Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 24 de agosto de 2017 Páx. 40369

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2017 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (Galicia Rural Emprende).

Mediante Resolución do 16 de febreiro de 2017 (DOG nº 42, do 1 de marzo), publicáronse as bases reguladoras das axudas do Igape destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende).

As ditas bases establecen no seu artigo 10.6 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude e, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva con data do 11 de agosto de 2017 de concesión das axudas do Igape destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (Galicia Rural Emprende), no enderezo www.tramita.igape.es (apartado «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de dez (10) días naturais para que os interesados accedan á Oficina virtual do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es (apartado «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido entenderase rexeitada.

No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia e medios para descargar a súa resolución individual.

Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020 e, en particular:

Prioridade 6.A: facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.

Medida 06: desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.

Submedida 6.2: axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais.

O restante 25 % correspóndese con cofinanciamento nacional, asumindo o 7,5 % a Administración xeral do Estado e o 17,5 % a Xunta de Galicia.

O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda supón a aceptación do beneficiario a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo III do Regulamento (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día hábil seguinte ao de finalización do prazo sen acceder ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día hábil seguinte ao de finalización do prazo sen acceder ao seu contido.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
P.S. (Acordo do 29.3.2012; DOG núm. 78, do 24 de abril)
Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica