Con data do 21 de febreiro de 2017 e 7 de marzo de 2017, asinouse o acordo de inclusión de dúas novas categorías no V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, e a modificación da denominación doutras cinco categorías, respectivamente. Vistos estes acordos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,
A Secretaría Xeral de Emprego,
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010.
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2017
Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego
Modificación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da xunta de galicia como consecuencia do acordo de inclusión entre a Xunta de Galicia e comité intercentros do persoal laboral (CIG, CC OO e UGT) de dúas novas categorías no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia para dar cumprimento ao acordo de integración do persoal do Consorcio no devandito convenio e do acordo de bombeiros forestais e a súa segunda actividade
Primeiro. Modificación do seu artigo 1.1 para a inclusión do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no seu ámbito de aplicación.
Artigo 1. Ámbito persoal e territorial
1. Este convenio colectivo establece e regula as normas polas que se rexerán as relacións de carácter xurídico-laboral entre a Xunta de Galicia e o persoal que, suxeito á lexislación laboral, preste os seus servizos baixo a súa dependencia, a dos seus organismos autónomos e no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Segundo. A inclusión dunha nova disposición sobre a transitoriedade de aplicación do convenio ao persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Disposición transitoria décimo terceira. Aplicación ao persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
a) A partir do 1 de xaneiro de 2017 a xornada do persoal dos centros do Consorcio será a mesma que a do persoal do Convenio único.
b) Procederase ao recoñecemento da antigüidade do persoal do Consorcio para o efecto de acreditar os correspondentes trienios, que se aboarán a partir do 1 de xaneiro de 2017.
c) A equiparación retributiva do persoal que presta servizos no consorcio que opte por integrarse como persoal laboral fixo –por ser esa a súa actual relación laboral– ou que sexa integrado como persoal laboral temporal no Convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia será idéntica á do persoal do Convenio colectivo único nas mesmas categorías, aplicándose as seguintes porcentaxes anuais de equiparación:
– No ano 2018 diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.
– No ano 2019 diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.
– No ano 2020 diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.
– No ano 2021 diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.
– No ano 2022 equiparación efectiva co persoal laboral da Xunta de Galicia.
Terceiro. A modificación do anexo II-A do Convenio para a inclusión das categorías de xerocultor/a (IV-43) e de persoal de servizos xerais (IV-44).
Cuarto. En cumprimento do disposto no punto primeiro do Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC OO, CSI-F e UGT sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade, modifícase o anexo II-A do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Así, onde di:
«I. III-100: Xefe/a cuadrilla defensa contra incendios forestais.
II. IV-33: Condutor/a autobomba defensa contra incendios forestais.
III. IV-41: Oficial/a de defensa contra incendios forestais.
IV. V-14: Peón/oa defensa contra incendios forestais.
V. V-14 A: Peón/oa condutor defensa contra incendios forestais».
Debe dicir:
«• III-100: Bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.
• IV-33: Bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba.
• IV-41: Bombeiro/a forestal oficial/a de defensa contra incendios forestais.
• V-14: Bombeiro/a forestal.
• V-14 A: Bombeiro/a forestal condutor/a».