Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 21 de agosto de 2017 Páx. 39945

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de xullo de 2017 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna da Administración autonómica de Galicia, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as de carreira que reúnan as condicións que para o posto de traballo se sinala no anexo I.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderanse presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela), nas súas xefaturas territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe no anexo II.

Cuarto. As persoas interesadas deberán presentar coa petición un curriculum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Quinto. No caso de que quen resulte seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde sexa persoal funcionario/a doutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma, conforme o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e as demais disposicións concordantes. Unha vez autorizado o seu traslado a esta Administración procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado.

Sexto. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserto o posto de traballo, se se considera oportuno.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles, de conformidade co establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Código do posto: PR.O10.00.000.15770.040.

Denominación do posto: secretario/a da Escola.

Subgrupo: A1.

Nivel: 30.

Complemento especifico: 18.205,56.

Corpo ou escala: xeral.

Adscrición administracións públicas: A12 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado, CC.AA. e Administración Local).

Formación especifica: 523 (diploma de directivo) (mérito). 640 para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.).

Dependencia: Escola Galega de Administración Pública.

Localidade: Santiago de Compostela.

missing image file