O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.
A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 17, establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, ben por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da Universidade, ben por iniciativa da universidade, mediante proposta do seu Consello de Goberno, en ambos os dous casos co informe favorable do seu consello social.
Os requisitos específicos determínanse no Real decreto 420/2015, do 29 de maio, de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios.
Na súa virtude en aplicación da normativa vixente, logo do informe preceptivo do Consello Galego de Universidades, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e nove de xuño dous mil dezasete,
DISPOÑO:
Artigo único. Cambio de denominación
Autorízase o cambio de denominación da Escuela de Negocios Afundación, centro adscrito á Universidade de Vigo que pasará a denominarse Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (Ieside).
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia universitaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño de dous mil dezasete
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria