O día 20 de febreiro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (IN541A).
No artigo 20.1 das bases, establécese que os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2017 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo longo proceso de avaliación e resolución, xunto á complexidade da execución dos proxectos, co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.
De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación
Amplíase ata o día 15 de novembro de 2017 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Orde do 27 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (IN541A).
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017
Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria