Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2017 Páx. 43032

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 88/2017, do 7 de setembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito Roxos-Aldea Nova, punto quilométrico 4+150 ao 5+040, coa clave AC/16/086.06, nos concellos de Santiago de Compostela e Ames.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, do 27 de marzo de 2017, aprobouse provisionalmente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito Roxos-Aldea Nova, p.q. 4+150 ao 5+040, coa clave AC/16/086.06.

Segundo. Con data do 11 de abril de 2017, publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 71) o Anuncio do 27 de marzo de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito Roxos-Aldea Nova, p.q. 4+150 ao 5+040, coa clave AC/16/086.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise do informe e certificacións presentadas, o 28 de xullo de 2017 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito Roxos-Aldea Nova, p.q. 4+150 ao 5+040, coa clave AC/16/086.06.

Este proxecto ten por obxecto fomentar a mobilidade alternativa e acadar unha diminución do tráfico rodado motorizado que actualmente existe entre os lugares de Roxos e Aldea Nova, de xeito que a poboación destes núcleos empregue a senda peonil para os seus desprazamentos cotiáns en lugar do vehículo particular, contribuíndo deste xeito a unha redución das emisións de carbono ao mesmo tempo que se acada unha mellora da seguridade viaria neste treito da estrada AC-543.

Executarase así unha senda mixta (peonil e ciclista) de formigón coloreado, que conectará os lugares de Roxos e Aldea Nova, nos cales xa se conta con beirarrúas, configurando un itinerario continuo ao longo dos primeiros quilómetros da estrada AC-543. Esta senda terá un largo variable, en función do espazo dispoñible, pero en ningún caso inferior a 2,00 m, e irá separada da calzada por unha zona verde de largo medio 0,9 m (agás naquelas zonas onde non hai espazo) e un bordo de formigón.

As obras previstas comprenden tamén as seguintes actuacións, todas elas necesarias e imprescindibles para garantir a funcionalidade da senda executada:

– Ampliación da sección transversal para albergar os novos elementos que pasarán a formar parte da nova plataforma, de xeito que será preciso realizar pequenos desmontes para obter o largo óptimo para a senda.

– Mellora da drenaxe, sinalización, balizamento e defensas, así como a reposición de servizos.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito Roxos-Aldea Nova, p.q. 4+150 ao 5+040, coa clave: AC/16/086.06.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda