Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2017 Páx. 48980

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2017, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 240, do 19 de decembro), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio.

En sesión que tivo lugar o día 10 de outubro de 2017, o tribunal nomeado pola Orde do 22 de maio de 2017 (DOG núm. 100, do 29 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, acordou, de conformidade co disposto na base II.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio terá lugar o día vinte e sete (27) de outubro de 2017, no salón de actos e nas aulas 6 e 10 da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 15.00 horas.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir os aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2017

Pablo Leis Mol
Presidente do tribunal