Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 6 de novembro de 2017 Páx. 51291

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche e o desmantelamento da planta de coxeración que Cerámica da Moura, S.L. posúe no concello de Tui (Pontevedra).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 27 de novembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio recoñeceulle á planta de coxeración de referencia a condición de instalación acollida ao réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables.

Segundo. Con data do 19 de abril de 1999, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio autorizoulle a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Cerámica da Moura, S.L., no concello de Tui (Pontevedra), e aprobou o seu proxecto de execución.

Terceiro. Con data do 29 de xaneiro de 2003, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra autorizou a posta en marcha da planta de coxeración de referencia coas seguintes características:

– 1 motor marca DEUTZ, modelo TBG620 U12K, con número de serie 61886760110, de velocidade nominal de 1.500 r.p.m., potencia mecánica continua 1.080 kW e combustible gas natural, ciclo Otto de catro tempos.

– 1 alternador asíncrono marca LEROY, modelo LSAC 500L12, con número de serie 16545201, velocidade nominal de 1.500 r.p.m., potencia 1.007 kW, 1259 kVA, frecuencia 50 Hz e tensión 400 V.

– 1 transformador de potencia nominal 1.1250 kVA, tensión primaria 400/230 V, tensión secundaria en baleiro 1.500 kVA, grupo de conexión Dyn 11.

– 2 equipamentos de intercambio de calor, un para o circuíto de alta temperatura (refrixeración de auga de camisas e aceite lubricante) e outro para o circuíto de baixa temperatura (arrefriamento de mestura).

– Instalacións eléctricas e de gas natural.

Cuarto. Con data do 9 de febreiro de 2006, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas inscribiu definitivamente a planta de coxeración de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, con número RE-06-06.

Quinto. Con data do 23 de xuño de 2011, José Ozores Palomino e Xosé Ozores Eiras, en nome e representación de Cerámica da Moura, S.L., presentaron solicitude de modificación da instalación de referencia no relativo á potencia da instalación. O 30 de xuño de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición definitiva da instalación de referencia no relativo á potencia da instalación, que pasaría a ser de 987 kW.

Sexto. Con data do 8 de xuño de 2016, Xosé Ozores Eiras, en nome e representación de Cerámica da Moura, S.L., solicitou a renuncia temporal ao réxime retributivo específico.

Sétimo. Con data do 8 de xullo de 2016, Xosé Ozores Eiras, en nome e representación de Cerámica da Moura, S.L., solicitou autorización de peche definitivo e desmantelamento da instalación de referencia.

Oitavo. Con data do 20 de setembro de 2016, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra emitiu informe favorable sobre a solicitude recollida no antecedente sétimo.

Noveno. O 26 de xaneiro de 2017, Rede Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración, facendo constar que non incidiría na seguridade do sistema e na garantía de subministración eléctrica.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente, con fundamento no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e o peche definitivos de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción, requirirán autorización administrativa previa.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Autorizar administrativamente o peche definitivo e o desmantelamento da planta de coxeración de 987 kW que Cerámica da Moura, S.L. posúe no concello de Tui (Pontevedra), segundo o proxecto de desmantelamento da central de coxeración, redactado polo enxeñeiro técnico industrial Leonardo Vázquez Prieto, colexiado nº 254 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación terá que pecharse e desmantelarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

Segunda. O titular asegurará o mantemento e a vixilancia correctos das instalacións durante o proceso de desmantelamento, co fin de garantir que, en todo momento, se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Cuarta. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto de desmantelamento será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Quinta. O prazo para o peche e desmantelamento da instalación será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se, transcorrido o dito prazo, aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións impostas, polo facilitamento de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, de acordo co establecido no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas