Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48018

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a proba de acceso específica ás ensinanzas de técnico deportivo en Vela para o curso 2017/18.

Con data do 14 de xuño de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2017/18.

Polo Decreto 135/2012, do 31 de maio, estableceuse o currículo das ensinanzas de técnico deportivo en vela con aparello fixo e técnico deportivo en Vela con aparello libre, así como a proba de acceso específica.

Con data do 4 de outubro publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de setembro de 2017 pola que se fai pública a oferta educativa das ensinanzas deportivas da Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso escolar 2017/18, en que se autoriza o IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, para impartir ensinanzas conducentes ao título de técnico deportivo en Vela con aparello fixo e vela con aparello libre.

Igualmente, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral para o Deporte asinaron un acordo que ten por obxecto a implantación das ensinanzas deportivas, concretamente o ciclo formativo de grao medio na modalidade de Vela con aparello fixo, dentro da oferta formativa das ensinanzas deportivas da Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso 2017/18, publicada na citada Orde do 21 de setembro de 2017.

Por todo o exposto, esta dirección xeral resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas deportivas de técnico deportivo en Vela para o curso 2017/18, que se realizarán de acordo co establecido no Decreto 135/2012, do 31 de maio, polo que se establece o currículo das ensinanzas de técnico deportivo en Vela con aparello fixo e técnico deportivo en Vela con aparello libre, e na Resolución do 5 de xuño de 2017 citada anteriormente, e coas seguintes indicacións:

– A inscrición para a realización de tales probas deberá formalizarse na secretaría do IES Fermín Bouza Brey, de Vilagarcía de Arousa, ata o día 20 de outubro, presentando a documentación establecida no anexo I da citada Resolución do 5 de xuño de 2017, e logo de aboar os prezos públicos establecidos para este tipo de probas no Decreto 89/2013, do 13 de xuño.

– A listaxe de admitidos/as ás probas publicarase o 20 de outubro no taboleiro de anuncios e na páxina web do IES Fermín Bouza Brey, de Vilagarcía de Arousa.

– A proba específica realizarase o día 24 de outubro nas instalacións do Centro Galego de Vela, en Vilagarcía de Arousa, ás 10.00 horas; poderán variar a data e/ou a hora do exame no caso de non darse as condicións meteorolóxicas establecidas no anexo VIII do Decreto 135/2012, do 31 de maio, polo que se establece o currículo das ensinanzas de técnico deportivo en Vela con aparello fixo e técnico deportivo en Vela con aparello libre.

– A listaxe de persoas aspirantes que superen as probas publicarase o día 24 de outubro no taboleiro de anuncios e na páxina web do IES Fermín Bouza Brey.

– As reclamacións aos resultados das probas realizaranse ata o día 26 de outubro a través da secretaría do citado IES.

– O número de prazas ofertadas para cursar o ciclo inicial do grao medio de técnico deportivo en Vela con aparello fixo será de 12. No caso de que o número de persoas aspirantes que superen as probas sexa maior que o número de prazas ofertadas, aplicaranse os criterios de admisión, segundo o disposto no artigo 34 do Real decreto 1363/2007, do 27 de outubro.

– O período de matrícula das persoas aspirantes que obteñan praza abranguerá desde a finalización do período de reclamacións ata o 30 de outubro. Para a formalización da matrícula deberase utilizar o modelo establecido pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e achegar a documentación indicada que non fose presentada coa solicitude de admisión ás probas, así como o xustificante de ter aboados os prezos públicos de matrícula establecidos no Decreto 89/2013, do 13 de xuño.

– As persoas integrantes dos tribunais percibirán as correspondentes compensacións económicas polas actividades realizadas, conforme o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou norma que o substitúa.

– A proba específica, que se realizará de acordo co anexo VIII do Decreto 135/2012, do 31 de maio, polo que se establece o currículo das ensinanzas de técnico deportivo en Vela con aparello fixo e técnico deportivo en Vela con aparello libre, será administrada, avaliada e cualificada por un tribunal que estará integrado polos seguintes membros:

• Presidente: Fernando Fernández Fraga (inspector de educación).

• Secretario: Juan Emilio Riveiro Rodríguez.

• Vogal: Manuel Javier Álvarez Seoane.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa