Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 27 de setembro de 2017 Páx. 44068

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 18 de setembro de 2017 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma17), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 363289.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, maiores de idade, consumidores individuais, propietarias ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os bens subvencionables descritos no artigo 3 das bases reguladoras se adquiran nunha entidade colaboradora adherida ao programa Reforma17 e se destinen ao dito inmoble.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto incrementar e incentivar a demanda interna de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño en Galicia, e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais e comerciais galegos.

O Igape publicará na súa páxina web www.igape.es/reforma17 a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda adheridos ao programa.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 18 de setembro de 2017 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma17), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1-741A-7802 e por un importe de 1.800.000,00 € con cargo ao exercicio 2017.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará aos 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 17 de novembro de 2017, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica