Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2017 Páx. 54814

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 27 de novembro de 2017 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 12 de maio de 2017 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 12 de maio de 2017 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria, establece no seu artigo 2 que as axudas que se establecen no seu articulado se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1. Trátase dun gasto plurianual distribuído en dúas anualidades; correspondendo 1.268.800 euros á parte do curso 2017/18 que se desenvolve en 2017 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2018.

A devandita orde establece, ademais, de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que excepcionalmente, se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Dado que o crédito previsto na Orde do 12 de maio non resultou suficiente para atender todas as solicitudes recibidas e que existe crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1 que cumpre os requisitos establecidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, parece oportuno incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada na orde de convocatoria mencionada, en liña cun dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, que é facilitar á cidadanía o acceso a recursos de educación infantil de calidade dado que constitúen un piar esencial para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 12 de maio de 2017 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria. O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, é de 756.773 euros, distribuído en dúas anualidades; corresponden 271.864 euros á parte do curso 2017/2018 que se desenvolve en 2017 e 484.909 euros á que se desenvolve en 2018.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social