Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 30 de agosto de 2017 Páx. 41061

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Xinzo de Limia

ANUNCIO da aprobación provisional do novo deseño do escudo e deseño da bandeira deste concello.

O Pleno do Concello de Xinzo de Limia, en sesión ordinaria do día 29 de xuño de 2017, aprobou provisionalmente a modificación do escudo heráldico e a creación da bandeira do Concello de Xinzo de Limia, mediante acordo do seguinte teor literal:

«1. Aprobar provisionalmente o novo deseño de escudo nos seguintes termos segundo a proposta remitida pola Comisión Heráldica de Galicia: “Partido e medio cortado. Primeiro, de prata (branco), a banda de sable (negro) e en orla, brochante, a cadea de ouro (amarelo). Segundo, de ouro, o galo de goles (vermello). Terceiro, de sinople (verde), dúas espigas de ouro dispostas en aspa. Ao timbre, a coroa real pechada”.

2. Aprobar provisionalmente o deseño de bandeira nos seguintes termos segundo a proposta remitida pola Comisión Heráldica de Galicia: “O pano branco coa banda de negro e, brochante, a cadea de amarelo. Partida e medio cortada, ao batente: primeiro de amarelo, co galo de vermello, e segundo de verde, coas espigas cruzadas de amarelo”.

3. Someter este acordo a información pública polo prazo dun mes mediante anuncio no DOG e no taboleiro de edictos, prazo durante o cal se poderán presentar alegacións».

En cumprimento do disposto no Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, aprobado polo Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, nos artigos 258 a 262 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 22.2.b) e 47.2.e) da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, sométese o expediente a información pública polo prazo dun mes mediante este anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que os interesados poidan examinar o expediente e presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Se transcorrido o dito prazo non se presentan reclamacións, considerarase aprobado definitivamente o acordo.

Xinzo de Limia, 8 de agosto de 2017

Antonio Pérez Rodríguez
Alcalde presidente