Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2017 Páx. 47130

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2017 pola que se aproba o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Panxón.

A Área de Explotación e Planificación Portuaria da entidade pública empresarial Portos de Galicia redactou e tramitou o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Panxón, instalacións portuarias situadas no termo municipal de Nigrán, da provincia de Pontevedra, e adscritas á entidade pública para a súa xestión.

Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro), aplicable ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en defecto de lexislación autonómica propia.

Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia do día 27 de xullo de 2017, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Panxón, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e no referido artigo 69 do texto refundido, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

Unha vez vistos o expediente e o informe-proposta da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria do 12.7.2017, que conta coa conformidade do director de Portos de Galicia, así como o acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia do 27.7.2017, que deu a conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Panxón e o elevou e propuxo para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración da entidade pública empresarial Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar, conferida pola Orde do 30 de marzo de 2012,

RESOLVE:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Panxón (Nigrán, Pontevedra), na súa última versión asinada en xullo de 2017 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos da entidade pública empresarial, Andrés D. Cervantes Refojos, xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia