Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 21 de agosto de 2017 Páx. 39910

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de xullo de 2017 pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Galifornia Foundation.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Galifornia Foundation con domicilio na rúa Lourido número 9, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 31 de outubro de 2016, Pablo Riera Táboas, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Galifornia Foundation constituíse en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 13 de outubro de 2016, ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número de protocolo 2.827, por Marina Táboas Paz que actúa en representación do fundador Pablo Riera Táboas.

Esta escritura foi corrixida por outra outorgada tamén en Vigo (Pontevedra), o 28 de xuño de 2017, ante o mesmo notario, co número de protocolo 1.797.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto contribuír ao crecemento e desenvolvemento e notoriedade de Galicia e Portugal, e con isto á prosperidade económica e social dos seus habitantes, promovendo a súa economía social e produtiva, mediante a implicación, apoio, patrocinio e participación en proxectos de toda índole, xa sexan promocionais, de emprendemento, de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico e científico, de divulgación cultural, educativa e turística, de fomento do deporte e da calidade de vida, a gastronomía, o benestar, o medio ambiente natural, o mar e os seus recursos, a paisaxe, así como todo tipo de actividades na defensa e protección dos seus valores.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Pablo Riera Táboas como presidente; Javier Riera Nieves como vicepresidente; Bernardo Aramburu Vecino como secretario, e Clara Domínguez Sotelo e Marta Riera Táboas como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación Galifornia Foundation, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 18 de xullo de 2017.

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Galifornia Foundation, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza