illamento protector non dean orixe a procesos de contaminación que superen os niveis exixibles pola normativa vixente aplicable á calidade das augas marítimas.

5. As obras de dragaxe axustaranse ao previsto nesta lei. As obras de recheo e as de dragaxe no dominio público portuario requirirán a autorización da entidade pública empresarial Portos de Galicia.

6. As obras e as instalacións portuarias acordes cos usos portuarios que realice a Administración portuaria directamente non estarán sometidas aos actos de control preventivo municipal, por constituíren obras públicas de interese xeral portuario.

7. As restantes obras que non se inclúan dentro das definidas no anterior punto deberán obter a oportuna licenza municipal, agás o réxime de comunicación previa.

8. As obras de interese xeral portuario que promova a Administración portuaria non poderán, en ningún caso, ser suspendidas polas administracións urbanísticas competentes se se axustan ao planeamento urbanístico e ás normas deste capítulo.

9. As obras que se executen sobre o leito do mar territorial ou nas augas interiores non estarán sometidas aos actos de control preventivo municipal.

Artigo 42. Construción de novos portos ou instalacións marítimas

1. A construción dun novo porto ou dunha instalación marítima de competencia autonómica exixirá a aprobación previa do proxecto e os estudos complementarios pola entidade pública empresarial Portos de Galicia, que deberá observar o establecido no plan director de infraestruturas, de estar o proxecto integrado neste.

2. Os ditos proxectos someteranse á avaliación do impacto ambiental cando isto sexa exixible en aplicación da lexislación específica, así como ao informe das consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias concorrentes nos portos.

3. Pediranse os informes da Administración xeral do Estado en canto ás materias da súa competencia que se poidan ver afectadas.

4. Solicitarase da Administración xeral do Estado a oportuna adscrición de dominio público marítimo-terrestre conforme a lexislación aplicable.

5. Con carácter previo á aprobación dos proxectos, deberase solicitar informe dos concellos afectados, co fin de que formulen cantas observacións consideren convenientes sobre os aspectos da súa competencia.

6. Agás que a normativa sectorial aplicable dispoña o contrario, calquera dos informes da Administración autonómica ou da local entenderase favorable de transcorreren dous meses desde a recepción da documentación sen que se emitise de forma expresa.

Artigo 43. Utilidade pública e necesidade de ocupación

1. A aprobación dos proxectos levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos para os efectos da ocupación temporal ou expropiación forzosa dos bens ou dereitos afectados polo obxecto daqueles. Para estes efectos, o proxecto comprenderá a relación completa e individualizada dos bens e dos dereitos que non forman parte do dominio público portuario e que se considera necesario adquirir ou ocupar para o executar, coa descrición material deles.

2. Así mesmo, a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación referiranse tamén aos bens e dereitos comprendidos na implantación do proxecto e nas modificacións de obras que poida aprobar posteriormente a autoridade competente, cos mesmos requisitos sinalados no punto anterior.

Artigo 44. Obras que afectan a zona de servizo dos portos

1. As obras de edificación ou urbanización que se executen en superficies lindeiras coa zona de servizo dun porto ou dunha instalación marítima, que teñan incidencia directa por precisar a ocupación permanente ou temporal de superficie incluída nela, non poderán ser autorizadas polas administracións públicas competentes sen que se solicite previamente o informe a Portos de Galicia.

2. Este informe ten carácter vinculante no que se refire aos aspectos relacionados coa protección do dominio público portuario e coa viabilidade das actividades portuarias, e deberá ser emitido no prazo máximo dun mes. O informe entenderase favorable no caso de non se emitir no prazo antes sinalado.

3. Cando a ocupación teña as circunstancias previstas no artigo 57.2, exixirase o outorgamento da correspondente autorización ou concesión.

4. Con carácter xeral, e agás causa xustificada apreciada por Portos de Galicia, os terreos estremeiros coa zona de servizo dos portos e das instalacións marítimas deberán contar con acceso rodado e peonil alleo á zona de servizo do porto ou da instalación marítima.

CAPÍTULO IV
Do ambiente e da seguridade

Artigo 45. Desenvolvemento sustentable

1. A actividade portuaria e mais a ampliación ou modificación dos portos existentes realizaranse conforme os principios de preservación dos valores culturais, patrimoniais, paisaxísticos, ambientais e etnográficos dos espazos portuarios, coa adopción das medidas adecuadas para a protección ambiental do dominio público portuario.

2. Dentro da explotación sustentable dos portos, promoveranse as instalacións para prestar servizos ou realizar actividades que incorporen tecnoloxías e sistemas sustentables como enerxías alternativas, sistemas de eficiencia nos consumos e de tratamento de residuos.

Artigo 46. Prevención e loita contra a contaminación no dominio público portuario

1. Prohíbese a vertedura de efluentes líquidos e a vertedura e o abandono de residuos no dominio público portuario. As emisións á atmosfera realizaranse coas limitacións e cos controis establecidos na lexislación sectorial.

Os que realizasen, aínda accidentalmente, as referidas verteduras serán responsables de cantos custos exixa a plena rexeneración das augas e a posible descontaminación dos solos que estean dentro da zona de dominio público portuario, ademais das sancións que procedan. No caso de verteduras non autorizadas, Portos de Galicia ordenará a quen resulte responsable a recollida e limpeza dos terreos e das augas afectadas. No caso de incumprimento, Portos de Galicia procederá á execución subsidiaria a cargo das persoas responsables, sen prexuízo das sancións que puideren derivar polo incumprimento da normativa ambiental.

A utilización de materiais naturais procedentes das escavacións poderá ser realizada nas condicións que estableza a normativa ambiental.

2. As instalacións radicadas no dominio público portuario en que se desenvolva calquera tipo de actividades comerciais, industriais ou de servizos deberán contar con medios abondos para a prevención e loita contra a contaminación accidental, mariña, atmosférica e terrestre, e as persoas titulares das concesións ou autorizacións executarán ao seu cargo as medidas protectoras e correctoras que resulten necesarias en cada momento, de acordo co establecido na normativa de aplicación, nos pregos reguladores dos servizos portuarios especiais, nos pregos de condicións xerais para o desenvolvemento de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza no ámbito portuario e, de ser o caso, nas condicións particulares que se establezan. A dispoñibilidade destes medios será exixida pola entidade pública empresarial Portos de Galicia.

As ditas instalacións, cando o exixa a normativa de aplicación, deberán contar cun plan interior marítimo de continxencias por contaminación mariña accidental, que será tido en conta pola entidade pública empresarial Portos de Galicia para a elaboración do seu propio plan interior marítimo do porto.

Para os efectos do previsto nos parágrafos anteriores, a persoa titular da correspondente autorización ou concesión deberá permitir a práctica dos controis e as inspeccións que realice o órgano administrativo competente.

3. Portos de Galicia colaborará coas administracións competentes na prevención e no control das emerxencias por contaminación accidental na zona de servizo dos portos que xestione.

4. Todas as verteduras desde terra ao mar requirirán autorización da administración competente, sen prexuízo da autorización ou concesión de ocupación do dominio público portuario que, de ser o caso, outorgará Portos de Galicia.

5. O disposto neste artigo procederá sen prexuízo da aplicación, cando se dean os supostos, do establecido na Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental.

Artigo 47. Recepción de refugallos e residuos procedentes de buques

1. Os refugallos xerados polos buques deberanse descargar á terra, e para tal efecto hase solicitar o servizo de recepción de refugallos xerados por buques regulado nesta lei.

2. As refinarías de petróleo, as factorías químicas e petroquímicas, as instalacións para o almacenamento e distribución de produtos químicos e petroquímicos, as instalacións para o abastecemento de combustibles líquidos que posúan terminais de carga ou descarga de hidrocarburos en zonas portuarias, así como os estaleiros e as instalacións de reparación naval deberán dispoñer, nas proximidades das terminais e dos peiraos, de instalacións de recollida de residuos petrolíferos e químicos e de augas de sentinas e de almacenamento destes residuos debidamente autorizadas, de instalacións para a limpeza de aceites, de graxas e doutros produtos contaminantes, ademais dos medios necesarios para prever e combater os derramamentos e para a prevención e loita contra a contaminación accidental terrestre e mariña.

Portos de Galicia exixirá a dispoñibilidade destas instalacións e medios para autorizar o funcionamento das instalacións portuarias incluídas no parágrafo anterior, sen prexuízo das autorizacións que sexan exixibles por outras administracións.

3. No suposto de buques que non teñan como destino algunha das instalacións referidas no punto anterior, corresponderá ás empresas que efectúen as operacións de carga ou descarga do buque garantir a recepción dos residuos de carga procedentes del, se os houber, así como dos que se encontren nas zonas de tránsito e manobra, evitando e combatendo, se é o caso, os derramamentos accidentais.

Artigo 48. Obras de dragaxe

1. Toda execución de obras de dragaxe ou a vertedura dos produtos de dragaxe no dominio público portuario suxeito ao ámbito de aplicación desta lei requirirá autorización previa de Portos de Galicia sobre a base do correspondente proxecto técnico.

Consonte o disposto na lexislación de portos do Estado e da Mariña Mercante, cando as obras de dragaxe ou a vertedura dos produtos de dragaxe poidan afectar a seguridade da navegación na zona portuaria, particularmente nas canles de acceso e nas zonas de ancoraxe e manobra, exixirase informe previo e favorable da Administración marítima.

2. Os proxectos de dragaxe incluirán un estudo da xestión dos produtos da dragaxe, e en particular a localización da zona ou das zonas de vertedura e o seu tratamento.

Respecto da dragaxe portuaria, incorporarase ao proxecto, cando proceda, un estudo sobre a posible localización de restos arqueolóxicos, que se someterá a informe da consellaría con competencias na materia.

3. As obras de dragaxe que se executen fóra do dominio público portuario para recheos portuarios requirirán autorización da correspondente demarcación ou do servizo periférico de Costas.

Así mesmo, a vertedura fóra das augas da zona de servizo do porto dos produtos das dragaxes portuarias deberá ser autorizada pola Administración marítima, logo do informe da demarcación ou do servizo periférico de Costas.

4. Os proxectos de dragaxe incluirán un estudo da xestión dos produtos da dragaxe, e en particular a localización da zona ou das zonas de vertedura e o seu tratamento.

Respecto da dragaxe portuaria, incorporarase ao proxecto, cando cumpra, un estudo sobre a posible localización de restos arqueolóxicos, que se someterá a informe da Administración competente en materia de arqueoloxía.

Cando a dragaxe se execute fóra da zona I ou interior das augas portuarias, incluirase, ademais, un estudo de avaliación dos seus efectos sobre a dinámica litoral e a biosfera mariña, que se someterá a informe das administracións competentes en materia de pesca e ambiente con carácter previo á súa autorización.

En relación coas verteduras procedentes das obras de dragaxe, deberán efectuarse os estudos ou as análises necesarias que permitan valorar os efectos da actuación sobre a sedimentoloxía litoral e a biosfera submarina, así como, se é o caso, a capacidade contaminante das verteduras, e someteranse a informe das administracións competentes en materia de ambiente e de pesca.

A autoridade portuaria remitirá á Administración marítima os datos das cantidades vertidas do material da dragaxe e a localización da zona ou das zonas de vertedura, e cando exista risco de que o posible desprazamento do material afecte a navegación marítima remitiranse a aquela os resultados do seguimento da evolución do dito material vertido.

Cando o proxecto de dragaxe se someta, independentemente ou xunto con outros proxectos, ao procedemento previsto na lexislación sobre avaliación de impacto ambiental, deberanse incluír os estudos mencionados e solicitarse así mesmo os informes da Administración marítima e das administracións competentes en materia de ambiente, de pesca e de arqueoloxía no curso do devandito procedemento.

Artigo 49. Plans de emerxencia e seguridade

1. Portos de Galicia controlará no ámbito portuario o cumprimento da normativa que afecte a admisión, a manipulación e o almacenamento de mercadorías perigosas e da normativa que afecte a protección do ambiente, así como os sistemas de seguridade, incluídos os que se refiran á protección ante actos antisociais e terroristas, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos das administracións públicas, en particular as que posúe a Administración xeral do Estado, a persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil e xestión de urxencias e a Axencia Galega de Emerxencias, e mais das responsabilidades que nesta materia correspondan ás persoas usuarias do porto.

2. Para os efectos do establecido no punto 1, Portos de Galicia elaborará plans de emerxencia interior de acordo co previsto na lexislación vixente aplicable nesta materia.

Así mesmo, Portos de Galicia elaborará, na medida e dentro do ámbito a que estea obrigado por aplicación da normativa sectorial ditada sobre o particular, plans relativos á protección dos buques, os pasaxeiros e as pasaxeiras e as mercadorías contra actos antisociais e terroristas que eventualmente se poidan producir na zona de servizo dos portos que xestione.

TÍTULO III
Do dominio público portuario

CAPÍTULO I
Natureza, extensión e usos do dominio público portuario

Sección 1ª. Extensión e réxime xurídico

Artigo 50. Réxime xurídico e determinación do dominio público portuario

1. Constitúen o dominio público portuario de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia os portos e as instalacións marítimas suxeitos ao ámbito de aplicación desta lei, que se regula polas disposicións dela, polas disposicións da normativa estatal que resulten aplicables e polas disposicións que figuren nas normas regulamentarias de desenvolvemento.

2. As ampliacións dos portos e das instalacións de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia terán o mesmo réxime xurídico que o porto ou a instalación orixinal, atendendo a natureza e o título dos bens que sustentan a dita ampliación.

3. Pertencen ao dominio público portuario de competencia autonómica:

a) Os terreos, as obras e as instalacións portuarias fixas afectadas ao servizo dos portos de competencia autonómica.

b) Os terreos e as instalacións adquiridos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou por Portos de Galicia, ou por particulares, cando sexan debidamente afectados ao servizo dos portos, e mais os terreos e as instalacións que a consellaría competente en materia de patrimonio afecte ao servizo dos portos, segundo o procedemento previsto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

c) As obras que a Comunidade Autónoma de Galicia realice sobre o dominio público portuario.

d) As obras construídas e os terreos incorporados polas persoas titulares dunha concesión de dominio público portuario cando revertan a Portos de Galicia, unha vez extinguida esta de acordo co establecido no título de outorgamento.

e) As obras e as instalacións de axudas á navegación marítima que se encontren situadas en zonas de servizo dos portos ou das instalacións marítimas de competencia da Comunidade Autónoma.

f) Os espazos de auga incluídos na zona de servizo dos portos de competencia autonómica.

Artigo 51. Adscrición de espazos do dominio público marítimo-terrestre á Comunidade Autónoma

Nos termos previstos na lexislación estatal, a Administración do Estado realizará a adscrición de bens do dominio público marítimo-terrestre á Comunidade Autónoma necesarios para a construción de novos portos de titularidade autonómica ou para a ampliación ou modificación dos existentes. A porción de dominio público adscrita conservará tal cualificación xurídica. E á Comunidade Autónoma corresponderalle a utilización e xestión dela, nos termos previstos pola dita lexislación.

Sección 2ª. Zona de servizo e usos portuarios

Artigo 52. Delimitación da utilización dos espazos e dos usos portuarios

1. Nos portos e nas instalacións marítimas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia delimitarase unha zona de servizo portuaria que estará integrada polos espazos de terra e de auga necesarios para a execución das actividades propias dos portos e das instalacións marítimas, polos espazos destinados a usos complementarios ou non estritamente portuarios e polos espazos de reserva que garantan a posibilidade de desenvolvemento ou ampliación da actividade portuaria. A delimitación efectuarase a través da delimitación dos espazos e dos usos portuarios.

2. A superficie de auga incluída na zona de servizo comprenderá as áreas de auga onde se realicen as operacións de carga, descarga e transbordo de mercadorías, embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, construción e reparación de buques, atracada e viraxe, as canles de acceso e as zonas de ancoraxe, incluíndo as marxes necesarias para a seguridade marítima, a practicaxe e o avituallamento dos buques. Tamén comprenderá os espazos de reserva necesarios para a ampliación do porto.

O espazo de auga subdividirase en dúas zonas:

a) Zona I ou interior das augas portuarias, que comprenderá os espazos de auga incluídos dentro dos diques de abrigo e as zonas necesarias para manobras de atracada e viraxe, onde non existan estes.

b) Zona II ou exterior das augas portuarias, que comprenderá o resto das augas incluídas na zona de servizo.

3. A consellaría competente en materia de portos, por proposta de Portos de Galicia, aprobará a delimitación dos espazos e dos usos portuarios de cada porto e instalación marítima, na que se delimitará a zona de servizo correspondente, e que incluirá os usos previstos para cada unha das diferentes zonas do porto ou da instalación, así como a xustificación da necesidade ou conveniencia de tales usos. A delimitación dos espazos e dos usos portuarios poderá ser aprobada para un só porto ou para un conxunto de portos, aínda que estean localizados en diferentes termos municipais, cando razóns xeográficas, económicas, técnicas ou organizativas así o aconsellen a criterio de Portos de Galicia.

4. A entidade pública empresarial Portos de Galicia redactará e formulará a proposta de delimitación dos espazos e dos usos portuarios de cada porto e solicitará informes sobre as materias da súa competencia ao concello ou aos concellos afectados por razón da súa localización e ás administracións con competencias sectoriais no ámbito portuario que resulten afectadas.

No suposto de que a delimitación dos espazos e dos usos portuarios inclúa espazos do dominio público marítimo-terrestre que aínda non fosen adscritos á Comunidade Autónoma, solicitaranse os informes previstos na lexislación estatal que regula o procedemento de adscrición.

5. Simultaneamente á solicitude dos informes precedentes, Portos de Galicia someterá a información pública a delimitación elaborada por un prazo de dous meses, no cal as persoas interesadas poderán formular alegacións.

6. Tras a conclusión dos trámites de informes e de información pública, Portos de Galicia dará resposta razoada ás alegacións presentadas e procederá, de ser o caso, a efectuar as modificacións da delimitación que sexan oportunas.

7. A proposta de delimitación dos espazos e dos usos portuarios de cada porto será remitida por Portos de Galicia á consellaría competente en materia de portos para a súa aprobación. Nesta proposta incluirase un estudo motivado sobre as razóns da aceptación ou do rexeitamento das consideracións recollidas durante a fase de información pública e de informes.

8. A aprobación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios de cada porto levará implícita a declaración de utilidade pública para os efectos da expropiación dos bens e dos dereitos e mais do rescate ou da revisión das concesións que requira a actuación portuaria no ámbito da delimitación, así como a afectación ao uso portuario dos bens patrimoniais e demaniais públicos incluídos na zona de servizo que sexan de interese para o porto de acordo co previsto na lexislación aplicable.

Así mesmo, a aprobación da delimitación habilitará para a revogación sen indemnización das autorizacións que resulten incompatibles con esta, ou ben para acordar a súa adaptación a ela.

Artigo 53. Modificación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios de cada porto

1. As modificacións da delimitación dos espazos e dos usos portuarios que sexan substanciais someteranse ao mesmo procedemento de aprobación que se determina no artigo anterior. Se a modificación non ten carácter substancial será aprobada pola consellaría competente en materia de portos, por proposta de Portos de Galicia, logo da apertura dun trámite de información pública por un prazo de quince días e do informe da Administración urbanística, así como da Administración xeral do Estado, de afectar as súas competencias.

Entenderase por modificación non substancial:

a) Aquela producida por razóns de explotación portuaria que non supoña alteración significativa das superficies asignadas a cada uso.

b) Aquela que non implique unha alteración significativa da delimitación interna das zonas en que se divide o porto, para os efectos da asignación dos usos previstos nesta lei.

c) A ampliación dentro da zona de servizo de infraestruturas e outras instalacións portuarias que resulten complementarias das xa existentes e que non supoñan unha alteración significativa das superficies asignadas a cada uso.

2. Terán a consideración de alteracións significativas aquelas que supoñan unha variación illada ou acumulada superior ao quince por cento da superficie atribuída a un determinado uso, agás aquelas modificacións que afecten usos non especificamente portuarios, que terán en todo caso carácter de alteracións significativas.

3. Logo de se aprobar a modificación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios, publicarase no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro do acordo de aprobación.

Artigo 54. Efectos da delimitación dos espazos e dos usos portuarios sobre as concesións e autorizacións

1. As concesións e autorizacións no dominio público portuario que resulten incompatibles coas determinacións da delimitación dos espazos e dos usos portuarios vixente deberán adaptarse a esta. Para tal efecto, deberase proceder á revisión das súas condicións naqueles extremos que sexa preciso ou, se é o caso, ao rescate da concesión segundo o establecido nesta lei.

2. Mentres non se proceda á revisión das condicións dos títulos demaniais afectados ou, de ser o caso, ao seu rescate, estes seguirán suxeitos ás condicións de outorgamento sen que se poida conceder prórroga do prazo de duración, nin autorizar modificacións ou transmisións da súa titularidade ata que se dea cumprimento ao estipulado no punto anterior.

Artigo 55. Actividades, instalacións e construcións permitidas

1. Na zona de servizo portuaria só se poderán levar a cabo actividades, instalacións e construcións acordes cos usos portuarios e de sinalización marítima, consonte o establecido nesta lei, na normativa estatal de aplicación e nas normas que a desenvolvan.

2. Para tal efecto, teñen a consideración de usos portuarios os seguintes:

a) O uso de infraestrutura básica asignado a diques e vieiros.

b) Os usos comerciais, entre os cales figuran os relacionados co intercambio entre modos de transporte, os relativos ao desenvolvemento de servizos portuarios e outras actividades portuarias comerciais.

c) Os usos pesqueiros.

d) Os usos náutico-deportivos.

e) Os usos complementarios ou auxiliares dos anteriores, incluídos os relativos a actividades loxísticas e de almacenaxe e os que correspondan a empresas industriais ou comerciais que xustifiquen a localización no porto pola súa relación co tráfico portuario, polo volume dos tráficos marítimos que xeran ou polos servizos que prestan ás persoas usuarias do porto.

f) Os usos necesarios para levar a cabo o transporte das persoas usuarias do transporte marítimo competencia da Comunidade Autónoma.

3. Nos terreos da zona de servizo portuaria que non reúnan as características naturais de bens de dominio público marítimo-terrestre definidos no artigo 3 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, poderanse admitir outros usos non estritamente portuarios, tales como equipamentos culturais, recreativos, certames feirais, exposicións e outras actividades comerciais e industriais non portuarias, sempre que resulten compatibles cos usos antes definidos, que non se prexudique globalmente o desenvolvemento futuro do porto e das operacións de tráfico portuario e mais que se axusten ao establecido no planeamento urbanístico en vigor, así como ao previsto na normativa de costas en materia de protección do dominio público marítimo-terrestre adscrito.

Artigo 56. Réxime de prohibicións

1. Están prohibidas aquelas ocupacións e utilizacións do dominio público portuario que se destinen a edificacións para residencia ou habitación, a tendido aéreo de liñas eléctricas de alta tensión e a publicidade a través de carteis ou valados, medios acústicos ou audiovisuais. Permitirase a publicidade nos termos establecidos na lexislación reguladora de costas.

2. Conforme a normativa de costas, excepcionalmente, e por razóns de utilidade pública debidamente acreditadas, a consellaría competente en materia de portos, logo da proposta de Portos de Galicia, poderá solicitar do Consello de Ministros que levante a prohibición de instalacións hoteleiras nos espazos de dominio público portuario destinados a usos complementarios, para o que tales usos hoteleiros deberán acomodarse ao plan especial de ordenación do porto. As citadas instalacións non poderán situarse nos primeiros 20 metros medidos terra adentro a partir do límite interior da ribeira do mar ou do cantil do peirao.

3. Conforme a normativa de costas, cando se aprecien circunstancias excepcionais e de utilidade pública, a consellaría competente en materia de portos, logo da proposta de Portos de Galicia, poderá solicitar dos órganos da Administración xeral do Estado que posúan as competencias sobre a materia a autorización para o tendido aéreo de liñas eléctricas de alta tensión.

4. Portos de Galicia poderá autorizar a publicidade exterior para actividades deportivas, sociais e culturais que ocasionalmente se desenvolvan no dominio público portuario nos termos previstos na normativa en materia de costas.

5. Agás que medie a autorización prevista no artigo 30.b), queda prohibido o desenvolvemento de actividades marisqueiras e pesqueiras nas augas interiores do porto constitutivas da zona I.

CAPÍTULO II
Utilización do dominio público portuario

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 57. Utilización do dominio público portuario

1. A utilización do dominio público portuario rexerase polo establecido nesta lei, na súa normativa de desenvolvemento e na normativa estatal que resulte aplicable, e estará baseada no principio de desenvolvemento sustentable e respecto á normativa ambiental.

2. A utilización do dominio público portuario para usos que teñan especiais circunstancias de exclusividade, intensidade, perigo ou rendibilidade exixirá o outorgamento da correspondente autorización ou concesión.

3. Toda utilización do dominio público portuario deberá ser compatible coa planificación existente e congruente cos usos e fins propios deste. Portos de Galicia conserva en todo momento as facultades de control e de policía co fin de garantir o uso axeitado do dominio público portuario.

Para estes efectos, a persoa titular dunha autorización ou concesión de ocupación demanial ou dunha autorización para o desempeño de actividades comerciais, industriais ou de servizos queda obrigada a informar das incidencias que se produzan e a cumprir as instrucións que dite Portos de Galicia.

4. As autorizacións e concesións outorgadas ao abeiro desta lei non eximen as persoas titulares delas de obter os permisos, as licenzas e as demais autorizacións exixidos por outras disposicións legais. Porén, a obtención destes con anterioridade á do título administrativo exixible conforme esta lei non presupoñerá, en ningún modo, a obtención deste último, e a súa eficacia quedará demorada ata o outorgamento do título en cuestión.

5. Cando algún órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou calquera organismo ou entidade vinculada ou dependente dela requira a utilización do dominio público portuario, solicitará de Portos de Galicia os bens de dominio público necesarios, quen autorizará a dita utilización sempre que sexa compatible coa normal explotación do porto e durante o tempo que sexa preciso, para o que deberá subscribir o correspondente convenio, no cal se establecerán as condicións da utilización e incluirán as taxas que, se é o caso, procedan e os custos que debe asumir aquel.

Cando sexa precisa a utilización do dominio público portuario por algún órgano da Administración xeral do Estado, polas entidades que integran a Administración local ou por calquera organismo ou entidade dependente de calquera delas para a súa dedicación a un uso ou servizo da súa competencia, procederase de acordo co establecido no parágrafo anterior.

Sección 2ª. Autorizacións

Artigo 58. Clases de autorizacións

Estarán suxeitas á autorización da entidade pública empresarial Portos de Galicia:

a) A utilización das instalacións portuarias polos buques, a pasaxe e as mercadorías, a prestación de servizos portuarios e o exercicio de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza no ámbito portuario, que se rexerá polo establecido nesta lei, na lexislación de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma, no Regulamento de explotación e policía e, de ser o caso, nas ordenanzas portuarias.

b) A ocupación do dominio público portuario con bens mobles ou instalacións desmontables, ou sen eles, por un prazo non superior a catro anos, que se outorgará de acordo co disposto nesta sección.

Artigo 59. Ámbito de aplicación das autorizacións de ocupación do dominio público portuario

1. A ocupación do dominio público portuario por un prazo non superior a catro anos, incluídas as prórrogas, con bens mobles ou instalacións desmontables, ou sen eles, estará suxeita a autorización.

2. As autorizacións outórganse a título de precario, con suxeición ao correspondente prego de condicións xerais que aprobe Portos de Galicia e ás condicións particulares que, se é o caso, se establezan.

3. As autorizacións soamente se poderán outorgar para instalacións, usos e actividades permitidas no dominio público portuario e que se adapten ás determinacións establecidas no plan especial de ordenación do porto ou, no seu defecto, na delimitación dos espazos e dos usos portuarios.

4. As autorizacións outorgaranse con carácter persoal e intransferible inter vivos, agás as de ocupación do dominio público que constitúan soporte dunha autorización de verteduras de terra ao mar.

Artigo 60. Iniciación do procedemento de outorgamento

O procedemento para o outorgamento das autorizacións previstas nesta sección poderase iniciar por solicitude da persoa interesada ou mediante a convocatoria do concurso en réxime de concorrencia. Sempre que por calquera causa se encontre limitado o número de autorizacións, acudirase á convocatoria dun concurso para o efecto.

Artigo 61. Requisitos da solicitude

1. Para que Portos de Galicia resolva sobre o outorgamento dunha autorización de ocupación do dominio público portuario, a persoa interesada deberá formular unha solicitude acompañada da seguinte documentación:

a) Os documentos que acrediten a personalidade e representación da persoa solicitante ou, de ser o caso, das partícipes na comunidade ou entidade sen personalidade xurídica.

b) A descrición detallada da actividade que se vai desenvolver, incluído un estudo económico-financeiro dela, e os datos relativos á prevención de riscos exixible para a actividade de que se trata.

c) De ser o caso, a memoria técnica dos bens ou das instalacións obxecto da autorización, con planos detallados das súas características.

d) A definición da extensión da zona de dominio público portuario que se solicita ocupar, con indicación, se é o caso, da radicación dos bens e das instalacións que se van executar. Incluiranse os planos de conxunto e de detalle necesarios para a determinación precisa destes extremos.

e) O prazo de ocupación pretendido.

f) Os xustificantes que acrediten que se atopa ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

Considérase que a persoa interesada se atopa ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social cando concorran as circunstancias previstas na lexislación básica de contratos do sector público.

g) Adicionalmente, Portos de Galicia poderá solicitar calquera outro documento ou xustificación que considere necesario para resolver fundadamente sobre a solicitude presentada. En aplicación do artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas non terán a obriga de achegar documentos elaborados ou que xa consten en poder da administración.

2. Non poderán ser, en ningún caso, titulares de autorizacións as persoas en quen concorra algunha das prohibicións de contratar previstas na lexislación básica de contratos do sector público.

Cando posteriormente ao outorgamento da autorización a persoa titular incorra nalgunha das prohibicións de contratar producirase a extinción da autorización.

3. Non se admitirán as solicitudes que se opoñan de maneira notoria ao disposto no plan director de infraestruturas, no plan especial de ordenación do porto, na delimitación dos espazos e dos usos portuarios ou na normativa vixente, que se arquivarán no prazo máximo de dous meses sen máis trámite que a audiencia previa á persoa solicitante.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos e estes son susceptibles de emenda, procederase para isto na forma prevista na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 62. Procedemento de outorgamento

1. Portos de Galicia examinará a documentación presentada e determinará a súa adecuación e viabilidade.

2. Solicitaranse informes doutras administracións e organismos cando estes sexan preceptivos ou cando se considere conveniente.

3. Logo do informe dos servizos técnicos competentes e da audiencia da persoa interesada cando proceda, corresponde á persoa titular da Dirección de Portos de Galicia, no caso das autorizacións cun prazo de vixencia superior a dous anos, e á persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia, nos restantes casos, o outorgamento ou a denegación da autorización, con carácter discrecional e sen prexuízo da oportuna motivación consistente nunha ponderación da idoneidade da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver o expediente será de tres meses. Transcorrido este sen que se ditase e notificase unha resolución expresa, a correspondente solicitude entenderase desestimada.

Artigo 63. Concursos

1. Portos de Galicia poderá convocar concursos para o outorgamento de autorizacións de ocupación do dominio público portuario. Sempre que por calquera causa se encontre limitado o número de autorizacións, a convocatoria de concursos para o outorgamento de autorizacións será preceptiva.

2. Portos de Galicia aprobará o prego de bases que rexerá o concurso, que fixará os requisitos de participación, os criterios de adxudicación e a ponderación destes, e mais o prego de condicións polas que ha rexerse a autorización.

3. A convocatoria do concurso publicarase no Diario Oficial de Galicia, e a el poderanse presentar ofertas no prazo establecido, que non pode ser inferior a vinte días naturais. Estas ofertas serán abertas en acto público consonte o establecido no prego de bases do concurso.

4. O concurso resolverao o órgano competente para o outorgamento da autorización.

5. A oferta seleccionada deberase someter á tramitación prevista no artigo anterior para o outorgamento da correspondente autorización.

Artigo 64. Condicións do outorgamento

A autorización deberá conter, polo menos, as seguintes condicións:

a) O obxecto da autorización.

b) As instalacións autorizadas e o prazo de execución destas.

c) O prazo da autorización.

d) A extensión e a zona de dominio público que se autoriza ocupar.

e) As condicións de protección do ambiente e de prevención de riscos que, se é o caso, procedan.

f) De ser o caso, as condicións especiais que deban establecerse nas autorizacións que se outorguen nos espazos afectos a axudas á navegación, entre as cales han figurar, polo menos, aquelas que garantan a eficacia do servizo, os accesos e as medidas de seguridade.

g) De ser o caso, o balizamento marítimo que deba establecerse.

h) As taxas pola ocupación do dominio público portuario.

i) De ser o caso, as garantías que se deben constituír de acordo co previsto no artigo 85.

j) As causas de caducidade conforme o previsto nesta lei.

k) As outras condicións que sexan pertinentes.

Artigo 65. Prórroga das autorizacións

1. As autorizacións que se outorguen por un prazo inferior a catro anos poderán ser expresamente prorrogadas, agás que no propio título se estableza expresamente o contrario, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a suma do prazo inicial unido ao da prórroga ou das prórrogas non exceda do prazo máximo de catro anos.

b) Que a persoa titular estea ao corrente no cumprimento da totalidade das obrigas derivadas da autorización.

2. O outorgamento ou a denegación da prórroga corresponderá á persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia.

Sección 3ª. Concesións

Artigo 66. Ámbito de aplicación

1. A ocupación de bens de dominio público portuario con obras ou instalacións non desmontables ou usos por prazo superior a catro anos estará suxeita á concesión previa outorgada pola entidade pública empresarial Portos de Galicia.

2. As concesións só se poderán outorgar para obras, instalacións ou usos que non sexan incompatibles cos usos portuarios e que non se opoñan ás determinacións establecidas no plan especial de ordenación ou, no seu defecto, na delimitación dos espazos e dos usos portuarios e, de ser o caso, no plan director de infraestruturas, e someteranse ao correspondente prego de condicións xerais para o outorgamento de concesións demaniais que aprobe Portos de Galicia e ás condicións particulares que, se é o caso, se establezan.

3. Toda concesión se entende outorgada sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos preexistentes.

4. Para o outorgamento dunha concesión será preciso que Portos de Galicia teña á súa disposición os terreos e espazos de auga obxecto dela, agás naqueles supostos en que, próxima a data de extinción dunha concesión, se tramite o outorgamento dunha nova sobre os mesmos terreos e espazos de auga, ou cando sexa precisa a execución de obras por Portos de Galicia ou por outra administración previa á posta á disposición. Nestes supostos, o termo inicial da concesión coincidirá coa data efectiva da posta á disposición dos terreos. Non obstante, agás causa xustificada, non poderán transcorrer máis de dous anos desde o acordo de outorgamento da concesión ata a efectiva posta á disposición dos terreos.

5. As concesións de ocupación demanial que sexan soporte para o exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos incorporarán no seu título, ademais das condicións relativas á ocupación do dominio público portuario, as relativas á actividade comercial, industrial ou de prestación do servizo. Neste caso, ambas as relacións serán obxecto dun expediente único e a súa eficacia quedará vinculada reciprocamente.

Artigo 67. Prazo das concesións

1. O prazo das concesións será o que se determine no título correspondente e non poderá ser superior a cincuenta anos. De conformidade coa normativa estatal en materia de costas, en todo caso, o prazo das concesións que se outorguen nos bens adscritos, incluídas as prórrogas, non poderá ser superior ao prazo máximo de vixencia establecido na lexislación estatal para as concesións sobre dominio público portuario nos portos de interese xeral e estará condicionado ao mantemento da adscrición.

Para a súa fixación teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios:

a) A vinculación do obxecto da concesión á actividade portuaria.

b) A dispoñibilidade de espazo de dominio público portuario.

c) O volume do investimento que se vai amortizar e o estudo económico-financeiro.

d) O prazo de execución das obras contidas no proxecto.

e) A adecuación da concesión á planificación e á xestión portuarias.

f) O interese estratéxico para o incremento da actividade que xere para o porto.

g) A vida útil do investimento que vai realizar o concesionario.

Estes criterios poderán desenvolverse e concretarse, para o caso de determinados tipos de usos, mediante normas regulamentarias.

2. O vencemento do prazo das concesións será improrrogable, agás nos seguintes supostos:

a) Cando no título de outorgamento se prevexa expresamente a posibilidade dunha ou varias prórrogas, caso este en que, por petición da persoa titular e a xuízo de Portos de Galicia, poderá ser prorrogado, sen que o prazo inicial unido ao das prórrogas poida superar o prazo máximo de cincuenta anos.

b) Cando no título de outorgamento non se prevexa a posibilidade de prórroga, pero o concesionario leve a cabo un investimento relevante non previsto na concesión que, a xuízo de Portos de Galicia, sexa de interese para a explotación portuaria e que, en todo caso, sexa superior ao dez por cento do valor actualizado do investimento previsto no título concesional, sen que o prazo inicial unido ao das prórrogas poida superar o prazo máximo de cincuenta anos.

En calquera dos dous supostos, a suma dos prazos das prórrogas non poderá ser superior á metade do prazo inicial, e requirirase que transcorrese, cando menos, unha terceira parte do prazo da concesión inicial e que o concesionario se atope ao corrente no cumprimento da totalidade das obrigas derivadas do título concesional.

3. As concesións administrativas que non se adapten á delimitación dos espazos e dos usos portuarios non serán prorrogables e extinguiranse cando remate o prazo inicial previsto no título ou, se é o caso, o da prórroga que estea iniciada no momento de se declarar a súa falta de adaptación a esa delimitación.

4. Naqueles casos en que exista unha vinculación recíproca entre a concesión de ocupación e a autorización de actividade comercial, industrial ou de prestación de servizo, o vencemento do prazo da concesión de ocupación demanial deberá coincidir co da autorización da actividade ou do servizo.

5. O outorgamento da prórroga poderá determinar a modificación das condicións da concesión administrativa, en particular coa adaptación das taxas á normativa vixente, que deberán ser expresamente aceptadas polo concesionario con anterioridade á resolución do outorgamento da prórroga, ben que non implicará a reversión das instalacións e da superficie ocupada pola concesión.

Artigo 68. Iniciación do procedemento de outorgamento de concesións

1. O procedemento de outorgamento dunha concesión poderase iniciar por solicitude da persoa interesada, incluíndo un trámite de competencia de proxectos, ou por concurso convocado para o efecto pola entidade pública empresarial Portos de Galicia.

2. Malia o previsto no punto anterior, Portos de Galicia poderá acordar o outorgamento directo de concesións a unha persoa solicitante nos seguintes supostos:

a) Cando quen a solicita sexa un órgano ou unha entidade de calquera administración pública para o cumprimento dos fins da súa competencia, sempre que se trate de usos ou actividades que pola súa relación directa coa actividade portuaria deban desenvolverse necesariamente dentro dese espazo.

b) Cando fose declarado deserto o concurso convocado para o outorgamento dunha concesión ou este resultase falido como consecuencia do incumprimento das obrigas previas á formalización do outorgamento por parte da persoa adxudicataria, sempre que non transcorrese máis dun ano desde a data da súa realización, o obxecto concesional sexa o mesmo e as condicións de outorgamento non sexan inferiores ás anunciadas para o concurso ou daquelas nas cales se producise a adxudicación. No caso de que o concurso resultase falido, cando exista máis dun licitador no concurso que cumpra as condicións de outorgamento, a concesión outorgarase á oferta que resulte máis favorable de entre as restantes, de acordo co disposto no prego de bases do concurso. No caso de que o concurso fose declarado deserto, non se poderá outorgar a concesión en condicións máis favorables das previstas no prego de bases do concurso.

c) Cando a superficie que vaia ocupar a concesión sexa inferior a 2.500 metros cadrados ou para instalacións lineais, tales como tubaxes de abastecemento, saneamento, emisarios submarinos, liñas telefónicas ou eléctricas e conducións de gas, entre outras.

Artigo 69. Requisitos da solicitude

1. Para que a entidade pública empresarial Portos de Galicia resolva sobre o outorgamento dunha concesión de ocupación do dominio público portuario, a persoa interesada deberá formular unha solicitude á cal se xuntarán os seguintes documentos e xustificantes:

a) A documentación que acredite a personalidade ou representación da persoa solicitante ou, se é o caso, das partícipes na comunidade ou entidade sen personalidade xurídica.

b) Os comprobantes que acrediten que se atopa ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

Considérase que a persoa interesada se atopa ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social cando concorran as circunstancias previstas na lexislación básica de contratos do sector público.

c) A documentación que acredite a solvencia económica, técnica e profesional para facer fronte ás obrigas resultantes da concesión, de acordo co disposto na lexislación básica de contratos do sector público sobre os medios de acreditación destas solvencias.

d) O proxecto básico, que non se poderá opoñer ao plan especial de ordenación da zona de servizo do porto ou, no seu defecto, á delimitación dos espazos e dos usos portuarios. Este incluirá a descrición das actividades que se van desenvolver, as características das obras e instalacións que se van realizar, os posibles efectos ambientais e, se é o caso, o estudo de impacto ambiental, a extensión da zona de dominio público portuario que se vai ocupar, o orzamento estimado total das obras e instalacións e mais aquelas outras especificacións que determine Portos de Galicia. No caso de outorgamento da concesión, o concesionario deberá presentar, no prazo que se lle indique nas condicións da concesión, o proxecto de execución correspondente.

e) O estudo económico-financeiro da actividade que se vai desenvolver na concesión, co contido mínimo seguinte:

1º) A relación de ingresos estimados para cada ano do prazo concesional, coas tarifas que debe aboar o público e, se é o caso, a descomposición dos seus factores constitutivos como base para futuras revisións.

2º) A relación de gastos para cada ano do prazo concesional, na cal se incluirán os de proxectos e obras e os das taxas portuarias e mais outros tributos por satisfacer, así como os de conservación, consumos enerxéticos, de persoal e restantes necesarios para a explotación.

3º) A avaliación da rendibilidade neta, antes de impostos.

f) O comprobante, de ser o caso, do cumprimento das condicións específicas para o exercicio da actividade obxecto da concesión.

g) A garantía provisional consonte o indicado no artigo 84.

En aplicación do artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas non terán a obriga de achegar documentos elaborados ou que xa consten en poder da administración.

2. Non poderán ser, en ningún caso, titulares de concesións as persoas en quen que concorra algunha das prohibicións de contratar previstas na lexislación básica de contratos do sector público.

Cando, posteriormente ao outorgamento da concesión, a persoa titular incorra nalgunha das prohibicións de contratar producirase a extinción da concesión.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos e estes son susceptibles de emenda, procederase para isto na forma prevista na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

4. As solicitudes que, a xuízo de Portos de Galicia, non sexan viables tecnicamente de modo manifesto ou se opoñan de forma clara aos usos portuarios e ao disposto no plan especial, no plan director, na delimitación dos espazos e dos usos portuarios ou na normativa vixente, ou cando como consecuencia do seu outorgamento poidan orixinarse dentro do porto situacións de dominio do mercado susceptibles de afectaren a libre competencia na prestación dos servizos portuarios ou na prestación de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza directamente relacionadas coa actividade portuaria, non serán admitidas e arquivaranse no prazo máximo de dous meses sen máis trámite que a audiencia previa á persoa peticionaria.

Artigo 70. Procedemento de outorgamento

1. Ao se presentar unha solicitude de concesión, a entidade pública empresarial Portos de Galicia procederá á confrontación do proxecto co fin de determinar a súa adecuación e viabilidade.

2. Para continuar coa tramitación, a entidade pública empresarial Portos de Galicia abrirá un trámite de información pública no Diario Oficial de Galicia durante un prazo non inferior a vinte días hábiles co fin de que se poidan presentar alegacións sobre a solicitude de concesión que se tramita. Os gastos do anuncio serán por conta da persoa solicitante.

No trámite de información pública indicarase a posibilidade de que se presente outra ou outras solicitudes cos requisitos establecidos nesta lei para unha solicitude de concesión, que afecten o mesmo espazo demanial solicitado e que, de acordo co que determine a entidade pública empresarial Portos de Galicia, teñan o mesmo ou distinto obxecto.

De se presentar outra ou outras solicitudes, Portos de Galicia decidirá se opta por convocar un concurso ou por seguir a tramitación das distintas solicitudes en competencia de conformidade co procedemento previsto neste artigo e ata que remate a instrución. De optar por seguir unha tramitación en competencia, abrirase un novo trámite de información pública, e os gastos deste novo anuncio correrán por conta das novas persoas solicitantes.

3. Simultaneamente ao trámite de información pública solicitaranse informes ás administracións públicas competentes, e en particular aos concellos e a aqueles órganos da Administración xeral do Estado ou da Comunidade Autónoma, en función da materia e das competencias implicadas polo obxecto da concesión.

Poderase prescindir do trámite de información pública para concesións que teñan como obxecto a utilización total ou parcial de edificacións existentes, sempre que non se modifique a súa arquitectura exterior e sexa para usos autorizados no plan especial de ordenación da zona de servizo do porto ou, no seu defecto, na delimitación dos espazos e dos usos portuarios.

O prazo máximo para a emisión dos informes solicitados será dun mes, e respecto dos informes da Administración autonómica e municipal entenderase en sentido favorable de transcorrer o dito prazo sen que se emitise o informe de forma expresa.

4. O trámite de información pública poderase realizar conxuntamente co concernente ao procedemento de avaliación de impacto ambiental nos casos en que sexa preceptivo este e de acordo co establecido na normativa ambiental.

5. Logo de se instruír o procedemento, poñerase de manifesto á persoa ou ás persoas interesadas, para os efectos de que, nun prazo non inferior a dez días nin superior a quince días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificantes que consideren pertinentes.

6. Ao finalizar o anterior trámite, emitirase unha proposta de resolución, na que se analizará a procedencia da solicitude ou das solicitudes de concesión e propoñerán, se é o caso, as condicións particulares que xunto coas recollidas no prego xeral van rexer a concesión. Naqueles proxectos que, de acordo coa lexislación vixente, se deban someter a algún tipo de avaliación de impacto ambiental, a proposta de resolución será posterior ao pronunciamento do órgano ambiental.

7. Cando se tramiten solicitudes en competencia, someteranse todas elas á tramitación indicada nos puntos anteriores, e neste caso a proposta de resolución efectuará unha valoración motivada das distintas solicitudes atendendo os criterios de maior interese portuario, motivado na captación de novos tráficos, compatibilidade con outros usos, investimento, rendibilidade, necesidades da explotación portuaria e outros criterios que deberán constar expresamente recollidos no anuncio correspondente ao trámite de información pública. A proposta de resolución seleccionará unha das solicitudes de acordo coa orde resultante da valoración. No caso de igualdade na valoración das solicitudes terase en conta a prioridade na presentación.

8. A proposta de resolución debidamente motivada será remitida á persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia para a resolución que proceda.

No caso de que a proposta de resolución sexa favorable ao outorgamento da concesión, comunicaranse á persoa solicitante as condicións en que podería serlle outorgada aquela, e a persoa interesada dispón dun prazo non inferior a dez días nin superior a quince días para manifestar se as acepta. De non facer ningunha manifestación en tal prazo ou non aceptar as condicións ofertadas, declararase concluído o expediente por desistencia da persoa solicitante, e procederase ao seu arquivo e a decretar a perda da garantía constituída.

No caso de seren aceptadas as condicións no prazo estipulado, a persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia resolverá discrecionalmente sobre o outorgamento da concesión, coa ponderación da idoneidade da solicitude.

9. Se como consecuencia do trámite de aceptación das condicións previsto no punto anterior a persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia acorda a modificación dalgunha das condicións ofertadas, estas someteranse a unha nova aceptación nos termos previstos no punto anterior.

10. No caso de tramitación de solicitudes en competencia, se a persoa peticionaria seleccionada desiste de continuar coa tramitación do expediente con anterioridade a que se emita a resolución de outorgamento, poderanse ofrecer condicións a quen figure deseguido na orde de valoración contida na da proposta de resolución. Neste caso a persoa peticionaria que desiste non ten o dereito ao aboamento dos gastos que se mencionan no seguinte punto.

11. No caso de tramitación de solicitudes en competencia, a primeira persoa solicitante terá dereito, de non se lle outorgar a concesión, ao aboamento dos gastos do proxecto, que serán satisfeitos pola persoa solicitante seleccionada; neste sentido é necesario constatar este aboamento con carácter previo ao outorgamento do título.

No caso de discrepancia sobre os custos, procederase á súa taxación executiva por Portos de Galicia.

12. Se o concesionario impugna as cláusulas que foron aceptadas por el, a administración estará facultada para declarar extinguido o título, agás cando aquelas fosen declaradas ilegais.

13. Nun prazo non superior a trinta días, contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución de outorgamento da concesión, deberase remitir ao Diario Oficial de Galicia, para a súa publicación, un anuncio no cal se dea conta do dito outorgamento, e que conterá, como mínimo, a información relativa ao obxecto, ao prazo, ao investimento que hai que realizar, ás taxas, á superficie concedida e á persoa titular da concesión.

14. O prazo máximo para resolver o expediente será de oito meses. Transcorrido este sen que se ditase e notificase unha resolución expresa, a correspondente solicitude entenderase desestimada.

Artigo 71. Concursos

1. Portos de Galicia poderá convocar concursos para o outorgamento de concesións no dominio público portuario. En calquera caso, deberase convocar concurso nos seguintes supostos:

a) Nas concesións que sexan base para a prestación de servizos portuarios especiais cando neste último caso se limite o número de prestadores.

b) Nas concesións de portos e instalacións náutico-deportivas, construídos ou non por particulares, agás cando quen o solicite sexa un club náutico ou outro deportivo sen fins lucrativos, sempre neste caso que as condicións da concesión establezan unha limitación do vinte por cento para o número de atracadas destinadas a embarcacións con eslora superior a 12 metros.

2. Se o concurso se convoca durante a tramitación dunha solicitude de concesión, a convocatoria supoñerá o arquivo do expediente en tramitación que resulte afectado, e a persoa ou as persoas solicitantes terán dereito ao aboamento dos gastos do proxecto de non resultaren adxudicatarias do concurso.

Os gastos do proxecto serán taxados nas bases do concurso e serán satisfeitos pola persoa adxudicataria.

Cando se estean a tramitar dúas ou máis solicitudes en competencia, só terá dereito ao aboamento dos gastos do proxecto no caso de non ser adxudicataria do concurso a primeira persoa solicitante.

3. A entidade pública empresarial Portos de Galicia aprobará o prego de bases do concurso e o prego de condicións que rexerán o desenvolvemento da concesión.

4. O prego de bases do concurso conterá, cando menos, os seguintes extremos:

a) O obxecto da concesión e os requisitos para participar no concurso.

b) Os criterios para a súa adxudicación e a ponderación destes.

c) As garantías que se deben constituír.

d) O prazo da concesión.

e) As taxas que hai que satisfacer.

5. A convocatoria do concurso publicarase no Diario Oficial de Galicia, e poderanse presentar ofertas no prazo establecido, que non poderá ser inferior a trinta días naturais. As ofertas serán abertas nun acto público.

6. A competencia para resolver o concurso corresponde á persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia.

7. A oferta seleccionada deberase someter á tramitación prevista no artigo anterior para o outorgamento, se é o caso, da correspondente concesión.

8. Cando un concurso sexa declarado deserto ou este resulte falido como consecuencia do incumprimento das súas obrigas por parte do adxudicatario ou da adxudicataria, non será necesario convocar un novo concurso, podendo Portos de Galicia tramitar a concesión por instancia dun interesado sempre que non transcorrese máis dun ano desde a data da realización do concurso, que o obxecto concesional sexa o mesmo e que as condicións de outorgamento non sexan inferiores ás anunciadas para o concurso ou a aquelas en que se producise a adxudicación.

Artigo 72. Condicións do outorgamento

1. Entre as condicións do outorgamento da concesión deberán figurar, polo menos, as seguintes:

a) O obxecto da concesión.

b) O prazo de vixencia e, se é o caso, a posibilidade de prórroga.

c) A extensión e a zona de dominio público que se concede, coa distinción, de ser o caso, dos distintos tipos de superficie.

d) O proxecto básico das obras ou instalacións autorizadas, coas prescricións que se fixen, e con inclusión, no caso de ocupación de espazos de auga, do balizamento que deba establecerse se é preciso.

e) O prazo de inicio e remate das obras.

f) O plan de conservación das instalacións.

g) As condicións de protección do ambiente que, se é o caso, procedan, coa inclusión das necesarias medidas correctoras e, no caso de que sexan preceptivas, das condicións ou prescricións establecidas no correspondente pronunciamento da consellaría con competencias en materia de ambiente.

h) As condicións especiais que deban establecerse nas concesións que se outorguen nos espazos afectos ás axudas á navegación, entre as cales deberán figurar, polo menos, as que garantan a eficacia do servizo, a independencia de accesos e as medidas de seguridade.

i) As taxas que correspondan.

j) As garantías que se deben constituír.

k) As causas de extinción.

l) A actividade ou o tráfico mínimo, de ser o caso.

m) As outras condicións que a entidade pública empresarial Portos de Galicia considere procedente incluír.

2. As obras executaranse conforme o proxecto de construción que en cada caso aprobe Portos de Galicia, que completará o proxecto básico, e que deberá presentar o concesionario no prazo que se lle indique nas condicións da concesión. Os proxectos axustaranse á normativa técnica correspondente vixente en cada momento.

3. Durante a vixencia da concesión, a persoa titular dela virá obrigada a facilitar a información técnica ou económica que lle solicite Portos de Galicia no exercicio das súas competencias, así como a manter en bo estado o dominio público portuario, as obras e as instalacións, debendo realizar ao seu cargo as reparacións que sexan necesarias. Portos de Galicia poderá inspeccionar en todo momento o estado de conservación dos bens obxecto da concesión e sinalar as reparacións que se deban levar a cabo cando estas afecten a conservación dos bens propios do título concesional.

Artigo 73. Modificación das concesións

1. Portos de Galicia, por solicitude de quen sexa titular da concesión, poderá autorizar a modificación das condicións dunha concesión.

Cando a modificación sexa substancial, a solicitude deberase someter ao procedemento establecido no artigo 70 desta lei para o outorgamento de concesións. Se a modificación non é substancial, requirirá unicamente o informe técnico previo da persoa titular da Dirección de Portos de Galicia, que será remitido á persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia para a resolución que proceda.

2. Terán o carácter de modificacións substanciais as seguintes:

a) A modificación do obxecto da concesión.

b) A ampliación da superficie da concesión en máis dun quince por cento da fixada na acta de recoñecemento.

c) A ampliación do volume ou da superficie construída ou da altura máxima en máis dun quince por cento sobre o proxecto autorizado.

d) A modificación da radicación da concesión.

e) A ampliación do prazo da concesión cando o título de outorgamento non prevexa a posibilidade de prórroga, de acordo co previsto no artigo 67.2.

No cómputo dos límites establecidos teranse en conta os valores acumulados das modificacións anteriores.

Artigo 74. Revisión das concesións

1. Portos de Galicia, de oficio ou por solicitude da persoa interesada, poderá revisar as condicións dunha concesión cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Cando se alterasen os supostos determinantes do seu outorgamento, de tal xeito que as circunstancias obxectivas que serviron de base para o outorgamento da concesión variasen de modo que non sexa posible alcanzar substancialmente a finalidade da concesión.

b) No caso de forza maior.

c) Cando o exixa a súa adecuación ao plan director, ao plan especial de ordenación da zona de servizo do porto ou á delimitación dos espazos e dos usos portuarios.

d) Cando o exixa a súa adecuación ás obras que se executen no porto, incluídas as obras que afecten a propia concesión administrativa.

Nestes dous últimos supostos, o concesionario prexudicado terá dereito á indemnización, calculada esta de conformidade co disposto no artigo 83. No suposto de que a revisión supoña o cambio da radicación da concesión, deberán aboarse ademais os gastos que orixine o traslado.

2. Cando a revisión da concesión determine a redución da superficie outorgada, tramitarase como un rescate parcial da concesión. Igualmente, cando a revisión da concesión determine que a continuidade da súa explotación resulta antieconómica, a persoa titular poderá solicitar o rescate total da concesión.

3. Para os efectos do establecido na alínea b) do punto 1, entenderase como casos de forza maior os previstos na lexislación básica de contratos do sector público.

4. O procedemento será o que corresponda, segundo que a modificación sexa ou non substancial.

Artigo 75. División e unificación das concesións

1. As concesións outorgadas para unha pluralidade de usos, con instalacións separables, serán, se for o caso, divisibles, logo da autorización de Portos de Galicia e nas condicións que esta entidade dite.

2. A solicitude de división dirixiraa á entidade pública empresarial Portos de Galicia a persoa titular da concesión primitiva e, de ser o caso, tamén aquelas persoas distintas da titular da concesión administrativa que, de acordo con quen sexa titular desta, estean interesadas en acadar a titularidade das novas concesións.

3. Previamente á resolución sobre a solicitude de división, haberá oferta de condicións á persoa ou ás persoas peticionarias, de quen será precisa a súa aceptación para obter a conformidade á petición. O prazo das novas concesións resultantes da división non poderá ser, en ningún caso, superior ao prazo que reste da concesión primitiva.

4. Logo de aceptarse as condicións, a resolución correspondente será ditada discrecionalmente con ponderación da idoneidade da solicitude pola persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia, co que quedarán, se é o caso, constituídas as novas concesións, que se publicarán nos diarios oficiais correspondentes.

5. No caso de denegación da división, manterase a concesión primitiva nos termos en que foi outorgada.

6. Será admisible a unificación de dúas ou máis concesións dunha mesma persoa titular por petición desta, logo da autorización de Portos de Galicia, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) As concesións deben ser contiguas ou estar unidas por unha instalación común.

b) As concesións deben formar unha unidade de explotación.

Para estes efectos, enténdese que existe unidade de explotación cando as concesións desenvolven a mesma actividade e dispoñen de elementos comúns necesarios para a súa correcta explotación, ou cando, desenvolvendo a mesma actividade, a explotación conxunta das concesións supón unha mellora respecto da explotación independente de cada unha delas.

7. Previamente á resolución sobre a solicitude de unificación, haberá oferta de condicións á persoa peticionaria, de quen será precisa a súa aceptación para obter a conformidade á petición. O prazo que reste da concesión unificada non será superior ao resultante da media aritmética dos prazos pendentes de cada unha das concesións ponderada, a xuízo de Portos de Galicia, pola superficie ou polo volume de investimento pendente de amortización coa actualización correspondente.

8. Logo de aceptarse as condicións, a resolución correspondente será ditada discrecionalmente con ponderación da idoneidade da solicitude de unificación pola persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia, co que quedará, se é o caso, constituída a nova concesión.

9. No caso de denegación da unificación, manterase cada unha das concesións nos termos en que foron outorgadas.

Artigo 76. Renovación de determinadas concesións

1. Cando unha concesión para ocupación do dominio público portuario sirva de soporte para o exercicio dunha actividade extractiva mineira, enerxética, industrial ou pesqueira amparada por un título administrativo outorgado por outra administración, quen teña a súa titularidade poderá solicitar, nos tres meses anteriores ao vencemento do prazo para o que foi concedida, que se lle outorgue unha nova concesión para ocupación do dominio público portuario por un prazo igual ao que reste de vixencia do referido título administrativo, sen que en ningún caso poida exceder do prazo máximo previsto no artigo 67.1.

2. Para o outorgamento da nova concesión de utilización do dominio público será condición necesaria que se manteña a mesma actividade para a que se lle outorgou a concesión inicial, que se encontre o concesionario ao corrente no cumprimento das obrigas derivadas da anterior concesión e que sexan aceptadas as condicións do novo título concesional.

3. A extinción anticipada do título de explotación mineira, enerxética, industrial ou pesqueira implicará igualmente a extinción da concesión de utilización do dominio público portuario.

Artigo 77. Actos de transmisión e de gravame das concesións

1. Logo da autorización de Portos de Galicia, as concesións poderanse transmitir por actos inter vivos, subrogándose a nova persoa titular nos dereitos e nas obrigas derivados da concesión.

Estas transmisións deberanse formalizar en escritura pública, da que as partes remitirán unha copia a Portos de Galicia no prazo dun mes desde o seu outorgamento.

2. Portos de Galicia poderá exercer os dereitos de tenteo e retracto no prazo de tres meses. Este prazo computarase, no primeiro caso, desde a presentación a Portos de Galicia da solicitude de transmisión, na que deberán figurar as condicións coas que se vai proceder a transmitir a concesión, entre as cales necesariamente han reflectirse as relativas ao prezo e á forma de pagamento, e no caso de retracto, desde que Portos de Galicia teña coñecemento da transmisión.

3. Para que Portos de Galicia autorice a transmisión dunha concesión deberanse cumprir as seguintes condicións:

a) Que o concesionario se atope ao corrente no cumprimento de todas as obrigas derivadas da concesión.

b) Que a nova persoa titular reúna todos os requisitos exixidos para o exercicio da actividade ou a prestación do servizo obxecto da concesión.

c) Que desde a data de outorgamento transcorrese, cando menos, un prazo de dous anos. Excepcionalmente, Portos de Galicia poderá autorizar a transmisión antes de que transcorra o devandito prazo, sempre que se executase como mínimo un cincuenta por cento das obras que, se é o caso, fosen aprobadas.

d) Que non se orixinen situacións de dominio de mercado susceptibles de afectar a libre competencia dentro do porto na prestación dos servizos portuarios especiais ou nas actividades e nos servizos comerciais directamente relacionados coa actividade portuaria.

4. No caso de falecemento da persoa titular, as persoas sucesoras dela, a título de herdanza ou legado, poderán subrogarse nos dereitos e nas obrigas daquela no prazo máximo dun ano desde o falecemento. Ao transcorrer o dito prazo sen manifestación expresa á entidade pública empresarial Portos de Galicia, entenderase que renuncian á concesión.

A transmisión mortis causa exixirá unha resolución expresa, logo da comprobación do cumprimento polas persoas sucesoras que pretendan subrogarse dos requisitos exixidos para a prestación do servizo ou para o exercicio da actividade obxecto da concesión. De non cumprir tales requisitos, as novas persoas titulares da concesión deberán transmitila, no prazo dun ano, a un novo concesionario que, para estes efectos, non presente limitación ningunha.

5. Nos supostos de remate xudicial, administrativo ou adxudicación de bens por falla de pago de créditos hipotecarios, o novo concesionario deberase subrogar nas obrigas derivadas da concesión do antigo titular, e cando non reúna os requisitos para o exercicio da actividade ou prestación do servizo obxecto da concesión deberá proceder, nun prazo dun ano, á súa transmisión a unha nova persoa titular que cumpra os requisitos exixidos.

Portos de Galicia poderá exercer o dereito de retracto nun prazo de tres meses, que se contará desde a data en que teña coñecemento expreso dos citados supostos.

6. O alleamento das accións, participacións ou cotas dunha sociedade, comunidade de bens ou outros entes sen personalidade xurídica que teñan como actividade principal a explotación da concesión considerarase unha transmisión da concesión, para o que se exixirá a autorización previa de Portos de Galicia, sempre que o cambio de titularidade das accións ou cotas de participacións supoña unha substitución nos socios ou accionistas membros que o fosen no intre do outorgamento da concesión nunha porcentaxe igual ou superior ao cincuenta por cento do capital social ou do valor total das achegas en diñeiro, bens e dereitos, no caso de comunidades de bens ou entes sen personalidade xurídica, ou cando ese cambio poida supoñer que a persoa adquirente obteña unha posición que lle permita influír de maneira efectiva na xestión ou no control da dita sociedade ou comunidade.

7. No suposto de que a concesión teña por obxecto a prestación dun servizo portuario en réxime de competencia ou o desenvolvemento dunha actividade ou servizo comercial directamente relacionado coa actividade portuaria, a transmisión non poderá ser autorizada cando a persoa adquirente sexa titular dunha concesión co mesmo obxecto, ou teña unha participación directa ou indirecta que lle permita influír de maneira efectiva nunha sociedade ou comunidade titular dunha concesión na que o obxecto sexa o mesmo, sempre que teña unha posición dominante na actividade obxecto da concesión dentro do porto ou cando como consecuencia da adquisición a poida adquirir.

Para os efectos desta lei, considérase posuidora dunha posición dominante nun porto ou nunha actividade deste a persoa física ou xurídica que represente unha cota do mercado superior ao sesenta por cento.

8. Se a sociedade titular cambia de denominación social, estará obrigada a notificalo a Portos de Galicia.

9. A constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sobre as concesións deberá ser previamente autorizada por Portos de Galicia.

10. En calquera dos supostos anteriores, a transmisión non será eficaz fronte á administración ata que non teña lugar o recoñecemento e a subrogación expresa por parte da nova ou das novas persoas titulares no cumprimento das condicións establecidas na concesión.

Artigo 78. Cesión do uso parcial das concesións

1. O título concesional poderá establecer as condicións baixo as que a persoa concesionaria poida ceder a unha terceira persoa o uso parcial da concesión, logo da autorización de Portos de Galicia.

2. Para que Portos de Galicia autorice a cesión do uso parcial dunha concesión, deberanse cumprir as seguintes condicións:

a) Que a persoa concesionaria se atope ao corrente no cumprimento de todas as obrigas derivadas da concesión.

b) Que a persoa cesionaria reúna todos os requisitos exixidos para o exercicio da actividade ou a prestación do servizo para o cal se realiza a cesión.

c) Que non se orixinen situacións de dominio de mercado susceptibles de afectar a libre competencia dentro do porto na prestación dos servizos portuarios especiais ou nas actividades e nos servizos comerciais directamente relacionados coa actividade portuaria.

3. En ningún caso serán autorizadas cesións da persoa cesionaria a favor de terceiras persoas.

Artigo 79. Inscrición no rexistro

As concesións poderán inscribirse no Rexistro da Propiedade. A inscrición e a cancelación da inscrición levaranse a cabo de acordo co previsto na lexislación hipotecaria.

Artigo 80. Renuncia parcial á concesión

O concesionario poderá renunciar en calquera momento á ocupación da parte do dominio público portuario incluída no perímetro da concesión que non resulte necesaria para o seu obxecto, coa conformidade de Portos de Galicia.

Artigo 81. Ocupación temporal e expropiación forzosa de bens e dereitos

1. O outorgamento dunha concesión, sempre que non estea aprobada a delimitación dos espazos e dos usos portuarios ou o plan director de infraestruturas no porto ou nos portos de que se trate, poderá implicar a declaración de utilidade pública pola consellaría competente en materia de portos para os efectos da ocupación temporal ou a expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados polo obxecto daquela.

2. A necesidade de ocupación temporal ou de expropiación forzosa de bens e dereitos afectados polo obxecto da concesión poderá ser solicitada en forma xustificada pola persoa peticionaria desta.

3. A consellaría competente en materia de portos, por proposta de Portos de Galicia, poderá así mesmo declarar, de oficio e de forma motivada, a necesidade da incorporación, temporal ou permanente, ao dominio público obxecto da solicitude, de terreos privados estremeiros que non sexan da propiedade da persoa peticionaria.

4. Será a cargo do concesionario o aboamento total do prezo xusto pola expropiación ou a ocupación necesarias para a concesión.

5. Os bens e os dereitos expropiados incorporaranse ao dominio público portuario desde a súa ocupación na forma prevista no título concesional, sen que o concesionario estea obrigado ao aboamento das taxas de ocupación polos terreos expropiados á súa custa para a incorporación á concesión.

Artigo 82. Terreos e obras incorporados polos concesionarios

1. Os terreos e as obras que os concesionarios incorporen para completar a superficie dunha concesión de dominio público portuario quedarán vinculados e integraranse na concesión administrativa cando así se estableza nas cláusulas da concesión, sen que para estes efectos proceda o pagamento das taxas de ocupación polos terreos e as obras que se incorporen.

2. Unha vez extinguida a concesión, a non ser que se estableza outra cousa no título da concesión, os ditos terreos e obras reverterán ao seu propietario ou propietaria sempre que resulten separables das instalacións situadas dentro do dominio público portuario e que este non experimente ningún prexuízo.

Artigo 83. Rescate das concesións

1. No caso de que o dominio público portuario outorgado en concesión sexa necesario, total ou parcialmente, para a execución de obras, para a prestación de servizos portuarios ou para a execución de calquera dos instrumentos aprobados de ordenación portuaria, e para realizar estas actuacións sexa preciso dispoñer dos bens outorgados en concesión ou utilizar ou derruír as obras autorizadas, non sendo posible a revisión das condicións da concesión, Portos de Galicia, logo da indemnización á persoa titular, poderá proceder ao rescate da concesión.

2. O rescate da concesión exixirá a declaración previa de utilidade pública das obras ou dos servizos e o acordo da necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados por aqueles.

3. A declaración de utilidade pública e o acordo de necesidade da ocupación, con declaración de urxencia da ocupación, se é o caso, corresponderá ao conselleiro ou á conselleira competente en materia de portos, por proposta de Portos de Galicia.

4. A utilidade pública e a necesidade de ocupación entenderanse implícitas coa aprobación dos plans directores e da delimitación dos espazos e dos usos portuarios e mais coa aprobación definitiva destes instrumentos.

5. A utilidade pública e a necesidade de ocupación entenderanse implícitas coa aprobación definitiva dos proxectos de obras.

6. Cando o rescate implique a necesidade de ocupación de só unha parte da concesión, de tal xeito que como consecuencia del resulte antieconómica para o concesionario a explotación da parte non rescatada, a persoa titular poderá solicitar de Portos de Galicia o seu rescate total.

7. Portos de Galicia e a persoa titular da concesión poderán convir o valor do rescate.

No suposto de non chegar a un acordo, o valor de rescate será fixado por Portos de Galicia de conformidade cos criterios establecidos no punto 9 deste artigo. Esta valoración será notificada ao concesionario co fin de que, no prazo de dez días, presente as alegacións que xulgue oportunas.

8. No caso de oposición pola persoa titular da concesión, pedirase informe previo preceptivo do Consello Consultivo de Galicia, e finalmente resolverá o que proceda o Consello da Xunta.

9. A valoración das concesións para efectos de indemnización, no caso de rescate total ou parcial, atenderá os seguintes conceptos:

a) O valor das obras e instalacións rescatadas que fosen realizadas polo concesionario e estean establecidas no título concesional, calculado sobre a base de criterios de mercado, e o valor da súa depreciación anual.

Estes valores, que serán aprobados por Portos de Galicia, permanecerán constantes durante o período concesional, e a eles non lles será aplicable ningún factor de actualización de custos. En calquera caso, non se terán en conta as obras e as instalacións realizadas polo concesionario sen a previa autorización de Portos de Galicia, que pasarán ao dominio público portuario sen dereito a indemnización, agás que Portos de Galicia ordene o seu levantamento ou demolición á custa do concesionario.

b) A perda de beneficios imputables ao rescate total ou parcial da concesión durante o período de concesión restante, cun máximo de tres anualidades, debidamente xustificados coas declaracións presentadas para efectos fiscais. Para iso computarase o beneficio medio anual das actividades ordinarias realizadas na concesión nos catro exercicios anteriores, ou nos dous últimos exercicios de ser máis favorable para o concesionario.

10. O pagamento do valor do rescate poderase realizar en diñeiro, mediante o outorgamento doutra concesión ou, no caso de rescate parcial, coa modificación das condicións da concesión. Nestes dous últimos supostos requirirase a conformidade do concesionario.

Artigo 84. Garantía provisional e garantía definitiva

1. As persoas peticionarias de concesións de ocupación de dominio público portuario reguladas nesta lei acreditarán perante Portos de Galicia, ao presentaren a solicitude, a constitución dunha garantía provisional por un importe do dous por cento do orzamento total da execución das obras e instalacións, incluídos os impostos, que pretenden realizar no dominio do que se trate, e, como mínimo, de 1.000 euros.

2. Ao outorgarse a concesión, constituirase a garantía definitiva ou de construción, equivalente ao cinco por cento do orzamento total da execución das obras e instalacións, impostos incluídos, que responderá da execución das obras e do resto das obrigas derivadas da concesión ata a constitución da garantía de explotación prevista no artigo 85.

3. Se o concesionario non constitúe a garantía definitiva no prazo establecido no título administrativo, entenderase que renuncia á concesión.

4. A garantía definitiva poderase constituír, por elección do concesionario, elevando a provisional ao cinco por cento.

5. De o interesado desistir inxustificadamente, a xuízo de Portos de Galicia, da petición ou renunciar ao título, perderá a garantía constituída.

6. A garantía definitiva ou de construción será devolta ao concesionario no prazo dun mes, contado desde a aprobación do recoñecemento das obras e instalacións, agás nos casos de renuncia e caducidade, coa dedución das cantidades que, de ser o caso, deban facerse efectivas en concepto de penalizacións e responsabilidades en que incorrese o concesionario fronte a Portos de Galicia.

Previamente á devolución desta garantía deberase constituír a garantía de explotación.

Sección 4ª. Disposicións comúns a autorizacións e concesións

Artigo 85. Garantía de explotación

1. A garantía de explotación responderá de todas as obrigas derivadas da concesión, das sancións que por incumprimento das condicións desta se poidan impoñer á persoa titular dela e mais dos danos e perdas que tales incumprimentos poidan ocasionar.

2. A garantía de explotación determinarase en función do importe anual das taxas que debe aboar o concesionario, non podendo ser inferior á metade nin superior ao importe anual destas, e deberase actualizar cada cinco anos en función do importe das taxas na data de actualización.

3. A garantía de explotación será devolta á extinción da concesión, con dedución das cantidades que, de ser o caso, deban facerse efectivas en concepto de penalización ou responsabilidades en que puido incorrer o concesionario fronte a Portos de Galicia, agás nos casos de caducidade, nos cales será incautada.

Artigo 86. Disposicións comúns ás garantías

1. As garantías a que se refire esta lei constituiranse á disposición da persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia, serán de carácter solidario respecto do obrigado principal, coa inclusión da renuncia expresa aos beneficios de orde, división e excusión, de natureza irrevogable e de execución automática ao primeiro requirimento por resolución da persoa titular da Dirección ou da Presidencia. Para facer efectivas estas garantías, Portos de Galicia terá a preferencia prevista na normativa de aplicación.

2. Se Portos de Galicia executa total ou parcialmente a garantía definitiva ou a de explotación, o concesionario ou a persoa titular da autorización estará obrigado a completalas ou repoñelas no prazo dun mes.

Artigo 87. Seguros

Para o outorgamento de autorizacións e concesións Portos de Galicia poderá exixir a contratación de pólizas de seguros de responsabilidade civil para a cobertura de riscos que garantan as responsabilidades de todo tipo que poidan derivar do exercicio da actividade autorizada. Os criterios para establecer os límites das pólizas, en función do tipo de actividade e do risco inherente a esta, aprobaraos o Consello Reitor de Portos de Galicia, por proposta da persoa titular da Presidencia.

A exixencia desta garantía deberá ser proporcionada en termos de risco asegurado, fixación da suma asegurada ou límite da garantía.

Artigo 88. Causas de extinción das autorizacións e concesións

As autorizacións e as concesións extinguiranse por:

a) O vencemento do prazo de outorgamento.

b) A revisión de oficio, nos supostos establecidos na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

c) A concorrencia sobrevida na persoa titular dalgunha das prohibicións de contratar previstas na lexislación básica sobre contratación do sector público.

d) A renuncia da persoa titular, que só poderá ser aceptada por Portos de Galicia cando non cause prexuízo ao dominio público portuario, á axeitada prestación dos servizos públicos portuarios ou a terceiros.

e) O mutuo acordo entre Portos de Galicia e a persoa titular.

f) A disolución ou extinción da sociedade titular, agás nos supostos de fusión ou escisión.

g) A revogación.

h) A caducidade.

i) O rescate, cando se trate de concesións.

j) A extinción da autorización, do permiso ou da licenza da que o título demanial sexa soporte.

k) O falecemento da persoa titular, nos supostos previstos no artigo 77, ou a incapacidade sobrevida cando se trate dun concesionario individual.

l) A desafectación do ben.

Artigo 89. Revogación das autorizacións e concesións

1. As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente, en calquera momento e sen dereito a indemnización, cando resulten incompatibles con obras ou plans que, aprobados con posterioridade, empecen a explotación portuaria ou impiden a utilización do espazo portuario para actividades de maior interese portuario. Corresponderá a Portos de Galicia apreciar as circunstancias anteriores mediante resolución motivada, logo da audiencia da persoa titular da autorización.

2. As concesións poden ser revogadas por Portos de Galicia, sen dereito a indemnización, cando se alterasen os feitos determinantes do seu outorgamento que impliquen a imposibilidade material ou xurídica da continuación no gozo da concesión e, nos casos de forza maior, cando en ambos os supostos non sexa posible a revisión do título de outorgamento.

Artigo 90. Caducidade

1. Serán causa de caducidade da autorización ou concesión os seguintes incumprimentos:

a) A non-iniciación, a paralización ou o non-remate das obras por causas non xustificadas, durante o prazo que se fixe nas condicións do título.

b) O non-pagamento de calquera das taxas xiradas por Portos de Galicia durante un prazo de seis meses no caso das autorizacións, e de doce meses no caso das concesións.

Para iniciar o expediente de caducidade abondará con que non se efectuase ningún ingreso en período voluntario. Así que se inicie aquel, poderase acordar o seu arquivamento, por unha soa vez no caso de autorizacións e ata un máximo de tres no caso de concesións, e para toda a vixencia do título, se antes de ditar a resolución se produce o aboamento íntegro da débeda, incluídos xuros e cargas derivadas do procedemento de constrinximento, e se se constitúe a garantía que ao respecto e de maneira discrecional poida fixar Portos de Galicia.

c) A falta de actividade ou de prestación do servizo durante o período establecido no título, que non poderá exceder de seis meses, a non ser que a xuízo de Portos de Galicia obedeza a unha causa xustificada.

d) A ocupación do dominio público en máis dun dez por cento sobre o outorgado, sen prexuízo da sanción que poida corresponder pola ocupación non autorizada.

e) O incremento da superficie, do volume ou da altura das obras ou instalacións en máis do dez por cento sobre o proxecto autorizado.

f) O desenvolvemento de actividades que non figuren no obxecto do título.

g) A cesión a un terceiro do uso total da concesión.

h) A cesión a un terceiro do uso parcial da concesión ou a cesión da autorización no suposto previsto no artigo 59.4, sen autorización de Portos de Galicia.

i) A transferencia do título de outorgamento sen autorización de Portos de Galicia.

j) A constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sen autorización de Portos de Galicia.

k) A non-reposición do complemento das garantías definitivas ou de explotación, logo do requirimento de Portos de Galicia.

l) O incumprimento do plan de conservación das instalacións.

m) O incumprimento doutras condicións cando a súa inobservancia estea expresamente prevista como causa de caducidade no título do outorgamento ou das determinantes para a adxudicación, se é o caso, do concurso convocado para o seu outorgamento.

2. Para declarar a caducidade seguirase o seguinte procedemento, e deberase notificar a resolución expresa deste no prazo de seis meses desde o acordo de incoación:

a) Logo de constatar a existencia dalgún dos supostos referidos pola unidade instrutora correspondente de Portos de Galicia, incoarase o correspondente expediente de caducidade. O órgano competente para resolver, ou o propio instrutor no caso de urxencia, poderá adoptar as medidas de carácter provisional que se estimen convenientes para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, evitar os efectos derivados da concorrencia da causa que motiva a incoación do expediente e salvagardar as exixencias derivadas dos intereses xerais. Isto poñerase en coñecemento da persoa titular, que terá un prazo de dez días para formular as alegacións e achegar os documentos e as xustificacións que coide oportunos.

As medidas de carácter provisional poderán consistir na paralización inmediata das obras, na suspensión da actividade, do uso e da explotación das instalacións, mesmo co precinto en ambos os casos, na prestación de garantías e en calquera outra medida que se estime axeitada, sempre que se axuste á intensidade, proporcionalidade e necesidade dos obxectivos que se pretendan garantir en cada suposto concreto. Para lograr a efectividade de tales medidas, Portos de Galicia demandará da autoridade gobernativa competente, cando sexa necesario, a colaboración da forza pública.

b) Ao presentar as alegacións ou transcorrer o prazo para levalas a cabo, a unidade instrutora ditará unha proposta de resolución, que con carácter previo á resolución será elevada xunto co resto do expediente ao Consello Consultivo de Galicia, para a emisión do ditame preceptivo no caso de que se trate de concesións e formule oposición o concesionario.

3. A declaración de caducidade supoñerá a perda das garantías constituídas, e non procederá en ningún caso a rehabilitación do título.

Artigo 91. Efectos da extinción

1. Ao se extinguir a autorización ou concesión, a persoa titular terá dereito a retirar fóra do espazo portuario os materiais, os equipos ou as instalacións desmontables que non revertan gratuitamente a Portos de Galicia en función do previsto no título, e está obrigada a facelo cando así o determine a entidade pública empresarial, quen poderá efectuar a retirada con cargo á persoa titular da autorización ou concesión extinguida cando esta non a efectúe no momento ou prazo en que se lle indique.

2. En todos os casos de extinción dunha concesión, Portos de Galicia decidirá sobre o mantemento das obras e instalacións non desmontables, as cales reverterán gratuitamente e libres de cargas á entidade pública empresarial, ou decidirá o seu levantamento e retirada do dominio público portuario polo concesionario e ás súas expensas.

3. Se Portos de Galicia non se pronuncia expresamente, entenderase que opta polo seu mantemento, sen prexuízo de que, previamente á data de extinción, poida decidir o seu levantamento ou retirada.

4. No caso de que Portos de Galicia optase polo levantamento das obras e instalacións, a persoa titular retirará estas no prazo fixado por aquel. Portos de Galicia poderá executar subsidiariamente os traballos que non efectuase a persoa titular no prazo concedido.

5. Se Portos de Galicia optase polo mantemento, a persoa titular procederá á reparación das obras e instalacións no prazo e nas condicións indicadas por aquel.

6. Portos de Galicia, sen máis trámite, tomará posesión dos bens e das instalacións, podendo solicitar ás empresas subministradoras de enerxía eléctrica, auga, gas e telefonía a suspensión da correspondente subministración.

7. Portos de Galicia non asumirá ningún tipo de obriga laboral ou económica da persoa titular da autorización ou concesión, vinculada ou non á actividade obxecto do título extinguido.

Sección 5ª. Contrato de concesión de obras públicas portuarias

Artigo 92. Contrato de concesión de obras públicas portuarias

1. O contrato de concesión de obras públicas portuarias rexerase polo disposto na lexislación básica de contratos do sector público para o contrato de concesión de obras públicas, coas especialidades previstas nesta lei.

2. Portos de Galicia poderá promover a construción de obras públicas portuarias en réxime de concesión administrativa.

3. No ámbito portuario, os contratos de concesión de obras públicas portuarias terán por obxecto a construción e explotación, sempre que se encontren abertas ao uso público ou aproveitamento xeral, dun novo porto ou unha parte nova dun porto que sexa susceptible de explotación totalmente independente, ou de infraestruturas portuarias de defensa, de abrigo, de accesos marítimos, de peiraos e outras obras de atracada.

4. A construción e a explotación da obra pública portuaria obxecto da concesión efectuaranse por risco e ventura do concesionario, quen asumirá os riscos económicos derivados da súa execución e explotación, nos termos e co alcance previstos na lexislación xeral reguladora do contrato de concesión de obras públicas.

5. Malia o anterior, o contrato de concesión de obra pública portuaria recoñecerá ao concesionario o dereito a percibir unha retribución consistente na explotación da totalidade ou de parte da obra, ou o citado dereito acompañado do de percibir un prezo ou o outorgamento dunha concesión demanial, ou en calquera outra modalidade de financiamento das obras de acordo co previsto na lexislación xeral reguladora do contrato de concesión de obras públicas.

6. Para estes efectos, enténdese por explotación dunha obra pública portuaria a súa posta á disposición a favor dos prestadores do servizo ou das persoas usuarias daquela para a súa ocupación, utilización ou aproveitamento, a cambio da correspondente retribución económica.

7. O contrato de concesión de obras públicas portuarias habilitará directamente para a ocupación do dominio público en que deba construírse a obra pública portuaria que constitúa o seu obxecto, sendo aplicable o disposto nesta lei sobre o réxime de utilización do dominio público portuario.

8. O contrato de concesión de obras públicas portuarias non habilita o contratista para prestar servizos portuarios especiais sobre a obra que constitúe o seu obxecto. A prestación de servizos portuarios especiais sobre esta infraestrutura requirirá obter a correspondente autorización de acordo co previsto no título V.

9. Nos pregos de condicións dos contratos de concesións de obras públicas portuarias que vaian servir de soporte para a prestación de servizos portuarios especiais deberase sinalar expresamente se a prestación se vai realizar en réxime de competencia ou por un único prestador. No primeiro caso, a persoa adxudicataria terá a obriga de admitir a ocupación ou utilización da obra por todos os titulares de autorizacións para prestación de servizos portuarios especiais abertos ao uso xeral a cambio da correspondente retribución económica. No segundo suposto, cada licitador deberá sinalar expresamente se no caso de resultar adxudicatario ou adxudicataria vai prestar por si ou a través dun terceiro tales servizos. En calquera caso, Portos de Galicia deberá garantir que a prestación dos servizos portuarios especiais se fará respectando o establecido no título V. Todo isto deberá estar recollido na documentación que aprobe Portos de Galicia para a licitación, na que constitúe a oferta de cada licitador ou licitadora, e, finalmente, no propio contrato.

10. As concesións de construción e explotación de obras públicas portuarias outorgaranse polo prazo que se acorde no prego de cláusulas administrativas particulares de acordo co previsto na lexislación básica de contratos do sector público para o contrato de concesión de obras públicas.

O prazo calcularase en función das obras e dos servizos que constitúan o seu obxecto. Se a concesión supera o prazo de cinco anos, a duración máxima non poderá exceder do tempo que se calcule razoable para que o concesionario recupere os investimentos realizados para a explotación das obras ou dos servizos, xunto cun rendemento sobre o capital investido, tendo en conta os investimentos necesarios para acadar os obxectivos contractuais específicos.

Os investimentos que se teñan en conta para os efectos do cálculo incluirán tanto os investimentos iniciais como os realizados durante a vixencia da concesión.

11. Os prazos fixados nos pregos de cláusulas administrativas particulares poderán ser prorrogados nos supostos previstos na lexislación básica de contratos do sector público para o contrato de concesión de obras públicas.

12. En todo caso, o prazo das concesións condicionarase ao mantemento da adscrición conforme a Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

13. Portos de Galicia emitirá informe técnico sobre os proxectos de obras portuarias que vaian realizarse ao abeiro dun contrato de concesión de obras públicas portuarias.

TÍTULO IV
Dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 93. Parámetros de protección, obxectivos de xestión e condicións básicas

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da entidade pública empresarial Portos de Galicia, determinará, considerando as determinacións previstas nas directrices de ordenación do territorio de Galicia, os parámetros de protección e os obxectivos de xestión que deberán incorporar as iniciativas de actuación sobre os portos deportivos e as zonas portuarias de uso náutico-deportivo, co obxecto de asegurar, como mínimo:

a) A xestión sustentable dos recursos.

b) A conservación do litoral e a preservación dos recursos naturais.

c) A integración axeitada das obras e instalacións coa paisaxe.

d) A compatibilidade cos sistemas xerais e coas demais determinacións urbanísticas.

2. Fomentaranse os proxectos que respondan a unha demanda real de servizos, atendendo a prioridade seguinte:

a) As zonas portuarias de uso náutico-deportivo en portos existentes.

b) Os portos deportivos con abrigo natural.

c) Os portos deportivos con abrigo artificial.

3. As condicións básicas que deberán cumprir os portos deportivos e as zonas portuarias de uso náutico-deportivo, incluídas as normas de xestión ambiental, determinaranse por vía regulamentaria.

Artigo 94. Usos compartidos

A entidade pública empresarial Portos de Galicia poderá, coas compensacións que en cada caso se determinen nos correspondentes títulos de concesións ou ben conforme o réxime de responsabilidade patrimonial xeral das administracións públicas, establecer de xeito excepcional en portos deportivos e zonas portuarias de uso náutico-deportivo liñas de atracada e zona de servizo para usos distintos ao deportivo, dentro dunha ordenación que separe debidamente os tráficos.

CAPÍTULO II
Concesións

Artigo 95. Obxecto

1. De acordo co procedemento que se define nos artigos 70 e 71, Portos de Galicia poderá outorgar a persoas naturais ou xurídicas, tanto públicas como privadas, a oportuna concesión de dominio público para a construción ou explotación de portos deportivos ou de zonas portuarias de uso náutico-deportivo por un prazo superior a catro anos, que non poderá exceder dos cincuenta anos.

De conformidade coa normativa estatal en materia de costas, en todo caso, o prazo das concesións que se outorguen nos bens adscritos, incluídas as prórrogas, non poderá ser superior ao prazo máximo de vixencia establecido na lexislación estatal para as concesións sobre dominio público portuario nos portos de interese xeral e estará condicionado ao mantemento da adscrición.

2. Sempre que se cumpran os requisitos que se recollen no artigo 92 e de acordo cos parámetros previstos nel, Portos de Galicia poderá promover en réxime de contrato de concesión de obra pública portuaria a construción e explotación dun novo porto deportivo ou dunha zona portuaria de uso náutico-deportivo.

Artigo 96. Criterios de outorgamento e concursos

1. O outorgamento ou a denegación das concesións levarase a cabo de conformidade con criterios obxectivos, que en calquera caso deberán considerar:

a) A viabilidade económica, con xustificación da demanda existente.

b) As condicións de acceso marítimo.

c) O interese público e social da proposta.

d) A compatibilidade cos sistemas internos de comunicación viaria do porto e cos sistemas xerais extraportuarios.

e) A superficie de auga abrigada, se é o caso.

f) Os usos previstos.

g) A compatibilidade coas determinacións previstas nas Directrices de ordenación do territorio de Galicia.

h) O compromiso de realización de actividades de carácter formativo e de fomento do turismo e da náutica deportiva sen fins lucrativos.

2. Cando en función do establecido no artigo 71 a concesión deba outorgarse por medio de concurso, o prego de bases do concurso que elaborará Portos de Galicia incorporará ademais os seguintes criterios de adxudicación:

a) O modelo de xestión da responsabilidade social corporativa.

b) A proposta de xestión ambiental da instalación.

c) O compromiso de realización de actividades de carácter formativo e de fomento do turismo e da náutica deportiva, así como da imaxe de Galicia sen fins lucrativos.

d) A estrutura das tarifas e as tarifas máximas aplicables ás persoas usuarias.

Artigo 97. Condicións do outorgamento

Entre as condicións do outorgamento da concesión deberán figurar, polo menos, as seguintes:

a) O obxecto da concesión.

b) O prazo de vixencia.

c) Os terreos, as obras e as instalacións que integran o ámbito da concesión, con indicación dos que serán obxecto de reversión.

d) No caso de concesións que impliquen a execución de obras, o proxecto básico das obras ou instalacións autorizadas e mais a obriga da persoa titular da concesión de reparar os danos que se poidan causar na costa ou nas praias consonte o disposto na normativa sectorial aplicable en materia de costas.

e) Os servizos de existencia obrigatoria e opcional e mais os usos e as limitacións deles.

f) A obriga da persoa titular da concesión de presentar o regulamento de explotación.

g) As condicións de protección do ambiente que procedan, con inclusión das necesarias medidas correctoras e, no caso de seren preceptivas, das condicións ou prescricións establecidas no correspondente pronunciamento do órgano competente en materia ambiental.

h) A obriga da persoa titular da concesión de presentar un plan de conservación das instalacións.

i) A obriga da persoa titular da concesión de presentar un plan de emerxencias de acordo co disposto na normativa sectorial aplicable.

j) A obriga por parte da persoa titular da concesión de manter a apertura de todos os elementos de aproveitamento e uso público e gratuíto que se definen no regulamento de explotación.

k) As taxas que a persoa titular da concesión debe aboar á entidade pública empresarial Portos de Galicia.

l) A estrutura das tarifas, con indicación das tarifas máximas que a persoa titular da concesión poderá cobrar en contraprestación aos servizos prestados e mais os criterios de revisión, de proceder.

m) As facultades de xestión que se outorgan ao concesionario.

n) As causas de extinción, singularmente as de caducidade consonte o establecido na regulación xeral sobre concesións contida nesta lei.

CAPÍTULO III
Regulamentos de explotación dos portos e das zonas portuarias
de uso náutico-deportivo

Artigo 98. Obxecto dos regulamentos

1. Co fin de definir e concretar o ámbito de aplicación das normas de policía e explotación e o alcance da vixilancia e prevención de calquera infracción, os portos deportivos e as zonas portuarias de uso náutico-deportivo xestionadas en réxime de concesión de dominio público deberán dispoñer dun regulamento de explotación, que será aprobado por Portos de Galicia e que deberá regular o uso dos diferentes elementos que integran os terreos, as obras e as instalacións obxecto da concesión.

2. O regulamento de explotación de cada porto ou zona portuaria de uso náutico-deportivo, que é de obrigado cumprimento, debe atoparse á disposición de calquera persoa usuaria nas oficinas do porto e, se é o caso, no sitio web do concesionario.

Artigo 99. Contido mínimo dos regulamentos

1. Os regulamentos de explotación dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo incluirán, como mínimo, a delimitación exacta da zona que é obxecto de concesión administrativa, a concreción do ámbito de aplicación, a regulación dos accesos, a identificación das zonas de uso restrinxido, a forma de utilización das instalacións portuarias, as tarifas establecidas pola prestación de servizos así como os seus criterios de revisión, un resumo do plan de emerxencias e do de continxencias ambientais da instalación, a relación dos dereitos e deberes que adquiren as persoas usuarias dos espazos incluídos na zona de servizo do porto e a responsabilidade que o concesionario asuma.

2. Deberán prever o réxime de utilización e prohibicións aplicable, as facultades conferidas á entidade concesionaria e as obrigas das persoas usuarias das instalacións.

Artigo 100. Réxime de responsabilidades

1. Será obriga do concesionario indemnizar todos os danos e perdas que se causen a terceiros como consecuencia da prestación dos servizos obxecto da concesión. Cando tales danos e perdas fosen ocasionados como consecuencia inmediata e directa dunha orde da administración, esta será responsable dentro dos límites sinalados nas leis.

2. Portos de Galicia non será responsable dos danos e perdas debidos a paralizacións dos servizos, nin dos producidos por avarías, roturas fortuítas ou malas manobras. Naqueles casos de prestación de servizos con equipos de Portos de Galicia, a persoa usuaria destes deberá ter subscrita a correspondente póliza de seguros que cubra os posibles riscos.

A exixencia desta garantía deberá ser proporcionada en termos de risco asegurado, fixación da suma asegurada ou límite da garantía.

CAPÍTULO IV
Réxime aplicable ás autorizacións temporais de uso de postos de atracada outorgadas por Portos de Galicia

Sección 1ª. Procedemento de outorgamento e listas de espera

Artigo 101. Publicidade do proceso selectivo

1. En función dos postos vacantes, Portos de Galicia efectuará por resolución da persoa titular da Presidencia convocatorias, que serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, co obxecto de abrir os prazos de presentación de solicitudes de autorizacións temporais de uso de postos de atracada en base.

2. O prego de bases da convocatoria conterá, polo menos, os seguintes extremos:

a) A identificación dos postos de atracada obxecto da convocatoria e os requisitos para participar nela.

b) As esloras, as mangas e, se é o caso, os calados máximos das embarcacións en función da tipoloxía do posto de atracada.

c) Os criterios para a súa adxudicación e a ponderación deles.

Artigo 102. Solicitudes

1. No prazo que se estableza na convocatoria correspondente, que non poderá ser inferior a quince días hábiles, as persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude debidamente cuberta segundo o modelo normalizado que figure nas bases e acompañada da documentación que se indique.

2. Unha mesma persoa solicitante poderá presentar unha solicitude por embarcación para tantos portos ou zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia como coide oportuno, sen prexuízo do disposto no punto 4 do artigo 104.

Artigo 103. Criterios de adxudicación

1. A adxudicación das autorizacións temporais de uso dos postos de atracada en base efectuarase tendo en conta a orde cronolóxica de presentación das solicitudes debidamente cubertas e coa documentación completa, sempre e cando a eslora e as mangas das embarcacións se axusten ás dimensións máximas establecidas en función da tipoloxía da praza.

2. No caso de empate, darase preferencia ás embarcacións de maior eslora que mellor se axusten ás dimensións do posto de atracada.

Artigo 104. Resolución

1. A persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia emitirá resolución motivada fundamentada nos criterios de adxudicación establecidos no artigo anterior nun prazo máximo de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A dita resolución acordará, segundo o caso, o seguinte:

a) Conceder a autorización solicitada e determinar a taxa que hai que pagar de conformidade co disposto na normativa sobre taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e mais as restantes condicións básicas aplicables á autorización.

b) Denegar a dita autorización se a persoa solicitante non reúne os requisitos exixidos.

c) Declarar a inclusión da solicitude na correspondente lista de espera, coa asignación dun número de orde naqueles supostos en que, malia reunir a solicitude todos os requisitos para o outorgamento da autorización, non resulte seleccionada en función dos criterios de adxudicación recollidos no artigo 103. En tal caso, procederase de conformidade co establecido no artigo seguinte.

3. Non se poderá outorgar, en ningún caso, autorización para un posto de atracada a favor daquelas persoas solicitantes que, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, resultaren non estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias con Portos de Galicia, coa Comunidade Autónoma, coa Facenda estatal e coa Seguridade Social, ou, se é o caso, das súas obrigas cos concesionarios das instalacións.

4. Non se adxudicará unha autorización de uso de posto de atracada para a mesma embarcación á persoa titular que xa dispoña de autorización de uso dun posto de atracada en calquera dos outros portos e instalacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, agás no suposto de que o número de postos de amarre ofertados na concreta convocatoria sexa superior ao número de solicitudes e non exista lista de espera no porto ou na instalación de que se trate.

5. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da persoa titular da Presidencia será de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Ao transcorrer o dito prazo sen se ditar e notificar unha resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas para os efectos do establecido na lexislación reguladora do procedemento administrativo común, sen prexuízo da obriga da administración de ditar unha resolución expresa.

Artigo 105. Listas de espera

1. Cando, reunindo a solicitude todos os requisitos, non poida outorgarse a autorización de uso por non existir un punto de amarre vacante, a solicitude incluirase na lista de espera, coa asignación dun número de orde segundo a data de rexistro de entrada da petición debidamente cuberta e coa documentación completa, e unha vez que a persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia dite a resolución pola que se declara a dita inclusión.

2. Existirá unha lista de espera para cada un dos portos e das instalacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia nos cales o número de solicitudes exceda do de postos de atracada dispoñibles.

Sección 2ª. Réxime das autorizacións

Artigo 106. Carácter e prazo de vixencia das autorizacións

1. As autorizacións outorgaranse con carácter persoal e intransferible inter vivos para unha soa persoa titular e para unha embarcación concreta, sen prexuízo de que Portos de Galicia autorizará a substitución ou o cambio de embarcación sempre e cando se trate dunha embarcación das mesmas características.

2. Malia o sinalado no punto 1, no suposto de falecemento da persoa titular da autorización, o seu sucesor ou sucesora a título de herdanza ou de legado poderá solicitar por unha soa vez e nun prazo máximo dun ano, contado desde o falecemento, a autorización para o uso do mesmo posto de atracada.

Esta autorización será outorgada polo mesmo período previsto para a autorización inicial, sempre e cando se trate da mesma embarcación e que a anterior persoa titular estea ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias con Portos de Galicia, coa Comunidade Autónoma, coa Facenda estatal e coa Seguridade Social ou, se é o caso, das súas obrigas cos concesionarios das instalacións.

3. Portos de Galicia, directamente ou a través do concesionario, poderá modificar ou cambiar temporalmente de posto de atracada as embarcacións en base sempre que sexa por motivos de seguridade ou forza maior ou relativos á explotación e á planificación do porto.

4. O prazo de vixencia da autorización temporal será o que determine o título administrativo de autorización, e non poderá ser inferior a seis meses nin superior a catro anos.

5. Malia o disposto no punto anterior, as autorizacións correspondentes a persoas titulares que se atopen ao corrente do pagamento tanto das taxas debidas a Portos de Galicia como, se é o caso, das tarifas debidas ao concesionario, e que non incumprisen as condicións da autorización, anovaranse automaticamente polo mesmo período ao concedido inicialmente, outorgando Portos de Galicia de oficio unha nova autorización, a non ser que cun prazo mínimo de quince días anterior ao vencemento da autorización a persoa interesada manifeste a súa decisión de non continuar co uso e gozo da praza de atracada por un límite máximo de catro anos.

Artigo 107. Aboamento das taxas e outras cantidades

1. A persoa titular da autorización deberá aboar a taxa portuaria vixente en cada momento aplicable ás embarcacións deportivas ou de lecer, así como as demais taxas portuarias que aplicará Portos de Galicia, e mais as tarifas ou os prezos privados aos concesionarios de servizos portuarios pola súa prestación a aquela.

2. Para as embarcacións autorizadas con carácter de base nun porto, e consonte o establecido na normativa autonómica sobre taxas, o importe da taxa G-5 correspondente a embarcacións deportivas e de lecer aplicarase polo período completo autorizado, cun mínimo de seis meses, independentemente das entradas, das saídas ou dos días de ausencia da embarcación, e no caso de extinción da autorización os efectos tributarios fronte a Portos de Galicia produciranse unicamente desde o semestre natural seguinte ao da extinción.

3. No caso de existir un concesionario, a persoa titular deberá aboar a este as tarifas por prestación de servizos diversos aprobadas por Portos de Galicia. As ditas tarifas deberán ser aboadas polo período completo autorizado, cun mínimo de seis meses, sen que o concesionario se vexa obrigado a reintegrar ningunha cantidade no caso de abandono da praza de atracada antes do tempo establecido.

4. Para o aboamento de todas as cantidades previstas neste artigo, Portos de Galicia poderá exixir a domiciliación bancaria.

Sección 3ª. Extinción das autorizacións

Artigo 108. Causas de extinción

A autorización temporal extinguirase polas seguintes causas:

a) O remate do prazo de outorgamento.

b) A revisión de oficio nos supostos establecidos na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

c) A renuncia da persoa titular.

d) O mutuo acordo.

e) A disolución ou extinción da sociedade titular da autorización, agás nos supostos de fusión ou escisión.

f) A revogación.

g) A caducidade.

Artigo 109. Revogación das autorizacións

As autorizacións temporais de uso, ao outorgarse a título de precario, poderán ser revogadas por Portos de Galicia en calquera momento e sen dereito a indemnización cando resulten incompatibles con obras ou plans que, aprobados con posterioridade, empecen a explotación portuaria ou impiden a utilización do espazo portuario para actividades de maior interese portuario.

Artigo 110. Caducidade

1. Portos de Galicia, logo da audiencia da persoa titular, declarará a caducidade da autorización, entre outros supostos determinados polas leis, nos seguintes casos:

a) Polo abandono ou a falta de utilización do posto de atracada durante un período consecutivo de seis meses, agás causas xustificadas relativas a invernadas ou avarías das embarcacións.

b) Polo non pagamento dunha liquidación en concepto de taxa portuaria G-5 durante un prazo de seis meses, con independencia de que o seu aboamento o exixa de maneira directa a Administración portuaria ou de que exista unha subrogación no pagamento por parte dun concesionario consonte o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para iniciar o expediente de caducidade será dabondo con que non se efectuase o ingreso en período voluntario. Unha vez iniciado, poderase acordar o seu arquivamento se antes de ditar a resolución se produce o aboamento íntegro da débeda, incluídos os xuros e as cargas derivados do procedemento de constrinximento, e se constitúe a garantía que ao respecto e de maneira discrecional poida fixar Portos de Galicia.

c) Polo incumprimento das obrigas impostas pola normativa de aplicación ou o incumprimento das obrigas ou condicións esenciais definidas con tal carácter no título da autorización, cuxa inobservancia estea expresamente prevista como causa de caducidade.

2. O procedemento para declarar a caducidade, que preverá un trámite de audiencia á persoa titular, desenvolverase por vía regulamentaria.

TÍTULO V
Réxime xeral da prestación de servizos e do desenvolvemento de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza nos portos

CAPÍTULO I
Dos servizos

Artigo 111. Servizos prestados nos portos e nas instalacións marítimas de competencia da Comunidade Autónoma

1. A actividade portuaria desenvolverase, cando sexa posible, nun marco de libre competencia entre operadores de servizos portuarios para o fomento da actividade portuaria, o incremento dos tráficos e a mellora da calidade dos servizos.

2. Nos termos establecidos nesta lei, recoñécese a iniciativa privada na prestación dos servizos e no desenvolvemento de actividades económicas nos portos.

3. A Administración portuaria autonómica promoverá as accións que favorezan a competencia nos portos, podendo adoptar medidas de regulación, ordenación, control e explotación que sirvan para tal finalidade.

4. Os servizos prestados nos portos só poderán limitarse ou denegarse nos casos en que as persoas usuarias non reúnan as condicións establecidas nesta lei ou na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, nos pregos xerais dos servizos ou no título correspondente. A información sobre os servizos e as condicións da prestación realizarase de acordo coa lexislación que protexe as persoas consumidoras e usuarias.

CAPÍTULO II
Dos servizos portuarios

Artigo 112. Concepto e clases de servizos portuarios

1. Son servizos portuarios as actividades de prestación de interese xeral que se executen nos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para atender as necesidades e exixencias da explotación portuaria en condicións de seguridade, eficacia, eficiencia, calidade, regularidade, continuidade, non-discriminación e respecto ao ambiente.

2. Os servizos portuarios clasifícanse en servizos xerais do porto, dos cales a súa prestación está reservada a Portos de Galicia, e servizos especiais, que prestan operadores privados baixo o principio de libre competencia, nos termos e coas limitacións establecidas nesta lei.

Artigo 113. Concepto e enumeración dos servizos xerais

1. Son servizos portuarios xerais aqueles servizos comúns que permiten a realización de operacións de tráfico portuario, cuxa titularidade e prestación reserva para si Portos de Galicia e dos cales se benefician as persoas usuarias do porto sen necesidade de solicitude.

2. Terán a consideración de servizos xerais:

a) O servizo de control, ordenación e coordinación do tráfico portuario, tanto marítimo como terrestre.

b) O servizo de control e ordenación das operacións portuarias vinculadas aos servizos xerais, aos específicos ou ás restantes actividades que se desenvolvan no porto.

c) Os servizos básicos de vixilancia e policía portuaria nas zonas comúns dos portos, sen prexuízo das competencias doutras administracións.

d) Os servizos de prevención e control de emerxencias, nos termos establecidos pola normativa sobre protección civil, mercadorías perigosas e demais normativa de aplicación, en colaboración coas administracións competentes sobre protección civil, prevención e extinción de incendios, salvamento e loita contra a contaminación.

e) Os servizos de sinalización, balizamento e outras axudas á navegación que sirvan de aproximación e acceso do buque ao porto, así como o seu balizamento interior.

f) Os servizos de iluminación nas zonas comúns do porto.

g) Os servizos de limpeza habitual das zonas comúns de terra e auga.

h) Calquera outro servizo común que, pola súa vinculación coa seguridade portuaria, sexa declarado como servizo xeral por orde da persoa titular da consellaría competente en materia de portos.

Artigo 114. Prestación de servizos portuarios xerais

1. Os servizos portuarios xerais serán xestionados directamente pola entidade pública empresarial Portos de Galicia, sen prexuízo de que a súa prestación poida excepcionalmente ser encomendada a terceiros cando non se poña en risco a seguridade, nin impliquen o exercicio de autoridade, e o prestador do servizo obtivese o correspondente título habilitante que o faculte para iso.

2. Nos espazos ou nas instalacións portuarias xestionadas en réxime de concesión administrativa, os servizos xerais poden ser prestados polo concesionario, cando así conste no título correspondente.

3. Portos de Galicia pode concertar convenios con outras administracións ou outras entidades públicas coa finalidade de xestionar os servizos portuarios xerais.

4. Estes servizos serán prestados de acordo coas normas e os criterios técnicos previstos no Regulamento de explotación e policía.

5. A prestación dos servizos portuarios xerais dará lugar á exacción da correspondente taxa portuaria nos supostos previstos na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 115. Concepto e clases de servizos portuarios especiais

1. Son servizos portuarios especiais as actividades de prestación que contribúen e facilitan a realización das operacións portuarias.

2. A prestación dos servizos portuarios especiais corresponde ao sector privado en réxime de competencia e require a solicitude previa da persoa interesada, agás as excepcións previstas nesta lei.

3. Os servizos portuarios especiais son os seguintes:

a) O servizo de actividades de manipulación da carga, que comprende a carga, a estiba, a descarga, a desestiba e o transbordo de mercadorías.

b) O servizo á pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos en réxime de pasaxe.

c) Os servizos técnico-náuticos, e dentro destes:

1º. A practicaxe.

2º. O remolque portuario.

3º. O amarre e o desamarre de buques.

d) O servizo de recepción de refugallos xerados por buques, que comprende a recepción de refugallos e residuos dos anexos I, IV, V ou VI do Convenio Marpol 73/78.

e) Os outros servizos non enumerados anteriormente, sempre que se recollan nos pregos xerais reguladores dos servizos portuarios.

Artigo 116. Prestación de servizos portuarios especiais

1. Os servizos portuarios especiais prestaranos operadores privados en réxime de libre competencia.

2. Por razóns de control dos espazos, de capacidade técnica das infraestruturas e superestruturas portuarias para asumiren a actividade dos distintos operadores, de seguridade e de ambiente, a prestación destes servizos requirirá a obtención da autorización que outorgará Portos de Galicia, que estará suxeita aos pregos xerais reguladores dos servizos que aprobará o Consello Reitor da entidade pública empresarial. Estes pregos conterán as condicións reitoras da prestación e, cando proceda, as tarifas máximas aplicables ás persoas usuarias dos servizos.

3. Os prestadores dos servizos deberán cumprir as obrigas de servizo público previstas nos pregos reguladores coa finalidade de garantir a súa prestación en condicións de seguridade, continuidade, regularidade, cobertura, calidade e prezo razoable, así como respecto ao ambiente.

4. As autorizacións outorgaranse con carácter específico e individualizado para cada un dos servizos que se enumeran no artigo 115.3, agás no relativo aos servizos técnico-náuticos, que se poderán acumular nunha única autorización por motivos derivados da demanda de persoas usuarias existente nun porto ou nunha área portuaria determinada, e ás autorizacións para o servizo de recepción de refugallos xerados polos buques, que poderán outorgarse para todos ou algún dos anexos previstos no Convenio Marpol.

5. A entidade pública empresarial Portos de Galicia deberá adoptar as medidas precisas para garantir unha axeitada cobertura das necesidades de servizos especiais nos portos. Para tal fin, cando o requiran as circunstancias por ausencia ou insuficiencia da iniciativa privada, Portos de Galicia poderá asumir directamente, logo da audiencia das persoas titulares das autorizacións vixentes, a prestación dos servizos, sen prexuízo de que poida solicitar a colaboración de terceiros na súa prestación por calquera procedemento previsto nas leis e sen que isto implique a extinción das autorizacións en vigor nin impida a solicitude de novas autorizacións.

6. Portos de Galicia poderá autorizar, cando proceda, a autoprestación e a integración de varios servizos especiais nun mesmo operador. As autorizacións para a prestación de servizos portuarios especiais en réxime de autoprestación ou de integración de servizos suxeitaranse aos pregos xerais reguladores dos servizos, excluíndose do contido das ditas autorizacións as condicións relativas á cobertura universal, á estrutura das tarifas e ás tarifas máximas e mais as obrigas relativas á continuidade e á regularidade en función da demanda do porto. Estas autorizacións establecerán, se for o caso, as compensacións económicas que as persoas titulares deberán aboar como contribución para que as obrigas de servizo público que recaen sobre as persoas titulares das autorizacións abertas ao uso xeral poidan ser atendidas. O valor desta compensación establecerase para cada autorización de conformidade cos criterios obxectivos, transparentes, proporcionais, equitativos e non discriminatorios establecidos para o efecto nos pregos xerais reguladores dos servizos.

7. Cando a prestación por terceiros de servizos portuarios especiais precise o outorgamento dunha concesión ou autorización de ocupación do dominio público portuario, ambas as relacións serán obxecto dun expediente único, e a autorización para a prestación do servizo incorporarase á concesión ou autorización de ocupación, sen prexuízo da exixencia das taxas que procedan por ambos os dous conceptos.

8. A prestación por terceiros de servizos portuarios especiais poderase vincular tamén á existencia dun contrato en vigor entre a persoa titular dunha concesión administrativa e o prestador do servizo, que implique unha cesión parcial da concesión, que terá que ser autorizada por Portos de Galicia.

9. Consonte os principios de obxectividade e proporcionalidade e logo da audiencia ás persoas interesadas, Portos de Galicia poderá modificar as condicións dunha autorización cando se modifiquen as prescricións reguladoras do servizo.

Artigo 117. Obrigas de servizo público

1. Son obrigas de servizo público, de necesaria aceptación por todos os prestadores de servizos portuarios especiais nos termos en que se concreten nas súas respectivas autorizacións, as seguintes:

a) Manter a continuidade e regularidade dos servizos en función das características da demanda, agás causa de forza maior, facendo fronte ás circunstancias adversas que poidan producirse coas medidas exixibles a un empresario ou a unha empresaria dilixente. Para garantir a continuidade da prestación do servizo, Portos de Galicia poderá establecer servizos mínimos de carácter obrigatorio.

b) Cooperar con Portos de Galicia e coa Administración marítima e, se é o caso, con outros prestadores de servizo nos labores de salvamento, extinción de incendios, loita contra a contaminación e prevención e control de emerxencias. Así mesmo, tamén deberá informar daquelas incidencias que poidan afectar calquera destas materias ou a seguridade marítima en xeral.

c) Someterse á potestade tarifaria, cando proceda.

d) Colaborar na formación práctica na prestación do servizo, no ámbito do porto en que se desenvolva a actividade.

e) Establecer unha cobertura universal, coa obriga de atender toda demanda razoable, en condicións non discriminatorias.

2. Os pregos reguladores recollerán as obrigas establecidas no punto anterior, de acordo co previsto nesta lei e en calquera outra norma que sexa aplicable, facéndoos acordes coa iniciativa empresarial e a competencia entre servizos e coas necesidades particulares dos servizos prestados en cada porto.

3. As obrigas de servizo público aplicaranse de forma que os seus efectos sexan neutrais en relación coa competencia entre prestadores dos servizos especiais.

Artigo 118. Utilización dos servizos especiais

1. Os servizos especiais prestaranse tras a solicitude das persoas usuarias aos operadores privados que conten coa preceptiva autorización. Porén, a utilización do servizo de practicaxe será obrigatoria cando así o determine a Administración marítima conforme o previsto na normativa de aplicación. Ademais, o Regulamento de explotación e policía poderá establecer, por razóns de seguridade marítima, o uso obrigatorio doutros servizos técnico-náuticos en función das condicións e características das infraestruturas portuarias, do tamaño e o tipo de buque e da natureza da carga transportada, así como das condicións océano-meteorolóxicas.

Así mesmo, o servizo de recepción dos residuos xerados polos buques será de uso obrigatorio, agás nos supostos previstos na normativa de aplicación.

2. Portos de Galicia poderá establecer, por razóns de operatividade e de seguridade, normas complementarias e condicións específicas de utilización dos servizos especiais, así como o ámbito xeográfico a que se estendan.

3. Cando a utilización do servizo non sexa obrigatoria, Portos de Galicia poderá impoñer o uso dos servizos portuarios se por circunstancias extraordinarias considera que está en risco o funcionamento, a operatividade ou a seguridade do porto.

4. Portos de Galicia, no caso de non-pagamento do servizo, poderá autorizar aos prestadores a suspensión temporal do servizo ata que se efectúe o pagamento ou se garanta convenientemente a débeda que xerou a suspensión.

Artigo 119. Réxime de acceso á prestación dos servizos especiais

1. Recoñécese o libre acceso á prestación dos servizos portuarios especiais en réxime de competencia sen máis limitacións que as establecidas nesta lei.

2. Cando non estea limitado o número de prestadores, todas as persoas interesadas na prestación do servizo que reúnan os requisitos establecidos nesta lei e nos pregos reguladores poderán optar á súa prestación, logo da presentación da solicitude en calquera momento e do outorgamento por Portos de Galicia con carácter regrado da correspondente autorización.

Cando estea limitado o número de prestadores, as autorizacións outorgaranse por concurso e as convocatorias destes concursos e a súa adxudicación publicaranse, cando for exixible, no Diario Oficial de la Unión Europea.

3. Poderán ser prestadoras dos servizos especiais as persoas físicas ou xurídicas españolas, doutros países da Unión Europea ou de terceiros países, condicionadas estas últimas á proba de reciprocidade, agás nos supostos en que os compromisos da Unión Europea coa Organización Mundial do Comercio non exixan o dito requisito, que teñan plena capacidade de obrar, non estean incursas en causa de incompatibilidade e acrediten, nos termos previstos no prego regulador do servizo, o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Xustificar a solvencia económica, técnica e profesional para facer fronte ás obrigas resultantes do servizo que se determinen no prego regulador de cada servizo.

b) Estar ao corrente do cumprimento das obrigas de carácter fiscal, laboral e social exixidas pola lexislación vixente. Considérase que a persoa interesada se atopa ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social cando concorran as circunstancias previstas na lexislación básica de contratos do sector público.

c) Cumprir as condicións específicas necesarias para a axeitada prestación do servizo, de acordo co previsto nesta lei e na demais normativa de aplicación.

4. As condicións de acceso á prestación en réxime de competencia que se fixen nos pregos deberán ser transparentes, non discriminatorias, obxectivas, axeitadas, necesarias e proporcionadas, e mais garantir os seguintes obxectivos:

a) A adecuada prestación do servizo de acordo cos requisitos técnicos, ambientais, de seguridade e calidade que se establezan.

b) O desenvolvemento da planificación portuaria.

c) O comportamento competitivo dos operadores do servizo.

d) A protección das persoas usuarias.

e) A protección dos intereses de Portos de Galicia e da seguridade pública.

5. Entre os requisitos técnicos para a prestación do servizo incluiranse medios humanos e materiais abondos que, permitindo desenvolver as operacións unitarias habituais, tanto as máis simples como as máis complexas, en condicións de seguridade, calidade, continuidade e regularidade en función das características da demanda, non impidan ou limiten a competencia entre operadores.

6. Portos de Galicia, de oficio, poderá limitar en cada porto que xestione o número máximo de prestadores de cada servizo, por razóns obxectivas e motivadas derivadas da dispoñibilidade de espazos, da capacidade das instalacións, da seguridade, das normas ambientais, así como dos estudos razoables derivados de necesidades da demanda existente. Nos servizos de pasaxe e de manipulación e transporte de mercadorías, as anteriores limitacións poderanse aplicar polo tipo de tráfico ou carga.

A determinación do número de prestadores deberá obrigatoriamente realizarse considerando o maior número posible de prestadores que permitan as circunstancias concorrentes e motivarase atendendo a identificación clara da restrición da competencia en cuestión, a xustificación da necesidade do establecemento da restrición de acordo co interese público e a acreditación de que non resulta posible acudir a alternativas viables que sexan menos restritivas da competencia para conseguir o mesmo fin de interese público.

7. O acordo de limitación, que incluirá a determinación do número máximo de prestadores, adoptarao o Consello Reitor de Portos de Galicia e poderá afectar toda a zona de servizo do porto ou unha parte desta. O acordo de limitación publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Cando a causa de limitación sexa a seguridade marítima, Portos de Galicia solicitará un informe á Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Cando a causa de limitación sexa ambiental, Portos de Galicia solicitará un informe á Administración medioambiental competente, que se entenderá en sentido favorable de transcorrer o prazo dun mes sen que sexa emitido de forma expresa, a non ser que a normativa sectorial de aplicación dispoña outra cousa.

8. Na medida en que se alteren as causas que a motivaron, ou previamente á convocatoria dun novo concurso, esta limitación será revisable total ou parcialmente polo Consello Reitor de Portos de Galicia, con sometemento aos mesmos trámites seguidos para o seu establecemento. Tamén poderá ser revisada por instancia de calquera persoa interesada, someténdose a idénticos trámites dos seguidos para o seu establecemento.

9. Cando se limite o número de prestadores, as autorizacións outorgaranse logo da convocatoria do concurso, para o que Portos de Galicia elaborará e aprobará o prego de bases de cada concurso, que conterá, polo menos, a determinación do número máximo de prestadores, os requisitos para participar no concurso, o prazo máximo da autorización, a documentación e información que deben achegar as persoas participantes e os criterios de adxudicación, que deberán ser obxectivos e non discriminatorios.

10. Cando o número de prestadores dun servizo estea limitado, o prazo máximo de vixencia das autorizacións será menor que o establecido con carácter xeral para os servizos portuarios especiais sen limitación do número de prestadores, nos termos establecidos no artigo 121.

11. Sen prexuízo do previsto nos puntos anteriores, debido á singularidade e especial incidencia do servizo de practicaxe na seguridade marítima, o número de prestadores del quedará limitado a un único prestador en cada área portuaria. Para estes efectos, enténdese como área portuaria aquela que sexa susceptible de explotación totalmente independente en función dos seus límites xeográficos, incluída a súa accesibilidade marítima. Esta limitación deberá quedar debidamente xustificada no expediente.

12. A limitación do número de prestadores dos demais servizos técnico-náuticos procederá nos casos en que así o requira o órgano estatal competente en materia de mariña mercante.

13. Na delimitación dos espazos e dos usos portuarios previstos nesta lei poderase determinar o tipo de servizos especiais, así como as actividades comerciais e industriais que se poidan realizar na totalidade da zona de servizo do porto ou en parte dela, en particular o tipo de tráfico e as categorías de mercadorías que se poderán manipular no porto e a asignación de espazo ou capacidade de infraestrutura para tales actividades, sen que isto constitúa, de ser o caso, limitación do número de prestadores do servizo.

14. As autorizacións poderán ser transmitidas, logo da autorización de Portos de Galicia, sempre que se faga a favor dunha persoa física ou xurídica que cumpra os requisitos recollidos no punto 3, que as persoas que realizan a transmisión e as adquirentes cumpran os requisitos establecidos nas prescricións reguladoras do servizo e que, se é o caso, se cumpran os requisitos previstos no artigo 77 cando a autorización se transmita conxuntamente coa concesión de dominio público. A transmisión terá, respecto dos contratos de traballo do persoal ao servizo da persoa titular da autorización, os efectos previstos na lexislación e nos convenios laborais.

Artigo 120. Contido dos pregos reguladores dos servizos portuarios especiais

1. Os pregos reguladores do servizo incluirán, entre outras cláusulas, as relativas a:

a) Os requisitos de capacidade.

b) Os requisitos de solvencia económica, técnica e profesional para facer fronte ás obrigas resultantes do servizo que se determinen no prego regulador de cada servizo.

c) A cobertura universal, coa obriga de atender toda demanda razoable en condicións non discriminatorias.

d) O obxecto do servizo e ámbito xeográfico a que se estende a prestación do servizo. Neste punto poderase acordar a concentración da prestación de determinados servizos en portos e instalacións concretas, por razón da mellor eficiencia do servizo en canto á atención ás persoas usuarias e demandas de operatividade da comercialización da pesca e das mercadorías descargadas nos portos, que en materia de dispoñibilidade de infraestruturas, superestruturas, servizos portuarios xerais, sistemas ambientais e de seguridade se requiran para a actividade dos operadores.

e) As obrigas de servizo público para que o servizo se preste en condicións de regularidade e continuidade.

f) As obrigas de servizo público relacionadas coa colaboración en labores de salvamento.

g) As obrigas de servizo público relacionadas coa seguridade do porto e a loita contra a contaminación.

h) As obrigas de protección do ambiente, se procede.

i) A cuantificación das cargas anuais, das obrigas de servizo público, criterios de revisión da devandita cuantificación, así como os criterios de distribución, obxectivos, transparentes, proporcionais, equitativos e non discriminatorios, das ditas obrigas entre os prestadores do servizo no caso de prestación en réxime de libre competencia, entre os cales se tomará en consideración a cota de mercado de cada un deles.

j) Os medios materiais mínimos e as súas características.

k) Os medios humanos mínimos e a súa cualificación.

l) As condicións técnicas, ambientais e de seguridade de prestación do servizo e, se é o caso, das instalacións e do equipamento asociados a el, incluíndo niveis mínimos de produtividade, rendemento e de calidade.

m) Cando proceda, as tarifas máximas aplicables ás persoas usuarias dos servizos.

n) As obrigas de proporcionar a Portos de Galicia a información que precise para garantir o funcionamento do servizo e que lle sexa requirida para o debido cumprimento das súas funcións.

ñ) A determinación do investimento significativo.

o) O prazo de vixencia da autorización.

p) As garantías que aseguren o cumprimento das obrigas e responsabilidades.

q) As taxas que procedan consonte o establecido nesta lei e na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

r) As tarifas que os prestadores poderán percibir, se é o caso, cando interveñan en servizos de emerxencia, extinción de incendios, salvamento ou loita contra a contaminación.

s) As causas de extinción, entre as que deberán figurar as relativas ao incumprimento das obrigas de servizo público, das exixencias de seguridade para a prestación do servizo e das obrigas de protección do ambiente que procedan.

2. Os pregos reguladores do servizo non conterán exixencias técnicas para a prestación dos servizos que alteren inxustificadamente as condicións de competencia nin calquera outro tipo de cláusula que afecte a libre concorrencia no mercado.

Artigo 121. Prazo das autorizacións de prestación de servizos portuarios especiais

1. O prazo máximo de vixencia das autorizacións para a prestación de servizos portuarios especiais será de quince anos.

Cando para a prestación do servizo se prevexa un investimento significativo en equipos e material móbil, o prazo máximo de vixencia será de trinta anos, e cando o dito investimento significativo se produza en equipos e materiais móbiles e en obras e infraestruturas vinculadas a unha concesión administrativa, o prazo máximo de vixencia será necesariamente coincidente co prazo de vixencia da concesión, establecido no artigo 67 desta lei.

2. Agás no caso do servizo de practicaxe, cando estea limitado o número de prestadores dun servizo portuario, o prazo máximo será, polo menos, un vinte e cinco por cento inferior ao que corresponda segundo o establecido nos supostos anteriores.

3. Cando non exista limitación do número de prestadores, as autorizacións poderán ser renovadas logo da solicitude da persoa interesada realizada cunha antelación mínima de tres meses antes do vencemento da autorización, e sempre que a persoa titular cumpra cos requisitos previstos nesta lei e nas prescricións vixentes de regulación do servizo.

Exceptúanse do anterior as autorizacións vinculadas a unha concesión administrativa outorgada polo prazo máximo establecido no artigo 67 desta lei.

O prazo de vixencia das autorizacións non é renovable cando estea limitado o número de prestadores do servizo.

Transcorrido o prazo de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do organismo competente para a súa tramitación sen que se notificase a resolución expresa, entenderase outorgada a renovación.

Artigo 122. Extinción das autorizacións de prestación de servizos portuarios especiais

1. As autorizacións para a prestación de servizos portuarios especiais extinguiranse por algunha das seguintes causas:

a) O remate do prazo de vixencia previsto na autorización.

b) A revogación pola perda ou polo incumprimento dos requisitos previstos para poder acceder a prestar o servizo, ou non adaptación ás prescricións reguladoras do servizo cando sexan modificadas.

c) A resolución polo incumprimento das condicións do prego regulador do servizo e da autorización que se definan como esenciais nos ditos documentos.

d) A extinción da autorización ou concesión, da autorización ou da ocupación do dominio público portuario que se precise para a prestación do servizo ou do contrato a que se refire o artigo 116.7.

e) Polas demais causas previstas nos pregos reguladores do servizo.

2. Corresponde á persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia acordar a extinción das autorizacións, logo da tramitación do procedemento, no que se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 123. Separación contable

As persoas titulares de autorizacións para a prestación de servizos portuarios especiais, da mesma maneira que as persoas titulares de autorizacións para o exercicio de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza que se regulan no capítulo II deste título, vinculadas ou non a unha concesión ou autorización de ocupación do dominio público portuario, deberán levar, para cada un dos servizos que presten, unha estrita separación contable consonte os usos e as prácticas comerciais admitidas, entre os ditos servizos e actividades, e aqueles que presten fóra do ámbito portuario.

CAPÍTULO II
Das actividades comerciais e industriais e doutra natureza

Artigo 124. Réxime xeral aplicable ás actividades comerciais, industriais ou doutra natureza prestadas por terceiros

1. Por razóns de control de espazos, de capacidade técnica das infraestruturas e superestruturas portuarias para asumir a actividade dos distintos operadores, de seguridade e de ambiente, o exercicio de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza no ámbito portuario, sexan ou non de carácter portuario, requirirá a obtención dunha autorización que outorgará Portos de Galicia e que se supeditará a que se trate de usos permitidos no dominio público portuario de acordo co previsto nesta lei e na restante normativa de aplicación.

2. O prazo de vixencia destas autorizacións será o que se determine nos pregos de condicións xerais de cada actividade ou conxunto de actividades. Cando para o exercicio dunha actividade comercial, industrial ou doutra natureza se requirise a ocupación do dominio público portuario, o prazo deberá ser o mesmo que o autorizado para a ocupación demanial e tramitarase un só expediente no que se outorgará un único título administrativo, no cal polo mesmo prazo se autorice a actividade e a ocupación do dominio público portuario.

3. O outorgamento dunha autorización non exime a persoa titular da obtención e do mantemento en vigor das licenzas, dos permisos e das autorizacións que sexan legalmente exixibles, nin do pagamento dos impostos que sexan aplicables. Non obstante, cando estes se obteñan con anterioridade á autorización que outorga Portos de Galicia, a súa eficacia quedará demorada ata que se outorgue esta.

4. Con carácter xeral, as actividades comerciais, industriais ou doutra natureza prestaranse en réxime de concorrencia, e no caso das actividades comerciais e industriais de carácter portuario, Portos de Galicia adoptará as medidas encamiñadas a promover a competencia.

5. Para os efectos desta lei, son actividades comerciais e industriais de carácter portuario as actividades de prestación de natureza comercial ou industrial que, non tendo a consideración de servizos portuarios, estean directamente vinculadas á actividade portuaria.

6. Para o exercicio de actividades comerciais ou industriais directamente relacionadas coa actividade portuaria, a Presidencia de Portos de Galicia poderá aprobar pregos de condicións xerais co obxecto de garantir a súa realización de forma compatible cos usos portuarios e co funcionamento operativo do porto en condicións de seguridade e calidade ambiental. Entre as condicións deberanse incluír as relativas ao desenvolvemento da actividade, ao prazo, que poderá ser indefinido agás que se vincule a un título de ocupación de dominio público, aos seguros, ás garantías, ás causas de extinción e ás taxas que procedan de acordo co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. Os pregos de condicións xerais poderán ser específicos para unha actividade determinada ou referirse a un conxunto de actividades. Entre os específicos que se poderán aprobar inclúense os de consignación de buques e mercadorías, lonxas, avituallamento de combustible, posta á disposición de medios mecánicos, almacenamento e depósitos e transporte horizontal.

Artigo 125. Actividades comerciais, industriais ou doutra natureza prestadas pola entidade pública empresarial Portos de Galicia

Portos de Galicia poderá prestar as actividades previstas neste capítulo cando estean directamente relacionadas coa actividade portuaria, sempre que sexa preciso para atender posibles deficiencias da iniciativa privada. En contraprestación por estes servizos exixiranse as correspondentes tarifas, que terán natureza de prezos privados.

TÍTULO VI
Regulamento de explotación e policía, potestades de inspección e seguridade
e réxime das sancións

CAPÍTULO I
Regulamento de explotación e policía de Portos de Galicia

Artigo 126. Regulamento de explotación e policía

1. A entidade pública empresarial Portos de Galicia elaborará un Regulamento de explotación e policía dos portos e das instalacións marítimas suxeitas ao ámbito de aplicación desta lei, no que se establecerán as normas xerais de funcionamento dos diferentes servizos e operacións, que incluirá igualmente especificacións e gradacións ao cadro de infraccións e de sancións previstas neste título.

2. O Regulamento de explotación e policía será remitido para a súa aprobación, por proposta da consellaría competente en materia de portos, ao Consello da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO II
Potestades de inspección e seguridade

Artigo 127. Inspección e vixilancia

1. Sen prexuízo das competencias doutras administracións públicas, atribúese á entidade pública empresarial Portos de Galicia a potestade de inspección e vixilancia necesaria para garantir o cumprimento desta lei con relación aos servizos, as operacións, as ocupacións e as actividades en xeral, incluída a sinalización e a circulación viaria que se desenvolva nos portos e nas instalacións marítimas, calquera que sexa o réxime de uso do espazo portuario ou a forma de prestación dos servizos.

2. As ditas funcións levaraas a cabo, na forma que determine o Regulamento de explotación e policía, persoal de Portos de Galicia debidamente cualificado, quen terá a consideración de axente da autoridade no exercicio das súas funcións e en actos de servizo.

3. As persoas titulares das concesións e autorizacións están obrigadas a desenvolver labores de vixilancia das súas instalacións, adoptando as medidas oportunas para a prevención das infraccións e presentando de xeito inmediato denuncia de se produciren estas. Prestarán asemade asistencia a Portos de Galicia no exercicio da potestade de inspección.

Artigo 128. Abandono de barcos, vehículos e outros obxectos

1. Portos de Galicia poderá adoptar as medidas necesarias para garantir o tráfico portuario e a dispoñibilidade dos espazos portuarios, das atracadas e dos puntos de amarre. Para tales efectos, poderá adoptar a declaración de situación de abandono dun barco, o que permitirá o seu traslado, varada, ancoraxe ou tratamento como residuo.

2. A declaración de situación de abandono exixirá a tramitación do correspondente procedemento, no cal se acreditarán as circunstancias expresadas e se dará audiencia á persoa propietaria e á consignataria na forma prevista na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para os efectos desta lei, considéranse abandonados:

a) Os barcos que permanezan durante máis de tres meses consecutivos atracados, amarrados, ancorados ou depositados en seco no mesmo lugar dentro do porto, sen actividade apreciable exteriormente e sen aboar as taxas correspondentes.

b) Os barcos que non teñan matrícula ou os datos abondos para a identificación da persoa titular ou consignataria deles e que se atopen no porto sen autorización.

4. Corresponde a Portos de Galicia a propiedade dos buques que fosen declarados en situación de abandono de acordo con esta lei. Ao declararse o abandono do buque, Portos de Galicia acordará o seu alleamento e aplicará o seu produto ás atencións propias da entidade, ou procederá ao afundimento do buque cando, polo seu estado, así o aconsellen razóns de seguridade marítima.

5. Nas situacións que requiran urxente intervención por precisalo o tráfico portuario, a navegabilidade e a explotación do porto, como os supostos en que a ancoraxe ou localización dun barco en augas portuarias ou na superficie en seco obstrúa o acceso á canle de navegación, impida o paso da bocana do porto ou obstaculice os labores propios da explotación, Portos de Galicia, logo de requirimento á persoa propietaria ou á consignataria por calquera medio técnico que permita acreditar a súa realización, poderá adoptar as medidas provisionais de emerxencia que sexan necesarias, entre as que se incluirá a retirada e o traslado forzoso do barco.

6. Portos de Galicia poderá así mesmo declarar en situación de abandono os vehículos, a maquinaria e os obxectos en xeral, no ámbito do dominio público portuario, sempre que permanezan por un período superior a un mes no mesmo lugar e presenten condicións que permitan presumir racionalmente a situación de abandono. Cara ao tratamento residual dos vehículos, Portos de Galicia actúa como administración competente en materia de tráfico.

Artigo 129. Medidas para garantir a seguridade nos espazos portuarios

1. A entidade pública empresarial Portos de Galicia poderá prohibir ou limitar o tránsito de persoas e vehículos nos espazos portuarios por razóns de seguridade, co obxecto de impedir accidentes, preservar o dominio público portuario ou as embarcacións.

2. As ditas limitacións estableceranse na delimitación dos espazos e dos usos portuarios, nos títulos das concesións ou mediante resolución específica ao respecto da entidade pública empresarial Portos de Galicia.

3. A entidade pública empresarial Portos de Galicia, logo do informe do órgano competente da Administración xeral do Estado, poderá ordenar a adopción inmediata das medidas necesarias para evitar os danos que poida provocar un buque ou outra embarcación en perigo de afundimento ou en situación de causar danos a bens ou elementos portuarios ou a outras embarcacións.

A entidade pública empresarial Portos de Galicia, cando un buque presente perigo de afundimento no porto, requirirá a persoa propietaria ou a consignataria para que o dito buque abandone o porto, para que repare o buque ou para que adopte as medidas necesarias no prazo fixado para o efecto. De estas persoas non o faceren, Portos de Galicia poderá trasladalo ou proceder ao seu afundimento ou varada, á custa delas, nun lugar onde non se prexudique a actividade portuaria, a navegación ou a pesca, nin constitúa un risco grave para as persoas ou os bens, provoque un dano ao ambiente ou poida converterse nun foco de contaminación.

Nos supostos de afundimento dun buque nas augas do porto, a entidade pública empresarial Portos de Galicia indicará aos seus titulares, armadores ou ás compañías aseguradoras onde deben situar os seus restos ou o buque unha vez reflotado, dentro do prazo que para o efecto determine, así como as garantías ou as medidas de seguridade que se deben tomar para evitar un novo afundimento. De se incumpriren os acordos de Portos de Galicia, esta entidade poderá utilizar para o rescate do buque afundido os medios de execución forzosa previstos no ordenamento xurídico.

4. No caso de que un buque ou unha embarcación impida ou dificulte o libre tránsito dentro das augas do porto, ou obstaculice a actividade portuaria por se atopar ancorado sen autorización ou nun lugar distinto do autorizado, poderanse adoptar, con carácter inmediato, todas as medidas que resulten precisas para restablecer a legalidade infrinxida ou a actividade portuaria afectada, podendo en particular procederse á retirada daquel buque ou embarcación a cargo da persoa infractora. As mesmas medidas poderanse aplicar cando se efectúen atracadas en contravención das instrucións recibidas ou sen autorización, particularmente en superficies outorgadas en exclusiva en virtude de concesións ou autorizacións, ou sen ter en conta as especializacións dos peiraos para as diferentes clases de embarcacións e cargas.

Os vehículos, os efectos, as mercadorías ou os bens de calquera clase que se atopen depositados nas explanadas dun porto sen autorización ou nun lugar distinto do autorizado e producindo alteracións no normal funcionamento da explotación poderán tamén ser retirados a cargo da persoa infractora, sen prexuízo das competencias doutros órganos.

5. Cando con ocasión dun procedemento xudicial ou administrativo se acorde a retención, a conservación ou o depósito dalgún buque, Portos de Galicia poderá instar da autoridade xudicial o afundimento do buque ou o seu alleamento en pública poxa cando a estada do buque no porto lles produza un perigo real ou potencial ás persoas ou aos bens ou cause grave quebranto á explotación do porto.

6. En todos os supostos de embargo ou retención xudicial ou administrativa de buques, como medida de garantía da actividade portuaria, Portos de Galicia determinará ou modificará a radicación do buque no porto, dando conta en todo caso disto á autoridade xudicial ou administrativa que decretou o embargo ou a retención.

7. As operacións e as actividades produtivas que se desenvolvan no porto programaranse e executaranse con suxeición ao disposto na normativa en materia de prevención de riscos laborais.

CAPÍTULO III
Infraccións

Artigo 130. Concepto e clasificación das infraccións

1. Constitúen infraccións administrativas as accións e omisións tipificadas e sancionadas nesta lei.

2. As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 131. Infraccións leves

Son infraccións leves as accións ou omisións que, non tendo a consideración de graves ou moi graves, se encontren tipificadas nalgún dos supostos seguintes:

a) O incumprimento das instrucións de réxime de servizo, inspección e vixilancia e policía do porto dadas polos responsables do porto no exercicio das súas competencias, en relación co desenvolvemento das operacións ou actividades nos portos, tanto terrestres como marítimas, realizadas no ámbito do porto.

b) A atracada de embarcacións sen autorización ou en lugar distinto do autorizado.

c) A realización de operacións portuarias con perigo para as obras, as instalacións, o equipo portuario ou os outros buques, ou sen tomar as precaucións necesarias.

d) A utilización non autorizada, inadecuada ou sen as condicións de seguridade abondas das instalacións ou dos equipos portuarios, con independencia da súa titularidade.

e) A obstrución ás actuacións de inspección ou vixilancia que non deba ser cualificada como grave.

f) A omisión ou a achega defectuosa, voluntariamente ou por neglixencia inescusable, de calquera información que, vinculada á actividade autorizada á persoa inculpada no porto, se teña que subministrar a Portos de Galicia para o desenvolvemento das competencias e potestades que ten encomendadas, xa sexa por prescrición legal ou por requirimento desta.

g) O mero atraso no cumprimento da obriga de facilitar á Administración portuaria a información íntegra e no prazo a que obrigue a lei, os regulamentos ou que requira a administración, en particular a necesaria para efectos estatísticos e para liquidar tarifas e taxas, e mais a relativa a embarcacións de base e tránsito, cando tal información se facilitase íntegra e correctamente.

h) A información incorrecta facilitada aos responsables do porto sobre os tráficos de buques, as mercadorías, os pasaxeiros e as pasaxeiras e os vehículos de transporte terrestre, especialmente sobre os datos que sirvan de base para a aplicación das taxas e doutros ingresos portuarios.

i) Causar directamente danos ás obras, as instalacións, os equipos, as mercadorías e os medios de transporte situados na zona portuaria nunha contía que non supere os 6.000 euros.

j) Calquera acción ou omisión que cause danos ou menoscabo aos bens do dominio público portuario ou ao seu uso e explotación.

k) A ocupación do dominio público portuario sen o correspondente título.

l) A realización sen a debida autorización de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza ou de prestación de servizos.

m) O incumprimento das condicións esenciais da superficie do dominio ocupada autorizada, da definición das obras e instalacións autorizadas, do obxecto, uso e destino autorizado, da seguridade e do ambiente e mais da garantía e cobertura do servizo establecidas nos correspondentes títulos administrativos de ocupación e das autorizacións que habiliten para a prestación de servizos ou o desenvolvemento de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza, sen prexuízo da súa caducidade ou resolución.

n) A realización de obras ou instalacións sen o correspondente título habilitante ou o incumprimento das condicións esenciais da superficie do dominio ocupada autorizada, da definición das obras e instalacións autorizadas, do obxecto, uso e destino autorizado e mais da seguridade e do ambiente establecidas no título outorgado, sempre que o valor da obra executada sexa inferior a 6.000 euros, nos supostos en que se atenda no prazo outorgado os requirimentos de paralización.

ñ) A publicidade exterior non autorizada no espazo portuario.

o) O incumprimento da normativa ou das instrucións que en materia de seguridade marítima ou de prevención e loita contra a contaminación diten os órganos competentes.

p) O incumprimento das normas ou a inobservancia das prohibicións contidas no Regulamento de servizo e policía sobre o normal desenvolvemento das actividades portuarias e sobre o uso das obras, das instalacións e dos servizos dos portos, así como sobre o mantemento da limpeza e seguridade das augas ou zonas comúns do porto.

q) A realización de reparacións, carenas e recollidas con risco de causar contaminación.

r) A vertedura de lixo, entullos ou calquera clase de residuos non contaminantes en terreos, instalacións, obras ou equipos portuarios.

s) A vertedura de substancias e residuos non contaminantes nas augas do porto.

t) O estacionamento de vehículos en lugares non autorizados sen que estean en todo momento xunto a eles os seus condutores ou condutoras.

u) Acampar e practicar xogos, probas deportivas ou exhibicións de calquera tipo en zona portuaria, cando iso non estea expresamente autorizado.

v) Bañarse ou mergullarse nas augas interiores do porto e pescar desde os peiraos ou con calquera tipo de arte nas dársenas e augas portuarias, cando iso non estea expresamente autorizado.

Artigo 132. Infraccións graves

Son infraccións graves as accións ou omisións tipificadas no artigo anterior cando supoñan lesión a algunha persoa que motive unha baixa por incapacidade laboral non superior a sete días ou danos ou perdas superiores a 6.000 euros e non superiores a 60.000 euros; as que poñan en perigo a seguridade das operacións portuarias; a comisión dunha infracción leve, cando no prazo dun ano o mesmo suxeito fose sancionado por unha ou máis infraccións leves e a resolución ou as resolucións sancionadoras fosen firmes na vía administrativa; as que perturben o normal funcionamento dos servizos ou das actividades do porto; e, en todo caso, as seguintes:

a) As que impliquen un risco grave para a saúde ou a seguridade das vidas humanas ou a integridade do ambiente, sempre que non sexan constitutivas de infracción penal.

b) A vertedura de lixo, entullos ou calquera clase de residuos contaminantes en terreos, instalacións, obras ou equipos portuarios.

c) A vertedura de substancias e residuos contaminantes nas augas do porto.

d) A vertedura non autorizada desde buques ou artefactos flotantes de produtos sólidos, líquidos ou gasosos na zona II, exterior das augas portuarias.

e) A obstrución, que non deba ser cualificada como leve, ao exercicio das funcións de policía, inspección e vixilancia que corresponda a Portos de Galicia, e en particular aos celadores e ás celadoras gardapeiraos.

f) O falseamento da información subministrada a Portos de Galicia por propia iniciativa ou por requirimento desta entidade.

g) Causar directamente danos ás obras, as instalacións, os equipos, as mercadorías e os medios de transporte situados na zona portuaria, nunha contía que supere os 6.000 euros.

h) A omisión polo capitán ou a capitá de solicitar os servizos que resulten obrigatorios segundo as disposicións vixentes.

i) A ocupación do dominio público portuario sen o título correspondente, cando se desatendese un requirimento expreso dos responsables do porto para o cesamento da súa conduta.

j) A realización de obras ou instalacións sen o correspondente título habilitante ou o incumprimento das condicións esenciais da superficie do dominio ocupada autorizada, da definición das obras e instalacións autorizadas, do obxecto, uso e destino autorizado e mais da seguridade e do ambiente, establecidas no título outorgado, sempre que o valor da obra executada sexa igual ou superior a 6.000 euros, ou, con independencia do valor das obras, cando non se atendesen no prazo outorgado os requirimentos de paralización.

k) A realización sen a debida autorización de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza ou de prestación de servizos cando se desatendese un requirimento expreso dos responsables do porto para o cesamento da súa conduta.

Artigo 133. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves as accións ou omisións recollidas nos dous artigos anteriores cando ocasionen lesión a algunha persoa que motive a súa baixa por incapacidade laboral superior a sete días, ou danos ou perdas superiores a 60.000 euros; as que poñan en grave perigo a seguridade das operacións portuarias; a comisión dunha infracción grave, cando nun prazo dun ano o mesmo suxeito fose sancionado por unha ou máis infraccións graves e a resolución ou as resolucións sancionadoras fosen firmes na vía administrativa; e, en todo caso, as seguintes:

a) As que impliquen un risco moi grave para a saúde ou seguridade de vidas humanas ou a integridade do ambiente, sempre que non sexan constitutivas de infracción penal.

b) A vertedura non autorizada desde buques ou artefactos flotantes de produtos sólidos, líquidos ou gasosos na zona I, interior das augas portuarias.

c) A realización, sen o debido título administrativo conforme esta lei, de calquera tipo de obras ou instalacións no ámbito portuario, sempre que o valor da obra executada sexa superior a 60.000 euros, así como o aumento da superficie ocupada ou do volume ou da altura construídos sobre os autorizados, sempre que se desatendese o requirimento expreso de Portos de Galicia para o cesamento da conduta abusiva ou que, logo de se notificar a incoación do expediente sancionador, se persistise en tal conduta.

d) O incumprimento das normas ou instrucións dadas polas autoridades competentes por razón de seguridade, custodia, manipulación, almacenamento e prevención de riscos, en relación coas operacións portuarias que teñan por obxecto materiais explosivos ou perigosos, ou susceptibles de ocasionar danos ao ambiente.

Artigo 134. Prescrición

1. O prazo de prescrición das infraccións será de tres anos para as moi graves, de dous anos para as graves e dun ano para as leves. O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese.

2. No suposto de infraccións continuadas, o prazo de prescrición comezará a contarse desde que finalizase a conduta infractora.

3. O transcurso dos prazos de prescrición establecidos neste artigo non impedirá a exixencia da restitución das cousas ou a súa reposición ao seu estado anterior e da obriga de indemnizar os danos e perdas causados.

4. A prescrición interromperase por algunha das causas previstas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 135. Responsables

1. Son responsables das infraccións administrativas as persoas físicas ou xurídicas seguintes:

a) Os autores das accións ou omisións tipificadas como infracción nesta lei. Se a infracción se cometeu no ámbito propio das actividades da empresa coa que estes teñen unha relación de dependencia, a empresa será responsable solidaria.

b) No caso de incumprimento das condicións dun contrato ou dun título administrativo, a persoa adxudicataria do contrato ou a persoa titular do título administrativo, ou o terceiro cesionario. Nos supostos de omisións da autorización e inscrición da cesión, a responsabilidade será solidaria entre a persoa cedente e a cesionaria.

c) No caso de infraccións relacionadas coas embarcacións, as armadoras ou os armadores e as consignatarias ou os consignatarios respectivos con carácter solidario, e, subsidiariamente, as capitás ou os capitáns ou as patroas ou os patróns.

O anterior enténdese sen prexuízo das responsabilidades que lle poidan corresponder ao prestador do servizo de practicaxe e ao práctico ou á práctica no exercicio da súa función, de acordo coa súa regulación específica.

d) No caso de obras, instalacións e actividades sen título suficiente, responderán solidariamente o promotor da actividade, a empresaria ou o empresario que a executa e a técnica ou o técnico director desta.

2. Das sancións pecuniarias impostas a persoas xurídicas serán responsables subsidiariamente os administradores que non realizasen os actos necesarios que fosen da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, consentisen o incumprimento por quen deles dependa ou adoptasen acordos que fixesen posible a comisión de tales infraccións.

3. Nos supostos de comunidades de bens e demais entidades que, carentes de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou patrimonio separado, serán responsables solidarias as persoas titulares ou as persoas que participen de forma conxunta.

4. As sancións impostas a diferentes suxeitos como consecuencia dunha mesma infracción terán entre si carácter independente.

CAPÍTULO IV
Sancións e outras medidas

Artigo 136. Principios xerais

1. Toda acción ou omisión que sexa constitutiva de infracción será sancionada coa multa que proceda de acordo co establecido no artigo 137.

2. Cando da comisión dunha infracción derive necesariamente a comisión doutra ou outras, deberase impoñer unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.

3. Cando a infracción poida ser constitutiva de delito ou falta, darase traslado ao Ministerio Fiscal, suspendéndose o procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dite sentenza firme ou resolución que poña fin ao proceso. Nestes casos, a continuación do expediente sancionador só será posible no caso de ausencia de sanción penal ou de inexistencia de identidade de suxeito, feito e fundamento, polo que o órgano administrativo queda vinculado polos feitos declarados probados por resolucións xudiciais penais firmes.

4. Sen prexuízo da sanción penal ou administrativa que se impoña, a persoa infractora estará obrigada á restitución das cousas e á súa reposición ao seu estado anterior, coa indemnización dos danos irreparables e das perdas causadas no prazo que se fixe na resolución correspondente.

5. Igualmente, a suspensión do procedemento sancionador non será óbice para que se cumpran e se executen de inmediato as medidas administrativas adoptadas para salvagardar a actividade portuaria, a seguridade e a ordenación do tráfico marítimo e a protección do ambiente.

6. As persoas adxudicatarias de contratos e as titulares de títulos administrativos outorgados de acordo con esta lei poderán ser sancionadas polas infraccións que nela se establecen, con independencia doutras responsabilidades que, se é o caso, sexan exixibles. Asemade iniciaranse os procedementos de suspensión dos efectos e, se é o caso, revogación ou resolución dos actos, títulos administrativos ou contratos nos cales supostamente puido ampararse a actuación ilegal.

Artigo 137. Multas

1. As infraccións reguladas por esta lei sancionaranse coas seguintes multas:

a) As infraccións leves, con multas de ata 60.000 euros.

b) As infraccións graves, con multas de 60.001 euros ata 300.000 euros.

c) As infraccións moi graves, con multas de 300.001 euros ata 600.000 euros.

2. Nos supostos previstos nos artigos 131.n), 132.k) e 133.c), a multa será equivalente, respectivamente, ao quince por cento do valor das obras e instalacións para a infracción leve, ao trinta por cento do valor das obras e instalacións para a infracción grave e ao cincuenta por cento do valor das obras e instalacións para a infracción moi grave.

3. No suposto de infraccións graves ou moi graves por comisión dunha infracción leve ou grave, cando nun prazo dun ano o mesmo suxeito fose sancionado por unha ou máis infraccións leves ou graves, e a resolución ou as resolucións sancionadoras fosen firmes na vía administrativa, a multa obterase pola suma das establecidas para cada unha destas.

4. A contía da multa poderase reducir ata un máximo do trinta por cento mediante acordo do órgano competente para a súa imposición, sempre que a persoa infractora procedese a corrixir a situación creada pola comisión da infracción no prazo que se sinalou no correspondente requirimento.

5. Cando como consecuencia da comisión da infracción a persoa infractora obteña un beneficio cuantificable, poderase superar o límite superior das multas previstas no punto anterior ata acadar a contía do beneficio obtido.

Artigo 138. Recoñecemento de responsabilidade

1. Ao se iniciar un procedemento sancionador, se a persoa infractora recoñece a súa responsabilidade, poderase resolver o procedemento coa imposición da sanción que proceda.

2. Cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario ou ben caiba impoñer unha sanción pecuniaria e outra de carácter non pecuniario, mais xustificouse a improcedencia da segunda, o pagamento voluntario pola persoa presuntamente responsable, en calquera momento anterior á resolución, implicará o remate do procedemento, agás no relativo á reposición da situación alterada ou á determinación da indemnización polos danos e perdas causados pola comisión da infracción.

3. En ambos os casos, cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará reducións de, polo menos, o trinta por cento sobre o importe da sanción proposta, sendo estes acumulables entre si. As citadas reducións deberán estar determinadas na notificación de iniciación do procedemento e a súa efectividade estará condicionada á desistencia ou renuncia de calquera acción ou recurso na vía administrativa contra a sanción.

Artigo 139. Medidas adicionais

1. As accións ou omisións que sexan constitutivas de infracción darán lugar, ademais da imposición da sanción que proceda, á adopción, de ser o caso, das seguintes medidas:

a) A imposición das obrigas de restitución, reposición e indemnización establecidas no artigo 142 desta lei.

b) A caducidade do título administrativo, cando sexa procedente, por incumprimento das condicións.

c) A suspensión do dereito á obtención de subvencións e axudas públicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relacionadas co obxecto desta lei, por un prazo non superior a dous anos no caso de infraccións graves ou non superior a tres anos no caso de infraccións moi graves.

2. No caso das infraccións graves ou moi graves, e atendendo as circunstancias concorrentes, o órgano competente para impoñer a sanción correspondente poderá acordar tamén a inhabilitación da persoa infractora para ser titular de autorizacións ou de concesións no ámbito do porto correspondente ou para o desempeño de actividades portuarias. O prazo de inhabilitación non poderá ser superior a un ano no caso das infraccións graves, nin a tres anos no caso das infraccións moi graves.

3. Poderase acordar a suspensión temporal da actividade autorizada, por períodos dun, seis ou doce meses, segundo se trate, respectivamente, de infraccións leves, graves ou moi graves relacionadas coa dita actividade.

4. Poderase impoñer tamén, xunto coas sancións que procedan de conformidade cos artigos anteriores, o comiso do beneficio obtido coa infracción grave ou moi grave.

Artigo 140. Criterios de gradación

1. Para determinar o importe da sanción atenderanse as circunstancias agravantes e atenuantes establecidas neste artigo.

2. Estas circunstancias, agravantes ou atenuantes, non se apreciarán naqueles supostos en que esta lei as inclúa no tipo infractor.

3. Son circunstancias agravantes:

a) O grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade.

b) A continuidade ou a persistencia na conduta infractora.

c) A natureza dos prexuízos causados.

d) A reincidencia, por comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme en vía administrativa.

e) O emprego de violencia ou calquera outro tipo de ameaza ou coacción sobre o persoal público encargado de dar cumprimento á legalidade, a non ser que os feitos sexan constitutivos de ilícito penal.

f) O incumprimento da normativa en materia de seguridade e ambiental que sexa causa de danos ou risco para os bens e as persoas ou para o ambiente.

g) A obtención de beneficio derivado da comisión da infracción.

h) A relevancia externa da conduta infractora.

i) O incumprimento dos requirimentos previos tendentes a poñer fin aos efectos derivados da infracción.

4. Son circunstancias atenuantes:

a) A ausencia de intención de causar un dano tan grave aos intereses públicos ou privados afectados.

b) A reparación voluntaria ou espontánea do dano causado.

c) A paralización das obras ou o cesamento da actividade ou do uso prohibido, de modo voluntario, antes do inicio do procedemento sancionador.

Artigo 141. Prescrición das sancións

1. O prazo de prescrición das sancións será de tres anos para as correspondentes a infraccións moi graves, de dous anos para as impostas por infraccións graves e dun ano para as impostas por infraccións leves.

2. O prazo de prescrición dunha sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou en que transcorrese o prazo para presentar recurso contra ela.

3. A prescrición das sancións interromperase conforme o previsto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 142. Restitución, reposición e indemnización

1. A imposición de sancións é independente da obriga que ten a persoa infractora de restituír os bens e de repoñer a situación alterada ao estado anterior á comisión da infracción e mais da obriga de indemnizar os danos e perdas causados, que serán reclamados por Portos de Galicia.

2. Corresponde ao mesmo órgano competente para impoñer a sanción establecer a obriga de restituír e de repoñer a situación alterada ao seu estado anterior e tamén fixar o importe da indemnización logo da instrución do correspondente expediente administrativo.

A indemnización dos danos irreparables será por contía igual ao valor dos bens destruídos ou á deterioración causada, no prazo que se estableza.

3. Cando a restitución e a reposición non sexan posibles e, en todo caso, cando subsistan danos e perdas irreparables, a persoa ou as persoas responsables da infracción deberán aboar as indemnizacións que procedan, fixadas de maneira executoria por Portos de Galicia.

4. Cando os danos sexan de difícil avaliación, teranse en conta os seguintes criterios:

a) O custo teórico da restitución e reposición.

b) O valor dos bens danados.

c) O custo do proxecto ou da actividade causante do dano.

d) O beneficio obtido coa actividade infractora.

5. Se a reparación do dano é urxente para garantir o bo funcionamento do porto, da bacía ou da instalación, Portos de Galicia poderá levala a cabo de forma inmediata e á conta da persoa causante do prexuízo, a quen lle será reclamado posteriormente o custo da reparación.

Artigo 143. Procedemento

1. O procedemento administrativo sancionador tramitarase de acordo co disposto nesta lei e nas normas reguladoras do procedemento administrativo común.

2. O exercicio da potestade sancionadora no ámbito dos portos, das bacías e das instalacións portuarias corresponde aos órganos competentes de acordo co que dispoñen esta lei e as súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal e as autoridades competentes están obrigados a formular denuncias, a tramitar as que se presenten e a resolver os procedementos sancionadores da súa competencia, coa imposición das sancións procedentes.

4. Os feitos constatados polo persoal de Portos de Galicia con funcións inspectoras e de policía administrativa que se formalicen en documento público, e no que, observándose os requisitos legais pertinentes, se recollen os feitos constatados por el, serán constitutivos de proba, agás que se acredite o contrario.

5. Ao advertir a existencia dunha posible infracción, o órgano competente, logo das dilixencias oportunas, incoará á persoa presuntamente infractora un expediente sancionador, sendo en calquera caso preceptiva a notificación do prego de cargos así como da proposta de resolución do expediente, para os efectos de formular alegacións e presentar os documentos e as informacións que se xulguen oportunos, con carácter previo a emitirse a resolución. Na tramitación de procedementos sancionadores por feitos sucedidos no ámbito das superficies suxeitas a concesión será preceptiva a audiencia do concesionario.

Artigo 144. Competencia

1. A competencia para a imposición das sancións previstas nesta lei corresponderalles:

a) Á persoa titular da Dirección da entidade pública empresarial Portos de Galicia para os supostos de infraccións leves sancionadas con contías inferiores a 10.000 euros.

b) Á persoa titular da Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia para as restantes infraccións leves.

c) Á persoa titular da consellaría competente en materia de portos, por proposta de Portos de Galicia no ámbito das súas competencias, nos casos de infraccións graves.

d) Ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta de Portos de Galicia no ámbito das súas competencias, nos casos de infraccións moi graves.

2. Estes límites sobre atribucións de competencia, así como a contía das multas, poderán ser actualizados ou modificados polo Consello da Xunta de Galicia.

3. Corresponderalle á persoa titular da Dirección da entidade pública empresarial a incoación dos expedientes sancionadores.

Artigo 145. Medidas provisionais

1. O órgano competente para resolver poderá adoptar en calquera momento, mediante un acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer, o bo fin do procedemento, evitar o mantemento dos efectos da infracción e preservar os intereses xerais, de acordo cos principios de proporcionalidade, efectividade e menor onerosidade.

Ao se iniciar o procedemento, cando así veña exixido por razóns de urxencia inaprazable para a protección provisional dos intereses implicados, o órgano competente para acordar tal iniciación do procedemento ou o órgano instrutor antes da iniciación do procedemento poderán adoptar de forma motivada as medidas provisionais que resulten necesarias e proporcionadas, con suxeición ao establecido en materia de medidas provisionais na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

2. De se tratar de obras ilegais en curso de execución, poderase ordenar a súa paralización. De se tratar de instalacións en explotación ou da execución de usos e actividades indebidos, poderase dispoñer a súa suspensión.

Coa notificación da orde de paralización ou suspensión outorgarase un prazo á persoa interesada para que solicite ante a Administración portuaria o título correspondente ou axuste as obras ou a actividade ao que teña concedido.

Logo de transcorrer ese prazo sen que a persoa interesada cumpra o que se lle prescribiu, a Administración portuaria pode ordenar a demolición das obras ou o desmantelamento das instalacións, á custa da persoa interesada, e impedirá definitivamente os usos ou as actividades non autorizadas, agás que a medida poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación.

3. Poderase acordar, así mesmo, o precinto das obras ou das instalacións e a retirada dos materiais, da maquinaria ou dos equipos que se utilizan nas obras ou actividades a cargo da persoa interesada, así como suspender os fornecementos de enerxía eléctrica, auga, gas e telefonía para asegurar a efectividade da medida que se menciona no anterior punto 2.

4. Portos de Galicia poderá ordenar a adopción inmediata das medidas necesarias para evitar a contaminación xerada por todo tipo de verteduras.

5. Portos de Galicia poderá ordenar a inmediata retención, por causa xustificada, dos buques e das embarcacións para garantir as posibles responsabilidades administrativas ou económicas dos seus propietarios ou propietarias, representantes autorizados, capitáns ou capitás ou patróns ou patroas, sen prexuízo de que esta medida poida ser substituída pola constitución dun aval suficiente.

6. Para a efectividade de todas as medidas previstas neste artigo, o órgano competente demandará, cando sexa necesario, a colaboración das forzas e corpos de seguridade.

Artigo 146. Execución forzosa

1. Para garantir o cobramento do importe das multas e das indemnizacións por danos e perdas causados, así como para lograr o restablecemento da orde xurídica vulnerada, Portos de Galicia poderá acudir á vía de constrinximento e servirse dos demais medios de execución forzosa previstos na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para estes efectos, Portos de Galicia poderá proceder, logo do apercibimento, á execución forzosa dos actos administrativos, agás nos supostos en que se suspenda a súa execución ou cando a Constitución ou a lei exixan a intervención dos tribunais.

Artigo 147. Multas coercitivas

1. Portos de Galicia poderá impoñer multas coercitivas para a execución dos actos administrativos que implican unha obriga das persoas destinatarias, de acordo co previsto na lexislación reguladora do procedemento administrativo común e cos correspondentes requirimentos e advertencias previos.

2. As multas coercitivas, que poden ser reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, non poderán ser de contía superior a 6.000 euros cada unha.

3. Cando as multas coercitivas se impoñan para lograr o cumprimento dunha sanción, a competencia para fixala será do mesmo órgano que ditou a resolución sancionadora, e o importe de cada unha delas non poderá ser superior ao vinte por cento da contía da sanción.

Artigo 148. Desafiuzamento administrativo

1. O desafiuzamento administrativo de quen ocupe de modo indebido e sen título bastante bens do dominio público portuario acordarase logo do requirimento previo á persoa usurpadora para que cese na súa actuación, cun prazo de dez días para que poida presentar alegacións, e no caso de resistencia activa ou pasiva ao dito requirimento.

2. Os gastos que se causen serán por conta de quen sexa desafiuzado ou desafiuzada.

3. Corresponde á persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia acordar o desafiuzamento, quen poderá solicitar da autoridade gobernativa correspondente a colaboración das forzas e corpos de seguridade cando sexa necesario.

Disposición adicional primeira. Sociedades mercantís públicas dependentes de Portos de Galicia

1. O Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a creación de sociedades mercantís públicas dependentes da entidade pública empresarial para a xestión empresarial singularizada de actividades portuarias determinadas.

2. A entidade pública empresarial terá participación maioritaria no capital das sociedades referidas no punto anterior, ás cales se lles aplicará o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional segunda. Zona de servizo de portos xestionados en concesión

No suposto de portos de competencia da Comunidade Autónoma que se xestionen mediante concesión, a súa zona de servizo formará parte da do porto de competencia autonómica.

Disposición adicional terceira. Relación de espazos susceptibles de segregación

A entidade pública empresarial Portos de Galicia elaborará unha relación dos espazos pesqueiros e destinados a usos náutico-deportivos dos portos de interese xeral que reúnan as características recollidas no artigo 3.6 do Texto refundido da Lei de portos do Estado e da Mariña Mercante, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, para promover a segregación prevista no citado artigo e nos artigos 2.1, alínea e), e 3.3 desta lei.

Disposición adicional cuarta. Lonxas xestionadas en réxime de monopolio

Suprímese o monopolio local en materia de lonxas conforme o previsto na normativa básica estatal. Naqueles concellos en que o servizo de lonxa veña prestándose en réxime de monopolio, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de portos, poderá acordar a explotación das lonxas de peixe situadas en zonas de servizo dos portos de acordo co réxime previsto nesta lei.

Disposición adicional quinta. Persoal da estiba portuaria

1. No ámbito do servizo portuario de manipulación de mercadorías rexerá o principio de liberdade de contratación.

2. Malia o anterior, naqueles portos onde veña funcionando o réxime de estibadores e estibadoras da antiga Organización de Traballos Portuarios e onde presten na actualidade os seus servizos estibadoras e estibadores «fixos de censo», co fin de protexer os seus dereitos laborais, manterase con carácter de «a extinguir» estes traballadores e traballadoras ata a extinción por calquera causa da súa relación laboral especial.

Disposición adicional sexta. Rexistro de prestadores de servizos

A consellaría competente en materia de portos, por proposta de Portos de Galicia, constituirá un rexistro de carácter administrativo onde constarán todos os prestadores de servizos dos portos e das instalacións suxeitas ao ámbito de aplicación desta lei, coa expresión dos datos destes que sexan de interese para a aplicación desta lei. O rexistro actualizarase anualmente.

Disposición adicional sétima. Perspectiva e igualdade de xénero

No exercicio das funcións establecidas nesta lei, así como no funcionamento da entidade pública empresarial Portos de Galicia, terase en conta a perspectiva de xénero e o principio de igualdade entre mulleres e homes, así como o cumprimento efectivo do previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Concesións e autorizacións vixentes á entrada en vigor da lei

1. Sen prexuízo da súa posible modificación cando se dean os supostos legalmente previstos, as concesións e autorizacións sobre bens adscritos que supoñan ocupación do dominio público portuario vixentes á entrada en vigor desta lei seguirán suxeitas ás mesmas condicións en que se outorgaron, agás no que atinxe as taxas que sexan aplicables, que se adaptarán ao disposto nesta lei e na lexislación autonómica vixente en materia de taxas (que na actualidade vén constituída pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia), e ao prazo de vixencia, que consonte o establecido nesta disposición deberá observar en todo caso o recollido na lexislación básica estatal en materia de dominio público marítimo-terrestre.

2. Considérase en todo caso incompatible cos criterios de ocupación do dominio público portuario establecidos nesta lei o mantemento de concesións outorgadas á perpetuidade, por tempo indefinido ou por prazo superior a trinta e cinco anos, que haberá que contar desde a entrada en vigor da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante. En todos estes casos, as concesións vixentes entenderanse outorgadas por un prazo máximo de trinta e cinco anos, contados desde a entrada en vigor desa lei. Nos demais supostos, a revisión das cláusulas das concesións requirirá a tramitación dun expediente con audiencia da persoa interesada.

3. Aínda que o título de outorgamento non estableza a posibilidade de prórroga, o prazo inicial das concesións vixentes á entrada en vigor da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante, cando este prazo inicial sexa inferior a trinta e cinco anos, poderá ser prorrogado sen se suxeitar aos requisitos establecidos no artigo 67.2.b) desta lei, ben que o prazo da prórroga acumulado ao inicialmente outorgado non poderá exceder do límite de trinta e cinco anos.

4. Aínda que o título de outorgamento non estableza a posibilidade de prórroga, o prazo inicial das concesións outorgadas con posterioridade á entrada en vigor da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante, poderá ser prorrogado por Portos de Galicia con suxeición ao réxime previsto para as prórrogas de concesións no artigo 67.2.b) desta lei.

5. As obras e as instalacións construídas con anterioridade á entrada en vigor desta lei sen a autorización ou concesión exixible de acordo coa lexislación que fose aplicable serán derruídas cando non proceda a súa legalización por razóns de interese público. No caso de que se opte pola súa legalización deberase outorgar unha concesión firme conforme os criterios e o procedemento establecidos nesta lei.

6. As persoas que estean a desenvolver actividades industriais, comerciais ou de servizos ao público no ámbito dun porto con anterioridade á entrada en vigor desta lei poderán seguir desenvolvendo a súa actividade nas mesmas condicións anteriores, ben que deberán adaptarse ás disposicións que establezan os pregos xerais que regulen a súa actividade nun prazo de seis meses a partir da publicación dos ditos pregos.

Se a adecuación non se producise no prazo sinalado, Portos de Galicia declarará extinguida a autorización para o desenvolvemento de actividades no ámbito portuario.

Disposición transitoria segunda. Ampliación do prazo das concesións portuarias outorgadas pola Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia

1. O prazo inicial das concesións outorgadas pola Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, poderá ser ampliado por petición da parte concesionaria pola Administración portuaria competente, tendo en conta o disposto no artigo 49 da Lei 22/1988, do 22 de xullo, de costas, e na demais normativa de aplicación, sempre que o concesionario se comprometa, polo menos, á realización de investimentos relevantes para o porto ou o sistema portuario galego.

2. O investimento mínimo que o concesionario deberá efectuar será do cinco por cento do valor das instalacións obxecto de concesión. Enténdese este como o correspondente ao inicialmente previsto na concesión (orzamento de execución material).

Para a súa consideración como obras computables como investimentos relevantes, deberán reunir algún dos seguintes requisitos:

a) Non deben estar previstas no título concesional orixinal.

b) Aqueles investimentos realizados polo concesionario que non estean incluídos no título concesional e que non sexan computados para os efectos de prórrogas previamente adoptadas.

c) Os investimentos novos que se vaian executar desde a ampliación do prazo da concesión.

Así mesmo, as obras que se vaian realizar deberán mellorar algún dos seguintes aspectos:

a) A produtividade.

b) A eficiencia enerxética.

c) A calidade ambiental.

d) As operacións portuarias.

e) A introdución de novas tecnoloxías.

f) Os novos procesos que incrementen a competitividade.

g) A responsabilidade social corporativa e a mellora social e da poboación.

As obras que se realicen deberán ser aprobadas expresamente por Portos de Galicia, con base na normativa vixente de aplicación, segundo as características da obra proposta.

3. A ampliación ou a prórroga do prazo da concesión non poderá ser superior á metade do prazo máximo de vixencia establecido na lexislación estatal para as concesións sobre o dominio público portuario nos portos de interese xeral.

A ampliación da concesión determinará a modificación das condicións desta, e nela incluiranse os novos compromisos adquiridos e o momento da súa execución, que deberán ser aceptados polo concesionario con anterioridade á resolución sobre o seu outorgamento.

As obras deberanse executar integramente no prazo equivalente á metade do prazo de ampliación ou nos primeiros catro anos seguintes ao comezo da ampliación concedida ao concesionario. Corresponde aos servizos técnicos de Portos de Galicia verificar o cumprimento desta obriga, para o cal deberá estenderse, por solicitude do concesionario, a correspondente acta de recoñecemento final das obras que xustificasen a ampliación.

O incumprimento da obriga de executar as obras e os investimentos no prazo establecido, así como a execución parcial ou defectuosa, dará lugar á caducidade do título de ampliación da concesión e de modificación da concesión, se é o caso.

4. Os concesionarios interesados en exerceren a opción de prórroga ou ampliación do prazo de concesión de acordo co establecido nesta disposición poderano facer no prazo de dous anos desde a entrada en vigor da presente disposición transitoria.

Para a ampliación do prazo, o concesionario deberá presentar unha solicitude, á que deberá achegar:

a) A identificación da concesión a que se refire a solicitude.

b) A memoria en que se expliquen detalladamente os compromisos que asume o concesionario se se lle outorga a ampliación do prazo, así como a xustificación dela.

c) A proposta dos investimentos realizados ou que se van realizar, cunha memoria descritiva e os prazos previstos para a súa execución, de ser o caso.

d) A memoria económico-financeira de viabilidade da concesión ampliada, de acordo cos compromisos que se pretenden cumprir.

e) A declaración responsable de que os compromisos de investimento se executarán nos prazos fixados.

Logo de analizar a documentación presentada, os servizos técnicos de Portos de Galicia procederán a verificar o cumprimento dos requisitos e das obrigas sinalados. No caso de que non estea completa a documentación ou sexa insuficiente, requirirase o concesionario para que o emende no prazo de quince días.

Ao se completar a documentación, a Dirección de Portos de Galicia emitirá o seu informe sobre a solicitude para o seu traslado ao órgano competente para acordar o procedente sobre o outorgamento da ampliación do prazo da concesión.

A resolución da concesión e a fixación do prazo deberanse motivar tendo en conta:

a) O tempo restante de vixencia da concesión.

b) O volume de investimento realizado durante a vixencia da concesión e autorizado por Portos de Galicia, de ser o caso.

c) O volume de investimento novo comprometido.

d) A vida útil do investimento tanto realizado como novo.

e) A memoria económico-financeira da concesión no momento do seu outorgamento e no momento da solicitude de ampliación de prazo.

Así mesmo, para as concesións de portos deportivos e de instalacións en zonas portuarias de uso náutico-deportivo destinadas á prestación de servizo ás embarcacións deportivas e de lecer, a fixación do prazo da ampliación motivarase conforme os criterios anteriores, en función do investimento incluído no proxecto de investimento que sirva de base para a ampliación da concesión do prazo, considerando o orzamento, incluído o IVE, que será segundo o cadro seguinte, e considerando a coherencia do citado investimento co exposto nas alíneas anteriores:

Investimento

Anos

Menos de 50.000 €

5

50.001-100.000 €

10

100.001-200.000 €

15

200.001-400.000 €

20

Máis de 400.001 €

25

O outorgamento ou a denegación da ampliación ten carácter discrecional, sen prexuízo da obriga de motivar as razóns do outorgamento ou da denegación.

A resolución do outorgamento da ampliación de prazo da concesión será publicada no Diario Oficial de Galicia, e nela farase constar, polo menos, a información relativa ao obxecto, ao prazo e á persoa titular da concesión.

5. A ampliación do prazo da concesión non será tida en conta para os efectos da valoración do rescate, da revisión da concesión ou da indemnización por calquera causa a concesionarios, e non alterará a situación xurídica existente respecto das obras e instalacións executadas polo concesionario que, á entrada en vigor do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, revertan á autoridade portuaria, así como da taxa de ocupación que corresponda exixir polo seu uso. Verbo das obras e instalacións que non revertan, será aplicable o réxime previsto legalmente.

6. Os concesionarios que con anterioridade á entrada en vigor desta disposición presentasen unha solicitude de ampliación que se atope en tramitación poderán optar no prazo dun ano, que se contará desde a entrada en vigor da presente disposición, entre a continuación do procedemento de acordo coa lexislación anterior ou a mellora voluntaria da solicitude, para os efectos de a adaptar á nova regulación, conservándose os actos e os trámites cuxos contidos non se vexan alterados pola nova regulación.

Disposición transitoria terceira. Prohibicións

O réxime de prohibicións contido nesta lei será aplicable a partir do momento da súa entrada en vigor. Porén, as ocupacións e utilizacións que estean amparadas por un título vixente na data da súa entrada en vigor poderanse manter durante o período de vixencia do título, que non poderá ser, en ningún caso, obxecto de prórroga, sen prexuízo do réxime de prohibicións derivado da normativa en materia de dominio público marítimo-terrestre.

Disposición transitoria cuarta. Zona de servizo dos portos

En tanto non se proceda á delimitación prevista nesta lei, considérase zona de servizo dos portos o conxunto de espazos de terra incluídos na zona de servizo existente á entrada en vigor da presente lei e mais as superficies de auga comprendidas nas zonas I e II delimitadas para cada porto para efectos do cobramento de tarifas. Para tales efectos, Portos de Galicia publicará a través da súa páxina web tales delimitacións para o coñecemento xeral.

Disposición transitoria quinta. Réxime transitorio aplicable aos plans de utilización dos espazos portuarios, ás delimitacións dos espazos e dos usos portuarios e aos plans directores de infraestruturas

1. Os plans de utilización dos espazos portuarios e as delimitacións dos espazos e dos usos portuarios aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán a súa vixencia. Así e todo, cando se proceda á súa primeira modificación, estes plans deberanse adaptar ao disposto nos artigos 52 e 53.

2. As delimitacións dos espazos e dos usos portuarios que á entrada en vigor desta lei estean en tramitación deberán axustarse ao disposto nos artigos 52 e 53.

3. Os plans directores de infraestruturas aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán a súa vixencia. Así mesmo, os plans directores de infraestruturas que á entrada en vigor desta lei estean en tramitación deberanse adaptar ao disposto nos artigos 32, 33, 34, 35 e 36.

Disposición transitoria sexta. Normas urbanísticas de aplicación directa

En tanto non se proceda á aprobación dos plans especiais de ordenación portuaria, as obras promovidas por particulares que estean suxeitas a control preventivo municipal, así como as obras das administracións públicas portuarias, axustaranse, no que respecta aos parámetros urbanísticos, ás seguintes normas de aplicación directa, que terán carácter subsidiario do plan especial de ordenación urbanística do porto e que non vinculan nin limitan a definición da estrutura xeral e os usos pormenorizados no ámbito portuario que corresponden ao plan especial:

a) Usos permitidos: os indicados nesta lei.

b) Normas de edificación:

1ª) Alturas: a altura máxima da cima das edificacións será de 12 metros, coa excepción desta delimitación daquelas instalacións singulares destinadas ao servizo do porto, tales como silos, guindastres, depósitos, frío, torres de iluminación e balizamento.

2ª) Superficie edificable: máximo de 1,5 m2/m2 de edificación.

3ª) Normas estéticas: as edificacións deberanse integrar esteticamente no conxunto do porto, sen provocar rupturas co contorno polo deseño, a cor ou os remates, debéndose cumprir a normativa de patrimonio ditada pola dirección xeral da Administración autonómica competente en materia de patrimonio na zona onde sexa aplicable.

Disposición transitoria sétima. Regulamento de explotación e policía

Entrementres non se aprobe o Regulamento de explotación e policía ao que se refire o artigo 126 seguirá en vigor o Regulamento de servizo e policía aprobado pola Orde ministerial do 12 de xuño de 1976 para a Comisión Administrativa de Grupos de Portos, en todo aquilo que non se opoña ao disposto nesta lei e na restante lexislación aplicable na materia.

O dito regulamento aprobarase no prazo máximo dun ano desde a aprobación desta lei.

Disposición transitoria oitava. Persoal laboral fixo da entidade pública empresarial Portos de Galicia

1. O persoal laboral fixo da entidade pública empresarial Portos de Galicia que no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, estivese a realizar funcións de traballo de persoal funcionario en virtude de probas de selección ou promoción interna convocadas antes da data sinalada seguirá a realizalas.

2. Para os efectos da valoración, a clasificación e a determinación das funcións de traballo do persoal funcionario asignadas aos postos de traballo afectados por esta disposición, o cadro de persoal actualmente vixente é o aprobado polo Consello Reitor de Portos de Galicia na súa sesión do 6 de xuño de 2013.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogadas as disposicións seguintes:

a) A Lei 6/1987, do 12 de xuño, do Plan especial de portos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

2. Quedan así mesmo derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario

O Consello da Xunta de Galicia poderá ditar cantas normas regulamentarias sexan necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de decembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

ANEXO
Portos e instalacións marítimas de competencia
da Comunidade Autónoma de Galicia

Porto

Provincia de Lugo

1

Ribadeo

2

Rinlo

3

Foz

4

Nois

5

Burela

6

San Cibrao

7

Morás

8

Portocelo

9

Viveiro-Celeiro

10

O Vicedo

Provincia da Coruña

11

O Barqueiro

12

Bares

13

Espasante

14

Ortigueira

15

Cariño

16

Cedeira

17

Maniños-Barallobre

18

O Seixo

19

Mugardos

20

Ares

21

Redes

22

Pontedeume

23

Miño

24

Perbes (embarcadoiro vinculado a Miño)

25

Betanzos

26

Sada-Fontán

27

Lorbé

28

Mera

29

Santa Cruz

30

San Pedro de Visma

31

Suevos

32

Caión

33

Razo

34

Malpica

35

Barizo

36

Santa Mariña

37

Corme

38

Ponteceso

39

Laxe

40

Camelle

41

Arou

42

Santa Mariña de Camariñas

43

Camariñas

44

Muxía

45

Fisterra

46

Sardiñeiro

47

Quenxe

48

Corcubión

49

Cee

50

O Ézaro

51

O Pindo

52

Portocubelo

53

Os Muíños

54

Muros

55

Esteiro

56

A Barquiña

57

O Conchido

58

A Barquiña

59

O Freixo

60

Noia

61

Testal

62

Boa

63

Portosín

64

Porto do Son

65

Corrubedo

66

Aguiño

67

Castiñeiras

68

A Ameixida

69

Insuela

70

Ribeira

71

Palmeira

72

A Pobra do Caramiñal

73

Escarabote

74

Cabo de Cruz

75

Ancados

76

Bodión

77

Taragoña-O Porto

78

Rianxo

79

Rañó

Provincia de Pontevedra

80

Pontecesures

81

Carril

82

Vilaxoán

83

As Sinas

84

Vilanova de Arousa

85

San Miguel de Deiro

86

O Cabodeiro (illa de Arousa)

87

O Xufre-A Illa

88

O Campo (illa de Arousa)

89

Cambados-Tragove

90

A Toxa

91

O Grove

92

Meloxo

93

Pedras Negras

94

Portonovo

95

Sanxenxo

96

Raxó

97

O Covelo

98

Combarro

99

Campelo

100

Pontevedra (Club Naval)

101

As Corbaceiras

102

Aguete

103

Bueu

104

Beluso

105

Aldán

106

Cangas

107

Moaña

108

Meira

109

Domaio

110

San Adrián de Cobres

111

Santa Cristina de Cobres

112

Arcade

113

Cesantes

114

Canido

115

Panxón

116

Santa Marta de Baiona

117

Baiona

118

Santa María de Oia

119

A Guarda

120

A Pasaxe

121

Goián

122

Tui