Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2017 Páx. 54958

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2017 pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación do proxecto sectorial do parque empresarial da Laracha, aprobada mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 2017.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 2017, da modificación do proxecto sectorial do parque empresarial da Laracha (A Coruña).

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, faise público o Texto refundido das disposicións normativas do proxecto sectorial do parque empresarial da Laracha (A Coruña), para a súa entrada en vigor:

4. Ordenanzas reguladoras.

4.1. Normas xerais.

4.1.1. Natureza e ámbito.

1. O proxecto sectorial da área empresarial da Laracha desenvolve as determinacións do Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sobre o ámbito delimitado polo dito plan para o parque empresarial da Laracha.

2. Esta normativa aplícase á superficie total do ámbito do proxecto que é de 825.249 m2.

4.1.2. Modificación e vixencia.

1. A modificación do proxecto sectorial poderase realizar en calquera momento, seguindo o procedemento establecido no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, con exclusión do trámite previsto no seu punto 1.

2. O proxecto sectorial poderá caducar e extinguir os seus efectos no suposto de que se produza declaración de caducidade por incumprimento dos prazos previstos para o seu inicio ou terminación por causa imputable ao titular das obras, ou que estas sexan interrompidas por tempo superior ao autorizado sen causa xustificada, excepto obtención previa da correspondente prórroga que poderá outorgar a consellería que tramitou o proxecto.

3. A declaración de caducidade corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e despois de informe da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e audiencia dos interesados.

4. A declaración de caducidade indicará, se é o caso, as determinacións do planeamento urbanístico municipal que deban ser modificadas, as condicións a que queden sometidas as construcións e instalacións xa realizadas e aquelas outras que resulten axeitadas para corrixir ou eliminar os impactos que puideren producirse no medio físico.

4.1.3. Alcance normativo dos documentos.

O alcance normativo do proxecto deriva do contido normativo dos documentos que o integran e, en particular, das ordenanzas reguladoras e planos de ordenación.

A cartografía a escala 1/1000 que constitúe a base gráfica sobre a cal se debuxou a planimetría terá carácter de cartografía oficial e o seu uso será obrigatorio para reflectir a localización e determinacións de calquera petición de licenza urbanística.

4.1.4. Desenvolvemento obrigatorio.

Para a execución do proxecto sectorial redactaranse os correspondentes proxectos técnicos de execución.

Para o desenvolvemento urbanístico das actividades empresariais redactaranse os proxectos de parcelación, edificación e instalacións.

Nos casos previstos especificamente nestas ordenanzas, será necesaria a redacción previa de estudos de detalle.

4.1.5. Cumprimento da lexislación vixente.

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes ou que poidan ser ditadas, sobre as distintas materias afectadas en cada caso.

Nos aspectos non previstos nestas ordenanzas, observarase o disposto no Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e á normativa urbanística municipal vixente.

4.1.6. Sistema de actuación.

Por determinación do Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a actuación desenvolverase por expropiación forzosa e corresponde ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a tramitación dos expedientes expropiatorios como Administración actuante.

4.1.7. Definicións.

Para efectos destas ordenanzas, cantas veces se empreguen os termos que deseguido se indican, terán o significado que taxativamente se expresa nos puntos seguintes:

– Parcela edificable.

Parcela edificable é a superficie de solo comprendida entre lindeiros e aliñacións, sobre a cal se pode edificar cando reúna a condición de soar como consecuencia da execución do planeamento.

– Rueiro.

É o conxunto de parcelas que sen solución de continuidade quedan comprendidas entre vías e/ou espazos públicos determinados no proxecto.

– Aliñación.

Entenderase por aliñación aquela liña límite da parcela que separa esta dos espazos libres públicos.

– Liña de edificación.

É aquela liña que a futura edificación non pode sobrepasar. A liña de edificación pode ser exterior o interior:

Exterior. Cando se refire á fachada de edificación que dea fronte a espazos libres públicos ou rúa. A liña exterior coincidirá coa aliñación, salvo no caso en que se dispón a obrigatoriedade de establecer un recuamento.

A liña exterior indicada en plano de ordenación terá a consideración de liña de edificación obrigatoria para garantir a aliñación das fachadas.

Interior. Cando se refire á fachada oposta á anterior.

– Fronte de parcela.

Enténdese como tal o linde en contacto coa vía na que se establece o acceso principal á parcela. A súa dimensión será a distancia entre os lindes laterais, medida sobre a aliñación.

– Recuamento.

É o largo da faixa de terreo comprendida entre a aliñación e a liña de edificación cando ambas non coinciden. Así mesmo, as separacións da edificación respecto aos demais lindes da parcela edificable se denominarán recuamentos.

Recuamentos laterais. Cando se refire aos lindes laterais.

Recuamentos posteriores. Cando se refire ao linde posterior da parcela.

A medición do recuamento, sexa frontal, lateral ou posterior, producirase perpendicularmente ao lindeiro de referencia en todos os seus puntos.

– Rasante.

É a cota altimétrica que se corresponde co perfil lonxitudinal dunha vía.

– Altura da edificación.

A altura da edificación é a dimensión vertical dun edificio. Pola súa regulación poderase utilizar unha ou ambas destas dúas unidades de medida:

1. A distancia vertical en metros desde a rasante da rúa a que dea fronte a edificación, tomada no punto medio da fachada, e ata a cara inferior da placa ou armazón estrutural da cuberta.

2. Número total de plantas, nas cales se incluirán a planta baixa e as plantas piso e, se for o caso, a planta semisoto.

– Altura máxima da edificación.

É aquela que non pode superarse coa edificación. Establecerase en número máximo de plantas e/ou metros. Deberán de respectarse ambas.

– Construcións por riba da altura máxima.

Sobre a altura máxima permitida non se permiten outras construcións que a cuberta cunha altura non superior a 4 m e as chemineas, antenas, instalacións para enerxía solar, silos e instalacións especiais debidamente xustificadas pola actividade, ademais das construcións necesarias para acoller estas instalacións.

– Planta baixa, semisoto e soto.

Enténdese por planta baixa a planta inferior do edificio onde o chan se atopa á altura, por riba, ou como máximo a 0,60 m por baixo da rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación. Considérase planta sobre rasante.

Enténdese por semisoto aquela planta que, tendo o chan a máis de 0,60 m por baixo da rasante, ten o teito a máis de 0,60 por riba da dita rasante. Considérase planta baixo rasante.

Enténdese por soto aquela planta que ten o teito a menos de 0,60 m por riba da rasante ou a calquera distancia por baixo de dita rasante. Considérase planta baixo rasante.

Se pola configuración do terreo as condicións antes mencionadas variasen ao longo da liña de edificación exterior, a cualificación de soto, semisoto e planta baixa adoptarase nas partes das plantas que nese caso as cumpran.

– Altura de planta.

Entenderase por altura de planta a distancia entre os eixos de dúas placas consecutivas ou entre o nivel de piso e tirante de cimbro de cuberta de nave, segundo os casos.

– Altura libre de planta.

Entenderase como a distancia desde a superficie do pavimento acabado ata a superficie inferior do teito da planta correspondente. Cando se trate de naves, a altura de planta e a altura libre de planta consideraranse equivalentes.

– Superficie ocupada.

É a comprendida dentro dos límites definidos pola proxección vertical sobre un plano horizontal das liñas externas de toda a construción, incluso a subterránea. Para o conxunto da superficie ocupada non se terán en conta os beirís nin as marquesiñas.

– Superficie edificada.

É a comprendida entre os límites exteriores da construción da planta.

– Superficie total edificada.

É a resultante da suma das superficies edificadas de todas as plantas.

– Edificabilidade máxima.

Desígnase con este nome a medida da edificación permitida nunha determinada área do solo. Establécese polo total de metros cadrados suma de todas as plantas dividido pola superficie de parcela edificable.

– Espazos libres interiores á parcela.

Son aqueles espazos de uso privativo non ocupados pola edificación.

– Edificación exenta.

É aquela que se atopa separada totalmente doutras construcións por espazos libres.

– Edificación semiacaroada.

É a edificación que se apoia nun único lindeiro lateral ao cal, pola súa vez, pode ou non acaroarse a edificación da parcela veciña.

– Edificación acaroada.

É a edificación que se apoia nos lindeiros laterais da parcela formando ringleira.

– Área de movemento da edificación.

É a superficie da parcela susceptible de ser ocupada pola edificación.

4.1.8. Condicións xerais de uso.

1. Son as condicións que regulamentan as diferentes utilizacións dos terreos e das edificacións segundo a actividade que se produza.

2. Os usos divídense en permitidos, asociados e prohibidos segundo a base a súa adecuación a cada ámbito de solo e os fins da ordenación e á compatibilidade dos usos entre si.

3. A regulación de usos en determinada parcela establécese na ordenanza que resulte de aplicación.

4. Conforme as prescricións de cada ordenanza, poderán ser definidos como usos permitidos, asociados ou prohibidos todos ou algúns dos seguintes usos globais:

A. Uso industrial: comprende as actividades transformadoras, de elaboración, reparación e distribución de produtos e almacenaxe en establecementos ou locais especialmente preparados para tal fin, que ocupan todo ou parte do edificio, así como as de venda por xunto, distinguindo os usos pormenorizados de industria e almacéns.

B. Uso de garaxe-aparcadoiro: comprende a garda e estacionamento habitual de vehículos, así como os servizos do automóbil destinados ao seu mantemento e entretemento. Inclúe as estacións de servizo.

C. Uso terciario: o que ten por finalidade a prestación de servizos ao público, ás empresas ou organismos, tales como os servizos de aloxamento temporal, comercio ou venda polo miúdo, servizos persoais, información, administración, xestión pública ou privada, actividades e servizos financeiros e profesionais. Inclúe:

• Uso comercial: comprende o servizo terciario destinado a subministrar mercadorías ao público mediante venda polo miúdo (incluíndo a almacenaxe) e a prestación de servizos persoais.

• Uso de oficinas e administrativo: comprende as actividades terciarias que se dirixen como función principal á prestación de servizos administrativos, de xestión, información, comunicación e telecomunicacións, financeiros ou profesionais.

• Uso hoteleiro: comprende o uso terciario de servizo ao público de aloxamento temporal. Enténdense incluídos neste uso xeral todos os de carácter complementario que estean ao servizo ou en dependencia co principal, tales como restaurantes, zonas de estacionamento, almacéns…

• Uso hostaleiro-restauración: comprende aquelas actividades que se desenvolven en establecementos destinados a consumir bebidas e alimentos, como bares, cafetarías, restaurantes, etc.

• Uso recreativo e espectáculos públicos: comprende as actividades relacionadas co ocio e os espectáculos.

D. Uso dotacional: é o que serve para proveer aos cidadáns do equipamento que facilite e posibilite a súa educación, enriquecemento cultural, relación social, a súa saúde e benestar e para proporcionar os servizos propios da vida urbana tanto de carácter administrativo como de abastecemento ou infraestruturas. Distínguense os seguintes tipos de usos dotacionais:

• Uso docente: comprende o uso dotacional correspondente ás actividades formativas e de ensino e as de investigación.

• Uso sanitario-asistencial: corresponde ás actividades de prestación de asistencia médica e servizos sanitarios e hospitalarios. Comprende tamén aquelas actividades de tipo social de servizo a grupos que demandan unha atención diferenciada (centros de anciáns, de discapacitados, asilos, gardarías, etc.).

• Uso sociocultural: comprende as actividades culturais asociativas e de relación social que impliquen locais permanentes (casas de cultura, museos, bibliotecas, auditorios, centros sociais, centros de reunión e congresos, etc.).

• Uso deportivo: refírese ás actividades relacionadas coa práctica da cultura física e do deporte.

• Uso de servizos urbanos: comprende aquelas dotacións destinadas á provisión de servizos públicos de carácter específico, desenvolvidas por organismos públicos ou por entidades privadas de carácter subsidiario, tales como mercados de abasto, centros de comercio básico, matadoiros, instalacións e redes de transportes e comunicacións, instalacións para a subministración de servizos urbanísticos, etc.

• Uso de Administración pública: comprende as dotacións destinadas ao exercicio da Administración pública, ao desenvolvemento das funcións públicas institucionais e á prestación de servizos ao público.

E. Uso residencial: o que serve para proporcionar aloxamento permanente ás persoas. Tan só se tolera nos casos explicitamente indicados nas ordenanzas particulares o uso de vivenda destinada exclusivamente ao persoal encargado da vixilancia e conservación das edificacións e instalacións. Consideraranse, dentro de cada edificación ou industria, como construcións accesorias e deberán situarse con acceso independente, ventilación directa de todos os locais vividoiros, illamento e independencia respecto á actividade empresarial que serven.

Regulación do uso industrial.

Enténdese nestas normas por uso industrial o correspondente aos edificios ou locais dedicados ao conxunto de operacións que se executen para a obtención e transformación de primeiras materias, a súa posterior transformación e o seu envasamento, almacenaxe, distribución e reparación. Inclúense na definición deste uso as actividades de artesanía, así como as actividades de almacenaxe e distribución de produtos e da venda por xunto.

Inclúe, en consecuencia, as seguintes actividades:

a) Produción, que comprende aquelas actividades cuxo obxecto principal é a obtención de produtos por procesos transformadores e inclúe funcións técnicas e económicas especialmente ligadas á función principal, tales como a reparación, garda ou depósito de medios de produción e materias primas, así como a almacenaxe de produtos acabados para a súa subministración a grosistas, instaladores, fabricantes, etc.

Inclúense neste uso as actividades de investigación aplicada, comprendendo laboratorios, centros informáticos etc., complementarias e de servizo ás empresas.

b) Almacenaxe e comercio grosista, que comprende aquelas actividades independentes cuxo obxecto principal é o depósito, garda ou almacenaxe de bens e produtos, así como as funcións de almacenaxe e distribución de mercadorías propias de comercio retallista. Así mesmo, inclúense aquí outras funcións de depósito, garda ou almacenaxe ligadas a actividades principais de industria, comercio polo miúdo, transporte ou outros servizos de uso terciario que requiren espazo adecuado separado das funcións básicas de produción, oficina ou despacho ao público.

c) Reparación e tratamento de produtos: comprende aquelas actividades cuxa función principal é reparar ou tratar obxectos co fin de restauralos ou modificalos, pero sen que perdan a súa natureza inicial. Entre elas inclúense os talleres de reparación mecánica e chapistaría do automóbil.

Os establecementos industriais, en función dos produtos que neles se obteñan, manipulen ou almacenen clasifícanse nos seguintes grupos:

Grupo 1º:

Industrias da construción: talleres de pintura e decoración; escultura, cantaría e pulimento de pedras artificiais; vidraría e, en xeral, os dedicados á preparación de materiais pétreos, naturais o artificiais, cerámicos, vidros, areas e aglomerantes, etc. Almacéns de materiais de construción.

Grupo 2º:

Industrias electromecánicas: talleres e almacéns de ferraxaría, fontanaría, latón, broncistas, prataría, fabricación de camas e mobles metálicos, carpintaría metálica, xoguetaría, óptica, mecánica de precisión e electrotécnica; reparacións electromecánicas, con exclusión das destinadas unicamente á reparación de automóbiles ou anexos ás instalacións de transportes urbanos; fabricación de instrumentos de música, etc. Almacéns destas industrias.

Grupo 3º:

Industrias da madeira e o moble: talleres de carpintaría, tapizaría, decoración e acabamento de mobles onde a materia principal sexa a madeira; xoguetaría non mecánica; instrumentos de música con caixa de madeira; fabricación e preparación de embalaxes e de pasta de madeira, produtos sintéticos, celuloide, pasta de papel e cartón, etc. Almacéns destas industrias.

Grupo 4º:

Industrias químicas: talleres e laboratorios de preparación de produtos químicos en xeral; tratamentos químicos de produtos de calquera clase, incluso de peles e o seu curtimento; produtos e especialidades farmacéuticas, produtos de perfumaría e limpeza e fabricación de vidros, esmaltes, pinturas, lacas e vernices, etc. Almacéns de produtos químicos.

Grupo 5º:

Industrias téxtiles e do vestido: talleres de confección e adorno de roupas de todas as clases; sombreiraría, zapataría e luvas; albardaría; reparación, acabamento, tintura e limpeza de roupa; confección de adornos, xoiaría e bixutaría e talleres de fiadura, tecidos, encaixes, incluso tintura, apresto e acabamento, etc. Almacéns téxtiles.

Grupo 6º:

Industrias da alimentación: tafonas, fornos de confeitaría, galletas, etc.; preparación, refinación e corte de azucre; torrefacción de graos de café, cebada, chicoria, cacao e moenda e envase destes produtos; establecementos de fritos de produtos vexetais e animais, preparación e envase de leite e produtos lácteos; matanza de animais de curral e gando; preparación de conservas a base de carne e peixe; produtos alimenticios a base de residuos de matadoiro; preparación e envase de bebidas, fábricas de xeo, xeadaría e instalacións frigoríficas de conservación; fábricas de cervexa e fariñas, etc. Almacéns de produtos de alimentación.

Grupo 7º:

Industrias gráficas de elaboración de papel e cartón e da comunicación: talleres de imprenta, litografía, encadernación e artes gráficas en xeral; de corte, dobradura, engomadura de obxectos de papel e cartón con impresión e sen ela; de gravado e fabricación de rótulos esmaltados; talleres e laboratorios de fotografía e artes fotomecánicas, de revelación, copia e montaxe de películas, estudos de dobraxe e sonorización, estudos de radio e televisión, etc. Almacéns de materiais relacionados con estas industrias.

Grupo 8º:

Industrias do metal e construción de material móbil: construción automóbil, transformados metálicos e construción de maquinaria e a súa almacenaxe.

Grupo 9º:

Industrias e almacéns agropecuarios: serradoiros e almacéns de madeira en bruto, almacéns de pensos, de produtos agrícolas e de maquinaria agropecuaria.

Grupo 10º:

Instalación dos servizos de distribución de enerxía eléctrica, auga, limpeza e telecomunicacións: estacións de xeración, transporte, transformación e distribución de enerxía eléctrica; instalacións de elevación, condución, distribución e depuración de augas; limpeza, desinfección, destrución ou aproveitamento de produtos residuais urbanos, etc.

Os establecementos industriais, conforme a compatibilidade cos outros usos permitidos que así se indiquen no proxecto sectorial, clasifícanse nas seguintes categorías:

Categoría 1ª:

Pertencen a esta categoría as instalacións comprendidas nos seguintes grupos e nas condicións que se sinalan:

• Do grupo 1º:

– As fábricas de produtos hidráulicos, pedra artificial, mosaicos e similares, cunha superficie máxima de 600 m2.

– Os talleres de serra e talla de pedra, mármores, etc. cunha superficie máxima de 600 m2.

– Os talleres de decoración, pintura, etc. con superficie máxima de 600 m2.

– Almacéns de materiais de construción, con 600 m2 de superficie máxima.

• Do grupo 2º:

– Os almacéns de produtos metalúrxicos clasificados.

– Os talleres electromecánicos, con excepción de forxas mecánicas.

• Do grupo 3º:

– Os talleres de carpintaría, tapizaría, decoración e acabamento de mobles cuxa materia prima sexa a madeira, os de xoguetaría non mecánica, os de instrumentos musicais de madeira, a fabricación e preparación de embalaxes, todos eles en superficie non superior a 600 m2.

• Do grupo 4º:

– Os laboratorios de produtos químicos, pequenas fábricas de xabón, lixivia e perfumes coas seguintes limitacións:

a) Que non ocupen unha superficie superior a 600 m2.

b) Que non desprendan ningunha clase de ácidos ou desperdicios nocivos ou perxudiciais.

c) Que non vertan augas residuais nocivas para a depuración biolóxica destas ou para a conservación dos condutos da rede de sumidoiros.

– As fábricas de cores de pintura coas limitacións anteriores e as establecidas para substancias inflamables e combustibles.

– Os laboratorios biolóxicos, coas mesmas limitacións, sempre que non posúan estancias de gando para un número de cabezas superior a sete.

– As manufacturas de caucho, coiro e materiais similares coas mesmas limitacións anteriores, sempre que o volume máximo de substancias inflamables que se almacenen non exceda 500 quilos e os almacéns de substancias combustibles non superen a dita cifra.

• Do grupo 5º:

– Os talleres de tinturaría, lavado e limpeza que empreguen potencia mecánica e líquidos inflamables para o seu traballo, coas limitacións establecidas para o grupo 4º, e sempre que a superficie ocupada non exceda 600 m2.

– As manufacturas téxtiles con superficie máxima de 600 m2.

• Do grupo 6º:

– A preparación dos produtos alimenticios para as persoas e para o gando sen matanza nin utilización de produtos residuais do matadoiro, sempre que a superficie ocupada non exceda 600 m2.

– Almacéns e preparación de bebidas, licores, etc., fábricas de gasosas e xeo con superficie non superior a 600 m2.

• Do grupo 7º:

– Todos os talleres de artes gráficas con superficie máxima de 600 m2.

– As manufacturas de papel e cartón con superficie máxima de 600 m2.

– As industrias e actividades de comunicación.

• Do grupo 9º:

– Os almacéns de produtos e maquinaria agrícola, con ou sen actividade comercial, que ocupen menos de 600 m2 de superficie.

• Do grupo 10º:

– Parques de limpeza.

– Todas as instalacións de distribución dos servizos de gas, auga e electricidade cando a súa localización en rueiros industriais sexa compatible cos servizos que prestan.

Na categoría 1ª nos seus distintos grupos o equipamento de forza motriz non excederá a potencia instalada de 30 CV.

Condicións xerais para os almacéns da categoría 1ª.

Todas as clases de almacéns limitados a 600 m2, coas restricións establecidas nas de primeira categoría para substancias combustibles o inflamables.

Cando se almacenen substancias inflamables e combustibles, deberán estar situadas en planta baixa e axustarse ás seguintes limitacións:

a) As substancias inflamables contidas en envases correntes deberán limitar a capacidade do depósito a 300 litros para os líquidos e a 500 quilos para os sólidos.

Exceptúanse, polo seu peculiar perigo, o sulfuroso de carbono, éter, colodión e disolucións de celuloide, que en cada caso requiriran unha licenza especial que non poderá concederse, en ningún caso, para capacidades superiores aos 300 litros.

Se están contidos en depósitos subterráneos, consonte as normas do seu regulamento especial, poderá alcanzar a capacidade de 2.500 litros.

En terreos non edificados e en depósitos subterráneos, cun grosor sobre eles dun metro, poderá alcanzar a capacidade de 10.000 litros a unha distancia de 6 metros de liña de fachada e de 5.000 litros a 3 metros.

b) Os aceites lubrificantes, pesados, mazcuts, etc. e, en xeral, os líquidos inflamables de punto de inflamación superior aos 35 graos, incluídos os combustibles, permitiranse ata 1.000 litros en envases correntes coas debidas medidas de seguridade e ata 3.000 litros en tanques metálicos o de materiais debidamente homologados, ou depósitos soterrados convenientemente dispostos. Os depósitos en terreos non edificados na forma e capacidades indicadas na alínea anterior.

c) Os combustibles sólidos (carbón, leña, madeira, etc.) só poderán almacenarse en cantidades inferiores ás dez toneladas en peso ou oito metros cúbicos en volume.

En particular, os depósitos de hulla non poderán establecerse en capas ou montóns de profundidade superior aos 2,50 metros.

d) Queda prohibida en absoluto a almacenaxe de trapos, roupas, etc. en montes que non teñan sufrido lavado ou desinfección previa e, neste caso, o amontoamento limitarase pola mesma cifra dos combustibles sólidos.

En especial, prohíbese o almacenaxe de algodóns engraxados fóra de recipientes metálicos cerrados.

Todas as substancias que poidan producir cheiros ou vapores nocivos ou molestos deberán depositarse en recipientes herméticos.

Estas restricións poderán atenuarse cando as condicións técnicas en que se establezan determinen unha seguridade contra accidentes tecnicamente suficiente.

Os núcleos industriais que agrupen industrias dunha mesma característica someteranse a illamentos especiais e a ordenanzas adecuadas ao tipo de industria e á localización proxectada.

Categoría 2ª:

Inclúense nesta categoría todas as industrias e almacéns non incluídos na categoría anterior por sobrepasaren os límites establecidos para ela.

Molestia, nocividade, insalubridade e perigo.

As definicións de actividade molesta, nociva, insalubre e perigosa e a determinación dos seus efectos están contidas no Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, e disposicións concordantes, e aplicarase aos usos tipificados polo dito decreto.

Os establecementos industriais da categoría 1ª, para cada actividade diferente que se leve a cabo, non sobrepasarán, para toda clase de efectos, a intensidade 3.

Os establecementos da categoría 2ª só poderán superar o índice 4 para dúas clases de efectos.

Ademais de cumprir as condicións de edificación, os locais industriais instalaranse de forma que permitan prever os sinistros, combatelos e evitar a súa propagación. As actividades perigosas, en calquera caso, deberán respectar as normas específicas de aplicación xeral ditadas para cada produto polo organismo competente.

Quedan prohibidas as instalacións industriais catalogadas como insalubres, nocivas e perigosas no Decreto do 30 de novembro de 1961 (Decreto 2414/1961) e nas súas sucesivas modificacións que non cumpran os requisitos legal e regulamentariamente establecidos para evitar as súas prexudiciais consecuencias.

Condicións de funcionamento das actividades industriais.

1. Como norma xeral, non poderá utilizarse ou ocuparse con usos industriais ningún solo ou edificio que produza algún dos seguintes efectos: ruído, vibracións, cheiros, po, fume, suciedade ou outra forma de contaminación, perturbacións de carácter eléctrico ou doutro tipo, perigos especiais de incendio, perigo de explosión e, en xeral, calquera tipo de molestia, nocividade, insalubridade ou perigo en grao tal que afecte negativamente o ambiente, os demais sectores urbanos e os predios situados nos seus lindes, ou impida a localización dun calquera dos demais usos permitidos por estas normas.

2. Os lugares de observación onde se determinarán as condicións de funcionamento de cada actividade serán os seguintes:

1º. No punto ou puntos onde os efectos sexan máis aparentes nos casos de fumes, po, residuos ou calquera outra forma de contaminación e perturbacións eléctricas ou radioactivas. No punto ou puntos onde se poidan orixinar en caso de perigo especial de incendio e de perigo de explosión.

2º. Nos límites exteriores da liña do soar ou parcela ou do muro pertencente aos veciños inmediatos, nos casos en que se orixinen molestias por ruídos, vibracións, cegamentos, cheiros ou similares.

3. Condicións de seguridade das instalacións industriais.

As industrias e almacéns clasificaranse e cumpriran co establecido na regulamentación sectorial vixente. Cítanse deseguido os seguintes regulamentos vixentes ata a data:

– Regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais (RD 2267/2004, do 3 de decembro).

– Regulamento de instalacións de protección contra incendios (RD 1942/1993, do 5 de novembro).

– Regulamento de protección contra incendios (RD 513/2017, do 22 de maio).

Cando sexa necesario ou conveniente por imperativo de índole tecnolóxica derivado do proceso ou outras características peculiares da actividade, debidamente xustificados, aceptaranse excepcións ao Regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais, logo de autorización por parte do organismo competente.

Regulación do uso garaxe-aparcadoiro.

– Definición e clasificación.

Denomínase garaxe-aparcadoiro todo lugar destinado especificamente á estancia de vehículos de calquera clase para a súa garda. Inclúese neste uso o servizo do automóbil, que inclúe as actividades e lugares especificamente destinados ao abastecemento, mantemento, entretemento e limpeza de vehículos automóbiles.

Comprende as seguintes actividades:

• Garaxe-aparcadoiro privativo. Dentro de edificación destinada a outro uso, en edificación exclusiva a espazos libres dentro da parcela.

• Garaxe-aparcadoiro de uso colectivo. En planta baixa e/ou semisoto ou sotos de edificios en edificio exclusivo ou en espazos libres privados dentro da parcela.

• Estacións de servizo.

• Servizos do automóbil. Talleres de mantemento, entretemento e limpeza de automóbiles e/ou maquinaria agrícola.

Os talleres de reparación de automóbiles rexeranse, ademais, polas normas propias do uso industrial, aínda que se atopen situados dentro dun garaxe ou instalación das anteriormente relacionadas.

– Condicións xerais.

Praza de aparcadoiro.

Enténdese por praza de aparcadoiro neta un espazo mínimo de 2,20 m por 4,50 m. Porén, o número de coches dentro dos garaxes-aparcadoiro non poderá exceder o correspondente a un vehículo cada 20 m2. Sinalaranse no pavimento as prazas e corredores de acceso dos vehículos, sinalización que figurará nos planos de proxecto que se presenten ao solicitar a concesión das licenzas de construción, instalación, funcionamento e apertura.

Altura mínima.

En garaxes-aparcadoiro admítese unha altura libre mínima de 2,20 m en calquera punto ocupable.

Ventilación.

A ventilación, natural ou forzada, estará proxectada con suficiente amplitude para impedir a acumulación de vapores ou gases nocivos.

Illamento.

O recinto do garaxe-aparcadoiro deberá estar illado do resto da edificación ou predios estremeiros por muros e placas resistentes ao lume e con illamento sobre ruídos, sen ocos de comunicación con patios de parcela ou locais destinados a outros usos.

Comunicación.

Poderá comunicarse directamente o garaxe-aparcadoiro coa escaleira, ascensor, cuartos de caldeira, salas de máquinas, cuartos de rochos ou outros usos similares autorizados do inmoble, cando estes teñan acceso dotado de illamento, con portas blindadas de peche automático. Exceptuaranse os situados debaixo de salas de espectáculos, que estarán totalmente illados, sen permitirse ningunha comunicación interior co resto do inmoble.

– Condicións particulares das estacións de servizo.

Ademais das disposicións legais vixentes que lles sexan de aplicación, cumprirán as seguintes:

a) Disporán de aparcadoiro en número suficiente para non entorpecer o tránsito, cun mínimo de dúas prazas por bomba.

b) Os talleres de automóbiles anexos non poderán ter unha superficie superior a 100 m2 e disporán dunha praza de aparcadoiro para cada 25 m2 de taller. Se se establecen servizos de lavado e engraxamento, deberán instalarse coas condicións destas normas.

c) Poderán dispor de edificios ou de instalacións destinadas á venda de bens e servizos aos usuarios, complementarios da actividade principal, sen sobrepasaren a superficie marcada no parágrafo anterior nin a edificabilidade de parcela.

– Condicións particulares dos talleres de automóbil.

Ademais das disposicións legais vixentes que lles sexan de aplicación, disporán dentro do local de dúas prazas de aparcadoiro por cada 100 m2 de taller.

Regulación do uso comercial.

Establécense as seguintes categorías:

a) Pequeno comercio:

Cando a actividade comercial ten lugar en locais independentes de dimensión non superior a 500 metros cadrados de superficie útil de exposición e venda ao público.

b) Mediano comercio:

Cando a actividade comercial ten lugar en locais independentes de superficie útil de exposición e venda ao público comprendida entre 500 metros cadrados e 2.500 metros cadrados, ou agrupados en forma de galerías ou centros comerciais cunha superficie conxunta inferior á establecida para grandes establecementos comerciais.

c) Grandes establecementos comerciais:

Serán considerados grandes establecementos comerciais aqueles destinados ao comercio polo miúdo de calquera clase de artigo cunha superficie útil de exposición e venda ao público superior a 2.500 metros cadrados.

Enténdese por superficie de exposición e venda ao público aquela onde se produce o intercambio comercial, constituída polos espazos destinados á exposición ao público dos artigos ofertados, xa sexa mediante mostradores, andeis, vitrinas, góndolas, cámaras ou murais, os probadores, as caixas rexistradoras e, en xeral, todos os espazos destinados á permanencia e paso do público, e exclúense expresamente as superficies destinadas a oficinas, aparcadoiros, zonas de carga e descarga e almacenaxe non visitables polo público e, en xeral, todas aquelas dependencias ou instalacións de acceso restrinxido, así como, no caso dos locais agrupados ou integrados en grandes superficies comerciais, os espazos interiores destinados a accesos comúns aos ditos locais.

Enténdese por locais independentes aqueles establecementos aos cales se accede directamente desde a vía pública ou espazos libres, e por locais agrupados aquel conxunto de locais aos cales, desde a vía pública ou espazos libres, se accede por espazos edificados comúns.

Todos os locais de uso comercial deberán observar as seguintes condicións:

a) Os locais situados nun nivel inferior á planta baixa non poderán ser independentes do local inmediato superior, e estarán unidos a este por escaleiras con ancho mínimo dun metro.

b) A altura libre mínima dos locais comerciais será de 3,20 m, e deberán adaptarse ás condicións exixidas pola regulamentación sobre seguridade e saúde no traballo, ao Regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas e demais normativa de aplicación.

b.1) Os establecementos comerciais que dispoñan dunha superficie de máis de 1.000 m2 deberán contar cunha altura libre mínima de 3,50 m.

b.2) Os establecementos comerciais a partir de 3.000 m2 deberán contar cunha altura libre de 4 m.

b.3) O semisoto e o primeiro soto deberán ter unha altura libre mínima de 3,50 m.

b.4) Os sotos só poderán destinarse a almacenaxe e cuartos de instalacións.

b.5) En todo caso, respectarase a altura máxima da ordenanza correspondente e das restantes condicións desta normativa.

c) Nos locais comerciais as escaleiras de servizo para o público terán un largo mínimo de 1 m. Nos locais de tamaño superior a 600 m2 o largo non poderá ser inferior a 1,30 m.

d) Os locais comerciais disporán dos seguintes servizos sanitarios: ata 100 m2, un retrete e un lavabo; por cada 200 m2 máis ou fracción, aumentarase un retrete e un lavabo. A partir dos 100 m2 instalaranse con absoluta independencia para cada sexo. En calquera caso estes servizos non poderán comunicar directamente co resto dos locais e, por conseguinte, deberán instalarse cun vestíbulo ou zona de illamento.

e) Nos locais comerciais que forman un conxunto como mercados, centros comerciais... poderán agruparse os servizos sanitarios correspondentes a cada local. O número de servizos virá determinado pola aplicación da condición anterior sobre a suma da superficie de locais, incluíndo os espazos comúns de uso público.

f) A luz e ventilación dos locais comerciais poderá ser natural ou artificial estando a disposición da regulamentación sobre seguridade e saúde no traballo.

Se soamente ten luz e ventilación natural, os ocos de luz e ventilación terán que ter unha superficie total non inferior a un oitavo da que teña a planta do local, exceptuando os locais exclusivamente destinados a almacéns, rochos e corredores.

Exixirase a presentación dos proxectos detallados das instalacións de iluminación e acondicionamento de aire, que deberán ser previamente aprobados, e estas instalacións quedan sometidas a revisión antes da apertura do local e en calquera momento no caso de que non sexan satisfactorias ou non funcionen correctamente, o Concello poderá pechar total o parcialmente o local en canto non se adopten as medidas correctoras oportunas.

g) Disporán das saídas de urxencia, accesos especiais para extinción, aparellos, instalacións e útiles que, en cada caso, e conforme a natureza e as características da actividade, resulten necesarios.

h) As estruturas da edificación serán resistentes ao lume e os materiais deberán ser incombustibles e de características tales que non permitan chegar ao exterior ruídos ou vibracións por riba dos niveis que se determinen.

i) Exixiranse as instalacións necesarias para garantir a supresión de molestias, cheiros, fumes, vibracións, etc.

Regulación do uso de oficinas e administrativo.

Corresponde ás actividades cuxa función é prestar servizos administrativos, profesionais, financeiros, de información, de xestión e outros. Exclúense os servizos prestados polas administracións públicas que se inclúen no uso dotacional.

– Condicións xerais.

a) Os locais destinados a oficinas terán unha superficie mínima de 6 m2 por cada posto de traballo e un volume mínimo de 15 m2.

b) Os aseos e equipamentos sanitarios desta clase de uso axustaranse ao establecido pola normativa sectorial aplicable e disporán, en todo caso, de ventilación natural directa ou ventilación natural conducida. Supletoriamente os locais disporán dos seguintes servizos sanitarios:

b.1) Ata 100 m2, un retrete e un lavabo. Ata 200 m2 un retrete, un urinario e un lavabo. Por cada 100 m2 máis ou fracción aumentarase un retrete e un lavabo.

b.2) A partir dos 100 m2 instalaranse con independencia para cada sexo.

b.3) Estes servizos non poderán comunicar directamente co resto dos locais e disporán dun vestíbulo de illamento.

c) As oficinas que se establezan en semisotos non poderán ser independentes do local inmediato superior e estarán unidas a este por escaleiras cun largo mínimo dun metro cando teñan utilización do público. A altura libre deste local en semisoto será de polo menos 2,70 m. Os locais situados no sotos non poderán destinarse a outros usos distintos dos de almacenaxe e cuartos de instalacións.

Nas restantes plantas a altura libre mínima dos locais de oficinas será de 2,70 m.

d) A luz e ventilación dos locais e oficinas poderá ser natural ou artificial.

Se soamente ten luz e ventilación natural, os ocos de luz e ventilación deberán ter unha superficie total non inferior a un oitavo da que teña a planta do local.

e) Exixirase a presentación dos proxectos detallados das instalacións de iluminación e acondicionamento de aire, que deberán ser previamente aprobados, e estas instalacións quedan sometidas a revisión antes da apertura do local e en calquera momento.

No suposto de que non sexan satisfactorias ou non funcionen correctamente, o órgano competente poderá pechar total ou parcialmente o local en canto non se adopten as medidas correctoras oportunas.

f) Exixiranse as instalacións necesarias para garantir a supresión de molestias, cheiros, fumes, ruídos, vibracións, etc.

Regulación do uso hoteleiro.

Os establecementos hoteleiros tipificaranse segundo as categorías establecidas polas disposicións vixentes. As condicións de programa serán, como mínimo, as establecidas polo Decreto 267/1999 da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Regulación do uso hostaleiro-restauración.

– Condicións particulares do uso hostaleiro.

a) Cumpriran as condicións do uso comercial e as que lle correspondan como actividade cualificada.

b) A altura mínima libre que deben ter os locais destinados ao uso hostaleiro será de 3,20 metros medidos desde o chan da sala ao teito acabado. Se existen elementos a distintos niveis ou decorativos nalgún punto da sala, a súa altura libre non será en ningún caso inferior a 2,80 metros.

c) En planta soto, cando estea vinculada ao uso hostaleiro, permítese a localización de almacéns e aseos, que deberán cumprir coa normativa de seguridade e accesibilidade.

d) Todos os locais deberán cumprir coas normas de accesibilidade e coa normativa sectorial específica.

Regulación do uso recreativo e espectáculos públicos.

As condicións de aplicación serán as de uso comercial e as establecidas no Regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Regulacións dos usos dotacionais.

As instalacións dedicadas a usos dotacionais deberanse limitar ao disposto polos organismos competentes e a normativa particular de aplicación, en cada caso, coas especificacións e condicións que, de ser o caso, fixan as presentes normas.

Os edificios dotacionais de uso público adaptaranse ás disposicións sobre barreiras arquitectónicas establecidas na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade en Galicia, así como ao disposto no Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, do Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nas actividades a que lles sexa de aplicación, observarase o establecido no Regulamento xeral de policía e espectáculos públicos e actividades recreativas ou na normativa que o complemente ou substitúa.

As instalacións dedicadas a servizos urbanos e de Administración pública, limitaranse ao establecido nas presentes normas para a actividade industrial ou terciaria que desenvolvan a súa normativa específica.

A edificación axustarase ás necesidades de cada tipo de equipamento e deberán cumprir a normativa sectorial que sexa de aplicación.

4.2. Normas comúns de edificación.

4.2.1. Parámetros e determinacións reguladoras.

A edificación no ámbito do proxecto sectorial adecuarase ao tipo definido nas ordenanzas particulares, planos de ordenación e aos parámetros establecidos polo cadro de características que terá carácter de máximos.

Os parámetros e determinacións reguladores que se establecen para cada tipo son todos ou algúns dos seguintes:

– Aliñación.

– Liña de edificación exterior.

– Liña de edificación interior.

– Área de movemento da edificación.

– Altura máxima e número de plantas.

– Edificabilidade máxima.

– Recuamentos.

– Ocupación máxima.

– Fronte mínima de parcela.

– Superficie mínima e/ou máxima de parcela.

4.2.2. Aliñacións, liñas de edificación e áreas de movemento da edificación.

As aliñacións son as definidas nos planos de ordenación e serán obrigatorias.

As liñas de edificación e áreas de movemento da edificación son definidas ben nos planos de ordenación, e son, neste caso, obrigatorias para garantir liñas continuas das fachadas coas determinacións que para corpos voados se establezan, ben nas ordenanzas particulares de zona mediante a fixación de recuamentos e, neste caso, enténdense como recuamentos mínimos.

4.2.3. Superficie edificable.

Para os efectos do seu cálculo establécense as seguintes determinacións:

a) Considéranse elementos computables:

– A superficie edificada en todas as plantas do edificio con independencia do uso a que se destinen, incluída a planta baixo cuberta.

– As terrazas, balcóns ou corpos voados que dispoñan de peches.

– As construcións secundarias permitidas sobre espazos libres de parcela sempre que da disposición do seu peche e dos materiais e sistemas de construción empregados poida deducirse que se consolida un volume pechado e de carácter permanente.

b) Considéranse elementos excluídos do cómputo:

– Os patios interiores descubertos.

– Os soportais e plantas diáfanas porticadas, que en ningún caso poderán ser obxecto de posterior peche que supoña superar a superficie máxima edificable.

– Os elementos de remate de cuberta e os que corresponden a escaleiras, aparellos elevadores ou elementos propios das instalacións técnicas (tanques de almacenaxe, acondicionadores, torres de proceso, placas de captación de enerxía soar, chemineas, etc.).

– Os sotos e semisotos destinados exclusivamente a aparcadoiros e instalacións de calefacción, electricidade ou análogas.

4.2.4. Sotos e semisotos.

Permítense semisotos. No uso industrial e comercial poderanse dedicar a locais de traballo cando os ocos de ventilación teñan unha superficie non menor de 1/8 da superficie útil do local.

Permitiranse sotos en número máximo de dúas plantas cando se xustifiquen debidamente e poderán destinarse a uso garaxe-aparcadoiro (exclusivamente na categoría de garaxe-aparcadoiro privativo ou de uso colectivo) e instalacións de servizo do edificio (calefacción, cuartos de ascensores, centros de transformación, etc.), ademais dos que se permitan especificamente para cada uso. Queda prohibido utilizar os sotos como locais de traballo.

4.2.5. Fronte de parcela.

Toda parcela deberá dar fronte á vía pública.

As condicións de dimensión de fronte mínima entenderanse referidas á fronte de parcela á vía pública.

4.2.6. Condicións de seguridade.

Axustaranse ao disposto no Regulamento de seguridade contra incendios en establecementos industriais, no documento básico de seguridade contra incendios do Código técnico da edificación, ordenanza xeral de seguridade e saúde no traballo e demais disposicións legais vixentes que lles sexan de aplicación.

– Ámbito de aplicación do Regulamento de seguridade contra incendios en establecementos industriais.

O ámbito de aplicación deste regulamento son os establecementos industriais. Entenderanse como tales:

a) As industrias, tal como se definen no artigo 3.1 da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

b) Os almacenamentos industriais.

c) Os talleres de reparación e os estacionamentos de vehículos destinados ao servizo de transporte de persoas e transporte de mercadorías.

d) Os servizos auxiliares o complementarios das actividades comprendidas nos parágrafos anteriores.

Aplicarase, ademais, a todos os almacenamentos de calquera tipo de establecemento cando a súa carga de combustible total, calculada segundo o anexo I do Regulamento, sexa igual ou superior a tres millóns de megajoules (MJ).

Así mesmo, aplicarase ás industrias existentes antes da entrada en vigor deste regulamento cando o seu nivel de risco intrínseco, a súa situación ou as súas características impliquen un risco grave para as persoas, os bens ou o contorno, e así o determine a Administración autonómica competente.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación deste regulamento as actividades en establecementos ou instalacións nucleares, radioactivas, as de extracción de minerais, as actividades agropecuarias e as instalacións para usos militares.

Igualmente, quedan excluídas da aplicación deste regulamento as actividades industriais e talleres artesanais e similares cuxa densidade de carga de combustible, calculada consonte o anexo I do Regulamento, non supere 10 Mcal/m2 (42 MJ/m2), sempre que a súa superficie útil sexa inferior ou igual a 60 m2, excepto no recollido nos números 8 e 16 do anexo III do Regulamento.

– Compatibilidade regulamentaria.

Cando nun mesmo edificio coexistan coa actividade industrial outros usos con distinta titularidade, para os cales sexa de aplicación o documento básico de seguridade contra incendios do Código técnico da edificación, ou unha normativa equivalente, os requisitos que deben satisfacer os espazos de uso non industrial serán os exixidos pola dita normativa.

Cando nun establecemento industrial coexistan coa actividade industrial outros usos coa mesma titularidade, para os cales sexa de aplicación o documento básico de seguridade contra incendios do Código técnico da edificación, ou unha normativa equivalente, os requisitos que deben satisfacer os espazos de uso non industrial serán os exixidos pola dita normativa cando superen os límites indicados a seguir:

a) Zona comercial: superficie construída superior a 250 m2.

b) Zona administrativa: superficie construída superior a 250 m2.

c) Salas de reunións, conferencias, proxeccións: capacidade superior a 100 persoas sentadas.

d) Arquivos: superficie construída superior a 250 m2 ou volume superior a 750 m3.

e) Bar, cafetaría, comedor de persoal e cociña: superficie construída superior a 150 m2 ou capacidade para servir máis de 100 comensais simultaneamente.

f) Biblioteca: superficie construída superior a 250 m2.

g) Zonas de aloxamento de persoal: capacidade superior a 15 camas.

As zonas ás cales pola súa superficie sexan de aplicación as prescricións das referidas normativas deberán constituír un sector de incendios independente.

Os restantes usos regularanse pola lexislación vixente que lle sexa aplicable en cada caso.

4.2.7. Resto dos parámetros.

Nos aspectos non definidos nestas ordenanzas reguladoras observarase a normativa urbanística municipal.

4.3. Normas particulares da edificación.

4.3.1. Ordenanza 1. Edificación acaroada.

Aplícase esta ordenanza ao conxunto das zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación.

Comprende os rueiros C1 e C2 e os ámbitos A1, A3, B1, B3, B4, D1, D3.

Regúlanse dúas variantes dentro da ordenanza atendendo aos usos permitidos:

Variante 1.A. Comprende os rueiros C1, C2.

Variante 1.B. Comprende os ámbitos A1, A3, B1, B3, D1, D3.

Variante 1.C. Comprende o ámbito B4.

Definición. Regula a construción de naves acaroadas de pequeno tamaño e ocupación intensiva da parcela.

Aliñación. Será a indicada en planos de ordenación.

Liña de edificación obrigatoria. Será a grafada en planos de ordenación.

Recuamentos. Quedan prohibidos os recuamentos laterais. Establécese un recuamento obrigatorio á fronte da parcela de 10 m e un recuamento mínimo de 5 m a fondo de parcela.

Parcela mínima. 500 m2.

Parcela máxima. Non se establece.

Fronte mínima. Será de 15 m.

Superficie de ocupación máxima. A resultante dos recuamentos establecidos.

Altura. A altura máxima da edificación será de 10 metros. Permítense ata un máximo de dúas plantas sobre rasante.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será 0,9 m2/m2.

Prohíbense os corpos voados pechados.

Permítense os espazos porticados.

No ámbito D3 permítese a agrupación de industrias de pequeno tamaño que compartan parcela, aparcadoiro e espazos libres.

– Usos permitidos:

Variante 1.A.

Permítense os usos terciarios seguintes: comercial, oficinas e administrativo, hostaleiro-restauración e recreativo e espectáculos públicos.

Permítense os usos dotacionais.

Variante 1.B.

Permítense os usos terciarios seguintes: comercial, oficinas e administrativo e hostaleiro-restauración e recreativo e espectáculos públicos.

Permítense os usos industriais na súa categoría 1ª, o uso garaxe-aparcadoiro e os talleres de entretemento e limpeza do automóbil cunha superficie máxima de 600 m2.

Permítense os usos dotacionais seguintes: deportivo, servizos urbanos e Administración pública.

Variante 1.C.

Permítense os usos industriais en todas as súas variantes.

Permítense os usos garaxe-aparcadoiro e servizo do automóbil en todas as súas variantes.

– Usos asociados:

Variante 1.A.

Permítense os usos de almacenaxe en categoría 1ª, sempre que estean ligados á actividade principal permitida aínda que requira de espazo adecuado separado das funcións básicas de oficina, despacho ou servizo ao público.

– Usos prohibidos:

Todos os demais usos non incluídos nos puntos anteriores.

Os espazos libres interiores non ocupados pola edificación destinaranse a aparcadoiro e espazos libres.

O interior das parcelas debe acoller 1 praza de aparcadoiro por cada 200 m2 construídos.

4.3.2. Ordenanza 2. Edificación semiacaroada.

Aplícase esta ordenanza ao conxunto das zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación.

Comprende o ámbito A2.

Definición. Regula a construción de naves de tamaño medio, con ocupación parcial da parcela.

Aliñación. Será a indicada en planos de ordenación.

Liña de edificación obrigatoria. Será a grafada en planos de ordenación.

Recuamentos. Establécense uns recuamentos mínimos de 10 metros á fronte e fondo de parcela e de 5 metros a lindes laterais. Permítese o acaroamento da edificación a un dos lindes laterais, e para o lindeiro non acaroado mantense o recuamento mínimo. O proxecto de parcelación definirá o linde lateral susceptible de acaroamento baixo o criterio xeral de acaroamento dous a dous coas excepcións de remate e contacto con vías.

No caso de parcelas con superficie maior ou igual a 10.000 m2, establecerase o recuamento obrigatorio a ambos lindes laterais de 10 m.

Parcela mínima. 2.500 m2.

Parcela máxima. Non se establece.

Fronte mínima. Será de 30 m.

Altura. A altura máxima da edificación será de 10 metros. Permítense ata un máximo de dúas plantas sobre rasante.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será de 1,1 m2/m2.

Prohíbense os corpos voados cerrados.

Permítense os espazos porticados.

Permítese agrupar e segregar parcelas cumprindo as dimensións e frontes de parcela establecidas nesta ordenanza.

Usos permitidos:

Permítense os usos industriais.

Permítense os usos garaxe aparcadoiro en todas as súas variantes.

Usos prohibidos:

Todos os demais usos non incluídos no punto anterior.

Os espazos libres interiores non ocupados pola edificación destinaranse a vías interiores, aparcadoiro e espazos libres, garantindo en todo caso a mobilidade interna na parcela, sen menoscabo dos espazos necesarios para as operacións de circulación, carga e descarga e estacionamento.

O interior das parcelas privadas debe acoller 1 praza de aparcadoiro por cada 167 m2 construídos.

4.3.3. Ordenanza 3. Edificación exenta.

Aplícase esta ordenanza ao conxunto das zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación.

Comprende os rueiros F, G e os ámbitos B2, B5, D2, E2, E5.

Regúlanse tres variantes dentro da ordenanza atendendo aos usos permitidos:

Variante 3.A. Comprende os rueiros F, G.

Variante 3.B. Comprende os ámbitos B2, E2.

Variante 3.C. Comprende o ámbito B5, D2, E2.

Definición. Regula a construción de naves de tamaño medio-alto, con ocupación parcial exenta na parcela.

Aliñación. Será a indicada en planos de ordenación.

Liña de edificación obrigatoria. Será a grafada en planos de ordenación. As edificacións existentes no ámbito D2 que excedan liña de edificación consideraranse en situación de fóra de ordenación parcial e poden autorizarse obras de mellora, ampliación ou reforma excepto na edificación afectada pola liña de edificación.

Recuamentos. Establécese un recuamento obrigatorio á fronte da parcela de 10 m, un recuamento mínimo de 10 m ao fondo da parcela e de 5 m a ambos os lindes laterais.

Parcela mínima. 4.500 m2.

Parcela máxima. Variante 3.A. Non se establece.

Variante 3.B. 40.000 m2.

Variante 3.C. Non se establece.

Fronte mínima. Será de 50 m.

Altura. A altura máxima da edificación será de 12 metros. Permítense ata un máximo de dúas plantas sobre rasante.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será de 1,1 m2/m2.

Prohíbense os corpos voados cerrados.

Permítense os espazos porticados.

Permítese agrupar parcelas cumprindo as dimensións establecidas nesta ordenanza.

En caso de parcelas con superficie maior ou igual a 10.000 m2, o recuamento mínimo obrigatorio a lindes será de 10 m.

– Usos permitidos:

Variante 3.A.

Permítese o uso terciario en todas as súas variantes.

Permítese o uso dotacional en todas as súas variantes.

Permítese o uso garaxe-aparcadoiro nas variantes de garaxe-aparcadoiro privativo e de uso colectivo, e estacións de servizo e abastecemento de combustibles.

Variante 3.B.

Permítese o uso industrial en todas as súas variantes.

Permítese o uso garaxe-aparcadoiro en todas as súas variantes.

Permítense os usos terciarios seguintes: comercial, oficinas e administrativo e hostaleiro-restauración.

Permítense os usos dotacionais seguintes: deportivo e servizos urbanos.

Variante 3.C.

Permítese o uso industrial en todas as súas variantes.

Permítese o uso garaxe-aparcadoiro en todas as súas variantes.

– Usos asociados:

Permítese o uso vivenda destinada exclusivamente ao persoal encargado da vixilancia e conservación de industria, coas determinacións establecidas nas condicións xerais de uso, e cunha única vivenda por cada parcela edificable de superficie maior ou igual a 6.500 m2, que non poderá ser menor de 50 m2 nin maior de 150 m2.

A superficie destinada a vivenda computarase como edificabilidade.

Variante 3.A.

Permítense os usos de almacenaxe en categoría 1ª sempre que estean ligados á actividade principal permitida aínda que se requira de espazo adecuado separado das funcións básicas de oficina, despacho ou servizo ao público.

– Usos prohibidos:

Todos os demais usos non incluídos nos puntos anteriores.

Os espazos libres interiores non ocupados pola edificación destinaranse a vías interiores, aparcadoiro e espazos libres.

O interior das parcelas privadas debe acoller 1 praza de aparcadoiro por cada 100 m2 construídos de uso industrial e 2 prazas de aparcadoiro por cada 150 m2 construídos de uso terciario ou dotacional.

Cando a superficie de produción ou almacenaxe supere os 750 m2, a instalación disporá dunha zona exclusiva de carga e descarga dos produtos no interior da parcela, de dimensión suficiente para estacionar un camión cunhas bandas perimetrais de 1 m.

Para superficies superiores a 1.500 m2, deberá duplicarse o dito espazo e engadirse unha unidade por cada 750 m2 máis de superficie de produción ou almacenaxe.

Para os efectos da aplicación das determinacións que fagan referencia á superficie de produción ou almacenaxe, esta dimensión entenderase como a suma da superficie útil de todos os locais destinados á actividade produtiva ou de almacén, así como aquela vinculada de forma directa ás ditas actividades, quedarán excluídas expresamente as superficies destinadas a oficina, exposición de produtos, venda e aparcadoiro de vehículos que non estean destinados ao transporte dos produtos.

4.3.4. Normas comúns ás ordenanzas 1, 2 e 3.

As frontes de fachada e os lindes laterais pecharanse con peche macizo de 1,50 metros de altura máxima contados desde a rasante da beirarrúa, no punto medio da fronte principal ou linde que se determine. Poderase completar o peche ata unha altura máxima de 2,50 metros medidos desde ese mesmo punto, con elementos de tipo diáfano ou calado.

Cando os accidentes do terreo mostren unha diferenza superior a 1 metro entre dous puntos extremos; o peche deberá facerse por chanzas nos tramos que sexan necesarios para non sobrepasar ese límite.

A construción do peche común no linde de dúas parcelas será por conta da actividade que primeiro se estableza, debendo abonarlle á segunda a porción de gasto que corresponda en proporción á lonxitude de peche que compartan, antes de proceder á construción de calquera edificio.

A Administración do parque poderá proceder a construír os peches, e os gastos serán por conta da propiedade ou propiedades que correspondan.

4.3.5. Ordenanza 4. Zona de grande industria.

Aplícase esta ordenanza á zona delimitada con esta cualificación nos planos de ordenación.

Comprende o ámbito E1.

Definición. Regula a construción de edificacións destinadas á implantación industrial de maior consumo de solo.

Recuamentos. Os recuamentos mínimos á fronte da parcela serán de 10 m e os recuamentos mínimos ao fondo da parcela, así como os recuamentos laterais, serán de 10 metros.

Parcela mínima. 6.000 m2.

Parcela máxima. Non se establece.

Fronte mínima. Será de 50 m.

Altura. A altura máxima de edificación será de 15 metros. Permítense ata un máximo de dúas plantas sobre rasante. En edificacións destinadas a usos asociados permítese ata un máximo de tres plantas sobre rasante.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será de 1,07860015942 m2/m2.

Superficie de ocupación. A ocupación máxima da parcela pola edificación será dun 70 %.

– Usos permitidos:

Permítese o uso industrial en grao 5º.

Permítese o uso garaxe-aparcadoiro en todas as súas variantes.

– Usos asociados:

Permítese o uso vivenda destinada exclusivamente ao persoal encargado da vixilancia e conservación, coas determinacións establecidas nas condicións xerais de uso, e cunha única vivenda por cada parcela edificable, que non poderá ser menor de 50 m2 nin maior de 150 m2.

A superficie destinada a vivenda computarase como edificabilidade.

Permítese o uso de oficinas de uso administrativo, hostaleiro e deportivo, sempre que estean vinculados ao uso principal industrial.

– Usos prohibidos:

Todos os demais usos non incluídos no punto anterior.

Peches. As parcelas pecharanse con peche macizo de 1,50 metros de altura máxima contados desde a rasante da beirarrúa, no punto medio do fronte principal ou linde que se determine. Poderase completar o peche ata unha altura máxima de 2,50 metros medidos desde ese mesmo punto, con elementos de tipo diáfano ou calado.

Cando os accidentes do terreo mostren unha diferenza superior a 1 metro entre dous puntos extremos; o peche deberá facerse por chanzos nos tramos que sexan necesarios para non sobrepasar ese límite.

Os espazos libres interiores non ocupados pola edificación destinaranse a vías interiores, aparcadoiro e espazos libres, garantindo en todo caso a mobilidade interna na parcela, sen menoscabo dos espazos necesarios para as operacións de circulación, carga e descarga e estacionamento.

O interior das parcelas privadas debe acoller 1 praza de aparcadoiro por cada 166,5 m2 construídos.

Medidas de integración paisaxística. Co obxectivo de corrixir o posible impacto paisaxístico das edificacións sobre o solo rústico e os asentamentos residenciais, establécense as seguintes medidas correctoras:

– Establecerase unha barreira verde paralela á aliñación que dá fronte á rúa D2 formada por vexetación arbórea autóctona e de gran porte (carballo, castiñeiro, salgueiro, bidueiro, etc).

– Evitaranse revestimentos con materiais de acabamento brillante ou cores primarias rechamantes en peches, cubertas e fachadas, sendo preferibles os materiais de textura rugosa ou satinada de cores terciarias que se integren coas tonalidades preponderantes.

Prestarase especial atención no cumprimento das condicións de composición arquitectónica definidas no artigo 4.6 da normativa.

4.3.6. Ordenanza 5 de zonas de equipamento comunitario.

Aplícase esta ordenanza ao ámbito definido nos planos de ordenación que se reserva para equipamentos públicos.

Comprende os espazos e locais destinados á prestación de servizos docentes, sanitarios, asistenciais, socioculturais, deportivos, recreativos, Administración pública, así como as súas instalacións complementarias e calquera outro servizo de carácter público que se considere necesario, incluídos os servizos urbanos.

Definición. Regula a construción de instalacións e edificios dotacionais con ocupación parcial da parcela.

Posición da edificación. As edificacións permitidas localizaranse dentro da área de movemento establecida en planos de ordenación.

Superficie de ocupación máxima. A ocupación coas edificacións non superará o 50 % da superficie da reserva dotacional, agás con instalacións deportivas ao aire libre, incluso bancadas e instalacións complementarias.

Altura. A altura máxima da edificación será de 12 m, incluíndo nela os elementos de cuberta. Autorízase un máximo de tres plantas sobre a rasante do terreo.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será de 1,5 m2/m2.

Espazos libres de parcela. Os espazos non ocupados por edificación nin instalacións dotacionais terán o tratamento propio de espazos públicos e integrarán especies arbóreas cando resulte posible.

4.3.7. Ordenanza 6 de zonas verdes e espazos libres de dominio público.

Aplícase esta ordenanza á zona delimitada nos planos de ordenación coa dita cualificación.

Non se permitirá ningún tipo de edificación permanente, agás a necesaria para o mantemento das propias zonas xustificando previamente a necesidade da súa instalación na propia zona verde ou libre de dominio público. Permítese a inserción de instalacións de servizos técnicos debidamente protexidas con tratamento vexetal e sen que ocupen máis do 10 % da superficie da zona.

Así mesmo, poderá autorizarse a instalación de casetas e quioscos desmontables para fins propios dos usos públicos destas zonas, así como o mobiliario urbano correspondente.

En todo caso, a superficie total ocupada cos elementos permanentes antes citados non poderá superar o 1 % da superficie total da zona e debe, en todo caso, manter o carácter de uso público.

A ocupación máxima, considerando os elementos permanentes e os desmontables, non poderá superar o 4 % da superficie total da zona.

As zonas susceptibles de ser urbanizadas serán só aquelas en que non exista un elevado valor ecolóxico debido á posible presencia de formacións vexetais de interese asociadas ao rego de Quenxe.

Estas formacións deberán ser conservadas e postas en valor mediante limpeza do sotobosque.

Acondicionarase ao menos o 10 % da superficie con características de estancia. Dotarase a estes espazos de iluminación pública, abastecemento de auga e sumidoiros necesarios para o seu funcionamento e conservación.

O acondicionamento das zonas susceptibles de ser urbanizadas comprenderá a limpeza da zona verde, así como a restauración vexetal, e a creación e acondicionamento dos camiños para o uso de todo o espazo dotacional.

4.3.8. Sistema viario.

O proxecto sectorial establece nos correspondentes planos de ordenación o sistema viario público dentro do seu ámbito tanto rodado como peonil, definindo xeometricamente a rede viaria co seu trazado en planta e a súa altimetría. Como parte do sistema viario, defínense igualmente os ámbitos para reserva de estacionamento público de vehículos e as reservas viarias.

4.4. Normas de urbanización.

4.4.1. Obrigatoriedade.

Para a execución do proxecto sectorial redactaranse proxectos técnicos que desenvolvan as súas determinacións, consonte as presentes normas.

4.4.2. Obxecto, alcance e características xerais dos proxectos técnicos.

Os proxectos técnicos teñen por obxecto a definición precisa para a realización da totalidade das obras de urbanización, dunha fase completa das previstas para a execución das determinacións do proxecto sectorial.

Os proxectos técnicos non poderán modificar as previsións do planeamento que executan, sen prexuízo de que poidan efectuarse adaptacións de detalle, exixidas pola execución material das obras.

Os proxectos técnicos deberán resolver adecuadamente e nas condicións previstas no proxecto sectorial o enlace dos servizos urbanísticos do ámbito cos xerais do territorio municipal a que se conectan.

4.4.3. Contido dos proxectos técnicos.

Os proxectos técnicos estarán constituídos polos seguintes documentos:

– Memoria e anexos.

– Planos.

– Prego de prescricións técnicas particulares.

– Medicións e orzamento.

– Estudo de seguridade e saúde.

Na memoria descritiva incluiranse as consideracións xerais que se achen oportunas, así como os antecedentes da actuación e obxecto da encarga. Incluirase, ademais, unha descrición do equipo redactor e as súas respectivas responsabilidades. Nesta memoria incluiranse os seguintes puntos:

– Movemento de terras e pavimentación.

– Saneamento.

– Abastecemento.

– Distribución de enerxía eléctrica e iluminación.

– Rede de telefonía.

– Xardinaría e mobiliario urbano.

– Obras complementarias.

– Revisión de prezos, clasificación do contratista, prazo proposto e programa de traballos.

Nos anexos incluiranse os cálculos, táboas e procedementos que permitiron chegar ás conclusións referidas na memoria.

O contido mínimo de planos será o seguinte:

– Planos xerais.

– Pavimentación.

– Saneamento.

– Abastecemento.

– Electricidade.

– Iluminación pública.

– Telefonía.

– Sinalización, balizamento e defensas.

– Acondicionamento de zonas verdes, xardinaría e ordenación paisaxística.

– Mobiliario e equipamento urbano.

– Reposicións.

– Obras complementarias.

O prego de prescricións técnicas xerais reflectirá a normativa legal aplicable e, en esencia, as condicións técnicas que deberán cumprir a maquinaria e materiais empregados, así como as condicións de execución. Tamén debe recoller a forma de medición e aboamento das unidades de obra e o número e natureza das probas de calidade necesarias.

As medicións e orzamentos recollerán a valoración económica da obra. Deberán conter unhas medicións, uns cadros de prezos e uns orzamentos. A unidade monetaria será o euro e arredondarase ao céntimo de euro.

4.4.4. Aprobación dos proxectos técnicos.

Os proxectos técnicos tramitaranse e aprobaranse conforme a lexislación vixente.

4.4.5. Condicións da urbanización.

En todo o non prescrito expresamente no presente punto, a urbanización do parque atenderá ao prescrito ao respecto no planeamento municipal.

– Rede viaria:

Para calcular a pavimentación terase en conta tanto o espesor das capas de firme, como o material que se empregue na capa de rodaxe, atendendo ao carácter e tráfico destas.

Deberá preverse a drenaxe profunda do sistema viario, sobre todo en casos onde o nivel freático do terreo poida estar próximo á superficie. Utilizaranse tubos-dren lonxitudinais onde proceda.

Os materiais de pavimentación elixiranse de acordo cun código funcional que distinga a categoría do espazo, circulación rodada, peonil, estancia de persoas e de vehículos, uso conxunto de persoas e de vehículos, etc.

O chan de beirarrúas e percorridos peonís resolverase con materiais que non dificulten a circulación das persoas e dos vehículos de man.

As tapas de arquetas, rexistros, etc. orientaranse tendo en conta as xuntas dos elementos do pavimento e nivelaranse co seu plano de tal forma que non resalten sobre el.

As diferenzas de nivel entre distintos pavimentos resolveranse con bordos e outros elementos de separación que definan claramente os seus perímetros.

Deberán instalarse gradicelas de ventilación de redes e outros elementos subterráneos e deseñaranse de forma que non supoñan risco.

Deberán poñerse pavimentos antiesvarantes naquelas rúas con pendente superior ao 8 %.

A pendente mínima será do 0,5 % para facilitar a drenaxe das plataformas. A pendente máxima será do 3 % para facilitar a configuración das parcelas, e debe xustificarse convenientemente a utilización de valores superiores.

Para a determinación dos valores dos acordos considerarase unha velocidade máxima no parque de 40 km/h.

A sección viaria axustarase ao establecido nos planos de ordenación do presente documento, con carrís de 3,5 e 4 m en función da rúa, sen sobrelargo en curvas e beirarrúas cun largo de 2,5 e 3 m. A liña de aparcadoiro será de 2,5 m en aparcadoiro en liña e de 4,5 m para aparcadoiro en batería.

As bandas de protección de infraestruturas básicas recibirán o tratamento de zonas verdes. Empregaranse especies de raíz superficial que non danen a infraestrutura.

Prohíbese a plantación de árbores sobre a vertical de calquera infraestrutura.

A distancia mínima entre os troncos das árbores e o peche de parcelas ou a liña de edificación será de tres metros.

– Abastecemento:

Establécese unha previsión mínima para un consumo medio de 0,3 litros por segundo e hectárea.

A rede proxectada deberá ser en malla, excepto nos seus ramais de menor xerarquía. Neste caso os testeiros dos ramais contarán cun desaugadoiro. Calquera solución que non respecte este criterio só será admisible tras unha xustificación detallada, en termos económicos e funcionais.

O diámetro mínimo das tubaxes na rede será de 100 mm, de modo que sobre ela poidan instalarse hidrantes de diámetro de 80 mm. Se os hidrantes proxectados son de diámetro de 100 mm, a tubaxe de que se derivan terá un diámetro mínimo de 150 mm.

O proxecto de abastecemento deberá incluír unha xustificación hidráulica da solución adoptada.

A velocidade da auga nas tubaxes principais deberá estar comprendida, agás xustificación razoada, entre 0,5 e 1,8 m/s.

As tubaxes situaranse baixo as beirarrúas e nunha profundidade superior a 60 cm e deberán situarse a un nivel superior ao dos sumidoiros circundantes, cunha distancia entre ambos non inferior a 30 cm.

A protección contra incendios resolverase mediante hidrantes. Situaranse ás distancias sinaladas pola normativa vixente, así como ao lado dos edificios de equipamento.

Os tubos, válvulas e pezas especiais disporanse coa timbraxe suficiente para garantir a estanquidade e durabilidade da rede. A presión normalizada de proba en fábrica non será inferior, en ningún caso, a 10 atmósferas. Os materiais cumprirán as condicións requiridas no prego de condicións técnicas xerais para tubaxes de abastecemento de auga.

– Saneamento:

O saneamento realizarase polo sistema separativo, tal e como se establece en planos de ordenación.

As seccións mínimas do sumidoiro, tanto para a rede de pluviais como para conexións de servizo e desaugamento de sumidoiros, serán de 30 cm de diámetro. En conducións de bombeo utilizaranse tubaxes de fundición.

As pendentes mínimas serán do 0,5 % nos inicios de ramal, e nos demais determinaranse de acordo cos caudais para que as velocidades mínimas non descendan de 0,6 m/s.

Para o cálculo do sumidoiro adoptaranse como caudais de augas negras o medio e o máximo previstos para o abastecemento de auga, afectados ou non por un coeficiente redutor, o cal non poderá ser inferior ao 85 %. Para os caudais de augas de choiva, calcularanse a través de datos pluviométricos oficiais os caudais máximos procedentes de choivas con período de retorno de 2 anos se as pendentes do terreo son apreciables e con período de retorno de 5 anos se as pendentes do terreo son moi pequenas, para colectores que saneen áreas inferiores a 50 hectáreas.

Será preciso calcular o tempo de concentración da bacía.

As condicións serán subterráneas, seguindo o trazado da rede viaria ou espazos públicos. Agás imposibilidade técnica, o recubrimento mínimo da tubaxe, medido sobre a xeratriz superior, será de 1 m, preferiblemente 1,5 m, e, en todo caso, debe situarse a nivel inferior ás tubaxes de abastecemento circundantes.

Disporase de pozos de rexistro cada 50 m, así como en todos os cambios de aliñación e rasante e nas cabeceiras.

Poderá utilizarse calquera dos materiais prescritos no prego de prescricións técnicas xerais para tubaxes de saneamento de poboacións, coas condicións alí sinaladas.

As xuntas deberán ser estancas. Utilizarase preferentemente a solución elástica mediante xunta de goma. Prohíbese a utilización de unións ríxidas en corchete, agás que se xustifique mediante un tratamento adecuado a súa impermeabilidade. Os pozos, arquetas e sumidoiros deberán ser estancos e deben tratarse adecuadamente as superficies que estean en contacto coa auga.

A conexión ao saneamento das conexións de servizo individuais producirase en pozos de rexistro.

Será exixible a instalación de tratamento previo á vertedura na rede naquelas industrias ou actividades cuxo nivel de contaminación así o xustifique.

– Enerxía eléctrica:

Establecerase o seguinte criterio de previsión de potencia:

– Considérase unha ratio de 25 W/m2 aplicada sobre a superficie da parcela.

– Dotaranse todas as parcelas de posibilidade de subministración en B.T., independentemente da potencia que resulte da aplicación da mencionada ratio.

– Limitarase, para efecto de non sobredimensionar as instalacións e cumprir en todo caso ao disposto no RD 1955/2000, no seu artigo 45, a 50 kW a potencia que se subministre obrigatoriamente en B.T. ás parcelas (o cal non impedirá subministracións de maior potencia na dita tensión en función do grao de ocupación eléctrica das redes que, en todo caso, virá determinado pola demanda real das empresas asentadas no parque).

– Para todas aquelas parcelas que en virtude da aplicación da mencionada ratio resulte unha potencia superior a 50 kW preverase a alimentación desta en M.T.

Co obxecto de garantir a subministración de enerxía eléctrica ás distintas parcelas na tensión máis adecuada ás súas necesidades, preverase, con carácter xeral, a execución dunha rede de media tensión enlazando un ou varios centros de transformación a partir dos cales se instalará unha rede de baixa tensión para alimentación das parcelas que así o requiran e a instalación de iluminación pública.

A rede de M.T. proxectarase en malla, formando un ou varios aneis de maneira que se garanta tanto a alimentación dos centros de transformación como das parcelas por ambos os extremos, aumentando desta forma a fiabilidade da subministración.

Para a disposición dos centros de transformación, as zonas de subministración en baixa tensión dividiranse en sectores de carga con demandas de potencia globais aproximadamente da mesma orde, cada un dos cales será alimentado desde un centro de transformación que en todo caso sempre terá acceso desde a rede viaria e procurarase a súa localización de maneira compatible coa ordenación.

A canalización de M.T. proxectarase baixo beirarrúa con tubos de P.E.A.D. de 160 mm de diámetro en número acorde coas liñas eléctricas correspondentes en cada tramo a razón dun tubo por liña e dous tubos de reserva, así como un tubo de 125 mm de diámetro de cor verde, para o tendido das telecomunicacións da compañía eléctrica. Os condutores serán de aluminio, tipo RHZ1 3(1×240) mm2, secos tipo campo radial unipolares con illamento para 20 kV. As seccións da canalización corresponderán aos tipos homologados pola correspondente compañía subministradora.

A rede de baixa tensión proxectarase tamén entubada baixo beirarrúa, a partir de cada centro de transformación, por medio de condutores de aluminio con illamento en polietileno reticulado e cuberta de PVC (RV 0,6/1 kV).

– Rede de iluminación pública:

Proxectarase unha rede de iluminación pública para todo o parque e vías de acceso con base no criterio de luminancia, considerando os seguintes niveis luminotécnicos:

Zona

Luminancia da superficie da calzada en condicións secas

Cegamento perturbador

Incremento limiar

TI (%)

Luminancia media

Lm (cd/m2)

Uniformidade global

Uo = Lmin/Lm

Uniformidade lonxitudinal

Ul = Lminl/Lmaxl

Vías

1,5

0,4

0,7

≤10

Rotondas

2

Aparcad.

1

A liña eléctrica de alimentación para iluminación pública disporase subterránea, en gabia de 0,40×0,60 m, en tubos de polietileno corrugado de 90 mm, baixo beirarrúa, e estará constituída por condutores de cobre da sección necesaria en cada caso cun mínimo de 4(1×6) mm2 con illamento tipo RV-K 0,6/1 kV, e condutor de cobre nu para rede de terras de 35 mm2 instalado polo exterior do tubo.

Os soportes axustaranse á normativa vixente (no caso de que sexan de aceiro deberán cumprir o RD 2642/1985, RD 401/1989, OM do 16.5.1989).

As liñas de alimentación a puntos de luz con lámpadas de descarga estarán previstas para transportaren a carga debida aos propios receptores, aos seus elementos asociados e ás súas correntes harmónicas, de arranque e desequilibrio de fases. Como consecuencia, a potencia aparente mínima en VA considerarase 1,8 veces a potencia en vatios das lámpadas de descarga consonte o establecido na instrución ITC-BT-09, que desenvolve o disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

A rede de alimentación dos puntos de luz desde o centro de mando e medida realizarase proxectando circuítos abertos, procurando reducir a lonxitude destes e equilibrar as cargas dos ramais coa finalidade de unificar seccións. No cálculo das seccións terase en conta o disposto na instrución MI-BT-017 do RBT, de maneira que a máxima caída de tensión admisible será dun 3 % da tensión nominal da rede.

O factor de potencia de cada punto de luz deberá corrixirse ata un valor maior ou igual a 0,90.

– Infraestrutura de telecomunicacións:

A infraestrutura de telecomunicacións proxectada permitirá garantir as futuras necesidades deste tipo de servizo nas frontes de parcela para que, a partir deste punto, as distintas empresas poidan executar as correspondentes infraestruturas comúns de telecomunicacións no interior delas, consonte o disposto na normativa vixente ao respecto.

O deseño da infraestrutura, no que atinxe ao trazado da rede, así como o tipo e número de condutos en cada canalización, desenvolverase baixo a premisa da explotación do servizo por parte de polo menos dúas empresas operadoras con tecnoloxías de comunicacións diferentes.

En canto ás potenciais necesidades de telecomunicacións, teranse en consideración as seguintes:

– Servizo de telecomunicacións sobre par de cobre. Considerarase a posibilidade de dar servizo tanto a telefonía convencional (RTB) como a telefonía dixital (RDSI), así como aqueles posibles servizos portadores sobre o par de cobre, como ADSL e as súas variantes (SDSL, etc.).

– Servizo de telecomunicacións sobre cable coaxial (TLCA). Permitirá dar servizo de telefonía, así como de transmisión de datos e difusión de contidos.

– Servizo de telecomunicacións sobre fibra óptica.

A rede de distribución proxectada presentará tipoloxía ramificada, constituída por canalizacións mediante tubos de polietileno reticulado de 110 e 63 mm de diámetro nominal. Proxectarase unha canalización de condutos única, asignando igual número de condutos a cada unha das empresas operadoras, ben que se executarán arquetas independentes para cada unha delas de tal forma que poidan ter acceso exclusivo á súa rede.

Realizarase a previsión de demanda con base no disposto no RD 401/2003, Regulamento de instalacións comúns de telecomunicacións, e adoptando tipos de cables estandarizados e dispoñibles no mercado, co obxecto de determinar a capacidade de cada unha das canalizacións proxectadas. O dimensionamento dos condutos efectuarase coa adecuada previsión de futuras ampliacións da rede, dispoñendo condutos de reserva para tal efecto.

Proxectarase o trazado das conducións, así como a execución das arquetas en beirarrúa, para garantir así os labores de mantemento e de explotación da rede. As arquetas proxectadas disporanse cunha separación de aproximadamente 100 metros para facilitar o tendido posterior dos cables, así como nos cambios fortes de dirección e nos cruzamentos de calzada.

Independentemente dos diámetros das conducións resultantes para efectos de demanda, nos cruzamentos de calzada executaranse condutos de diámetro de 110 mm que permitan garantir potenciais ampliacións futuras da rede sen necesidade de afectar o tránsito de vehículos. A totalidade das canalizacións executarase embebendo as conducións nun prisma de formigón HM-20.

Na medida do posible, proxectarase un trazado recto das canalizacións, realizando os cambios de dirección por medio de arquetas dispostas para tal efecto, ben que naqueles casos en que, por motivos de forza maior, se necesite realizar cambios leves de dirección, se procederá a curvar os tubos co maior raio de curvatura que sexa posible, co obxecto de evitar cambios bruscos que dificulten ou impidan o tendido posterior dos cables.

– Infraestrutura de gas:

Para o deseño da infraestrutura de gas seguiranse as especificacións da empresa subministradora.

Do mesmo modo, observarase o disposto nas normas UNE 60311 e UNE-EN 12007-1 e 2, así como no Regulamento de redes e conexións de servizo de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias (en particular a ITC-MIG-5.3) en canto á adopción de criterios de deseño.

O trazado proxectado discorrerá baixo beirarrúa, minimizando os custos de execución de conexións de servizo e facilitando as tarefas de explotación da rede á empresa operadora.

Consonte as especificacións facilitadas ao respecto pola empresa subministradora, proxectaranse as conducións da instalación en polietileno PE80 e SDR11 de 200 e 110 mm de diámetro, de cor amarela e de acordo coa norma UNE 53333.

Os accesorios serán de polietileno PE80, cun SDR (relación diámetro/espesor) igual a 11 e executaranse por medio de soldadura coa condución de polietileno.

No que se refire ás arquetas, estas serán prefabricadas de formigón, irán localizadas na beirarrúa, serán rexistrables e disporán de respiradoiros cubertos con gradicelas normalizadas pola empresa operadora. As tapas serán de fundición dúctil FGE 50-7, clase D400, e de acordo coa norma EN124. Disporán de sistema de peche en aceiro inoxidable accionado por sistema antivandálico e con tapón de protección que evite a entrada de sucidade, e irán recibidas mediante marco de formigón de 20 cm de espesor. Do mesmo modo, levarán gravada a inscrición do servizo a que pertencen.

4.5. Condicións ambientais e hixiénicas.

4.5.1. Emisións á atmosfera.

1. A presente normativa ten por obxecto regular cantas actividades, situacións e instalacións sexan susceptibles de producir fumes, po, gases, bafos, vapores e cheiros no parque empresarial, para evitar a contaminación atmosférica e o prexuízo que ocasione ás persoas ou bens de calquera natureza.

2. As exixencias que se establezan para o exercicio das actividades a que se refire esta ordenanza serán controladas a través da correspondente autorización municipal.

As actividades autorizadas estarán suxeitas a vixilancia por parte da Administración.

3. A instalación, autorización e funcionamento das actividades potencialmente contaminantes axustaranse ao disposto na lexislación vixente:

– Lei 8/2002, do 18 de decembro, de protección do ambiente atmosférico de Galicia.

– Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre contaminación atmosférica, modificada pola Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e pola Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Decreto 29/2000, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica.

– Orde do 27 de novembro de 2001 pola que se aproba o Regulamento do imposto de contaminación atmosférica e se aproban diferentes modelos de declaración e de declaración liquidación, modificado polo Decreto 9/2015, do 22 de xaneiro.

– Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera, actualizada polo Real decreto 100/2011, do 28 de xaneiro.

– Real decreto 773/2017, do 28 de xullo, polo que se modifican diversos reais decretos en materia de produtos e emisións industriais.

– Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación.

– Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación.

– Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire.

– Real decreto 117/2003, do 31 de xaneiro, sobre limitación de emisións de compostos orgánicos volátiles debido ao uso de disolventes en determinadas actividades, modificado por Real decreto 815/2013, do 18 de outubro.

– Real decreto 430/2004, do 12 de marzo, polo que se establecen novas normas sobre limitación de emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes procedentes de grandes instalacións de combustión e se fixan certas condicións para o control das emisións á atmosfera das refinarías de petróleo, modificado por Real decreto 815/2013, do 18 de outubro.

– Real decreto 108/1991, do 1 de febreiro, sobre a prevención e redución da contaminación do ambiente producida polo amianto.

– Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, de protección do ambiente atmosférico, cuxo anexo IV, niveis de emisión de contaminantes á atmosfera para as principais actividades industriais potencialmente contaminadoras da atmosfera, foi modificado polo Real decreto 509/2007, do 20 de abril.

4. Queda prohibida, con carácter xeral, toda combustión que non se realice en fogares adecuados, provistos dos dispositivos de captación, depuración, condución e evacuación pertinentes.

5. Os aparellos térmicos instalados deberán corresponder a tipos previamente homologados.

6. Os niveis de emisión de contaminantes e opacidade de fumes dos xeradores de calor deberán axustarse aos límites fixados na lexislación vixente.

7. Non poderán queimarse residuos de ningunha clase (domésticos, industriais ou de calquera orixe) sen autorización previa e deben contar coa instalación adecuada que garanta que os gases e fumes evacuados non sobrepasen os límites establecidos.

8. Cando as circunstancias o aconsellen, a Administración competente poderá exixir a instalación de dispositivos que garantan a non contaminación atmosférica.

9. Os fumes, bafos, vapores e outros efluentes contaminantes, calquera que sexa a súa orixe, deberán evacuarse ao exterior mediante condutos ou chemineas, nas condicións e características prescritas nesta ordenanza.

10. As chemineas de instalacións domésticas, industriais e de calefacción ou produción de auga quente centralizada deberán axustarse aos criterios de construción contidos na lexislación vixente.

11. As chemineas e os correspondentes condutos de unión deberán construírse con materiais inertes ou resistentes á corrosión dos produtos que se van evacuar; caso de que estes poidan encontrarse a temperatura distinta da ambiental, separaranse de calquera construción ou local alleo ao usuario un mínimo de 5 cm, sen que poidan estar en contacto, excepto que se estableza un calorífugo ou illamento adecuado, de forma que durante a súa utilización non se produzan incrementos de temperatura en paramentos de locais alleos.

12. As chemineas deberán asegurar un perfecto tiro, cunha velocidade dos fumes adecuada para evitar a saída de chamas, faíscas en ignición, cinzas, feluxe e partículas en valores superiores aos permitidos.

13. As instalacións deberán ter dispositivos adecuados nos tubos e condutos de fumes, portas dos fogares, etc., que permitan efectuar a medición da depresión na cheminea e caldeira, temperatura do gas, análises dos gases de combustión e cantos controis sexan necesarios para comprobar as condicións do seu funcionamento, segundo o disposto na lexislación vixente.

14. Queda prohibida, en calquera caso, a limpeza dos condutos de evacuación e chemineas mediante sopraxe de aire ao exterior.

15. As chemineas pertencentes aos sistemas de evacuación das fontes fixas de combustión terán unha altura superior a 1 m de toda edificación situada dentro dun círculo de 10 m de raio e de centro ao eixo dela.

En todo caso, os condutos de evacuación estenderanse por riba do edificio en que estean localizados, de tal forma que haxa polo menos 1 m de distancia desde a saída á superficie do teito e polo menos 3 m de distancia desde a saída aos edificios adxacentes, liñas divisorias de propiedade, tomas de aire ou niveis rasantes lindeiros.

16. Non se poderá instalar, ampliar ou modificar ningunha actividade potencialmente contaminante da atmosfera sen a correspondente autorización municipal, sen prexuízo do que dispoñan os demais organismos competentes na materia e conforme a lexislación vixente.

As actividades clasificadas consonte o Regulamento de actividades molestas insalubres, nocivas e perigosas ou aquelas cuxa autorización exixa un trámite de avaliación ambiental, deberán incluír no documento ambiental que sexa necesario un estudo específico de emisións que conteña:

– Un inventario de fontes ou focos contaminantes eventualmente presentes nos procesos produtivos, especificando as características das emisións producidas por cada unha destas fontes (cantidades, natureza, periodicidade, etc.).

– A identificación específica para cada foco dos principais requisitos legais aplicables ás actividades e instalacións que produzan emisións.

– A descrición das metodoloxías de prevención da contaminación atmosférica que serán adoptadas para o cumprimento da lexislación, analizando desde o punto de vista da eficacia e os custos económicos a factibilidade da súa aplicación.

17. Toda actividade instalada no parque empresarial que xere ou poida xerar molestias á poboación a causa dos cheiros, emisións gasosas ou partículas deberá incorporar as medidas correctoras necesarias para garantir a ausencia destas molestias.

18. Os límites de emisión e inmisión, así como a determinación do nivel deles, axustaranse ao disposto nas normas específicas vixentes.

19. A evacuación de gases, po, fumes, etc. á atmosfera farase a través de chemineas.

A altura dos condutos de evacuación das instalacións industriais determinaranse segundo o disposto nas normas específicas vixentes, e pode exixir unha altura adicional consonte a situación do conduto respecto a outras edificacións.

20. As chemineas das instalacións industriais deberán estar provistas dos orificios e sistemas precisos para poder realizar a toma de mostras de gases e pos, e deben estar dispostos de modo que se eviten turbulencias e outras anomalías que poidan afectar a representatividade das medicións, de acordo coas especificacións contidas na lexislación vixente.

4.5.2. Augas residuais.

1. A produción de verteduras á rede de saneamento de augas pluviais ou fecais por parte das instalacións e actividades que se desenvolvan no ámbito do parque deberá axustarse ao disposto na lexislación vixente en materia de verteduras e protección ambiental de canles e, en xeral, do dominio público hidráulico:

– Decreto 16/1987, do 14 de xaneiro, de deseño técnico do Plan hidrolóxico das bacías intracomunitarias de Galicia.

– Lei 9/2010, do 4 de novembro, de auga de Galicia.

– Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación.

– Real decreto 817/2015, do 11 de setembro, polo que se establecen os criterios de seguimento e avaliación do estado das augas superficiais e as normas de calidade ambiental.

– Real decreto 606/2003, do 23 de maio, polo que se modifica o Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas.

– Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e as súas modificacións. c.e. 30.11.2001.

– Real decreto 1315/1992, do 30 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Regulamento do dominio público hidráulico que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas.

– Real decreto 927/1988, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Administración pública da auga e da planificación hidrolóxica, o desenvolvemento dos títulos II e III da Lei de augas.

– Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI, VII e VIII do texto refundido da Lei de augas.

2. Todas as edificacións do parque empresarial, calquera que sexa o seu uso, deberán ter resolto o sistema de vertedura das súas augas residuais na forma tecnicamente posible que evite a contaminación do medio ou a alteración dos sistemas de depuración receptores das augas.

3. Para tal fin, todas as actividades industriais e de servizos, con instalacións dentro do parque empresarial, estarán obrigadas a solicitar especificamente coa licenza de actividade o permiso de verteduras, para o cal deberá entregarse a seguinte documentación:

– Filiación:

a) Nome, número da parcela e domicilio social do titular do establecemento ou actividade.

b) Situación e características da instalación ou actividade.

– Produción:

a) Descrición das actividades e procesos xeradores das verteduras.

b) Materias primas ou produtos utilizados como tales, indicando as cantidades en unidades usuais.

c) Produtos finais e intermedios, se os houber, consignado as cantidades en unidades usuais, así como o ritmo de produción.

– Verteduras:

Descrición do réxime de verteduras (horarios, duración, caudal medio e punta, e variacións diarias, mensuais e estacionais, se as houber), e as súas características antes de calquera tratamento.

– Pretratamento:

Descrición dos sistemas de tratamento adoptados e do grao de eficacia prevista para eles, así como a composición final das verteduras descargadas, cos resultados das análises de posta en marcha realizados, se for o caso.

– Planos:

a) Planos de situación.

b) Planos da rede interior de recollida e instalación de pretratamentos.

c) Planos detallados das obras en conexión, das arquetas de rexistros e dos dispositivos de seguridade.

– Varios:

a) Volume de auga consumida polo proceso industrial.

b) Dispositivos de seguridade adoptados para previr accidentes nos elementos de almacenaxe de materias primas, compostos intermedios ou produtos elaborados susceptibles de ser vertidos á rede de sumidoiros.

c) E, en xeral, todos aqueles datos que a Administración considere necesarios, para efectos de coñecer todas as circunstancias e elementos involucrados nas verteduras de augas residuais.

O permiso de vertedura emitirase sen prexuízo das autorizacións ou licenzas que deban coñecer outros organismos competentes na materia.

4. O Concello autorizará a descarga á rede de sumidoiros, con suxeición aos termos, límites e condicións que se indiquen na licenza de actividade.

5. Na licenza de actividade incluirase o permiso de verteduras, que se concederá especificamente á industria, ao proceso a que se refira e características da correspondente vertedura.

Calquera modificación dos termos referidos exixirá solicitar novamente o permiso de verteduras.

6. Non se autorizará:

a) A apertura, a ampliación ou a modificación dunha industria que non teña o correspondente permiso de verteduras.

b) A construción, reparación ou remodelación dunha inxerencia que non teña o correspondente permiso de verteduras.

c) A posta en funcionamento de ningunha actividade industrial potencialmente contaminante, se previamente os servizos técnicos municipais non probaron, instalaron e, se for o caso, comprobaron, a eficacia e o correcto funcionamento dos pretratamentos nos termos requiridos na correspondente licenza de actividade.

d) Conexións de servizo á rede que non sexan independentes para cada industria. Cando isto non sexa posible, deberá proporse como alternativa unha solución tecnicamente adecuada.

7. A regulación da contaminación en orixe, mediante prohibición ou limitación na descarga de verteduras, establécese cos seguintes propósitos:

– Protexer o álveo receptor de calquera efecto prexudicial, crónico ou agudo, tanto para o home como para os ecosistemas naturais.

– Protexer a integridade e boa conservación das instalacións de saneamento e depuración.

8. O criterio de preservar a calidade ecolóxica do medio receptor, así como a seguridade das instalacións de saneamento, definirase con base na concentración de contaminantes para a súa descarga ao medio receptor de acordo coa lexislación.

9. Queda totalmente prohibido descargar directa o indirectamente á rede de saneamento pluvial ou fecal calquera dos seguintes produtos:

1º. Substancias sólidas ou viscosas en cantidade ou dimensións tales que sexan capaces de causar a obstrución na corrente das augas nos sumidoiros ou obstaculizar os traballos de conservación e limpeza da rede.

2º. Disolventes ou líquidos orgánicos inmiscibles en auga, combustibles ou inflamables.

3º. Gases ou vapores combustibles, inflamables, explosivos ou tóxicos.

4º. Graxas, ou aceites minerais ou vexetais que excedan de 200 ppm, medidos como graxa total.

5º. Substancias sólidas potencialmente perigosas.

6º. Residuos industriais ou comerciais cuxas concentracións ou características tóxicas ou perigosas requiran un tratamento específico.

7º. Líquidos que conteñan produtos susceptibles de precipitarse ou depositarse na rede de sumidoiros ou de reaccionar coas augas desta de maneira que produzan substancias comprendidas en calquera dos puntos das presentes epígrafes.

8º. Substancias que por elas mesmas ou como consecuencia de reaccións que teñan lugar dentro da rede teñan ou adquiran algunha propiedade corrosiva.

9º. Substancias que poidan alterar negativamente dalgunha forma a capacidade de depuración das instalacións depuradoras ou calquera outra instalación de tratamento previo das augas.

10º. Calquera outro que determine a lexislación vixente.

10. As medicións e determinacións serán realizadas baixo a supervisión técnica do Concello e a cargo da propia instalación industrial.

Para tal efecto, as determinacións realizadas deberán remitirse ao Concello, ao seu requirimento ou coa frecuencia e forma que se especifiquen na licenza de actividade.

En todo caso, estas análises estarán á disposición dos técnicos municipais responsables da inspección e control das verteduras para o seu exame cando esta se produza. Por outra parte, o Concello poderá facer as súas propias determinacións cando así o considere oportuno.

11. Toda instalación que produza verteduras de augas residuais non domésticas deberá colocar e poñer á disposición dos servizos técnicos municipais, para efectos da determinación da carga contaminante, os seguintes dispositivos:

a) Arqueta de rexistro, que estará situada en cada sumidoiro de descarga das verteduras residuais, de fácil acceso, libre de calquera interferencia e localizado augas abaixo antes da descarga á rede. Deberán enviarse á Administración planos de situación da arqueta e de aparellos complementarios para a súa identificación e censo.

b) Medición de caudais. Cada arqueta de rexistro disporá dos correspondentes dispositivos co fin de poder determinar os caudais de augas residuais.

c) No caso de existiren pretratamentos individuais ou colectivos legalmente autorizados, deberá instalarse á saída dos afluentes depurados unha arqueta de rexistro coas mesmas condicións referidas en parágrafos anteriores.

12. Os servizos técnicos municipais procederán a efectuar periodicamente ou por instancia dos usuarios inspeccións e controis das instalacións de verteduras de augas residuais.

A fin de que os inspectores municipais ou a Administración competente en materia de augas poidan realizar as súas funcións de vixilancia e control, os titulares das instalacións estarán obrigados ante dito persoal acreditado a:

a) Facilitarlles, sen necesidade de comunicación anticipada, o libre acceso aos locais ou partes da instalación que consideren convenientes para o cumprimento da súa misión.

b) Facilitarlles a montaxe dos equipamentos, así como permitirlles a utilización dos instrumentos que a empresa utilice coa finalidade de autocontrol, especialmente aqueles para a medición de caudais de verteduras e toma de mostras, para efecto de realizar as comprobacións que consideren convenientes.

c) E, en xeral, facilitarlles o exercicio e cumprimento das súas funcións.

Co fin de conseguir unha adecuada regulación das descargas de verteduras e actualizar periodicamente as limitacións destas e conseguintes autorizacións, o Concello deberá:

– Elaborar un inventario dos permisos de verteduras concedidos.

– Comprobar periodicamente as verteduras na rede de sumidoiros.

13. Os titulares dos establecementos industriais que pola súa natureza poidan ocasionar descargas de verteduras que prexudiquen a integridade e o correcto funcionamento das instalacións de saneamento deberán adoptar as medidas protectoras necesarias para previlas. Os proxectos detallados destas medidas deberán presentarse á Administración para a súa aprobación. Isto non eximirá o titular das responsabilidades consecuentes ante unha situación de emerxencia.

Se tal situación de emerxencia se produce, o usuario deberá poñelo urxentemente en coñecemento dos servizos municipais.

Posteriormente, e nun prazo máximo de sete días, o usuario remitirá a esta Administración un informe onde detallará a data, a hora e a causa do accidente e canta información necesiten os servizos técnicos municipais para elaborar unha correcta interpretación do ocorrido e avaliar as súas consecuencias.

4.5.3. Emisións acústicas.

1. A presente normativa ten por obxecto regular cantas actividades, situacións e instalacións sexan susceptibles de producir emisións sonoras no parque empresarial para evitar a contaminación acústica e o prexuízo que ocasione ás persoas ou bens de calquera natureza.

2. As exixencias que se establezan para o exercicio das actividades a que se refire esta ordenanza serán controladas a través da correspondente autorización municipal.

As actividades autorizadas estarán suxeitas a vixilancia por parte da Administración.

3. A instalación, autorización e funcionamento das actividades potencialmente contaminantes axustarase ao disposto na lexislación vixente:

– Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmósfera.

– Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

– Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, que derroga a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

– Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación.

– Real decreto 1371/2007, polo que se aproba o documento básico DB-HR protección fronte ao ruído do CTE.

– Real decreto 212/2002, polo que se regulan as emisións sonoras no ambiente debidas a determinadas máquinas ao aire libre.

– Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica en Galicia.

4. Todas as actividades clasificadas como molestas, consonte o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, que se instalen no parque empresarial, deberán xuntar a documentación necesaria para solicitar a súa autorización un estudo de previsión dos niveis sonoros de contidos similares aos establecidos pola Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica, utilizando os indicadores e as metodoloxías sinaladas na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

A documentación que se presente deberá conter as medidas necesarias para a prevención da contaminación acústica prevista.

Tras a posta en funcionamento da actividade, e en condicións normais de funcionamento, deberase entregar ao órgano competente un informe en que se estableza por medio dunha medición de contaminación atmosférica o grao de cumprimento da lexislación e as condicións establecidas na autorización. A medición deberá ser realizada por un organismo homologado pola Administración autonómica.

Calquera cambio no funcionamento da actividade que supoña o incremento significativo dos niveis sonoros percibidos no exterior das instalacións deberá autorizarse expresamente, modificando, se for o caso, as condicións da autorización.

5. As condicións acústicas exixibles aos diversos elementos construtivos que compoñen a edificación serán as determinadas no capítulo III da norma básica de edificación sobre condicións acústicas nos edificios (NBE-CA.81) e modificacións seguintes (NBE-CA.82 e NBE-CA.88), ata a aprobación e publicación do documento básico DB-HR, protección fronte ao ruído, do Código técnico da edificación.

A localización, orientación e distribución interior dos edificios destinados aos usos máis sensibles desde o punto de vista acústico planificarase con vistas a minimizar os niveis de inmisión neles, adoptando deseños preventivos e a suficiente distancia de separación respecto ás fontes de ruído máis significativas e en particular, o tráfico rodado, de forma que no ambiente interior non se superen os niveis límite establecidos para o interior de edificios.

Nos proxectos de construción de edificacións que se xuntan á petición de licenza urbanística xustificarase o cumprimento das referidas normas.

Os aparellos elevadores, as instalacións de aire acondicionado e as súas torres de refrixeración, a distribución e evacuación de augas, a transformación de enerxía eléctrica, e demais servizos dos edificios serán instalados coas precaucións de localización e illamento que garantan un nivel de transmisión de ruídos non superior aos límites máximos legais, tanto cara ao exterior como ao interior do edificio.

6. Nos edificios de uso mixto terciario e secundario, ou nos edificios estremeiros entre estes dous tipos de actividades, adoptaranse as medidas preventivas na concepción, deseño e montaxe de amortecedores de vibración, sistemas de redución de ruídos de impacto, tubaxes, condutos de aire e transporte interior.

7. As conexións dos equipamentos de ventilación forzada e climatización, así como doutras máquinas, a condutos ríxidos e tubaxes hidráulicas, realizaranse sempre mediante xuntas e dispositivos elásticos.

Prohíbese a instalación de condutos entre o illamento acústico específico de teito e a planta superior ou entre os elementos dunha dobre parede, así como a utilización destas cámaras acústicas como plenum de impulsión ou retorno de aire acondicionado.

8. Naquelas instalacións e maquinarias que poidan xerar transmisión de vibracións e ruídos aos elementos ríxidos que as soporten e/ou ás conexións do seu servizo, deberán proxectarse uns sistemas de corrección especificando os sistemas seleccionados, así como os cálculos que xustifiquen a viabilidade técnica da solución proposta.

Para corrixir a transmisión de vibracións deberán terse en conta as seguintes regras:

a) Todo elemento con órganos móbiles manterase en perfecto estado de conservación, principalmente no que atinxe ao seu equilibrio dinámico e estático, así como a suavidade de marcha das súas chumaceiras ou camiños de rodaxe.

b) As máquinas de arranque violento, as que traballen por golpes ou choques bruscos e as dotadas de órganos con movemento alternativo, deberán estar ancoradas en bancadas independentes, sobre o solo firme e illadas da estrutura da edificación e do solo do local por medio de materiais absorbentes da vibración.

c) Os condutos ríxidos polos que circulen fluídos líquidos ou gasosos en forma forzada, conectados con máquinas que teñan órganos en movemento, instalaranse de forma que se impida a transmisión das vibracións xeradas en tales máquinas. As aberturas dos muros para o paso das conducións rachearanse con materiais absorbentes da vibración.

4.5.4. Residuos sólidos e industriais.

1. Para efectos da presente ordenanza, entenderanse por residuos urbanos os xerados nos comercios, oficinas e servizos, así como todos aqueles que non teñan a cualificación de perigosos e que pola súa natureza ou composición poidan asimilarse aos producidos nos anteriores lugares ou actividades.

Terán tamén a consideración de residuos urbanos os seguintes:

– Residuos procedentes da limpeza de vías públicas, zonas verdes e áreas recreativas.

– Residuos e entullos procedentes de obras menores de construción e reparación.

Para calquera aclaración sobre a terminoloxía desta ordenanza, aplicaranse as definicións que establecen a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, e o Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro.

2. A produción, xestión e transporte dos residuos nas instalacións e actividades que se desenvolvan no ámbito do parque deberán axustarse ao disposto na lexislación vixente en materia de residuos:

– Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.

– Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e réxime administrativo en residuos sólidos urbanos de Galicia.

– Decreto 154/1998, do 28 de maio, polo que se publica o catálogo de residuos de Galicia.

– Resolución do 13 de xaneiro de 2011. Plan de xestión de residuos sólidos urbanos 2010-2020 da Xunta de Galicia.

– Orde do 20 de xullo de 2009 pola que se regulan os contidos dos estudos de minimización da produción de residuos que deben presentar os produtores de residuos de Galicia.

– Decreto 59/2009, do 26 de febreiro, polo que se regula a rastrexabilidade dos residuos de Galicia.

– Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro xeral de produtores e xestores de residuos de Galicia.

– Decreto 221/2003, do 27 de marzo, polo que se establece un réxime simplificado no control de traslado dos residuos perigosos producidos por pequenos produtores de residuos.

– Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

– Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

– Lei 11/1997, do 24 de abril, de envases e residuos de envases.

– Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación.

– Real decreto 679/2006, do 2 de xuño, polo que se regula a xestión dos aceites industriais usados.

– Real decreto 1481/2001, de eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro.

– Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos.

– Real decreto 1771/1994, polo que se modifica o Real decreto 833/1988, do 20 de xullo.

– Real decreto 782/1998, do 30 de abril, polo que se aproba o Regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 11/1997, de envases e residuos de envases.

– Real decreto 952/1997, polo que se modifica o Regulamento para a execución da Lei 20/1986, básica de residuos tóxicos e perigosos.

– Orde do 13 de xuño de 1990, pola que se modifica a Orde do 28 de febreiro de 1989, pola que se regula a xestión de aceites usados (BOE do 21 de xuño de 1990).

– Orde do 28 de outubro de 1992, pola que se amplía o ámbito de aplicación da Orde do 31 de outubro de 1989 (BOE do 6 de novembro de 1992).

– Orde MAM/304/2002, operacións de valorización e eliminación de residuos e corrección de erros.

3. Corresponde ao Concello, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte, tratamento e eliminación dos residuos urbanos tal como se encontran definidos nos artigos anteriores.

Non serán obxecto de recollida os residuos que comprendan materias contaminadas ou contaminantes, corrosivas e perigosas para as cales o risco de contaminación requira adoptar especiais garantías de hixiene e profilaxe para a súa recollida ou destrución. Os seus produtores veñen obrigados a dispor dos oportunos sistemas de xestión atendendo á normativa específica aplicable.

Non serán obxecto da presente ordenanza os M.E.R., entendendo por tales os recollidos no Real decreto 1991/2000, modificado polo Real decreto 100/2003.

4. As exixencias que se establezan para o exercicio das actividades a que se refire esta ordenanza serán controladas a través da correspondente autorización municipal.

As actividades autorizadas estarán suxeitas a vixilancia por parte da Administración.

5. Prohíbese deitar ou depositar residuos, desperdicios, lixos, entullos e materiais de calquera tipo en xeral nas vías públicas ou privadas, nas súas beirarrúas e nos soares ou predios valados ou sen valar.

6. Sen prexuízo da información que se deba entregar noutras instancias administrativas, as industrias implantadas no parque empresarial quedan obrigadas a comunicar ao municipio, conxuntamente coa solicitude de licenza de actividade, cada dous anos durante a actividade, e antes de calquera modificación na produción de residuos sólidos, os seguintes aspectos:

– Cantidade e características dos residuos que se van xerar ao longo do proceso produtivo no ámbito do parque.

– Sistema de acumulación prevista nos terreos propios, así como as medidas de seguridade para a protección do ambiente e das persoas.

– Sistemas e procedementos de emerxencia que permitan a contención da contaminación en caso de accidente ligado de forma directa ou indirecta á presencia destes residuos.

– Medidas de seguridade previstas en relación coas operacións de carga e descarga de residuos e nos seus accesos para a entrada e saída.

– Instalacións propias para a xestión, previstas para o caso.

– Solicitudes, autorizacións e permisos para a realización de actividades de xestión ou produción dos residuos que sexan necesarios.

O cumprimento das condicións de autorización poderá ser comprobado pola Administración municipal de forma previa ao inicio das actividades.

7. Prohíbese o acopio de residuos en condicións en que non se poida garantir a prevención da contaminación do sistema de saneamento, o sistema de drenaxe superficial, o solo ou o subsolo, sendo obrigatorio o acondicionamento das zonas de acopio de forma previa, de forma que, ademais de previr a contaminación, se impida o acceso visual a estes acopios dende o viario ou as zonas habitadas.

8. Xunto á documentación preceptiva para toda concesión de licencia municipal no ámbito do parque empresarial para obras de construción, reforma, baleirado ou derribo, acompañarase documento que recolla o punto de vertido de todos os produtos procedentes daquelas obras, así como a súa composición e volume estimado.

9. O destino dos escombros, libres de obxectos estraños, será instalacións de reciclado de residuos de construción e demolición.

10. O titular da licencia de obras está obrigado a presentar ante o Concello certificado do propietario da planta de tratamento ou terreo onde tratase ou depositase os escombros ou terras que acredite que efectivamente se cumpriron as condicións previstas na licenza en canto a lugar de destino, composición e volume de terras ou entullos.

O non cumprimento desta obriga levará unida a retención da fianza prestada ao solicitar a preceptiva licenza de obra.

11. Toda persoa física ou xurídica deberá realizar o transporte de terras e entullos con vehículos apropiados nas condicións de hixiene e seguridade previstas e coas autorizacións preceptuadas na lexislación vixente.

12. De maneira previa ao abandono dunha instalación deberá procederse á desmontaxe, retirada e xestión, consonte a lexislación vixente, de calquera elemento susceptible de xerar contaminación do solo e/ou das augas.

4.5.5. Consumo eléctrico.

1. A presente regulación vai dirixida a racionalizar o gasto económico e enerxético derivado do consumo eléctrico; o control do consumo permitirá adoptar estratexias de xestión específicas en cada unha das actividades. Serán de aplicación a todas as actividades industriais instaladas no polígono, incluídas as actividades desenvolvidas nas instalacións de equipamento.

2. Todas as actividades que se implanten no ámbito do parque empresarial deberán incorporar un rexistro de consumo eléctrico individual que estará accesible desde o exterior da parcela.

As actividades empresariais deberán incorporar na rede de distribución de enerxía distintos contadores que permitan un control do consumo eléctrico de cada un dos procesos.

3. Os proxectos de construción de cada unha das naves ou edificacións deberán entregar un anexo en que se xustifique o deseño da instalación de distribución de enerxía consonte os principios de aforro e eficiencia no uso.

A autorización do proxecto poderá condicionarse á incorporación no deseño da distribución de enerxía de dispositivos que permitan asegurar un aforro do consumo significativo, de acordo coas mellores tecnoloxías dispoñibles.

4.5.6. Consumo de auga.

1. A presente regulación vai dirixida a racionalizar o gasto económico e o consumo excesivo de auga; o control do consumo permitirá adoptar estratexias de xestión específicas en cada unha das actividades. Será de aplicación ás actividades instaladas no polígono cuxo consumo supere os 1.000 m3/ano.

2. Considérase que un proceso supón un elevado consumo de auga cando supera previsiblemente os 1.000 m3/ ano.

3. Todas as actividades que se implanten no ámbito do parque empresarial deberán incorporar un rexistro de consumo de auga individual que estará accesible desde o exterior da parcela.

As actividades empresariais que supoñan un elevado consumo de auga deberán incorporar na rede de distribución de auga distintos contadores que permitan un control do consumo de auga de cada un dos procesos.

4. Os proxectos de construción de cada unha das naves ou edificacións deberán incluír un anexo en que se xustifique o deseño da instalación de distribución de auga de acordo cos principios de aforro e eficiencia no uso.

A autorización do proxecto poderá condicionarse á incorporación no deseño da distribución de auga de dispositivos que permitan asegurar un aforro do consumo de auga significativo, de acordo coas mellores tecnoloxías dispoñibles.

4.6. Condicións de composición arquitectónica.

4.6.1. Normas xerais.

Considéranse como fachadas todos os paramentos que dean peche ás construcións. Extremarase o coidado estético nas fachadas que dean fronte a vías ou zonas verdes públicas.

Permítense as recebas sempre que estean correctamente terminados.

As empresas propietarias quedaran obrigadas ao seu bo mantemento e conservación.

– Tanto as paredes medianís como os paramentos susceptibles de posterior ampliación deberán tratarse como unha fachada e ofrecer calidade de obra terminada.

– Os rótulos acaroados ou sobre cabaletes propios de cada industria axustaranse ás normas dun correcto deseño en canto a composición e cores utilizados e realizaranse con base en materiais inalterables aos axentes atmosféricos. A empresa titular é responsable en todo momento do bo estado de mantemento e conservación. Prohíbese o emprego de rótulos que sobresaian da liña de edificación obrigatoria.

– Quedan prohibidos os cegamentos directos ou escintilacións que poidan afectar a seguridade do tráfico rodado.

– As edificacións en parcelas con fronte a máis dunha rúa ou a outros espazos públicos quedarán obrigadas a que todos os seus paramentos de fachada teñan a mesma calidade de deseño e acabamento.

– As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias deberán ofrecer un nivel de acabamento digno e que non desmereza da estética do conxunto, para o cal os ditos elementos deberán tratarse con idéntico nivel de calidade que a edificación principal.

– O proxecto de edificación coidará e definirá convenientemente o deseño, composición e cor dos paramentos exteriores e prohíbese a utilización como vistos de materiais fabricados para seren revestidos e as combinacións agresivas de cor.

– Presentarase especial coidado ao deseño dos volumes dianteiros das edificacións, considerando como tales os compostos pola fachada principal e as laterais ata un fondo mínimo de 10 metros, medidos desde a liña de edificación.

– O proxecto de edificación definirá a urbanización completa dos espazos interiores das parcelas non ocupados pola edificación e pavimentaranse adecuadamente os espazos de acceso, aparcadoiro e manobra; os restantes trataranse con xardinaría e prohíbese en todos eles a vertedura de desperdicios e, en xeral, todo o que poida danar a imaxe urbana do parque.

4.7. Condicións técnicas das obras en relación coas vías e servizos públicos.

4.7.1. Danos ás vías e servizos municipais.

Todo particular que execute unha obra de calquera natureza será responsable ante a Administración dos danos que coa súa execución poida ocasionar nas vías, espazos ou servizos públicos. Fixaranse avais que garantan a reparación dos desperfectos que se poidan ocasionar nas vías, espazos ou servizos públicos e que sexan imputables aos titulares das obras.

Este aval será retornado en todo, en parte, ou exixiranse cantidades económicas complementarias se os danos fosen maiores, como condición imprescindible antes de concederse a licenza de apertura do establecemento industrial, comercial ou de servizo.

4.7.2. Obras que afectan servizos públicos.

Se as obras que se executan van afectar servizos de carácter xeral ou público, os propietarios comunicarano por escrito ás empresas correspondentes ou entidades administrativas, con oito días de antelación ao seu comezo, e neste prazo as ditas empresas ou entidades deberán tomar as medidas oportunas para evitar danos propios ou a terceiros, do cal serán responsables desde a finalización do prazo anteriormente mencionado.

O propietario queda obrigado a protexer debidamente a zona de servizos durante as obras cunha lousa de formigón ou elementos similares de suficiente resistencia que garantan a continuidade e seguridade de todos os servizos afectados.

4.7.3. Acumulación de entullos e materiais.

Os entulllos e acumulacións de materiais non poderán depositarse na vía pública nin apoiarse nos valos ou muros de peche.

4.7.4. Estadas e material auxiliar.

Todas as estadas auxiliares da construción deberán executarse baixo a dirección facultativa competente e dotaranse das precaucións necesarias para evitar que os materiais e ferramentas de traballo poidan caer á rúa, na cal se colocarán os sinais de precaución que en cada caso sexan convenientes.

En toda clase de construción, así como no uso de maquinaria auxiliar desta, gardaranse as precaucións de seguridade no traballo exixidas pola lexislación vixente en cada momento sobre a materia. Transcorrido un mes sen dar comezo ás obras, ou atopándose estas interrompidas, deberá suprimirse o valado e deixar libre a beirarrúa ao tránsito público.

4.7.5. Valado de obras.

En toda obra de nova planta ou derruba e nas de reforma ou conservación que afecten ás fachadas, deberase colocar un valado de protección de dous metros de altura, como mínimo, de materiais que ofrezan seguridade e conservación decorosa e situada na aliñación oficial. Non será obrigatoria cando estea construído o peche definitivo.

Cando as obras ou instalacións poidan supoñer, en si mesmas ou na súa montaxe, un perigo para os viandantes, exixirase, durante as horas de traballo a colocación na rúa dunha corda ou palenque cun operario que advirta do perigo. Cando as características de tránsito o aconsellen, poderá limitarse o traballo a determinadas horas.

A instalación de valados enténdese sempre por carácter provisional, en canto dure a obra. Por iso, desde o momento en que transcorra un mes sen dar comezo ás obras, ou se están interrompidas, deberá suprimirse o valado.

4.8. Normas de parcelación.

4.8.1. Xeneralidades.

Enténdese por parcelación a subdivisión simultánea ou sucesiva de terreos en lotes ou porcións á fin da súa edificación, ou a agrupación destes.

Toda parcelación deberá acomodarse ao previsto no proxecto sectorial e na sección 4ª, capítulo II, título VI da LOUG.

A agrupación ou segregación das parcelas deberá:

– Respectar a estrutura urbanística que fixa o proxecto sectorial de ordenación.

– Facer posible as conexións dos servizos urbanísticos.

– Deseñar parcelas edificables de acordo coa normativa do proxecto sectorial.

– Cumprir as dimensións e frontes de parcela establecidas en cada ordenanza e garantir o cumprimento das ditas condicións para o terreo sobrante.

Toda parcelación estará sometida a licenza municipal previa.

4.8.2. Criterios para os proxectos de parcelación.

Con carácter xeral, os lindes parcelarios serán rectos e normais ás aliñacións.

A parcelación representada nos planos de ordenación ten carácter meramente orientativo por aplicación da parcelación básica das ordenanzas. A parcelación é susceptible doutras solucións de fraccionamento ou de agregación segundo o previsto nas ditas ordenanzas.

4.8.3. Agrupación de parcelas.

Permítese agrupar parcelas para formar outras de maiores dimensións.

As parcelas resultantes estarán suxeitas, en todo caso, ás prescricións que as ordenanzas particulares sinalan.

4.8.4. Segregación de parcelas. Parcela mínima.

Poderanse dividir parcelas para formar outras de menor tamaño, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

– As parcelas resultantes non serán menores da mínima establecida para cada zona nas ordenanzas particulares.

– Cada unha das novas parcelas cumprirá cos parámetros reguladores da ordenación establecida no proxecto sectorial.

– Resolverase adecuadamente a dotación de todos os servizos existentes para cada unha das parcelas resultantes.

– Se con motivo da subdivisión de parcelas for preciso realizar obras de urbanización, estas executaranse con cargo ao titular da parcela orixinaria.

A nova parcelación será obxecto, así mesmo, de licenza municipal.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2017

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo