Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Martes, 5 de setembro de 2017 Páx. 41640

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de agosto de 2017 pola que se autoriza a implantación do máster universitario en Enxeñaría Industrial na Universidade da Coruña para o curso 2017/18.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, regula a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). Así, coa entrada en vigor do Real decreto 99/2011, en consonancia co Decreto 222/2011, iníciase unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao diferenciando o máster universitario do programa de doutoramento.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia; a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará mediante orde da consellería competente en materia de universidades e que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

O 15 de abril de 2013, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais impugna a Orde do 1 de febreiro de 2013 pola que se autoriza, entre outros, a implantación do máster universitario en Enxeñaría Industrial da Universidade da Coruña.

Mediante Sentenza número 1736/2016 ditada en casación polo Tribunal Supremo, Sección Cuarta, Sala do Contencioso-Administrativo, ordénase a retroacción do procedemento administrativo ao momento en que a Comisión de Expertos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) emitiu informe de avaliación do título, co fin de que a emisión do novo informe se leve a cabo por unha comisión integrada por expertos do ámbito académico e do ámbito profesional nos termos previstos no artigo 25.4 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro.

En execución de sentenza a consellería anulou, mediante a Orde do 14 de outubro de 2016 (DOG do 26 de outubro), a autorización de impartición do máster universitario en Enxeñaría Industrial da UDC que figura inscrito no RUCT co código 4313638, preservando en calquera caso e garantindo a validez dos créditos superados polo alumnado que cursase ou estivese cursando o máster desde a súa efectiva implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión do 13 de xuño de 2017, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude de implantación do máster en Enxeñaría Industrial, unha vez emendado o defecto impugnado mediante a emisión dun novo informe con data do 8 de novembro de 2016, levado a cabo por unha comisión de expertos do ámbito académico e profesional nos termos establecidos no artigo 25.4 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través da Subdirección Xeral de Ordenación Académica das Ensinanzas Universitarias e do Profesorado, determina que unha vez emendado o vicio (nova comisión de avaliación e informe), o acto se valida automaticamente por aplicación do artigo 52 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (equivalente ao artigo 67.1 da extinta Lei 30/1992, do 26 de novembro). En consecuencia, conserva a súa validez a resolución de verificación positiva que inicialmente ditou o Consello de Universidades en sesión do 28 de decembro de 2012 e a inserción no RUCT que determina a súa oficialidade.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2017/18, o máster universitario en Enxeñaría Industrial, deixando sen efecto a Orde do 14 de outubro de 2016 (DOG do 26 de outubro) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria