Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2017 Páx. 34117

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2017 pola que se fai pública a modificación do punto 1.3 da base terceira da Resolución do 3 de abril de 2017 desta universidade pola que se convoca o concurso de méritos para a provisión de diversos postos de traballo correspondentes a persoal funcionario de administración e servizos (Diario Oficial de Galicia número 73, do 17 de abril).

Mediante Resolución ditada o 3 de xullo de 2017 a Reitoría da Universidade estimou parcialmente un recurso de reposición interposto o 15 de maio de 2017 (entrada número 101/1612), sobre eventual nulidade das bases primeira e terceira do concurso de traslados do persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña por vulneración do artigo 14 da Constitución e por vulneración das condicións de participación do contido do artigo 91 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia.

A dita resolución dispón a estimación parcial do recurso no tocante a modificar o teor do punto 1.3 da base terceira da Resolución reitoral do 3 de abril de 2017.

En consecuencia, modifícase a redacción orixinal do punto 1.3 da base terceira da Resolución reitoral do 3 de abril de 2017, que quedará redactada como segue: «Os servizos prestados na Administración pública, en que se inclúen os servizos previos recoñecidos que se prestaren con anterioridade á condición de funcionario de carreira, valoraranse por cada ano completo (ou fracción 1/12 por mes completo), ata un máximo de 20 puntos, a razón de 0,534 puntos por ano completo de servizo».

Esta modificación non reabre o prazo de presentación de solicitudes.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 4 de xullo de 2017

O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 12.1.2016)
Ramón del Valle López
Xerente da Universidade da Coruña