Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 15 de setembro de 2017 Páx. 42457

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de setembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 28 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

O día 11 de abril de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de marzo de 2017, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

No artigo 15.1 da devandita orde establecíase que o prazo para que os beneficiarios das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 30 de outubro de 2017; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo longo proceso de avaliación e resolución, xunto á complexidade da execución dos proxectos, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 28 de marzo de 2017

Modifícase o artigo 15.1 da Orde do 28 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se proceda á súa convocatoria para o ano 2017, queda como segue:

«Artigo 15 Prazo, xustificación e pagamento das axudas

1. O prazo para que os beneficiarios das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 30 de novembro de 2017; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria