Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2017 Páx. 52750

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 108/2017, do 2 de novembro, polo que se modifica o Decreto 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes.

A Comunidade Autónoma de Galicia é competente para regulamentar a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes de acordo co artigo 30.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle atribúe a Galicia a competencia exclusiva en materia de industria.

O Decreto 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes, derrogou o Decreto 206/1994, do 16 de xullo, polo que se adapta a normativa vixente en materia de prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos e dos seus equipamentos e compoñentes, e serviu para adaptar a lexislación galega en materia de talleres de reparación de vehículos automóbiles á Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos do mercado interior, e á lexislación de ámbito nacional, en concreto ao Real decreto 455/2010, do 16 de abril, que modifica o Real decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes.

Co paso do tempo ponse de manifesto a necesidade de modificar o Decreto 70/2011 en varios ámbitos para facelo máis efectivo. En concreto, son catro os puntos fundamentais en que se introducen modificacións.

En primeiro lugar, engádense dúas novas especialidades, por instancia das asociacións de talleres e logo do informe das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para adaptarse á nova realidade do mercado. As especialidades engadidas son «Aire acondicionado e climatización» e «Autorradios e equipamentos de comunicación».

En segundo lugar, adáptase o texto ás novas normas de tramitación electrónica de procedementos da Xunta de Galicia, incluíndo un novo artigo relativo á protección de datos de carácter persoal.

En terceiro lugar, modifícase a estrutura da placa distintiva, para que reflicta, ademais das ramas de actividade do taller, os campos parciais de actividade ou especialidades que desenvolve. Introdúcese, por outra banda, unha segunda placa, chamada informativa, para que os/as usuarios/as do taller poidan saber a que ramas ou especialidades corresponden os símbolos da placa distintiva.

En cuarto lugar, regúlase o orzamento polos servizos que prestan os talleres, sen prexuízo do establecido na lexislación xeral en materia de protección dos/das consumidores/as e usuarios/as.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes

O Decreto 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes queda modificado nos seguintes termos.

Un. Modifícase o número 4 do artigo 3, ao cal se lle engaden as letras h) e i):

«h) Aire acondicionado e climatización.

i) Autorradios e equipamentos de comunicación».

Dous. Modifícase o número 3 do artigo 4, que queda redactado nos seguintes termos:

«A presentación das declaracións responsables realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido na normativa vixente en materia de procedemento administrativo e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou da persoa representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na normativa vixente en materia de procedemento administrativo e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A non presentación da declaración, así como a inexactitude, falsidade ou omisión de datos ou manifestacións que deban figurar na dita declaración, habilitará a consellería competente en materia de industria para ditar resolución, que deberá ser motivada e con audiencia previa da persoa interesada, pola que se declare a imposibilidade de seguir prestando servizos desde o taller e, se procede, se inhabilite temporalmente a persoa interesada para a prestación de servizos».

Tres. Modifícase o número 6 do artigo 4, que queda redactado nos seguintes termos:

«Ao abeiro do previsto no número 3 do artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a consellería competente en materia de industria regulará un procedemento para comprobar a posteriori o declarado pola persoa interesada».

Catro. Modifícase o número 9 do artigo 4, que queda redactado nos seguintes termos:

«Dentro deses medios técnicos os talleres deberán dispor, polo menos, dun responsable técnico no cadro de persoal a xornada completa que acredite a súa preparación e idoneidade mediante calquera das seguintes formas:

a) Dispoñer dun título universitario cuxo plan de estudos cubra as materias obxecto da actividade que se vai desenvolver no taller.

b) Dispoñer dun título de formación profesional ou dun certificado de profesionalidade incluído no Catálogo nacional de cualificacións profesionais, cuxo ámbito competencial coincida coas materias obxecto da actividade que se vai desenvolver no taller.

c) Ter recoñecida unha competencia profesional adquirida por experiencia laboral, de acordo co estipulado no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, nas materias obxecto da actividade que se vai desenvolver no taller.

Os labores de responsable técnico poderán ser desenvolvidas polo titular do taller se pode acreditar a súa preparación e idoneidade dalgunha das formas citadas anteriormente».

Cinco. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 5, que queda redactado nos seguintes termos:

«A persoa titular do taller de reparación de vehículos automóbiles, ou a persoa representante legal, deberá comunicar ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria onde presentou a declaración responsable as modificacións dos datos recollidos na dita declaración, así como o cesamento da actividade da empresa. A comunicación deberá realizarse no prazo dun mes desde que se produzan as modificacións ou o cesamento da actividade segundo o establecido no número 3 do artigo 4».

Seis. O artigo 6 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 6. Placa distintiva e placa informativa

1. Os talleres legalmente clasificados colocarán na fachada do edificio, nun lugar facilmente visible desde o exterior, a placa distintiva que lles corresponda.

2. A placa distintiva, que se axustará en todas as súas partes e detalles ao modelo sinalado no anexo II, estará composta por una placa metálica, cadrada, de 480 milímetros de lado, cos seus catro vértices redondeados e o fondo en cor azul.

3. De arriba a abaixo, a placa distintiva estará dividida en tres espazos desiguais destinados a:

a) O superior ás ramas de actividade.

b) O intermedio, ás especialidades.

c) O inferior, ás siglas da provincia de localización do taller, ao contraste e ao número de identificación do taller asignado pola consellería competente en materia de industria. En ningún caso a obtención deste número de identificación ou a estampaxe do contraste poderán constituír un requisito previo para o inicio do exercicio da actividade.

4. Os talleres legalmente clasificados colocarán na fachada do edificio, nun lugar facilmente visible desde o exterior, á dereita ou na parte inferior da placa distintiva, a placa informativa que lles corresponda.

5. A placa informativa, que se axustará en todas as súas partes e detalles ao modelo sinalado no anexo II, estará composta por una placa metálica, cadrada, de 480 milímetros de lado, cos seus catro vértices redondeados e o fondo en cor azul.

6. De arriba a abaixo a placa informativa estará dividida en dous espazos desiguais. O inferior estará pola súa vez dividido de esquerda a dereita en dous espazos desiguais, e destinados a:

a) O superior a conter o texto “Placa informativa sobre as actividades que se desenvolven neste taller”.

b) O inferior esquerdo, ás ramas de actividade.

c) O inferior dereito, ás funcións e especialidades».

Sete. O artigo 7 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 7. Características da placa distintiva e da placa informativa

1. Para cada unha das ramas de actividade recollidas no artigo 3.2 deste decreto estableceranse os símbolos que se indican no anexo II, en cor azul sobre fondo branco.

2. Para cada unha das particulares funcións recollidas no artigo 3.3 deste decreto estableceranse os símbolos que se indican no anexo II, en cor azul sobre fondo branco.

3. Para cada una das especialidades recollidas no artigo 3.4 deste decreto estableceranse os símbolos que se indican no anexo II, en cor azul sobre fondo branco.

4. A parte superior da placa distintiva estará dividida en catro rectángulos verticais separados entre si, neles estamparanse os símbolos correspondentes ás ramas de actividade ás cales se dedique o taller e quedarán baleiros os restantes espazos.

5. A parte intermedia da placa distintiva estará dividida pola súa vez e pola súa metade en dous rectángulos horizontais.

a) O rectángulo da esquerda dividirase en oito cadros iguais, catro arriba e catro abaixo, neles estamparanse os símbolos correspondentes ás especialidades ás que se dedique o taller e quedarán baleiros os restantes.

b) O rectángulo da dereita estará destinado á estampaxe do símbolo correspondente ao taller de reparación de vehículos da categoría L. Este espazo, cando se trate de talleres dedicados unicamente á reparación de vehículos automóbiles de mais de tres rodas, permanecerá baleiro.

6. A parte inferior da placa distintiva estará dividida en tres zonas diferenciadas:

a) A da esquerda, destinada ás siglas estampadas da correspondente provincia (CO, LU, OU, PO).

b) A central, destinada ao contraste, que será estampado polo órgano competente debaixo do guión.

c) A da dereita, destinada a estampar o número de identificación do taller asignado pola consellería competente en materia de industria.

7. A parte superior da placa informativa conterá o texto estampado “Placa informativa sobre as actividades que se desenvolven neste taller”.

8. A parte inferior esquerda da placa informativa conterá, aliñados verticalmente, os símbolos das ramas de actividade ás cales se dedique o taller, acompañados á súa dereita do texto explicativo “Mecánica”, “Electricidade e Electrónica”, “Carrozarías” ou “Pintura” segundo corresponda.

9. A parte inferior dereita da placa informativa conterá, aliñados verticalmente, os símbolos das particulares funcións e as especialidades ás cales se dedique o taller, acompañados á súa dereita do texto explicativo “Vehículos de categoría L”, “Vehículos agrícolas e de obras”, “Pneumáticos”, “Radiadores”, “Equipamentos de inxección”, “Cristais e parabrisas”, “Dispositivos de remolcar”, “Tacógrafos”, “Limitadores de velocidade”, “Aire acondicionado e climatización” ou “Autorradios e equipamentos de comunicación” segundo corresponda. Se o número de funcións e especialidades supera os sete, os restantes disporanse nunha segunda liña vertical, tal e como se indica no anexo II».

Oito. Engádese o artigo 11 bis:

«Artigo 11 bis. Orzamento

1. Todo/a usuario/a ou quen actúe no seu nome ten dereito a un orzamento escrito, que terá unha validez mínima de doce días hábiles.

2. No orzamento debe figurar:

a) O número de identificación fiscal e o domicilio do taller.

b) O nome e domicilio do/a usuario/a.

c) A identificación do vehículo, con expresión de marca, modelo, matrícula e número de quilómetros percorridos.

d) Reparacións que se van efectuar, elementos que se van reparar ou substituír e/ou calquera outra actividade, con indicación do prezo total desagregado que terá que satisfacer o/a usuario/a.

e) A data e a sinatura do prestador do servizo.

f) A data prevista de entrega do vehículo xa reparado, a partir da aceptación do orzamento.

g) Indicación do tempo de validez do orzamento.

h) Espazo reservado para a data e sinatura de aceptación do/da usuario/a.

3. No caso de que o orzamento non sexa aceptado polo/a usuario/a, o vehículo deberá devolvérselle en análogas condicións ás que lle foi entregado antes da realización do orzamento.

4. Unicamente poderá procederse á prestación do servizo unha vez que o/a usuario/a, ou persoa autorizada, concedese a súa conformidade mediante sinatura do orzamento, facendo constar a expresión “acepto o importe do orzamento” ou similar da súa propia man, ou renunciase por escrito á súa elaboración, facendo constar a súa sinatura e a expresión “renuncio á confección do orzamento” ou similar da súa propia man.

5. As avarías ou defectos ocultos que poidan aparecer durante a reparación do vehículo deberán ser postos en coñecemento do/da usuario/a no prazo máximo de 48 horas, con expresión do seu importe, e tan só poderá realizarse a reparación logo de conformidade expresa deste/a, facendo constar a súa sinatura e a expresión “acepto o novo importe do orzamento” ou similar da súa propia man.

6. O custo da confección do orzamento non poderá ser superior ao resultado de multiplicar o prezo da hora de traballo anunciada no taller polo número de horas establecido polas distintas marcas ou polos seus talleres oficiais nas táboas de tempos de traballo, para a realización das operacións que sexan razoablemente necesarias para diagnosticar a avaría e repoñer o vehículo en condicións análogas ás que tiña cando foi entregado. Esta cantidade poderá ser incrementada polos impostos que sexan legalmente repercutibles, así como polo prezo de venda ao público daqueles materiais que sexa necesario restituír para deixar o vehículo nas condicións iniciais en que foi entregado ao taller.

7. Tan só se poderá cobrar a confección do orzamento cando o usuario non realice seguidamente a reparación no taller en que foi elaborado e se fixer constar previamente no xustificante de depósito de vehículo os traballos necesarios para a súa elaboración e o seu prezo, e constase a sinatura do usuario e a expresión “acepto o importe de confección do orzamento” ou similar da súa propia man».

Nove. Modifícase a disposición adicional primeira, que queda redactada nos seguintes termos:

«Disposición adicional primeira. Actualización de formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das declaracións responsables será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas».

Dez. Suprímese a disposición transitoria primeira, que queda sen contido.

Once. O anexo II queda redactado nos seguintes termos.

«ANEXO II
Modelo de placa distintiva e de placa informativa

missing image file

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es.

Disposición transitoria única. Adaptación de talleres existentes

Os talleres que iniciasen a súa actividade con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, consonte o establecido no artigo 4 do Decreto 70/2011, do 7 de abril, terán un prazo de 12 meses desde a súa entrada en vigor para adaptarse ao previsto nel.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

»