Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Martes, 5 de setembro de 2017 Páx. 41633

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de agosto de 2017 pola que se modifica a Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, crea a Axencia Turismo de Galicia, entidade que ten o obxectivo básico de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo. Entre o seu obxecto atópase o impulso á innovación, investigación, formación e cualificación das empresas e profesionais do sector turístico. Dentro da Axencia Turismo de Galicia atópase o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), que entre as súas funcións ten o desenvolvemento da docencia e a investigación conforme as exixencias metodolóxicas e substantivas propias de toda institución do ámbito universitario.

Mediante a Orde do 4 de xullo de 2014 (DOG núm. 128, do 8 de xullo) fixáronse os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

O artigo 3 da citada orde establece a actualización dos prezos, e dispón que «os prezos privados correspondentes ás ensinanzas establecidas nesta norma actualizaranse cada curso académico na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice de prezos de consumo (IPC) para a Comunidade Autónoma de Galicia no mes de xuño anterior ao do inicio do prazo de matrícula, mediante resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia».

O dato do IPC do mes de xuño para a nosa Comunidade Autónoma publícao o Instituto Galego de Estatística a mediados do mes de xullo, iniciado xa o período de matrícula, polo que resulta preciso modificar o mes de referencia para a actualización dos prezos, de xeito que, se a variación interanual é positiva, a actualización se acorde con anterioridade ao inicio do período de matrícula.

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Axencia Turismo de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único. Modificación da Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia

O artigo 3 da Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, queda redactado da seguinte maneira:

Artigo 3. Actualización dos prezos

Os prezos privados correspondentes ás ensinanzas establecidas nesta norma actualizaranse cada curso académico na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice de prezos de consumo (IPC) para a Comunidade Autónoma de Galicia no mes de abril anterior ao do inicio do prazo de matrícula, mediante resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza