Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2017 Páx. 41341

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 82/2017, do 28 de xullo, polo que se modifica o Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, establece un marco normativo propio e completo no ámbito da prevención e o combate contra este tipo de violencia.

No referido ao tratamento integral da violencia machista, a antedita lei regula no seu título II as accións que desde os poderes públicos se deben realizar para crear e desenvolver programas e servizos encamiñados á protección e asistencia fronte a violencia de xénero, garantindo ás mulleres unha asistencia sanitaria, xurídica, social e psicolóxica que debe ser integral.

En concreto, no artigo 49 da dita lei establécese que a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a creación dun Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero e que o dito centro desenvolverá un modelo de atención integral baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.

A través do Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, regulouse a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero e configurouse como unha unidade adscrita á Secretaría Xeral da Igualdade, para traballar na atención integral das mulleres vítimas da violencia de xénero e das súas fillas e fillos.

Transcorridos xa tres anos desde o inicio das actividades do centro, faise agora necesario actualizar algúns dos aspectos de funcionamento deste, sendo preciso tamén dar cumprimento ao previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, na que se establecen as previsións normativas que se van ter en conta para a provisión de postos de traballo por persoal funcionario de carreira ao servizo das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e oito de xullo de dous mil dezasete, en virtude das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero

O Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, queda modificado como segue:

Un. O artigo 3 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Estrutura xeral

1. O centro estará integrado por un equipo multidisciplinar e especializado que actuará baixo a dependencia da directora do centro.

2. O posto de directora será desempeñado por persoal funcionario de carreira, encadrado no ámbito de aplicación do artigo 2.1 do Estatuto básico do empregado público, e terá a consideración de xefatura de servizo con nivel 28A».

Dous. Engádese unha disposición adicional primeira:

«Disposición adicional primeira. Acordos de colaboración

O Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero (CRI), a través da Secretaría Xeral da Igualdade, impulsará a sinatura de acordos de colaboración con entidades de iniciativa social para a prestación coordinada de accións de apoio a mulleres e menores en situación de violencia de xénero e con necesidades específicas, elaborando protocolos conxuntos de actuación e derivación».

Tres. Engádese unha disposición transitoria:

«Disposición transitoria. Asunción das funcións de dirección

Mentres non se proceda á cobertura da praza de directora do centro segundo o previsto no artigo 3 deste decreto, asumirá as funcións da dirección do centro previstas no artigo 4, a persoa funcionaria que designe para eses efectos a Secretaría Xeral da Igualdade».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza