Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 19 de xuño de 2017 Páx. 29711

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de xuño de 2017 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes que imparte docencia en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece na súa disposición adicional sexta, punto 2, a facultade das comunidades autónomas para ordenar a súa función pública docente no marco das súas competencias, respectando, en todo caso, as normas básicas contidas no punto 1º da propia disposición.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarias, establece no seu artigo 2, que cando unha praza docente de nivel non universitario queda vacante ou eventualmente non estea ocupada, poderá ser cuberta, en comisión de servizos de carácter voluntario, cun funcionario docente que reúna os requisitos para o seu desempeño.

Por Orde do 28 de xuño de 2006 regulouse a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal dos corpos docentes en centros dependentes da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral. Esta orde foi modificada parcialmente polas ordes do 3 de maio de 2007 e do 14 de marzo de 2012. Procede agora aprobar unha nova orde que, ademais de refundir o contido das anteriores, estableza a posibilidade de que o profesorado interino solicite a adscrición temporal a outra praza en atención a estas mesmas situacións, en aplicación da cláusula 4 do Acordo marco sobre o traballo de duración determinada, que figura no anexo da Directiva 1999/70/CE, e se consideren as peculiaridades das familias conformadas por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou fillas menores ao seu cargo.

Na súa virtude, co obxecto de fixar as condición e o procedemento administrativo da referida comisión de servizos en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, no uso da autorización conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 244/1999, do 29 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adscrición de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa e para as que estea habilitado, ao persoal funcionario de carreira e ao persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, por motivos de conciliación da vida familiar e laboral.

2. Tamén poderá solicitar esta adscrición o persoal funcionario de carreira en expectativa de destino, o persoal funcionario en prácticas e o persoal funcionario interino docente dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Está adscrición temporal en comisión de servizos estará supeditada á existencia de praza vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico correspondente e que lle corresponda a adxudicación dunha praza das solicitadas de acordo cos criterios establecidos na regulación da adxudicación de destinos provisionais para o curso académico que corresponda.

4. A adscrición provisional ao persoal funcionario interino docente realizarase despois da adxudicación de destinos provisionais ao persoal que ese ano superou o procedemento selectivo para ingreso no corpo correspondente e estará, ademais, supeditada a que lle corresponda prestar servizos en función do número de prazas ofertadas da especialidade e do número de orde na adxudicación da persoa funcionaria docente interina.

Artigo 2. Solicitantes

Poderán solicitar adscrición temporal a tarefas propias do seu corpo, en réxime de comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, a distinta localidade, se é o caso, do seu centro de destino:

a) O persoal funcionario dos corpos docentes regulados na Lei orgánica de educación, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que se encontre en situación de servizo activo, de excedencia por coidado de familiares ou de excedencia por violencia de xénero no prazo de solicitude establecido no artigo 5.

b) O persoal laboral docente dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que se encontre en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de familiares.

Artigo 3. Requisitos

1. Ter un fillo ou filla menor de catro anos, ou ter e convivir cun fillo ou filla menor de seis anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal,

Tipo II) Ter dous fillos ou fillas menores de seis anos, ou ter e convivir con dous fillos ou fillas menores de oito anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo III) Ter tres fillos ou fillas menores de doce anos, ou ter e convivir con tres fillos ou fillas menores de catorce anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal.

A idade dos fillos ou fillas computarase o 31 de decembro do ano inmediatamente anterior ao que se efectúa a solicitude.

Poderá, así mesmo, efectuarse a solicitude cando exista embarazo a termo final con anterioridade ao mes de marzo do ano seguinte no que se presenta a instancia. No caso de adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, a idade computarase desde a resolución xudicial ou administrativa.

2. Ter, se é o caso, destino definitivo a unha distancia superior a 60 km da localidade de residencia.

3. Ter solicitado, de reunir os requisitos, agás casos excepcionais que serán valorados pola comisión de valoración, praza no último concurso de traslados para a localidade ou localidades nas que se solicita a comisión de servizos.

4. Cando ambos cónxuxes ou parella de feito sexan persoal funcionario docente, só unha das dúas persoas poderá solicitar a comisión de servizos.

5. Poderán solicitar esta comisión as dúas persoas proxenitoras nos supostos de custodia compartida en virtude de sentenza xudicial.

Artigo 4. Solicitudes

1. O persoal funcionario docente interesado deberá cubrir unha solicitude pola internet ta través da páxina web da Dirección Xeral de Centro de Recursos Humanos, http://www.edu.xunta.es/cadp achegando a documentación xustificativa da situación que alegan e, en calquera caso, copia do libro de familia.

2. O domicilio xustificarase cunha certificación de empadroamento expedida polo concello e cunha declaración responsable da persoa interesada.

3. A situación de non convivir con outra persoa coa que se manteña unha relación análoga á conxugal, xustificarase cunha declaración responsable da persoa interesada.

4. A solicitude e a documentación sinalada no punto anterior, dirixidas á persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, poderá presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), ou por calquera dos medios que establece o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Na instancia deberán solicitarse:

a) En primeiro lugar os centros da localidade de residencia ou, cando sexa o caso, o centro ou centros da localidade máis próxima á de residencia nas que se poidan ofertar prazas da especialidade ou especialidades polas que se participa.

b) Poderán engadirse voluntariamente as peticións a centros ou localidades que se consideren convenientes, tendo en conta que é preceptivo dar prioridade aos centros ou localidades situadas nunha radio de 20 km da súa localidade de residencia.

6. Aquelas persoas que soliciten esta comisión de servizos, en atención a situación de conciliación da vida familiar e laboral, non poderán efectuar outra solicitude na modalidade ordinaria para o concurso de adxudicación de destinos provisionais.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do concurso xeral de traslados no Diario Oficial de Galicia.

Nos anos que se convoque o concurso xeral de traslados de ámbito estatal e o concurso se resolva por corpos en distintas datas, o prazo será de quince días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do último concurso de traslados no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Comisión de valoración

Unha vez recibidas as solicitudes na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, someteranse a informe preceptivo da comisión de valoración que se constituirá para o efecto como órgano consultivo na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, integrada por:

• A persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

• Ata un máximo de tres persoas funcionarias da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

• Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que actuará como secretario/a.

Todas elas serán designadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear unha persoa representante por sindicato para asistir ás sesións da comisión.

Artigo 7. Resolución

A comisión de valoración proporalle á persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a resolución na que declarará a procedencia ou improcedencia da concesión da comisión de servizos por motivos da conciliación da vida familiar e laboral.

A deformación dos feitos ou calquera falsidade consignada na solicitude ou na documentación achegada será causa de denegación ou revogación, se é o caso, e inhabilitan para solicitar a comisión de servizos no próximo curso académico.

A resolución, que porá fin ao procedemento, será motivada cando se aparte do sentido do informe emitido pola comisión de valoración e publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Por esta publicación entenderanse notificadas, para todos os efectos, as persoas solicitantes destas comisións de servizos.

Contra a resolución ditada, o persoal interesado poderá interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de conformidade cos artigos 8.2, 14.2 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa.

Artigo 8. Adxudicación de destino

a. Terán prioridade na adxudicación de destinos as comisións de servizos por motivos de saúde sobre as comisións de servizos por razón de conciliación da vida familiar e laboral.

b. Nas comisións de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, a prioridade virá determinada por os seguintes grupos:

a) Tipo III.

b) Tipo II.

c) Tipo I.

Dentro de cada grupo, a prioridade determinaraa por ser un único proxenitor, a antigüidade como persoal funcionario no corpo, a antigüidade no centro e a puntuación no concurso-oposición, sucesivamente.

Artigo 9. Toma de posesión

A toma de posesión será a que dispoña a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nas súas normas reguladoras do comezo do curso.

Artigo 10. Vixencia

A vixencia da comisión de servizos ou adscrición provisional por motivos de conciliación da vida familiar e laboral será dun curso académico, sen prexuízo da súa prórroga, que poderá concederse, logo de solicitude da persoa interesada, no suposto de seguir cumprindo os requisitos establecidos nesta orde.

Disposición adicional primeira. Adscrición provisional

Para os efectos desta orde serán tratadas como comisións de servizos as adxudicacións de destino ao persoal funcionario de carreira en expectativa de destino, ao persoal funcionario interino e ao persoal laboral docente.

Disposición adicional segunda. Prazo de solicitude no suposto de non convocarse o concurso de traslados

Se nun curso académico non chegase a convocar o concurso de traslados entre o persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación, o prazo de solicitude será desde o 15 de abril ata o 30 de abril do ano correspondente.

Disposición adicional terceira. Documentación xustificativa do domicilio

O domicilio xustificarase cunha certificación de empadroamento expedida polo concello e cunha declaración responsable da persoa interesada.

Disposición transitoria única. Prazo de solicitudes para o curso académico 2017/18

O prazo de presentación de solicitudes para o curso académico 2017/18 será para todos os interesados de 15 días naturais computados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 28 de xuño de 2006 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, modificada polas ordes do 3 de maio de 2007 e do 14 de marzo de 2012, e aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido na presente orde.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria