Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 10 de agosto de 2017 Páx. 38688

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2017, da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, pola que se acorda o inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias para unha vivenda de promoción pública en segundas ou posteriores adxudicacións no concello de Betanzos (expediente C-81/040, conta 1, quenda de mobilidade reducida).

De conformidade co establecido no Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de adxudicatarios/as para unha vivenda de promoción pública en segundas ou posteriores adxudicacións no concello de Betanzos, quenda de mobilidade reducida, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto do procedemento

1. O procedemento ten por obxecto adxudicar, logo do correspondente proceso de selección de adxudicatario/a, a vivenda de promoción pública do concello de Betanzos que se indica a continuación:

Expediente

Conta

Enderezo

m² útiles

Nº hab.

C81/040

1

Rúa Coral Polifónica, bloque 1 P.1 baixo

80

3

2. Para realizar a adxudicación elaborarase unha lista, integrada por 5 persoas (se as houbese) inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para a quenda de mobilidade reducida, elixidas polo procedemento previsto nestas bases.

Segunda. Requisitos dos beneficiarios/as

1. Poderán resultar adxudicatarias da vivenda as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipados, con plena capacidade de obrar que reúnan os seguintes requisitos:

a) Atoparse inscritas no Rexistro Único de Demandantes na data desta resolución de inicio na sección 1ª do Rexistro de Demandantes para o concello de Betanzos, quenda de mobilidade reducida, como concello preferente.

b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 2,5 veces o índice público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

c) Residir ou traballar no concello de Betanzos, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer calquera membro da unidade familiar ou convivencial de vivenda en calidade de propietario/a, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Acreditar que a vivenda da que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos do artigo 10.IV do Decreto 253/2007. Se resulta adxudicatario/a, queda obrigado a ofertar ao IGVS a dita vivenda.

– Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado/a, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non atoparse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

– Que xa foran titulares de VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a allease por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.

– Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do antedito, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigada nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Terceira. Réxime de adxudicación

1. As vivendas adxudicaranse en réxime de compravenda ou arrendamento.

A adxudicación efectuarase obrigatoriamente en réxime de compravenda cando os ingresos ponderados da unidade familiar ou convivencial seleccionada sexan superiores a 1,5 veces o IPREM. Para ingresos inferiores, a vivenda adxudicarase en réxime de arrendamento.

2. Non obstante, se se agotasen as listas definitivas de adxudicatarios/as e de espera, en réxime de compravenda e quedase vacante a vivenda, poderá adxudicarse en réxime de arrendamento e ofertarase a todos os solicitantes (incluídos os que non aceptasen a compravenda) segundo a orde do sorteo.

Cuarta. Condicións xerais de carácter económico

1. Réxime de compravenda.

a) O valor da vivenda será elaborado con base no 100 % do módulo aplicable a cada metro cadrado de superficie útil das vivendas, segundo a zona xeográfica en que estean situadas, vixente no momento da cualificación definitiva da promoción.

b) O prezo de venda fixarase en atención ao valor da vivenda e aos ingresos ponderados da unidade familiar ou convivencial adxudicataria, e serán os seguintes:

– Para unidades familiares ou convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 2 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM) e 2,5 veces o IPREM: o 70 % do valor da vivenda segundo o estudo económico.

– Para unidades familiares ou convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 1,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples e 2 veces o IPREM: o 60 % do valor da vivenda segundo o estudio económico.

– En todos os casos, o prezo dos rochos e garaxes vinculados, de existiren, será, respectivamente o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

c) A vivenda venderase adiando a totalidade do prezo e devolverase en cotas mensuais, integradas por capital e xuros.

d) A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de compravenda, logo do pagamento por parte do/da adxudicatario/a dos gastos e impostos que procedan.

2. Réxime de arrendamento.

a) O contrato de arrendamento terá unha vixencia de 5 anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido, en todo caso, a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións ás que houber lugar.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.

c) A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte do/da adxudicatario/a da fianza correspondente.

Quinta. Procedemento de selección

1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010.

2. A selección efectuarse mediante sorteo, que se celebrará ante notario o día 29 de agosto de 2017, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, en cuxo caso se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.

No sorteo elixiranse un total de 5 persoas (se as houbese) por orde correlativa.

3. Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación da lista provisional de adxudicatarios/as e de espera. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, a Comisión Provincial de Vivenda ditará resolución aprobatoria da lista definitiva de adxudicatarios/as e de espera.

4. Se houber un único demandante de vivenda inscrito para a quenda de mobilidade reducida, non se efectuaría sorteo nin se aprobarían listas de espera.

Sexta. Publicidade, reclamacións e recursos

1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións, entendendo por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de adxudicatarios/as e de espera.

A publicación das listas provisional e definitiva de adxudicatarios/as e de espera realizarase nos taboleiros de anuncios do concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.

A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

3. Contra a aprobación da lista definitiva de adxudicatarios/as e de espera, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015.

Sétima. Vixencia das listas definitivas

As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que teña lugar algunha das seguintes circunstancias:

– Que se cumpra un ano desde a aprobación de tales listas.

– Que se produza a súa caducidade automática ao resultar esgotadas por non quedaren integrantes aos cales ofertar as vivendas.

– Que sexan aprobadas novas listas definitivas noutro proceso en que se inclúa a vivenda vacante deste.

A Coruña, 4 de xullo de 2017

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña