Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2017 Páx. 25538

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 51/2017, do 11 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada PO-408, situado entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+280 cunha lonxitude de 1,28 km, a prol do Concello de Salvaterra de Miño.

A tenor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A estrada PO-408 é un resto da estrada que xorde como consecuencia das obras de acondicionamento da PO-403. Ten unha lonxitude de 1,62 km e pertence á rede secundaria de estradas da Xunta de Galicia. Entre os pp.qq. 0+000 e 1+280 discorre polo termo municipal de Salvaterra de Miño presentando un tráfico de carácter local e relativamente baixo.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada PO-408, situado entre os pp.qq. 0+000 e 1+280, cunha lonxitude de 1,28 km, a prol do Concello de Salvaterra de Miño.

O Pleno da Corporación do Concello de Salvaterra de Miño, o día 23 de marzo de 2017, acepta o cambio de titularidade do treito da estrada PO-408 entre os pp.qq. 0+000 e 1+280.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de maio de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Salvaterra de Miño:

– Treito da estrada PO-408, situado entre os pp.qq. 0+000 e 1+280, cunha lonxitude de 1,28 km.

Artigo 2

En aplicación dos apartados 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Salvaterra de Miño deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Salvaterra de Miño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de maio de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda