Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 29 de agosto de 2017 Páx. 40802

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do Convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza (2016, 2017, 2018, 2019).

Visto o texto do Convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza (2016, 2017, 2018, 2019) (código 82000535011994), que se subscribiu con data do 29 de maio de 2017 pola comisión negociadora conformada pola Federación de Empresarios de Peluquería y Estética de Galicia (Fepega), en representación da parte empresarial, e CIG, en representación da parte sindical, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010.

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2017

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza (2016, 2017, 2018, 2019)

Capítulo I
Ámbito de aplicación

Artigo 1. Ámbito funcional

O presente convenio establece as normas laborais polas cales se rexerán todas as empresas dedicadas ao sector de salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza, estean ou non incluídas na Fepega.

Queda comprendido neste convenio aquel persoal que preste o seu traballo e exerza as funcións características desta actividade en sanatorios, colexios, círculos de recreo, hoteis, balnearios, espectáculos públicos, grandes almacéns, etc., salvo que especificamente estivesen reguladas as súas actividades por outras disposicións propias das empresas de que dependan.

Artigo 2. Ámbito territorial

As normas deste convenio serán de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo unha eficacia directa en todas as materias que regula.

Artigo 3. Ámbito temporal, vixencia

A vixencia do convenio é desde o 1 de xaneiro do 2016 ata o 31 de decembro de 2019. Con independencia da data de publicación, os efectos económicos iniciaranse o 1 de xuño de 2017. A cotización á Seguridade Social deberase facer non máis tarde do último día do mes seguinte á data da súa publicación.

Se o convenio non fose denunciado por escrito no prazo de tres meses antes do seu vencemento, entenderase prorrogado de ano en ano, e incrementaranse os salarios no mes de xaneiro do mesmo modo conforme o índice de prezos de consumo aprobado polo Instituto Nacional de Estatística referido aos doce meses anteriores.

Artigo 4. Compensación e absorción

Todas as melloras económicas e de traballo que se implantan en virtude do presente convenio serán compensables e absorbibles, en cómputo anual e ata onde alcancen, con todas aquelas melloras voluntarias que tiñan concedidas as empresas, tanto se son aboadas en metálico coma en especie. Sen prexuízo da facultade de ampliar as melloras establecidas neste convenio, as empresas que aboen ao seu persoal salarios superiores aos exixidos regulamentariamente non estarán obrigadas a aplicar as elevacións que se fixen nas presentes estipulacións, salvo na contía necesaria para suplir as diferenzas.

As disposicións legais futuras que impliquen variación económica dalgún ou de todos os conceptos retributivos soamente terán eficacia práctica se, globalmente considerados e sumados os vixentes con anterioridade ao convenio, superasen o nivel deste. No caso contrario, consideraranse absorbidas polas melloras pactadas.

Artigo 5. Garantía ad personam

Respectaranse as retribucións que, en cómputo global, con respecto aos conceptos económicos cuantificables, fosen superiores ás establecidas no presente convenio.

Contratación

Artigo 6. Modalidades de contratación

Contrato eventual: cando por circunstancias do mercado a acumulación de tarefas o exixa, poderanse subscribir contratos desta natureza segundo o previsto no artigo 15.1.b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores. Poderán ter una duración máxima de 12 meses dentro dun período de referencia de 18 meses contados desde o momento en que se produzan as ditas causas. Se se fai por un período inferior á duración máxima permitida poderase prorrogarse, una soa vez, sen que a duración total supere a duración máxima.

Contrato para a formación: poderanse subscribir contratos formativos con aqueles traballadores que cumpran os requisitos de idade establecidos na normativa de aplicación e non teñan a titulación ou certificado de profesionalidade exixido para a formalización dun contrato en prácticas. A súa duración non poderá ser inferior a seis meses, prorrogable ata o máximo de 3 anos.

Clasificación profesional

Artigo 7. Clasificación profesional

Os traballadores afectados polo presente convenio, de acordo coas definicións que se especifican nos artigos seguintes, serán clasificados en grupos profesionais.

Cada grupo profesional agrupará de forma unilateral as aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación e poderá incluír distintas tarefas, funcións, especialidades profesionais ou responsabilidades asignadas ao traballador.

Por acordo entre o traballador e o empresario asignarase ao traballador un grupo profesional e establecerase como contido da prestación laboral obxecto do contrato de traballo a realización de todas as funcións correspondentes ao grupo profesional asignado ou soamente dalgunha delas.

Cando se acorde a polivalencia funcional ou a realización de funcións propias de máis dun grupo, a equiparación realizarase en virtude das funcións que se desempeñen durante maior tempo. A asignación a un grupo profesional farase mediante acordo entre empresa e traballador asignándolle todas as funcións.

Esta estrutura profesional pretende obter unha máis razoable estrutura produtiva, facilitando a flexibilidade interna, todo iso sen diminución da dignidade, oportunidade de promoción e xusta retribución que corresponda a cada traballador.

A clasificación non suporá en ningún caso que se exclúa nos postos de traballo de cada grupo profesional a realización de tarefas complementarias, que serían básicas para postos incluídos en grupos profesionais inferiores.

Artigo 8. Definición dos grupos profesionais

Neste artigo defínense os grupos profesionais que agrupan as distintas tarefas, funcións, especialidades profesionais ou responsabilidades asignadas ao traballador que se realizan no ámbito funcional do presente convenio.

Os factores que inflúen na determinación da pertenza a un determinado grupo profesional son os seguintes:

a) Autonomía: factor para cuxa valoración se deberá ter en conta a maior ou menor dependencia xerárquica no desempeño da función que se desenvolva.

b) Mando: factor para cuxa valoración se deberá ter en conta:

Grao de supervisión e ordenación de tarefas.

Capacidade de relación.

Natureza do colectivo.

Número de persoas sobre as cales se exerce o mando.

c) Responsabilidade: factor para cuxa valoración se deberá ter en conta tanto o grao de autonomía de acción do titular da función como o grao de influencia e importancia das consecuencias da xestión.

d) Coñecementos: factor para cuxa valoración se deberá ter en conta, ademais da formación básica necesaria para poder cumprir correctamente o labor, o grao de coñecemento e experiencia adquiridos, así como a dificultade na adquisición dos ditos coñecementos ou experiencias.

e) Iniciativa: factor para cuxa valoración se deberá ter en conta o maior ou menor sometemento a directrices ou normas para a execución da función.

f) Complexidade: factor cuxa valoración estará en función do maior ou menor número, así como do maior ou menor grao de integración dos diversos factores antes enumerados na tarefa ou posto encomendado.

Así mesmo, deberase ter presente, ao cualificar os postos de traballo, a dimensión da empresa ou da unidade produtiva en que se desenvolva a función, xa que inflúe decisivamente na valoración de cada factor.

Artigo 9. Grupos profesionais

Grupo profesional 0. Persoal directivo.

Os traballadores pertencentes a este grupo planean, organizan, dirixen e coordinan as diversas actividades propias do desenvolvemento da empresa. As súas funcións comprenden a elaboración da política de organización, as formulacións xerais da utilización eficaz dos recursos humanos e dos aspectos materiais, a orientación e o control das actividades da organización conforme o programa establecido, a política adoptada, o establecemento e mantemento de estruturas produtivas e de apoio e o desenvolvemento da política empresarial, financeira ou comercial.

Toman decisións ou participan na súa elaboración. Desempeñan altos postos de dirección ou execución dos mesmos niveis nos departamentos, divisións, grupos, establecementos, etc. en que se estrutura a empresa e que responden sempre á particular ordenación de cada unha.

Neste grupo profesional inclúense todas aquelas tarefas ou responsabilidades asignadas ao traballador que, por analoxía, son asimilables á seguinte:

– Dirección técnico-artística do salón.

Grupo profesional I.

Criterios xerais: tarefas que se executan segundo instrucións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiren preferentemente esforzo físico e/ou atención e que non necesitan de formación específica e ocasionalmente dun período de adaptación.

Formación: con carácter xeral, graduado escolar ou certificado de escolaridade, ou graduado en ensino secundario obrigatoria, ou tarefas auxiliares no centro de traballo e coñecementos recoñecidos pola Administración en cada momento.

Neste grupo profesional inclúense todas aquelas tarefas ou responsabilidades asignadas ao traballador que, por analoxía, son equiparables ás seguintes:

– Tarefas manuais, operacións elementais relacionadas coa súa profesión, entendendo por tales aquelas que requiren pouco adestramento e coñecementos específicos (lavado de cabeza, aplicación de cremas, máscaras, manicura básica, depilación con cera de entrecello e beizo superior).

– Tarefas de recepción, ordenación e distribución de produtos e materiais ás distintas seccións da empresa.

– Tarefas que consisten en efectuar recados, encargos, transporte manual, levar ou recoller correspondencia.

– Tarefas de limpeza, vinculadas exclusivamente ao seu posto de traballo.

– Tarefas de hixiene, desinfección e esterilización de útiles e ferramentas.

– Tarefas auxiliares de mantemento de máquinas e aparellos técnicos en ximnasios e saunas.

– Tarefas de despacho de billetes de entrada e demais operacións concernentes ao servizo de despacho de billetes en ximnasios e saunas.

– Tarefas complementarias de atención ao cliente.

– Tarefas de recepción que non exixan cualificación especial ou coñecemento de idiomas.

– Telefonista e/ou recepcionista.

Grupo profesional II.

Criterios xerais: traballos cuxa planificación depende dun grupo superior, pero que se poden realizar dunha forma autónoma, que exixan habitualmente iniciativa e razoamento por parte dos traballadores encargados da súa execución, o que comporta, baixo supervisión, a responsabilidade deles. Poderán ser axudados por outro ou outros traballadores.

Formación: título de axudante, auxiliar ou aprendiz de formación profesional básica, ou certificados de profesionalidade de nivel 1 deste sector ou formación a nivel de graduado escolar ou certificado da ESO, complementada con formación específica no posto de traballo ou experiencia laboral.

Neste grupo profesional inclúense todas aquelas tarefas ou responsabilidades asignadas ao traballador que son necesarias para colaborar na realización das actividades do grupo III e, ademais, as seguintes funcións:

– Realización de moldeados.

– Cambios de cor no cabelo.

– Recepción de clientes.

– Tarefas de limpeza, vinculadas exclusivamente ao seu posto de traballo.

– Tarefas preventivas necesarias para evitar accidentes en establecementos de baños.

– Preparación e coidado dos baños e saunas.

– Tarefas auxiliares á ensinanza teórico-práctica en ximnasios e saunas.

– Persoal dedicado á posta en marcha e conservación de toda clase de máquinas e aparellos técnicos en ximnasios e saunas.

– Realizar operacións de venda de produtos cosméticos, utensilios e aparellos de usos en barbaría, beleza e de prestación de servizos no ámbito da estética persoal.

– Tarefas de operación de equipos de télex ou facsímile.

– Tarefas de despacho de pedidos, revisión de mercadorías e distribución con rexistro en libros ou mecánicas, para o efecto do movemento diario.

– Operador de computador.

– Redacción de correspondencia comercial, cálculo de prezos, tramitación de pedidos e propostas de contestación.

– Tarefas que consisten en establecer con base en documentos contables unha parte da contabilidade.

Grupo profesional III.

Criterios xerais: traballos para a execución das especialidades da empresa, que requiren, logo de formación do traballador, do coñecemento das súas técnicas, así como dos produtos e aparellos necesarios para a súa realización. Poderán ser axudados por outro ou outros traballadores do grupo II.

Formación: técnicos en formación profesional de primeiro grao, grao medio e certificados de profesionalidade de nivel 2 ou formación a nivel de graduado escolar ou certificado da ESO, ou diploma profesional expedido por algunha das organizacións asinantes deste convenio a través da Fundación Tripartita para la Formación en el Empleo, complementada con formación específica no posto de traballo ou experiencia laboral.

Neste grupo profesional inclúense todas aquelas tarefas ou responsabilidades asignadas ao traballador que, por analoxía, son equiparables ás seguintes:

– Corte do cabelo, afeitado e rasurado de barba e bigote e técnicas complementarias.

– Cambio temporal ou permanente da forma do cabelo, peitealo e recollelo en función do estilo seleccionado.

– Realizar tratamentos específicos de mans e pés, escultura e colocación de prótese de uñas.

– Aplicación de tratamentos cosmetolóxicos e capilares, sen intervir no seu diagnóstico.

– Aplicación de electroestética complementaria á hixiene e hidratación facial, corporal e capilar.

– Depilación mecánica e técnicas complementarias.

– Técnicas de hixiene facial e corporal.

– Aplicar maquillaxes adaptadas ao cliente, maquillaxe decorativa facial e corporal.

– Maquillaxe social.

– Maquillaxe para os medios audiovisuais e escénicos.

– Realizar operacións de venda de produtos cosméticos, utensilios e aparellos de usos en barbaría, beleza e afíns e de prestación de servizos no ámbito da estética persoal. Colocación e adaptación de toda clase de prótese capilares sen intervir no diagnóstico e deseño destas.

– Aplicación de tratamentos faciais e corporais en institutos de beleza, gabinetes de estética, cabinas, salóns de barbaría, ximnasios e sauna.

– Asesor de imaxe: persoa encargada, en cada cambio de tendencia de moda, de planificar a imaxe do salón, tanto nos servizos que se prestan aos clientes como na preparación para competicións e para os cambios cíclicos da moda.

Grupo profesional IV.

Criterios xerais: funcións que supoñen a responsabilidade completa pola xestión dunha ou de varias áreas funcionais da empresa, a partir de directrices xerais moi amplas directamente emanadas de persoal pertencente ao grupo profesional 0, ou da propia Dirección, segundo o tamaño da empresa, ás cales deben dar conta da súa xestión.

Funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas de máis alta complexidade, e mesmo a participación na definición dos obxectivos concretos que se deben alcanzar no seu campo, con moi alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade no dito cargo de especialidade técnica.

Formación: técnicos especialistas ou superiores en formación profesional de segundo grao, grao superior, certificados de profesionalidade de nivel 3, ou BUP ou bacharelato, ou diploma profesional expedido por algunha das organizacións asinantes deste convenio a través da Fundación Tripartita para la Formación en el Empleo, xunto con experiencia demostrada en posto similar.

Neste grupo profesional inclúense todas aquelas tarefas ou responsabilidades asignadas ao traballador que, por analoxía, son asimilables ás seguintes:

– Diagnóstico das alteracións capilares, con indicación dos tratamentos estéticos para a aplicación das técnicas de hixiene capilar.

– Diagnóstico e deseño para realizar as diversas próteses capilares.

– Diagnóstico e indicación do tratamento estético, específico para mans e pés.

– Maquillaxe permanente e micropigmentación, maquillaxe de fantasía e caracterización, visaxismo e asesoría no cambio de imaxe persoal.

– Depilación física (ceras e pinzas), eléctrica, depilación con láser, fotodepilación e luz pulsada.

– Bronceado da pel.

– Tratamentos faciais e corporais específicos en institutos de beleza, gabinetes de estética, cabinas, salóns de barbaría, ximnasios e saunas.

– Aplicacións de masaxe con fins estéticos.

– Aplicacións de técnicas de drenaxe linfática manual e circulatoria.

– Aplicacións de masaxe oriental e por presión.

– Aplicacións de técnicas hidrotermais en institutos de beleza, cabinas de estética, ximnasios e saunas.

– Peiteados acabados e recollidos.

– Controlar a acción promocional para optimizar as vendas e alcanzar os obxectivos previstos.

– Tarefas que consisten no exercicio de mando directo á fronte dun conxunto de operarios.

– Profesor de ensinanzas teórico-prácticas en ximnasios e saunas.

– Tarefas de tradución, correspondencia, taquimecanografía e atención de comunicacións persoais con suficiente dominio dun idioma estranxeiro e alta confidencialidade.

– Tarefas de contabilidade consistentes en reunir os elementos fornecidos polos axudantes e confeccionar estados, custos, provisións de tesouraría e outros traballos análogos, con base no plan contable da empresa.

– Funcións de análises de aplicacións informáticas.

– Tarefas de xestión de compra de aprovisionamentos, con autoridade sobre a decisión final dentro dun orzamento e dunha normativa xeral preestablecida.

– Tarefas de inspección, supervisión ou xestión da rede de vendas.

– Asesor de compra.

Capítulo II
Ingresos, ascensos e traslados

Artigo 10. Período de proba

O ingreso na empresa considerarase provisional ata que non se teña cumprido o período de proba que para cada grupo profesional queda especificado a seguir:

• Grupo profesional 0, 6 meses.

• Grupo profesional I, 1 mes.

• Grupo profesional II, 2 meses.

• Grupo profesional III, 4 meses.

• Grupo profesional IV, 6 meses.

Nos demais casos aplicarase o pactado entre as partes, sen que en ningún momento se poidan ampliar estes períodos. Durante o período de proba, tanto o traballador como a empresa poderán rescindir unilateralmente o contrato de traballo sen aviso previo nin indemnización de ningunha clase. Unha vez concluído este, o contrato producirá plenos efectos.

A situación de incapacidade temporal que afectase o traballador durante o período de proba interromperá o seu cómputo, e restablecerase a partir da data de reincorporación efectiva ao traballo.

Artigo 11. Ascensos

A provisión de vacantes para os postos de dirección ou que impliquen mando serán de libre designación polo empresario. Non obstante, poderá convocar concurso entre os traballadores do grupo.

Para o resto dos traballadores, as empresas establecerán sistemas que, entre outras, poden ter en conta as seguintes circunstancias:

• Superar as probas que se propoñan para o efecto de modo satisfactorio.

• Titulación.

• Coñecemento do posto de traballo

• Antigüidade.

Artigo 12. Mobilidade xeográfica

O traslado de traballadores que non fosen contratados especificamente para prestar os seus servizos en empresas con centros de traballo móbiles ou itinerantes a un centro de traballo distinto da mesma empresa que exixa cambios de residencia requirirá da existencia de razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción que o xustifiquen, ou ben contratacións referidas á actividade empresarial.

Entenderase que concorren as causas a que se refire este artigo cando a adopción das medidas propostas contribúa a mellorar a situación da empresa a través dunha máis adecuada organización dos seus recursos que favoreza a súa posición competitiva no mercado ou unha mellor resposta ás exixencias da demanda.

A decisión de traslado deberáselle notificar ao traballador, así como aos seus representantes legais, cunha antelación mínima de 30 días á data da súa efectividade. Notificada a decisión de traslado, o traballador terá dereito a optar entre o traslado, percibindo unha compensación por gastos, ou a extinción do seu contrato, percibindo unha indemnización de 20 días de salario por ano de servizo cun máximo de 12 mensualidades.

Por razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción, ou ben por contratacións referidas á actividade empresarial, a empresa poderá efectuar desprazamentos temporais dos seus traballadores que exixan que estes residan en poboación distinta da do seu domicilio habitual. Aboará, ademais dos salarios, os gastos da viaxe e as axudas de custo.

En todas as cuestións non reguladas neste artigo observarase disposto no artigo 40 do Real decreto lexislativo 1/1995 polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 13. Traballos a domicilio

Cando, dentro da xornada laboral e por circunstancias extraordinarias, sexa necesaria a realización dun traballo fóra do domicilio social da empresa, o traballador deberá levalo a cabo, e os gastos de desprazamento serán a cargo da dita empresa. Cando esta necesidade se produza fóra da xornada legal establecida, a súa realización será pactada por ambas as dúas partes.

Capítulo III
Xornadas e horas extraordinarias

Artigo 14. Xornada

A xornada máxima para todo o persoal afectado polo presente convenio será de 40 horas semanais, de termo medio en cómputo anual. O horario de entrada ao traballo pola mañá non será antes das 9.00 horas e de saída pola tarde non o será despois das 20.30 horas.

O traballador permanecerá no establecemento e atenderá aqueles clientes que entren antes da hora de peche, sen que esta obriga poida superar os 45 minutos. Compensarase este tempo traballado por tempo de descanso, dando a empresa, por 45 minutos, 60 minutos en tempo de descanso. De non chegar ao máximo, concederase a parte proporcional. No mes seguinte á súa realización, a empresa deberá establecer o tempo de descanso que corresponde aos excesos de xornada realizados, que deberá coñecer o/a traballador/a con 24 horas de antelación.

Artigo 15. Horas extraordinarias

A realización de horas extraordinarias queda sometida á normativa vixente. No suposto de que se leven a cabo horas extraordinarias, compensaranse con tempo equivalente de descanso retribuído, salvo pacto en contrario.

Artigo 16. Vacacións

O persoal comprendido no presente convenio terá dereito a gozar 30 días naturais ao ano, dos cales gozará, como mínimo, 15 días ininterrompidos se o desexase o/a traballador/a na época en que acorden as partes.

Se a empresa non puidese dar como mínimo 15 días de vacacións no período que vai do 1 de xuño ao 30 de setembro, o/a traballador/a terá como compensación 2 días máis de vacacións no período que finalmente se acorde.

Cando a empresa peche por vacacións, o desfrute das vacacións do/a traballador/a coincidirá con este peche. O/a traballador/a que non leve un ano na empresa gozaraas proporcionalmente ao tempo traballado.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O/a traballador/a coñecerá as datas que lle correspondan 2 meses antes, polo menos, do comezo do seu aproveitamento.

Capítulo IV
Licenzas e excedencias

Artigo 17. Permisos retribuídos

O/a traballador/a, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

– 15 días naturais, en caso de matrimonio; no caso de parellas de feito, sempre que os conviventes gocen deste permiso e que con posterioridade contraian matrimonio coa mesma persoa, non terán dereito a gozar dun novo permiso por esta causa.

– 2 días no caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao. Cando por estas causas o/a traballador/a necesite facer algún desprazamento estes prazos poderanse ampliar ata 4 días.

– 1 día por traslado do domicilio habitual.

– 3 días por asuntos propios (serán remunerados de xornada efectiva de traballo). Deberanse solicitar como mínimo con 48 horas de antelación e non poderá coincidir na mesma data máis do 10 % do cadro de persoal. Será necesario obter o consentimento da empresa, sempre que coincida en véspera de festivo ou se solicite no mes de decembro.

– Polo tempo indispensable polo cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal e convencional un período determinado, establécese o que esta dispoña, en canto á súa duración e á súa compensación económica.

– Polo tempo indispensable para realizar exames prenatais e técnicas de preparación para o parto que deban levarse a cabo na xornada de traballo.

– Por lactación dun fillo menor de nove meses, as traballadoras terán dereito a unha hora de ausencia ao traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución de xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado pola nai ou polo pai se ambos os dous traballan.

Artigo 18. Licenza non retribuída

Os traballadores en caso de enfermidade grave de pai, nai, cónxuxe ou fillo poderán solicitar unha excedencia voluntaria de dous meses ininterrompidos con 20 días de antelación, salvo nos casos de urxente necesidade. A empresa poderá conceder a prórroga desta excedencia durante seis meses.

Artigo 19. Permiso por maternidade

No suposto de parto, a suspensión do contrato terá unha duración de dezaseis semanas, que se collerán de forma ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas por cada fillo a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase á opción da traballadora, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto.

En caso de falecemento da nai, o pai fará uso da totalidade ou, de ser o caso, da parte que reste do período de suspensión.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e a nai traballen, esta, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai colla unha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento, tanto preadoptivo como permanente, de menores ata seis anos, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas, á elección do traballador, ben a partir da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción; a duración da suspensión será, así mesmo, de dezaseis semanas nos supostos de adopción ou acollemento de menores maiores de seis anos de idade cando se trate de menores discapacitados ou diminuídos físicos que, por circunstancias e experiencias persoais ou por provir do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase á opción dos interesados, que poderán collelo de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Os períodos a que se refire o presente artigo poderanse coller en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo do acordo entre os empresarios e os traballadores afectados nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento.

Artigo 20. Excedencias

As excedencias poderán ser voluntarias ou forzosas.

As voluntarias: poderán solicitar excedencia voluntaria os/as traballadores/as cunha antigüidade dun ano. Son condicións indispensables para a súa concesión as seguintes:

– Solicitude escrita, con expresión dos motivos.

– Compromiso formal de que durante o tempo de excedencia o/a traballador/a non se vai dedicar á mesma actividade da empresa que lla concedeu, nin por conta propia nin por conta allea; tal incumprimento será causa de extinción da relación laboral, con perda do dereito obtido.

O tempo de excedencia non poderá ser inferior a 4 meses e non maior a cinco anos. O/a traballador/a excedente conserva o dereito preferente ao reingreso nas vacantes da mesma ou similar categoría que se produzan na empresa; para tal efecto deberá solicitala dentro do período comprendido dentro do mes seguinte ao cesamento. Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o/a traballador/a deberá cubrir un novo período de, polo menos, catro anos de servizo efectivo na empresa.

As traballadoras terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender o coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, ou nos supostos de garda con fins de adopción ou acollemento permanente, contados desde a data de nacemento ou da resolución xudicial ou administrativa.

As forzosas: darán dereito á conservación do posto e ao cómputo de antigüidade da súa vixencia e concederánselle ao/á traballador/a en quen concorran as seguintes circunstancias:

– Nomeamento para cargo público que teña que realizarse por decreto ou elección.

– Exercicio de cargo electivo nas centrais sindicais, na Seguridade Social ou organismos da Administración que, pola súa importancia, fagan imposible a asistencia ao traballo.

Nos supostos de suspensión por exercicio de cargo público representativo ou funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, o/a traballador/a deberase incorporar no prazo máximo de trinta días naturais a partir da cesación no servizo, cargo ou función.

A reincorporación do/da traballador/a fixo/a procedente dunha excedencia determinará o cesamento automático do interino que fose contratado para substituílo, pero este deberá ser avisado, polo menos, con quince días de antelación e gozará de preferencia para o ingreso na empresa.

Capítulo V
Réxime económico

Artigo 21. Salarios

En 2016 non se aplicará ningún incremento salarial.

En 2017 os traballadores percibirán o salario que figura no anexo a partir do mes de xuño, e non haberá atrasos polos meses anteriores.

Desde o 1 de xaneiro de 2018 os salarios incrementaranse na porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano anterior.

Desde o 1 de xaneiro de 2019 os salarios incrementaranse na porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano anterior.

A Comisión Paritaria reunirase durante o mes de xaneiro de cada ano de vixencia co fin de actualizar a táboa salarial conforme o antedito.

Artigo 22. Antigüidade

O presente convenio colectivo non inclúe dentro da súa estrutura salarial o complemento de antigüidade, desaparecido da regulación desde o 31 de decembro de 1998. Polo tanto, a configuración do complemento de antigüidade queda establecida do modo seguinte:

Os traballadores contratados a partir do 1 de xaneiro de 1999 non xeran aumentos periódicos polo concepto de antigüidade. Tampouco xeran incrementos periódicos por antigüidade aqueles que, aínda que fosen contratados nun momento anterior, non a adquirisen en 1 de xaneiro de 1999.

Aqueles traballadores que en 31 de decembro de 1998 viñesen cobrando algunha cantidade en concepto de antigüidade, conservarana conxelada para anos sucesivos, como complemento de antigüidade inamovible (CAI), sen que esta cantidade poida sufrir incrementos en anos seguintes.

Artigo 23. Complemento de transporte

Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación do presente convenio percibirá un complemento de transporte efectivo distribuído nos once meses de traballo efectivo. O seu importe será:

En 2017: 366,02 €/ano.

En 2018: 373,34 €/ano.

En 2019: 383,61 €/ano.

Artigo 24. Gratificacións extraordinarias

Percibiranse dúas gratificacións extraordinarias ao ano, consistentes en dúas mensualidades de salarios consignadas no anexo, que se satisfarán na primeira quincena do mes de xullo, e na segunda do mes de decembro, pero antes do día 22. As gratificacións extraordinarias poderanse ratear mensualmente no caso de acordo entre empresa e traballador.

Capítulo VI
Faltas e sancións

Artigo 25. Faltas

As accións ou omisións punibles en que incorran os/as traballadores/as comprendidos/as neste convenio clasificaranse, segundo a súa índole nas circunstancias que nelas concorran, en leves, graves e moi graves.

Artigo 26. Faltas leves

Consideraranse faltas leves:

1. Os descoidos, deficiencias ou demora na execución de calquera servizo sempre que non se produza reclamación do cliente.

2. Tres faltas de puntualidade na asistencia ao traballo durante un mes inferiores no seu conxunto a trinta minutos e sempre que destes atrasos non deriven prexuízos graves para o servizo.

3. Non cursar no tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ao traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo feito.

4. Os pequenos descoidos na conservación do material.

5. Non comunicar á empresa os cambios de domicilio.

6. As discusións cos/coas compañeiros/as de traballo, sempre que non sexan en presenza do público nin durante a prestación dun servizo.

7. Faltas ao traballo sen a debida autorización ou causa xustificada, sempre que non sexa en venres, sábado, véspera de festa ou posterior a esta.

8. Non comunicar coa puntualidade debida as variacións de situación para os efectos da Seguridade Social que deban ser postas en coñecemento das empresas. A falta maliciosa destes actos reputarase como grave.

Artigo 27. Faltas graves

Consideraranse faltas graves:

1. Máis de tres faltas de puntualidade na asistencia ao traballo, non xustificadas e cometidas no período dun mes.

2. Faltar dous días ao traballo sen causa xustificada ou nun dos días sinalados no número 7 do artigo anterior.

3. Abandonar o traballo sen permiso do empresario, aínda que sexa por tempo breve.

4. A falta de aseo e limpeza exixidos pola empresa do establecemento.

5. A simulación de enfermidade ou accidente.

6. A desobediencia aos superiores que non implique gran quebranto no traballo.

7. A neglixencia ou descoido no servizo que produza reclamación xustificada do cliente.

8. Descoido importante na conservación do material ou artigos do establecemento.

9. A falla de respecto ou consideración ao público.

10. Discusións cos/coas compañeiros/as diante do público.

11. A reincidencia en faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza dentro dun trimestre, mediando amoestación.

Artigo 28. Faltas moi graves

Serán así consideradas as seguintes:

1. Máis de 10 faltas de asistencia ao traballo inxustificadas, nun período de 6 meses ou 20 nun período dun ano.

2. A embriaguez ou drogadición durante o servizo ou fóra del, sempre que, neste último caso, fose habitual.

3. A falla de aseo e limpeza que produza reiteradas queixas dos clientes.

4. O traballo por conta propia ou para outra empresa, sen autorización escrita daquela a que pertence.

5. O roubo, furto ou malversación.

6. Os malos tratos verbais ou de obra, abuso de autoridade, a falla de respecto e consideración aos xefes ou aos seus familiares, así como aos compañeiros, subordinados e clientes.

7. O pronunciamento de palabras obscenas, groseiras ou blasfemas, en circunstancias habituais.

8. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do labor.

9. As rifas ou pendencias cos/coas compañeiros/as ou clientes.

10. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se produzan nun período de 6 meses.

Artigo 29. Sancións

As sancións máximas que se poderán impor aos que incorran nalgunha das faltas anteriormente numeradas ou similares, posto que a relación anterior ten carácter indicativo, son as seguintes:

1. Por faltas leves, amoestación verbal ou por escrito.

2. Por faltas graves, suspensión de emprego e soldo de 3 ata 15 días.

3. Por faltas moi graves, suspensión de emprego e soldo de 16 a 30 días, despedimento coa perda de todos os dereitos na empresa.

Artigo 30

Corresponde á dirección da empresa a facultade sancionadora. Deberáselle comunicar ao/á traballador/a por escrito a súa decisión, con indicación das faltas cometidas e as datas da súa comisión.

Nos casos de despedimento seguirase o mesmo trámite, pero daráselle ao/á traballador/a a posibilidade de explicar por escrito as súas razóns no prazo de 24 horas; de ser estas convincentes o empresario deberá reconsiderar a súa decisión, tamén por escrito.

Artigo 31. Prescrición das faltas

1. As faltas leves, aos 10 días.

2. As faltas graves, aos 20 días.

3. As faltas moi graves, aos 60 días.

Para efectos de cómputo do prazo entenderanse os días como hábiles.

Capítulo VII
Disposicións varias

Artigo 32. Complemento: incapacidade temporal

Nos supostos de accidentes de traballo e enfermidade profesional, o traballador percibirá por conta da empresa ata o 100 % do salario real desde o primeiro día.

Nos supostos de IT por enfermidade común con hospitalización, percibirase soamente durante o tempo de estadía hospitalaria o 100 % do salario real.

Artigo 33. Ferramentas de traballo

O aprovisionamento das ferramentas básicas de traballo, é dicir, as navallas, tesoiras, cepillos, peites e, en xeral, todas as ferramentas manuais serán entregadas pola empresa. O seu coidado e conservación serán responsabilidade do traballador. Cando non as utilice coa debida dilixencia poderá ser sancionado nos termos e condicións que se establecen no código disciplinario.

Artigo 34. Uniformes, vestiarios e aparencia externa do persoal

Uniforme: no caso de impor a empresa uniforme, este correrá por conta dela. A empresa deberá facilitar dous uniformes ao ano. O/a traballador/a usarao limpo e será ao seu cargo esta limpeza. No caso de que o traballador cese na empresa, estará obrigado a devolverlle o uniforme. O calzado de traballo tamén deberá ser facilitado pola empresa. Se algún/algunha traballador/a precisase dun calzado especial a empresa non estará obrigada a mercalo, daralle o importe dun par de calzado do que empregan as súas compañeiras ou compañeiros como axuda para a súa adquisición.

Vestiarios: a empresa comprométese a facilitar un cuarto apropiado ás necesidades do persoal.

Aparencia externa do persoal: todo o persoal terá que presentarse ao traballo perfectamente peiteado e maquillado, de xeito que poida, con aspecto digno e presentable, pórse de inmediato a atender a clientela.

As condicións especiais na materia negociaranse no seo de cada empresa. En cada centro de traballo, por acordo entre a Dirección e os traballadores, establecerase un día á semana, fóra das horas de traballo, para o arranxo persoal dos traballadores.

Artigo 35. Pacto de permanencia

En atención á necesidade de reciclaxe profesional dos traballadores do sector, a empresa, cando así o considere oportuno, poderá asumir o custo inherente á dita formación.

Cando o custo dos cursos que aboe o empresario ao/á traballador/a supere os 1.500 euros, este/a estará obrigado/a a permanecer na empresa un tempo mínimo de nove meses desde a finalización do último curso; será de dezaoito meses cando o custo supere os 3.000 euros. No caso contrario, o empresario poderalle descontar ao traballador na súa liquidación o importe do curso.

Artigo 36

Os representantes dos traballadores, membros do comité de empresa ou delegados de persoal terán a garantía das súas actuacións no contido do artigo 68 do Estatuto dos traballadores e que se dá aquí por reproducido. As súas consecuencias serán as determinadas no anterior artigo 64 do mesmo texto legal, salvo que por disposición legal se modifique; neste caso, aplicarase tal disposición.

Naquelas empresas en que existan comités de delegados de persoal, serán estes os órganos base da representación dos traballadores e traballadoras.

Os vogais do comité e os delegados de persoal, se é o caso, coñecerán previamente as causas dos despedimentos, así como as solicitudes do expediente de crise, salvo que por disposición legal se modifique; neste caso, aplicarase tal disposición.

Artigo 37. Comisión Paritaria

Ambas as partes negociadoras acordan establecer unha Comisión Paritaria como órgano de interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado no presente convenio colectivo, con sede en Ourense, praza das Damas, número 1, Ourense. A dita comisión estará composta por catro membros de cada parte. Pola parte social os seus representantes determinaranse en función da representatividade de cada un deles no momento da sinatura do convenio.

A comisión será convocada por calquera das partes mediante unha comunicación escrita en que se expresen os puntos que se van tratar na orde do día, así como unha proposta da data, do lugar e da hora para a realización da reunión, a cal deberá contestar á outra parte nun prazo non superior a tres días. A reunión da Comisión Paritaria deberá ter lugar no prazo de 7 días desde a recepción da súa comunicación pola outra parte.

Son funcións específicas da Comisión Paritaria as seguintes:

a) Interpretación da aplicación de todas as cláusulas do convenio.

b) Vixilancia do cumprimento do pactado no convenio.

c) O desenvolvemento de funciones de adaptación ou, de ser o caso, modificación do convenio durante a súa vixencia.

d) Calquera outra non sinalada nos puntos anteriores, imposta polo convenio ou pola legalidade vixente.

No suposto de que non se puidese ditar resolución por non existir acordo no seo da Comisión Paritaria, as partes quedarán obrigadas a someterse ao procedemento de mediación establecido no Acordo interprofesional galego (AGA) sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo.

Artigo 38. Cláusula de submisión ao AGA

Ante a importancia da resolución pacífica dos conflitos laborais, as partes asinantes acordan acollerse aos procedementos vixentes en cada momento na lexislación laboral, para resolver de maneira efectiva as discrepancias que poidan xurdir para a non aplicación das condicións de traballo a que fai referencia o artigo 82.3 do ET.

Ambas as partes acordan someterse ao AGA nos propios termos en que está formulado.

Artigo 39. Dereito supletorio

Para todo o non disposto no presente convenio, as partes sométense ao disposto no Estatuto dos traballadores, que as partes acordan manter como lexislación subsidiaria para todo o non previsto no Convenio colectivo para salóns de peiteado, institutos de beleza, ximnasios e similares.

Artigo 40. Igualdade de oportunidades

As partes asinantes asumen na súa integridade o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes rexeitando todo tipo de discriminación e recoñecendo o dereito ao traballo en igualdade de oportunidades. Todo iso nos termos que se regulan na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Comprométense a promover o principio de igualdade de oportunidades e a velar pola non discriminación por razón de xénero no traballo.

A comisión negociadora declara que o convenio colectivo se redactou empregando o xénero neutro co fin de facilitar a súa lectura e comprensión. Os asinantes declaran que toda expresión que defina una actividade ou condición, como encargado, traballador, empresario… é empregado no sentido comprensivo das persoas de ambos sexos, sendo utilizados os termos en sentido neutro e non como referencia ao sexo masculino.

Artigo 41. Cláusula de desvinculación

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio non serán de aplicación para aquelas empresas que acrediten descensos en termos reais dos resultados dos dous últimos exercicios. No dito suposto corresponderá o mantemento do mesmo nivel retributivo do último convenio. Considerarase xustificación suficiente a achega da documentación presentada polas empresas perante os organismos oficiais (Ministerio de Facenda e Rexistro Mercantil). Os representantes legais dos traballadores están obrigados a tratar e manter coa maior reserva a información recibida e os datos a que tivesen acceso por mor do anteriormente establecido.

Disposición derradeira. Partes asinantes

O convenio asínano a Federación de Empresarios de Peluquería y Estética de Galicia (Fepega) e a CIG.

ANEXO

Grupo profesional

Salario 2017

Grupo 0. Persoal directivo

Segundo contrato

Grupo I.

Telefonista

Ordenanza

762 euros/mes

Grupo II.

Recepcionista

Oficial 3ª

Axudante

Manicura, pedicura, depilación

Caixeira/o

Vendedor/a

Oficial administrativo

839,40 euros/mes

Grupo III.

Oficial 2ª

Esteticista

Masaxista

855 euros/mes

Grupo IV.

Oficial 1ª

Encargada/o de salón

870 euros/mes