Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2017 Páx. 42372

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 1 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2017/18.

BDNS (Identif.): 361628.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas desempregadas con titulación universitaria matriculadas no curso 2017/18 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Segundo. Obxecto

Convocar en réxime de concorrencia competitiva axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das axudas

O importe global previsto na orde é de 200.000 €.

A contía da axuda cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 65/2017, do 6 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2017/18 (DOG nº 134, do 14 de xullo).

Para os incluídos no punto 1.2 do anexo do decreto, a contía máxima asignada será de 1.788,6 euros para os da epígrafe A) e de 1.215 euros para os da epígrafe B).

Para os incluídos no punto 1.3 do anexo do decreto, a contía máxima asignada será de 1.881,6 euros para os da epígrafe A) e de 1.296,6 euros para os da epígrafe B).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria