Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2017 Páx. 25304

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 9 de maio de 2017 pola que se aproban os estatutos do Colexio de Economistas da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita vicepresidencia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

De conformidade co disposto na disposición transitoria segunda Lei 11/2016, do 19 de xullo, de creación dos colexios provinciais de economistas por fusión dos colexios de titulares mercantís e de economistas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez que foron aprobados os estatutos provisionais e designados os órganos de goberno do Colexio de Economistas da Coruña, e aprobados os estatutos definitivos pola Asemblea constituínte, remítense á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición rexistral.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio de Economistas da Coruña, que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os estatutos provisionais aprobados por Orde do 15 de novembro de 2016, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto na presente orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio de Economistas da Coruña

CAPÍTULO I
Natureza xurídica e ámbito territorial

Artigo 1. Natureza xurídica

O Colexio de Economistas da Coruña é unha corporación de dereito público, recoñecida e amparada pola Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Réxese, no marco da lexislación básica do Estado, polo disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, reguladora dos colexios profesionais de Galicia, e nas súas normas de desenvolvemento, e polas súas normas de creación e reguladoras da profesión, pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, polos presentes estatutos e, se for o caso, polas súas normas de funcionamento interno, e polos acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias, así como polas demais disposicións legais que o afecten.

O acceso e exercicio á profesión colexiada rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular, por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, sexo, idade ou orientación sexual, nos termos establecidos na lexislación vixente.

O exercicio da profesión realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, en canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal.

Artigo 2. Ámbito persoal

O Colexio de Economistas da Coruña exerce as súas funcións para os colexiados que exercen a súa profesión no ámbito da economía e da economía da empresa dentro da súa demarcación territorial.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito territorial do Colexio correspóndese co da provincia da Coruña.

O domicilio do Colexio atópase situado na cidade da Coruña, na rúa Caballeros, 29, 1º. O cambio de domicilio, se for fóra do municipio, requirirá os mesmos trámites que unha modificación estatutaria.

A Xunta de Goberno poderá crear delegacións territoriais naquelas poboacións ou comarcas que considere oportuno.

CAPÍTULO II
Funcións

Artigo 4. Fins e funcións do Colexio

Nos termos establecidos na lexislación vixente, son fins do Colexio, sen prexuízo dos que correspondan, respectivamente, ao Consello Xeral de Economistas e ao Consello Galego de Colexios de Economistas, os seguintes:

• Alcanzar a adecuada satisfacción dos intereses xerais en relación co exercicio da profesión.

• Ordenar o exercicio da profesión, velando pola ética e dignidade profesional, dentro do marco legal respectivo e no ámbito das súas competencias. Todo iso sen prexuízo das competencias da Administración pública por razón da relación funcionarial.

• Representar e defender os intereses xerais da profesión, así como os intereses profesionais dos colexiados.

• Velar polo adecuado nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados.

• Velar pola formación profesional permanente nas diferentes actividades profesionais dos colexiados.

• Controlar que a actividade dos colexiados se someta ás normas deontolóxicas da profesión.

• Velar pola protección dos intereses de consumidores e usuarios dos servizos dos colexiados e defender os intereses profesionais dos colexiados, todo isto sen prexuízo das competencias da Administración pública por razón da relación funcionarial.

Para o cumprimento destes fins terá atribuídas as funcións previstas na Lei de colexios profesionais de Galicia, na normativa básica estatal e cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses xerais da profesión e dos colexiados.

Son funcións do Colexio:

1. Aprobar os seus estatutos e normas de funcionamento interno, así como as súas modificacións.

2. Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, estando lexitimado para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais, así como exercer o dereito de petición e designar os seus representantes nos consellos e órganos consultivos da Comunidade Autónoma.

3. Elaborar e aprobar os seus orzamentos, así como fixar e exixir os recursos económicos e, se for o caso, as cotas aos seus colexiados.

4. Intervir como mediador e en procedementos de arbitraxe en equidade naqueles conflitos profesionais que se susciten entre os colexiados.

5. Exercer na orde profesional e colexial a potestade disciplinaria sobre os colexiados, de conformidade coa lexislación vixente e con estes estatutos.

6. Exercer cantas competencias lle sexan atribuídas pola lexislación vixente.

7. Ordenar, no seu ámbito territorial, o exercicio profesional dos economistas e titulares mercantís incluso se se realiza de forma asociativa entre si ou con outros profesionais, asegurar o cumprimento da normativa establecida sobre actuación profesional e responsabilidade dos colexiados e velar polo prestixio, a ética profesional e a proxección da profesión.

8. Procurar a harmonía e a colaboración, impedindo a competencia desleal entre os colexiados, así como adoptar as medidas necesarias para evitar e perseguir a intrusión profesional, ante as administracións públicas e xudiciais competentes para iso.

9. Velar polo cumprimento das leis, estatutos e demais normas e decisións acordadas polos órganos colexiais.

10. Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado o solicite libre e expresamente, logo de acordo da Xunta de Goberno.

11. Establecer acordos e constituír órganos de coordinación con outras entidades profesionais para aquelas cuestións de interese común para as profesións respectivas.

12. Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos, de interese para os colexiados.

13. Constituír os órganos necesarios para o seu propio funcionamento, delegando neles as facultades necesarias para fins específicos.

14. Convocar congresos, xornadas, simposios e actos similares dentro do seu ámbito territorial, sobre calquera tema relacionado coa profesión e as ciencias económicas e empresariais en calquera das distintas especialidades, sempre dirixido a mellorar a formación profesional dos seus colexiados.

15. Arbitrar os instrumentos necesarios para conseguir o perfeccionamento técnico e profesional dos colexiados e a difusión das ciencias económicas e empresariais, facilitando os servizos necesarios, directamente ou mediante convenios ou concertos con outras entidades públicas ou privadas.

16. Determinar o seu réxime económico segundo o disposto nos estatutos, con aprobación dos seus orzamentos.

17. Fomentar, coordinar ou crear servizos ou actividades de interese común con outros colexios ou entidades.

18. Levar o censo dos seus colexiados e levar un rexistro das sancións que os afecten.

19. Realizar, respecto ao patrimonio propio do Colexio, toda clase de actos de adquisición, disposición ou gravame.

20. Calquera outra función que lle sexa transferida ou delegada polo Consello Xeral de Economistas e o Consello Galego de Colexios de Economistas de Galicia.

21. Coordinar as actuacións con outros colexios para garantir a uniformidade da actuación dos colexiados mediante a emisión das normas e recomendacións que considere convenientes.

22. Confeccionar listas de quenda de oficio de colexiados que desexen ser inscritos e que cumpran as normas para a súa inclusión e envialas aos distintos organismos como xulgados, rexistros mercantís, etc., que requiran a prestación dos seus servizos para exercer as funcións determinadas nos estatutos profesionais de Consello Xeral de Economistas e do Consello Galego de Colexios de Economistas de Galicia.

23. Cantas outras funcións establecidas pola lei tendan á defensa dos intereses profesionais, dos colexiados e dos fins do Colexio.

24. Colaborar coa universidade na elaboración dos seus plans de estudos e ofrecer información necesaria ao alumno para facilitarlle o acceso á vida profesional.

25. Cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

26. Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

27. En xeral, cantas se encamiñen ao cumprimento dos fins asignados aos colexios profesionais, así como ao resto de funcións establecidas na normativa vixente.

Artigo 5. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na normativa vixente, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, o Colexio fará o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e pór no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios a que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

3. O Colexio adoptará as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporará para iso as tecnoloxías precisas para crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, o Colexio poderá pór en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, inclusive coas corporacións doutras profesións.

4. O Colexio facilitará ao Consello Xeral de Economistas e ao Consello Galego de Colexios de Economistas a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais daqueles.

Artigo 6. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. O Colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, o Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio profesional, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

CAPÍTULO III
Dos colexiados

Artigo 7. Colexiados

Os colexiados pertencerán a algún dos seguintes tipos:

• Colexiados: son colexiados aqueles que, reunindo os requisitos necesarios, soliciten e obteñan a incorporación ao Colexio.

• Sociedades profesionais: as sociedades profesionais, inscritas no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, non poderán ser electores nin elixibles e carecerán de voto nas asembleas xerais, sen menoscabo dos dereitos individuais dos profesionais colexiados pertencentes ás citadas sociedades profesionais. As sociedades profesionais terán dereito aos servizos que o Colexio teña establecidos e deberán aboar as cotas que estableza a Asemblea Xeral.

O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo previsto nas leis. En ningún caso o Colexio poderá, por si mesmo ou a través dos seus estatutos ou resto da normativa colexial, establecer restricións ao exercicio profesional en forma societaria.

• Colexiados honorarios: o Colexio poderá acordar a colexiación como colexiados honorarios de todas aquelas persoas que, aínda sen seren economistas, en atención a circunstancias especiais e méritos merezan tal distinción.

• Precolexiados: son precolexiados os alumnos que estean a cursar calquera dos estudos conducentes a títulos que sexan admitidos para ser colexiados, sempre que teñan superados a metade dos créditos necesarios para obter o título.

Na condición de precolexiado non se poderá estar máis de tres anos. Transcorridos tres anos contados de data a data, será automática a súa baixa como precolexiado, salvo que con anterioridade adquirisen a condición de colexiados.

Os precolexiados gozarán dos mesmos dereitos e deberes que os colexiados, agás que non poderán formar parte dos órganos de goberno nin terán dereito a voto na Xunta Xeral, nin das funcións propias do exercicio na súa condición de colexiados titulados tales como nomeamento para un asunto profesional ou da quenda de oficio, ou a obrigación de ter un seguro de responsabilidade civil.

Artigo 8. Ingreso

Para o exercicio da profesión de economista, profesor mercantil, perito mercantil ou diplomado en ciencias empresariais, no ámbito territorial do presente Colexio, será requisito indispensable acharse incorporado ao colexio profesional cando así o estableza unha lei estatal.

Para ingresar no Colexio será preciso, ademais de realizar a solicitude, reunir as seguintes condicións:

1. Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos: licenciado/a en Ciencias Políticas e Económicas (sección de Ciencias Económicas), en Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais (sección de Ciencias Económicas e Comerciais), en Ciencias Económicas e Empresariais, en Economía, en Administración e Dirección de Empresas, en Investigación e Técnicas de Mercado, en Ciencias Actuariais e Financeiras, de Intendente Mercantil, de Actuario Mercantil, Profesor Mercantil e Perito Mercantil, diplomado en Ciencias Empresariais, graduado en calquera titulación do ámbito da economía ou a empresa ou outro título superior do Estado español ou doutros estados membros da Unión Europea e do Espazo Económico Europeo legalmente recoñecido con algúns dos anteriores segundo disposicións vixentes que supoñan obter os coñecementos académicos e as cualificacións profesionais para exercer as funcións propias da profesión de economista, recoñecidas no Real decreto 871/1977, do 26 de abril, e demais normas que o complementen, modifiquen ou substitúan.

2. Non acharse incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión.

3. Non atoparse suspendido por sanción disciplinaria colexial firme no exercicio profesional.

4. Abonar os custos asociados á tramitación da incorporación e demais cotas que teña establecidas o Colexio, tendo en conta que a cota de ingreso non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición, de conformidade co disposto na normativa legal vixente.

Artigo 9. Solicitude

A colexiación solicitarase mediante a entrega dun formulario dirixido ao secretario xeral do Colexio, no cal se detallará toda a información académica e profesional do solicitante, xuntando os documentos que acrediten reunir as condicións establecidas no artigo 8.

Presentada a solicitude e verificado polo secretario xeral da Xunta de Goberno o cumprimento dos requisitos exixidos para a colexiación, o solicitante poderá exercer os dereitos e asumirá os deberes como colexiado.

A inclusión no Colexio será ratificada pola Xunta de Goberno na seguinte reunión que se celebre.

Tamén se poderá tramitar a colexiación por vía telemática, de acordo co previsto no artigo 5 dos presentes estatutos.

Artigo 10. Actuación profesional

1. Bastará a incorporación a un só colexio, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio español.

2. Os colexios non poderán exixir aos profesionais que exerzan nun territorio diferente ao de colexiación comunicación nin habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao Colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio dos consumidores e usuarios, os colexios deberán utilizar os mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, se for o caso, polo Colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español.

3. No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea ou dun profesional español a outro Estado membro da Unión Europea, observarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

4. En todo caso, os requisitos que obriguen a exercer de forma exclusiva unha profesión ou que limiten o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións serán só os que se establezan por lei.

Artigo 11. Perda da condición de colexiado

A condición de colexiado e os seus dereitos inherentes pérdense por:

1. Falecemento.

2. Baixa voluntaria comunicada por escrito, que terá efectos desde a data de presentación da solicitude.

3. Morosidade no pagamento da cota colexial dun mínimo de seis meses alternos ou continuos, con efectos desde que o acorde a Xunta de Goberno.

4. Expulsión acordada pola Xunta de Goberno, logo de expediente disciplinario que incorpore un trámite de audiencia ao interesado. A súa eficacia darase desde a data da resolución, salvo medidas cautelares que se acorden en vía administrativa ou xudicial.

5. Condena xudicial firme que leve á inhabilitación para o exercicio da profesión, ata a súa extinción, desde a data da firmeza da sentenza ou da notificación da súa execución provisional respecto da inhabilitación, sen prexuízo da posibilidade de reingreso en caso de rehabilitación.

6. Perda ou inexactitude comprobada dalgunha das condicións exixibles para o exercicio da profesión, con efectos desde que o acorde a Xunta de Goberno.

Artigo 12. Baixa e reingreso

O colexiado que cause baixa perderá todos os dereitos inherentes á colexiación. De se admitir o seu reingreso, ademais dos custos asociados á tramitación da incorporación ao Colexio haberá de satisfacer, en caso de existiren, as débedas anteriores que tivese.

Artigo 13. Participación

Todos os colexiados terán voz e voto nas reunións da Xunta Xeral e poderán formar parte da Xunta de Goberno de acordo cos termos estipulados no artigo 39.

Artigo 14. Designación para asuntos profesionais

A secretaría do Colexio formará a lista dos colexiados que se achen en condicións de actuar profesionalmente e comunicará as designacións de acordo coas normas que sobre a quenda aprobase a Xunta de Goberno.

O colexiado elixido para un asunto profesional por mediación do Colexio asinará a aceptación do cargo obrigándose a respectar o regulamento que será aprobado pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO IV
Dos dereitos e obrigacións dos colexiados

Artigo 15. Dereitos dos colexiados

Son dereitos dos colexiados:

1. Exercer as funcións propias de economista ou de titulado mercantil de acordo co estatuto profesional que lle sexa aplicable, e demais funcións que poidan ser recoñecidas pola normativa nacional ou internacional de aplicación. Para que sexa recoñecido o exercicio profesional por medio dunha sociedade profesional, esta deberá reunir os requisitos exixidos legalmente e constar inscrita no rexistro do Colexio.

2. Utilizar a denominación profesional de economista, de acordo coa lexislación vixente.

3. Utilizar os servizos ofrecidos polo Colexio na forma que determine a Xunta de Goberno e a Xunta Xeral.

4. Elixir e ser elixido para formar parte dos órganos colexiais.

5. Recibir todo tipo de comunicacións informativas que o Colexio divulgue.

6. Recibir por parte do Colexio apoio institucional naqueles casos en que a Xunta de Goberno, considere necesario para salvagardar os intereses deles e que poida constituír un dano para el ou o colectivo.

7. Ademais, terán o resto dos dereitos determinados na normativa reguladora dos colexios profesionais.

Artigo 16. Obrigacións do colexiado

1. Estar ao día no pagamento de calquera tipo de cota colexial.

2. Exercer a profesión coa maior dilixencia profesional respectando as normas de ética e deontoloxía.

3. Actualizar os seus coñecementos e técnicas de traballo e asegurar o adecuado nivel dos traballos realizados. Se for o caso, para tales efectos, deberá acreditar as condicións necesarias para desenvolver determinadas actividades.

4. Colaborar coa Xunta de Goberno naquelas tarefas que se lle encomenden, dentro das súas posibilidades.

5. Acatar os acordos que se tomen na Xunta Xeral e na Xunta de Goberno, así como o establecido nestes estatutos, sen prexuízo de utilizar os medios legais ao seu alcance en caso de desconformidade.

6. Comunicar os datos persoais de interese profesional e corporativo, así como os cambios de domicilio para os efectos de control e rexistro.

7. Defender os intereses confiados polos usuarios dos seus servizos e gardar o segredo profesional.

8. Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil que cubra a responsabilidade por danos en que poida incorrer por unha actuación profesional neglixente, se exerce actividade por conta propia.

CAPÍTULO V
Das sociedades profesionais

Artigo 17. Sociedades profesionais

As sociedades profesionais constituídas en escritura pública e debidamente inscritas no Rexistro Mercantil deberán inscribirse no correspondente rexistro de sociedades profesionais do Colexio, e están sometidas tanto elas como os seus membros profesionais ao mesmo réxime disciplinario e deontolóxico que os demais colexiados.

Os requisitos para a inscrición e o funcionamento destas sociedades profesionais deberán cumprir a normativa vixente sobre este tipo de entidades.

CAPÍTULO VI
Dos honorarios profesionais

Artigo 18. Criterios de aplicación

O colexiado ten dereito a unha retribución económica xusta e adecuada polos servizos prestados, así como ao reintegro dos gastos ocasionados.

Os colexiados son libres para pactar cos seus clientes a contía dos seus honorarios.

Artigo 19. Xestións do Colexio no cobramento de honorarios

O Colexio encargarase do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado o solicite libre e expresamente, nos casos en que o Colexio teña creados os servizos adecuados e nas condicións que determinen a Xunta de Goberno.

CAPÍTULO VII
Organización colexial

Artigo 20. Órganos colexiais

Os órganos da estrutura colexial son os seguintes:

1. A Xunta Xeral de colexiados como órgano plenario.

2. A Xunta de Goberno como órgano de goberno.

3. O decano-presidente como órgano unipersoal.

Artigo 21. Composición da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno do Colexio estará formada por:

1. Un decano-presidente.

2. Un vicedecano-vicepresidente.

3. Un secretario xeral.

4. Un tesoureiro.

5. Dez vogais.

En caso de que o considere necesario, a Xunta de Goberno poderá elixir de entre os vogais un vicesecretario e un vicetesoureiro para exerceren as funcións de suplencia do secretario xeral e do tesoureiro respectivamente.

As persoas que integren a Xunta de Goberno deberán ter a condición de colexiados, con seis meses de antigüidade á data de convocatoria das eleccións correspondentes, a excepción do decano-presidente que deberá ter una antigüidade como colexiado de 2 anos.

A composición da Xunta de Goberno deberá ser o máis paritaria posible, sen que en ningún caso un dos sexos poida superar a porcentaxe do 60 %.

A duración do cargo será de catro anos e poden ser reelixidos indefinidamente por iguais períodos de catro anos.

A Xunta Xeral poderá modificar o número de vogais da Xunta de Goberno para adecuar a proporcionalidade á variación do número total de colexiados.

Artigo 22. Elección da Xunta de Goberno

Os membros da Xunta de Goberno, incluído o seu decano-presidente, serán elixidos pola Xunta Xeral, de conformidade co sistema electoral regulado nestes estatutos.

Artigo 23. Toma de posesión

Feita a designación da nova Xunta de Goberno, daráselles posesión segundo o disposto no artigo 49 destes estatutos. Se algún non se achar presente, tomará posesión na reunión seguinte, salvo renuncia do cargo xustificada por escrito. Con cargo aos fondos do Colexio subscribirase un seguro de responsabilidade civil polas actuacións da Xunta de Goberno e os seus membros.

Artigo 24. Renovación

As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno durante o mandato dos seus membros, sempre que o seu número sexa inferior á metade deles, serán cubertos polos suplentes, e en caso de careceren de suplentes, serán provistos pola propia Xunta de Goberno e debendo ser ratificados tales nomeamentos na seguinte Xunta Xeral.

Se por calquera motivo quedaren vacantes, polo menos, a metade dos cargos da Xunta que foron elixidos, convocaranse novas eleccións á Xunta de Goberno nun prazo máximo de 30 días.

Se quedar vacante a totalidade dos cargos da Xunta e non se poden convocar eleccións por non existir o órgano competente para iso, será constituída polo Consello Galego de Colexios de Economistas ou, se for o caso, polo Consello Xeral de Economistas unha Xunta Electoral integrada por membros do Colexio, a cal convocará eleccións dentro dos 30 días seguintes á súa designación, para cubrir os cargos vacantes.

No caso de que o Colexio de Economistas da Coruña non realice actividade colexial algunha nin reúna a súa Xunta de Goberno, ou non convocase Xunta Xeral cando corresponda no prazo dun ano, así como cando non se renovou a Xunta de Goberno durante 4 anos, o Consello Galego de Colexios de Economistas ou, se for o caso, o Consello Xeral de Economistas procederá a convocar Xunta Xeral de Colexiados con obxecto de nomear unha Xunta de Goberno provisional. Esta convocatoria deberá cursarse cunha antelación mínima de 20 días á data de celebración do acto electoral e deberá publicarse no xornal da provincia de maior tiraxe. O prazo para presentar candidaturas ante o Consello Galego de Colexios de Economistas ou, se for o caso, o Consello Xeral de Economistas vencerá 7 días naturais antes do acto electoral.

Artigo 25. Competencias da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno asumirá a dirección e administración do Colexio.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

1. Con relación aos colexiados:

a) Impulsar o procedemento de aprobación e reforma dos estatutos.

b) Propor á Xunta Xeral os asuntos que lle competan.

c) Proporcionar o asesoramento e apoio técnico á Xunta Xeral.

d) Resolver sobre a admisión das persoas que desexen incorporarse ao Colexio.

e) Fixar as cotas e dereitos colexiais que procedan.

f) Facilitar aos tribunais e demais organismos ou entidades públicas ou privadas, conforme as leis, a relación de colexiados que sexan requiridos para interviren como peritos en asuntos xudiciais.

g) Encargarse do cobramento de honorarios profesionais por solicitude dos colexiados, nos casos en que o Colexio teña organizado o servizo correspondente e nas condicións por que se regule devandito servizo.

h) Establecer criterios de honorarios orientativos para os exclusivos efectos das taxacións de custas xudiciais, a fin de emitir os informes que sexan requiridos polos órganos xudiciais, segundo o establecido na normativa vixente.

i) Exercer a potestade disciplinaria sobre os colexiados.

j) Comunicar aos colexiados as normas legais, científicas, técnicas e deontolóxicas que deberán observar no exercicio da profesión, velando polo seu cumprimento.

k) Velar pola independencia e a liberdade necesaria para que os colexiados poidan cumprir fielmente os seus deberes profesionais, exixindo que se garde toda a consideración debida ao prestixio da profesión.

l) Velar pola observancia do debido respecto entre compañeiros colexiados.

m) Ditar, en supostos de urxencia, as normas de orde interna que considere oportunas, que se someterán á ratificación da Xunta Xeral.

n) Designar representantes do Colexio nas comisións que se creen para os efectos oportunos.

o) Outorgar poderes ao decano-presidente, ou ao vicedecano-vicepresidente por substitución daquel, para representar o Colexio ante os xulgados e tribunais, así como para a execución dos acordos que adopten a Xunta Xeral ou a Xunta de Goberno.

p) Defender os colexiados no exercicio das súas funcións profesionais.

2. Con relación aos recursos do Colexio:

a) Recadar, distribuír e administrar os fondos colexiais e financiar adecuadamente as necesidades futuras do Colexio, someténdoo á aprobación da Xunta Xeral. Comprar, vender, gravar ou realizar actos de disposición de bens mobles ou inmobles. Contratar o persoal e levar a dirección deste, así como exercer todas as actuacións relativas ao persoal.

b) Elaborar os orzamentos e as contas anuais do Colexio e a memoria anual.

c) Propor á Xunta Xeral a aplicación dos fondos sociais.

d) Aprobar a creación de delegacións territoriais.

3. Outras:

a) As relativas á aprobación da carta de servizos ao cidadán e, en xeral, todas aquelas derivadas da normativa en vigor.

b) Realizar os informes necesarios para o Consello Xeral de Economistas ou para o Consello Galego de Colexios de Economistas.

c) Concretar acordos ou convenios de colaboración con todo tipo de entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos fins corporativos.

d) Convocar as eleccións á Xunta de Goberno ou a substitución de membros en caso de vacantes.

e) Designar e substituír os representantes do Colexio ante o Consello Xeral de Economistas, o Consello Galego de Colexios de Economistas ou calquera outro órgano público ou privado en que corresponda ao Colexio representación ou lle sexa solicitada.

f) Exercer o dereito de petición ante toda clase de autoridades.

g) Fomentar a investigación e a docencia das ciencias económicas e empresariais.

h) Colaborar con todos os centros educativos que impartan materias de economía ou de empresa, especialmente con aqueles que expidan títulos que dan acceso á profesión de economista.

4. Honras e distincións:

É competencia da Xunta de Goberno a concesión de honras e distincións honoríficas segundo teor do establecido nas normas de funcionamento interno.

5. Todas aquelas funcións e competencias que, aínda que expresamente non se citaron, deriven da aplicación dos presentes estatutos, disposicións legais e non sexan atribuídas á Xunta Xeral ou ao decano-presidente.

Artigo 26. Reunión

A Xunta de Goberno será convocada polo secretario xeral por orde do decano-presidente con carácter ordinario, como mínimo, unha vez cada tres meses. Nalgunha das reunións deberán elaborarse os orzamentos para o ano seguinte e dentro dos tres meses primeiros do ano deberán formularse as contas do exercicio anterior e aprobar a memoria anual.

Con independencia do anterior, a Xunta de Goberno reunirase en sesión sempre que o decano-presidente considere oportuno convocala, así como cando o solicite polo menos un 20 por cento dos membros da Xunta, fixando a orde do día.

O presidente ou a persoa que o substitúa fará a convocatoria en que se detallará a orde do día e será cursada cunha antelación mínima de 24 horas.

A convocatoria poderase realizar por correo electrónico.

A Xunta de Goberno considerarase validamente constituída e poderá adoptar acordos cando concorran a ela, de forma presencial ou por representación, polo menos, a metade máis un dos seus membros, salvo cando o único punto da orde do día sexa a convocatoria de eleccións por cesamento de máis da metade dos membros nomeados; neste caso requirirase a concorrencia de, polo menos, tres cuartos dos membros que permanezan nos seus cargos, presentes ou representados.

Artigo 27. Adopción de acordos

Os acordos da Xunta de Goberno adoptaranse por maioría simple de votos, salvo nos casos en que os presentes estatutos establezan maiorías cualificadas ou cando se trate de aprobar a reforma destes estatutos, fusión, disolución o extinción, nos cales o acordo requirirá unha maioría de tres cuartas partes dos votos dos seus membros. Os empates dirimiranse mediante o voto de calidade do decano-presidente.

Cada membro da Xunta de Goberno terá un voto. Os membros da Xunta de Goberno poderán delegar o seu voto en calquera outro membro da Xunta. Esta delegación poderá facerse polo mesmo medio por que foi convocada reunión.

Os membros da Xunta de Goberno que deixaren de asistir a tres sesións consecutivas sen causa xustificada poderán ser removidos do cargo para o cal foron designados, e a Xunta de Goberno poderá prover con carácter interino a vacante producida cos suplentes que formasen parte da candidatura. No caso de que non queden suplentes, poderá elixir a un colexiado que reúna os requisitos establecidos nestes estatutos para ser elixible aos cargos da Xunta de Goberno. Deste feito informarase na seguinte Xunta Xeral.

CAPÍTULO VIII
Dos cargos da Xunta de Goberno

Artigo 28. Funcións do decano-presidente

Corresponden ao decano-presidente as seguintes funcións:

a) Convocar e presidir as sesións de Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, ordenando os debates e o proceso de adopción de acordos. Terá voto de calidade para dirimir os empates que se produzan.

b) Representar o Colexio en todos os actos que este organice, naqueles en que concorra oficialmente e ante todo tipo de autoridades, organismos, tribunais de xustiza e persoas físicas e xurídicas, ben persoalmente ben por medio do vicedecano-vicepresidente, outro membro da Xunta de Goberno ou os colexiados que designe.

c) O decano-presidente, ou quen estatutariamente faga as súas veces, asume a representación legal do Colexio ante as administracións públicas, organismos públicos e todo tipo de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, nas actuacións externas que resulten necesarias ou convenientes para os fins do Colexio, levando a cabo todo tipo de actos xurídicos, tanto unilaterais como bilaterais, comparecencias, outorgamentos e subscrición de calquera clase de documentos públicos ou privados, naquelas materias que se atopen estatutariamente asignadas á súa competencia, ou que, aínda correspondendo a outros órganos, proceda levar a efecto, acreditando neste último caso a concorrencia do acordo en cumprimento da cal intervén.

d) Exercer as accións que corresponda levar a cabo ao Colexio e representar este e aos seus órganos en xuízo e fóra del, outorgando e revogando poderes de representación xerais ou para preitos en nome do Colexio.

e) Coordinar e impulsar a actividade do Colexio e cumprir e facer cumprir os acordos adoptados polos órganos do Colexio dentro da súa competencia.

f) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, logo de convocatoria da Xunta de Goberno, dando conta esta das decisións adoptadas.

g) Autorizar co seu visto e prace as sinaturas nas comunicacións e informes que teñan que cursarse e visar os libramentos e certificacións do Colexio.

h) Presidir calquera reunión das delegacións, grupos ou comisións que poidan existir dentro do Colexio.

i) Exercer as accións que correspondan en defensa de todos os colexiados, ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral.

j) Logo de acordo da Xunta de Goberno, poderá, en representación do Colexio, a título oneroso ou lucrativo, allear, comprar, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos, contraer obrigas e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, exercer ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións, incluída a constitucional, sempre no ámbito da súa competencia. Abrir, dispor e cancelar contas bancarias, coa sinatura doutro membro da Xunta de Goberno debidamente autorizado por esta.

k) Calquera outra xestión encomendada pola Xunta de Goberno.

Artigo 29. Funcións do vicedecano-vicepresidente

Corresponde ao vicedecano-vicepresidente substituír o decano-presidente en caso de ausencia, imposibilidade ou vacante, así como exercer todas as funcións que este lle delegue.

Artigo 30. Funcións do secretario xeral

Corresponden ao secretario xeral as seguintes funcións:

a) Manter baixo a súa responsabilidade os libros de actas e custodiar os selos e documentos oficiais do Colexio, así como os rexistros de colexiados e demais material do Colexio.

b) Expedir as certificacións que procedan, así como as comunicacións, ordes e circulares aprobadas polos órganos do Colexio.

c) Levantar e asinar as actas das reunións da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, contando co visto e prace do presidente, que se poden aprobar no mesmo acto ou na seguinte reunión. Nas actas expresarase a data e a hora da reunión, os asistentes e acordos adoptados, que recollerán, cando se solicite, as opinións contrarias ao acordo adoptado. As propostas respecto das cales non formule obxeccións ningún asistente á reunión entenderanse aprobadas por asentimento. A acta recollerá se se adoptou o acordo por unanimidade ou por maioría, e neste caso expresará o número de votos ou a maioría concreta por que foi acordada.

d) Dirixir os servizos administrativos e ao persoal do Colexio.

e) Redactar e asinar, por orde do decano-presidente, as convocatorias da Xunta Xeral e de Goberno.

f) Velar polo funcionamento dos servizos do Colexio, en especial polos relativos ao portelo único e o servizo de atención a usuarios e consumidores.

Artigo 31. Funcións do tesoureiro

As funcións do tesoureiro son:

a) Emitir e asinar os recibos dos colexiados. Esta función poderá delegala no persoal administrativo do Colexio.

b) Custodiar e controlar os fondos do Colexio e a súa aplicación en función do orzamento.

c) Levar un libro de caixa en que conste a entrada e a saída de fondos, xustificando debidamente os ingresos e gastos cos correspondentes documentos.

d) Presentar en cada sesión da Xunta de Goberno un estado de contas desde a anterior Xunta de Goberno, unha relación dos recibos pendentes de cobramento e unha proposta dos colexiados a quen regulamentariamente proceda dar de baixa por falta de pagamento, así como un avance do estado económico xeral do Colexio.

e) Supervisar o cobramento de todas as cantidades que, por calquera concepto, deban ingresarse no Colexio, autorizando coa súa sinatura os recibos correspondentes e pagar todos os libramentos co visto e prace do presidente.

f) Propor o necesario para a boa administración dos recursos do Colexio e a súa contabilidade, subscribindo os documentos de disposición de fondos, contas correntes e depósitos en unión das persoas que a Xunta de Goberno designe como autorizadas e baixo as condicións que fixe de sinatura mancomunada.

g) Levar os libros necesarios para o rexistro dos ingresos e gastos, elaborar a contabilidade e os proxectos de orzamentos para a súa aprobación pola Xunta e sometela a liquidación (ingresos e gastos) do exercicio.

Artigo 32. Funcións do vogais

Os vogais colaborarán nas funcións da Xunta de Goberno, con voz e voto, asistindo ás súas reunións e participando nas súas deliberacións. Os vogais terán as competencias específicas que o decano-presidente ou a Xunta de Goberno lles encomenden.

Artigo 33. Substitucións

En caso de ausencia do decano-presidente será substituído de acordo coa seguinte orde:

• Vicedecano-vicepresidente.

• Secretario xeral.

• Tesoureiro.

• Vogal, seguindo a orde numérica.

En caso de ausencia do secretario xeral ou tesoureiro, será substituído polo vogal que teña o número máis baixo, excepto que a Xunta de Goberno teña designados os cargos de vicesecretario e vicetesoureiro, segundo o previsto no artigo 21.

Artigo 34. Delegacións territoriais

As delegacións territoriais teñen como finalidade promover a actividade corporativa do Colexio na súa demarcación, dando conta da súa actividade á Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno elixirá un delegado territorial de entre os colexiados da correspondente demarcación, que pasará a integrarse na composición da Xunta como vogal nato, no caso de que non forme parte da composición dela.

As actividades que desenvolverá a delegación territorial deberán ser previamente aprobadas pola Xunta de Goberno por proposta do delegado, a quen corresponde a coordinación delas.

Así mesmo, a Xunta de Goberno proverá dos medios humanos e materiais que se precisen para o desenvolvemento das actividades da delegación, dentro dos orzamentos aprobados pola Xunta Xeral para cada exercicio.

Artigo 35. Secretaría Técnica-Xerencia

A Secretaría Técnica, ou Xerencia, asume a coordinación dos distintos servizos administrativos do Colexio, do portelo único e do Servizo de Atención aos Consumidores e Usuarios e asiste, para estes efectos, ás reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto, e dá cumprimento aos seus acordos baixo a dirección do secretario xeral. Poderanlle ser delegadas, de forma expresa, funcións específicas e determinadas pola da Xunta de Goberno e dos diferentes cargos desta.

CAPÍTULO IX
Das eleccións

Artigo 36. Electores

Todos os colexiados, que na data de convocatoria de eleccións, estean incorporados ao Colexio poderán exercer o dereito de sufraxio. Os colexiados que soliciten a baixa ou se encontren incursos nun procedemento de baixa posterior á data de convocatoria non poderán exercer o dereito de sufraxio.

Artigo 37. Publicidade

A secretaría, dentro dos cinco primeiros días naturais seguintes ao da data do anuncio da convocatoria, deberá inserir no taboleiro de anuncios e na páxina web do Colexio o texto da convocatoria, requisitos para acceder a ela, o día, o lugar e o horario de votación e, concretamente, o de inicio do escrutinio, e a listaxe de colexiados con dereito a voto. No caso do listaxe de colexiados, faranse constar só os datos de coñecemento público, de acordo coa lexislación vixente.

Os colexiados que queiran presentar reclamacións contra a súa exclusión deberán facelo dentro do prazo dos cinco días naturais seguintes á publicación do censo electoral.

A Xunta Electoral, no caso de haber reclamacións por exclusión, resolverá no prazo dos tres días naturais seguintes e notificará a súa resolución a cada reclamante nos tres días naturais seguintes.

Artigo 38. Convocatoria

A convocatoria para a elección de cargos da Xunta de Goberno corresponde a esta ou á Xunta Electoral, se for o caso, conforme o disposto nestes estatutos. A convocatoria realizarase cunha antelación mínima de 30 días días naturais á data de celebración do acto electoral.

Artigo 39 Elixibles

Para ser proclamado candidato a calquera cargo da Xunta de Goberno será requisito ter domicilio na demarcación territorial do Colexio, ter unha antigüidade de, polo menos, 6 meses na data de convocatoria de eleccións, excepto para o decano-presidente, que terá que ter unha antigüidade de, polo menos, 2 anos como colexiado.

Deberán estar ao día en todas as súas obrigas co Colexio, estar incluídos no censo electoral, non estar inhabilitados para o exercicio da profesión nin estar cumprindo una sanción firme imposta polo Colexio.

Artigo 40. Presentación de candidaturas

As candidaturas, que deberán cubrir a totalidade dos postos da Xunta de Goberno e indicar a que posto aspira cada candidato, deberán presentarse na sede do Colexio con, polo menos, 20 días naturais de antelación á data sinalada para o acto electoral.

Nas listas poderanse incorporar os suplentes que se consideren adecuados.

Deberá indicarse o nome e correo electrónico do seu representante, quen actuará en nome da candidatura e recibirá por correo electrónico a notificación dos acordos relativos ao proceso electoral. De non figurar esta designación, entenderase que é o candidato a decano-presidente e, de non figurar o seu correo electrónico, notificarase ao correo electrónico de que se dispoña no Colexio.

Artigo 41. Proclamación de candidatos

Ao día seguinte de acabar o prazo de presentación das candidaturas, a Xunta Electoral proclamará as candidaturas que reúnan os requisitos exixidos nestes estatutos.

Seguidamente, publicarase o acordo no taboleiro de anuncios do Colexio e na súa páxina web, a través do portelo único, comunicándoo ao día seguinte aos interesados, sen prexuízo de que se poida enviar ao resto dos colexiados.

No caso de existir unha soa candidatura, será proclamada electa sen necesidade de celebrar elección ningunha.

Artigo 42. Exclusión e recursos

A resolución conforme a cal a Xunta Electoral acorde a exclusión dun candidato deberá estar motivada e notificarase ao interesado ao día seguinte da súa adopción, e a candidatura poderá presentar recurso ou completar a candidatura ante a citada Xunta dentro dos dous días naturais seguintes á notificación.

A Xunta deberá resolver nun prazo de dous días naturais.e notificará a súa resolución a cada reclamante nos dous días seguintes.

Artigo 43. A Xunta Electoral

Corresponde á Xunta Electoral constituída para o efecto presidir o proceso electoral e resolver as reclamacións e incidencias que se poidan producir.

A Xunta Electoral estará composta por un presidente, designado pola Xunta de Goberno saínte na persoa dun colexiado de recoñecido prestixio, e de dous vogais elixidos por sorteo entre quen formase parte das xuntas de goberno nos 10 anos previos á convocatoria e, na falta destes, de entre todos os colexiados con dereito a voto. No mesmo sorteo elixiranse outros tantos suplentes que só serán convocados no caso de que os titulares acrediten imposibilidade manifesta para a realización das súas funcións.

A condición de membro da Xunta Electoral é incompatible coa de candidato, interventor ou representante dalgunha das candidaturas.

A designación dos membros da Xunta Electoral realizarase dentro dos tres días seguintes á convocatoria do proceso electoral, e dentro dos dous días seguintes convocaranse os seus membros para o acto de aceptación dos seus cargos e constitución do citado órgano.

A Xunta Electoral elixirá de entre os seus membros un secretario.

Será motivo de renuncia a formar parte da Xunta Electoral ser maior de 70 anos.

Artigo 44. Campaña electoral

As candidaturas poderán realizar, ao seu cargo, as actividades de campaña electoral axustadas ao ordenamento xurídico. Non obstante, non poderán servirse, para os efectos anteriores, dos medios materiais nin persoais do Colexio, con excepción das instalacións colexiais para realizar reunións ou outros actos relacionados coa campaña electoral.

Os representantes das candidaturas poderán solicitar ao Colexio unha copia do censo electoral, así como os datos de contacto dos colexiados, de acordo coa lexislación vixente. O uso por parte dos candidatos destes datos queda estritamente limitado á campaña electoral concreta.

O Colexio enviará o programa das candidaturas e publicarao na web, unha vez que a Xunta Electoral comprobe a adecuación do seu contido ás normas éticas e deontolóxicas.

Artigo 45. Mesa electoral

Para a celebración de eleccións, constituirase a mesa electoral integrada pola Xunta Electoral.

Cada candidatura poderá designar, de entre os colexiados, un interventor que a represente nas operacións electorais.

Na mesa electoral estará a urna ou urnas, que deberán pecharse e precintarse co selo do Colexio deixando só unha abertura para a introdución da papeleta.

Constituída a mesa electoral, o presidente sinalará o inicio da votación e, na hora prevista para a súa finalización, pecharanse as portas da dependencia e só poderán votar os colexiados que se atopen dentro.

A continuación, logo de comprobación, introduciranse na urna electoral os votos que chegasen ata aquel momento por voto anticipado e que cumpran cos requisitos establecidos.

A Xunta de Goberno determinará o horario da elección, que terá unha duración mínima de 6 horas.

As papeletas e os sobres da votación deberán ser todas do mesmo tamaño e da mesma cor. O Colexio será o encargado de confeccionar as papeletas e enviará unha de cada candidatura aos colexiados, sen excluír que as candidaturas poidan tamén facelas coas características exactas das confeccionadas polo Colexio.

As candidaturas poderán solicitar ao Colexio que lle facilite as papeletas e sobres e neste caso a candidatura solicitante correrá cos gastos necesarios.

No lugar da votación facilitaranse, en cantidade suficiente, sobres e papeletas co nome de cada candidatura presentada.

Artigo 46. Votación

A elección dos membros da Xunta de Goberno farase por votación directa e secreta dos colexiados ou por voto anticipado.

En caso de voto directo, os votantes deberán acreditar a súa identidade ante a mesa electoral, a cal comprobará que está incluído no censo. O presidente dirá en voz alta o nome e apelidos do votante e, no momento de introducir a papeleta na urna, farase mención de que votou.

En caso de voto anticipado, realizarase da seguinte forma:

1. Introducirase a papeleta no sobre electoral, para o cal deben utilizarse os modelos confeccionados polo Colexio de acordo co estipulado no artigo 45.

2. Introducirase este sobre noutro de maior tamaño, xunto coa fotocopia do DNI, no sobre exterior constará o nome, sinatura e número de colexiado. Remitirase ese sobre por correo certificado ou entregarase na sede do Colexio ou nas sedes das delegacións territoriais, se for o caso, á atención do presidente da mesa electoral coa indicación: «Para as eleccións do Colexio de Economistas da Coruña, que se celebrarán o día ______».

3. Computaranse os votos anticipados recibidos antes do cerramento da votación. Os sobres recibidos serán rexistrados nun rexistro aberto para o efecto que levará a persoa designada pola Xunta Electoral, de entre o persoal do Colexio. Este libro estará sempre á disposición da Xunta Electoral.

4. A mesa electoral recibirá os sobres de voto anticipado e cotexará a sinatura coa do DNI ou coa que figure na ficha do Colexio; desta forma, identificará, o votante.

5. Se un colexiado vota anticipadamente e presencialmente, o voto anticipado non se computará.

6. O voto tamén poderá ser realizado electronicamente, sempre que se dispoña dos medios axeitados para iso. En todo caso, este modo de votación debe permitir acreditar a identidade do colexiado e a inalterabilidade do contido da mensaxe, así como o carácter persoal, indelegable, libre e secreto do sufraxio emitido telematicamente.

Artigo 47. Escrutinio

Unha vez finalizada a votación e introducidas as papeletas recibidas por voto anticipado, iniciarase, sen interrupción, o escrutinio, no transcurso do cal se lerán en voz alta todas as papeletas.

Consideraranse votos nulos:

• Os emitidos nun modelo diferente do oficial.

• As papeletas sen sobre.

• Os sobres que conteñan máis dunha papeleta de distintas candidaturas (se se incluíren varias papeletas da mesma candidatura, cóntase como un único voto válido).

• Os que se emiten en sobres alterados.

• Os emitidos en papeletas nas cales se modificasen, engadisen ou riscasen nomes de candidatos comprendidos nelas ou se alterase a súa orde de colocación, así como naquelas en que se introducise calquera lenda ou expresión ou se producise calquera outra alteración de carácter voluntario ou interesado.

• En caso de que se reciba máis dun voto anticipado remitido polo mesmo elector, ambos os dous serán considerados nulos.

Consideraranse votos brancos:

• Os sobres que non conteñan papeletas.

Finalizado o escrutinio, o presidente da mesa anunciará o resultado e quedará proclamada electa a candidatura que obtivese o maior número de votos. En caso de empate, entenderase elixida a lista na cal o candidato a decano-presidente teña maior antigüidade no Colexio. Este resultado farase constar, no momento do escrutinio, xunto con calquera observación que crean oportuna en relación co desenvolvemento das eleccións, e poderán interpor recurso ante a propia mesa en contra do resultado electoral no prazo de cinco días naturais posteriores ao da elección; a Xunta Electoral resolverá no prazo dos tres días naturais seguintes.

Do resultado da votación expedirase acta e darase copia a todos os interventores que o pidan.

Gardaranse en sobres lacrados e asinados pola mesa as papeletas de votación, facendo referencia a se o sobre contén votos válidos, nulos ou sobres de votos en branco. Transcorridos seis meses da proclamación definitiva da Xunta de Goberno, procederase a destruír os sobres cas papeletas.

Os resultados das eleccións serán comunicados pola Xunta de Goberno saínte, dentro dos dez días seguintes, ao Consello Xeral de Economistas e ao Consello Galego de Colexios de Economistas, incluíndo a composición da Xunta electa e cantos datos sexan legalmente exixidos.

Artigo 48. Reclamacións en materia electoral

Corresponde á Xunta Electoral resolver en primeira instancia as controversias e incidencias do proceso electoral. Para a comunicación dos acordos da Xunta Electoral poderá utilizarse calquera medio legalmente admitido, incluídos os telemáticos e electrónicos. Os acordos da Xunta Electoral publicaranse no taboleiro de anuncios, así como na páxina web do Colexio.

Contra os acordos da Xunta Electoral poderá interpoñerse recurso ante o Consello Xeral de Economistas dentro dos tres días seguintes á súa notificación. Transcorridos cinco días desde a interposición sen que se ditase resolución expresa, entenderanse desestimados, por silencio administrativo, e quedará esgotada a vía corporativa. Os recursos interporanse ante a Xunta Electoral, que os remitirá co seu informe ao Consello Xeral de Economistas dentro das vinte e catro horas seguintes.

Artigo 49. Proclamación dos membros electos e toma de posesión

A mesa electoral proclamará os membros electos una vez que finalice a votación e resolva os posibles recursos.

A Xunta de Goberno tomará posesión, nun acto convocado para o efecto pola Xunta de Goberno saínte que se celebrará no prazo máximo dos 10 días hábiles posteriores ao da celebración das eleccións ou, se for o caso, desde o día en que se consideren desestimados os posibles recursos en contra do resultado da elección.

CAPÍTULO X
Da Xunta Xeral

Artigo 50. Xunta Xeral

A Xunta Xeral estará integrada por todos os colexiados; é o órgano supremo da corporación e poderá convocarse con carácter ordinario ou extraordinario, segundo proceda.

Artigo 51. Xunta Xeral ordinaria

A Xunta Xeral ordinaria reunirase dúas veces ao ano:

1. No primeiro trimestre para deliberar e adoptar acordos, polo menos, en relación coa seguinte orde do día:

a) Aprobación das contas anuais e presentación do informe de auditoría do exercicio anterior.

b) Memoria anual elaborada pola Xunta de Goberno sobre as actividades do ano anterior. Esta memoria deberá facerse pública a través da páxina web nos termos e prazos sinalados na normativa vixente.

c) Proxectos en curso de realización.

d) Debate e votación das propostas que a Xunta de Goberno acordase incluír.

e) Propostas dos colexiados.

f) Rogos e preguntas.

2. Antes de finalizar o exercicio para deliberar e adoptar acordos, polo menos, en relación coa seguinte orde do día:

a) Aprobación do orzamento que para o exercicio seguinte propoña a Xunta de Goberno.

b) Nomeamento de auditores.

c) Proxectos en curso de realización.

d) Debate e votación das propostas que a Xunta de Goberno acordase incluír.

e) Propostas dos colexiados.

f) Rogos e preguntas.

A Xunta Xeral poderá acordar tratamentos específicos segundo a situación profesional dos colexiados.

Artigo 52. Proposicións

As proposicións dos colexiados ante a Xunta Xeral ordinaria deberán ser entregadas á Xunta de Goberno para que esta as examine e forme criterio sobre elas, cinco días antes, polo menos, daquel en que deba celebrarse a reunión, e deberá levar, como mínimo, cinco sinaturas de colexiados. Destes requisitos exceptúanse as propostas incidentais e de orde que presente durante a celebración da Xunta un ou varios colexiados.

Artigo 53. Xunta Xeral extraordinaria

Celebraranse xuntas xerais extraordinarias sempre que o considere necesario a Xunta de Goberno ou cando o solicite por escrito, expresando o asunto ou asuntos que nelas deban tratarse, polo menos, un 5 % dos colexiados.

Artigo 54. Convocatoria da Xunta Xeral ordinaria e extraordinaria

As convocatorias á Xunta Xeral ordinaria e extraordinaria faranse sempre por escrito, enviarase por correo electrónico ou, na súa falta, ao domicilio de todos os colexiados, e publicaranse na páxina web do Colexio. A convocatoria deberá facerse, polo menos, con 15 días naturais de anticipación. En caso de urxencia, a xuízo da Xunta de Goberno, poderá reducirse o devandito prazo a 72 horas.

Na convocatoria debe incluírse, polo menos, a data e a hora da primeira e segunda convocatoria, lugar de celebración e orde do día.

A partir da convocatoria estará ao dispor dos colexiados a documentación correspondente na sede colexial e a través da páxina web.

Artigo 55. Reunións

As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias celebraranse sempre no día e na hora sinalados, sexa en primeira ou en segunda convocatoria. En primeira convocatoria exixirase un quórum de asistencia, de presentes ou representados, da maioría dos colexiados. En segunda convocatoria, que terá lugar 30 minutos máis tarde que a primeira, calquera que sexa o número de colexiados presentes ou representados e sempre coa asistencia do decano-presidente e o secretario-xeral ou persoas que os substitúan, que formarán a Mesa da Xunta Xeral.

Artigo 56. Finalización

A Xunta Xeral, unha vez reunida, non se dará por terminada mentres non se discuta e se chegue a acordo sobre todos os puntos da orde do día, e con tal obxecto celebrarase o número de sesións que sexa necesario.

Artigo 57. Desenvolvemento das sesións

Con carácter xeral, e salvo as determinacións que en asuntos de excepcional interese adopte a Xunta Xeral sobre os temas que sexan obxecto de debate, só se permitirán como máximo dúas quendas a favor e dúas en contra, de cinco minutos de duración cada unha, e concederase a cada disertador o dereito a ratificar ou aclarar as súas alegacións durante dous minutos.

As votacións serán de tres clases: ordinaria, por chamamento e votación secreta.

A votación ordinaria, que se verificará levantando a man, primeiro os que non aproben a cuestión sometida a debate, despois as abstencións e finalmente os que a aproben, deberá celebrarse sempre que a pida un colexiado.

A votación por chamamento, que se verificará dicindo cada colexiado presente os seus apelidos seguidos da palabra «si», «non» ou «abstención», deberá celebrarse cando o soliciten un mínimo de cinco colexiados.

A votación secreta deberá celebrarse cando o considere adecuado a Mesa da Xunta ou o soliciten cinco colexiados.

Artigo 58. Adopción de acordos

Os acordos da Xunta Xeral adoptaranse por maioría simple de votos, salvo nos casos en que estes estatutos establezan maiorías cualificadas.

Entenderanse adoptados os acordos cando, consultada a Asemblea, non houber oposición de ningún dos asistentes.

O secretario xeral do Colexio será o encargado de escrutar os votos emitidos pero, a petición do secretario xeral ou dun mínimo de cinco colexiados, poderán auxilialo, intervindo na devandita función, dous colexiados designados pola Xunta Xeral.

Artigo 59. Quenda por alusións

O decano-presidente concederá a palabra por alusións e o aludido limitarase a contestar a alusión de que fose obxecto, sen entrar no fondo do debate exposto.

Artigo 60. Suspensión do uso da palabra

O decano-presidente poderá suspender no uso da palabra todo colexiado a quen tivese que chamar á orde dúas veces. Tamén poderá exixir que se expliquen ou retiren as palabras que considere molestas ou ofensivas para algún dos presentes ou ausentes.

Artigo 61. Emendas e adicións

As emendas ou adicións ás propostas da Xunta de Goberno ou dos colexiados deberán presentarse por escrito, asinadas por un ou máis colexiados, antes do debate ou no curso deste. Se o número de emendas presentado a unha proposición for considerado excesivo polo decano-presidente, este poderá propor á Xunta que só se discutan as que se aparten máis do criterio sustentado polos autores da proposición. Este punto deberá ser discutido e resolto en sentido favorable ou desfavorable, con prioridade a calquera outra discusión.

Artigo 62. Mocións de censura

Os colexiados poden exercer o dereito de elevar mocións de censura contra o decano-presidente ou algún ou algúns dos membros da Xunta de Goberno ou en contra desta en pleno.

Para ser admitida a trámite, a moción de censura deberá ser formulada por escrito e subscrita por, polo menos, un 10 % dos colexiados integrantes do censo no momento de formalizarse a solicitude, facendo constar con claridade e precisión os motivos en que se fundamenta.

Exposta unha moción de censura, convocarase para o efecto a Xunta Xeral con carácter extraordinario para tratar como único punto da orde do día sobre a moción de censura exposta. Para que prospere a moción de censura deberá ser aprobada pola metade máis un dos colexiados asistentes á Xunta Xeral onde se resolva sobre ela.

A aprobación da moción implicará o cesamento no cargo do censurado ou censurados.

Non poderán exporse mocións de censura sucesivas se non media entre elas un prazo de, polo menos, un ano.

Artigo 63. Actas

As actas das sesións de xuntas xerais, ordinarias ou extraordinarias, unha vez aprobadas, terán o carácter de documentos fidedignos e que fan fe das discusións e acordos adoptados, e non se admitirá contra os feitos consignados nelas ningunha rectificación.

Artigo 64. Delegación de voto

Os colexiados poderán delegar o seu voto para a Xunta Xeral noutro colexiado. Ningún colexiado poderá representar máis do 5 % do total de colexiados.

Para delegar o voto poderase facer enviando un escrito asinado ou remitindo un correo electrónico desde a mesma conta que se facilitase para recibir as comunicacións á Secretaría do Colexio.

CAPÍTULO XI
Das seccións

Artigo 65. Seccións

A Xunta de Goberno poderá crear, con carácter accidental ou de permanencia, as seccións colexiais necesarias para satisfacer os fins da corporación que se consideren necesarios.

Estas seccións ou comisións serán presididas sempre por un membro da Xunta de Goberno ou colexiado designado para o efecto pola Xunta de Goberno.

Os acordos que adopten as seccións ou comisións terán o carácter de proposta, que elevarán á Xunta de Goberno do Colexio para a súa aprobación ou desestimación.

CAPÍTULO XII
Réxime disciplinario

Artigo 66. Responsabilidade

Sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrer os colexiados, estarán igualmente suxeitos a responsabilidade disciplinaria por infracción dos seus deberes profesionais ou colexiais, na forma e co alcance que dispoñen estes estatutos, así como segundo o Código Deontolóxico do Consello Xeral de Economistas.

Artigo 67. Competencia sancionadora

A competencia para o exercicio da potestade sancionadora corresponde á Xunta de Goberno. No caso de que o expediente disciplinario se siga contra algún membro da dita Xunta de Goberno, a competencia corresponderá ao Consello Galego de Colexios de Economistas. Cando se trate dalgún membro integrante dalgún dos órganos do Consello Galego de Colexios de Economistas ou do Consello Xeral de Economistas, a competencia corresponderá ao Consello Xeral de Economistas.

Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao da colexiación, para efectos do exercicio da potestade disciplinaria que corresponde ao colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional en beneficio dos consumidores e usuarios, o Colexio utilizará os oportunos mecanismos de comunicación e cooperación administrativa entre autoridades competentes establecidos pola Lei 17/2009. As sancións impostas polo colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español e deberán notificarse expresamente ao Colexio no que estea inscrito o economista sancionado.

Artigo 68. Tipificación das infraccións

As infraccións que poidan levar a sanción disciplinaria clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 69. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

1. As infraccións das prohibicións, no exercicio profesional, en materia de incompatibilidades legais.

2. O incumprimento dos deberes profesionais cando resulte prexuízo grave para as persoas que soliciten ou concerten a actuación profesional.

3. A vulneración do segredo profesional.

4. O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou estando incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

5. A comisión de, polo menos, dúas infraccións graves no prazo de dous anos.

6. A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, con ocasión do exercicio da profesión.

7. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral de Economistas ou no código deontolóxico aprobado pola Xunta Xeral do Colexio.

Artigo 70. Faltas graves

Son faltas graves:

1. O incumprimento ou desatención dos acordos ou requirimentos adoptados polos órganos colexiais e, se for o caso, das obrigacións establecidas nestes estatutos.

2. O encubrimento de actos de intrusión profesional ou de actuacións profesionais que vulneren as normas deontolóxicas da profesión, que causen prexuízo as persoas que soliciten ou concerten os servizos profesionais ou que incorran en competencia desleal.

3. O incumprimento dos deberes profesionais cando causen prexuízo a quen solicite ou concerte a actuación profesional.

4. A ofensa grave á dignidade doutros profesionais, das persoas que formen parte da Xunta de Goberno do Colexio, así como das institucións con quen se relacione como consecuencia do seu exercicio profesional.

5. Os actos ilícitos que impidan ou alteren o normal funcionamento do Colexio Profesional ou da súa Xunta de Goberno.

6. A comisión de, polo menos, cinco infraccións leves no prazo de dous anos.

7. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral de Economistas ou no código deontolóxico aprobado pola Xunta Xeral do Colexio.

Artigo 71. Faltas leves

Son faltas leves:

1. As infraccións aos deberes que impón a profesión que non estean tipificadas como infraccións graves ou moi graves.

2. A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

3. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral de Economistas, ou no código deontolóxico aprobado pola Xunta Xeral do Colexio.

Artigo 72. Sancións

As sancións que cabe impor pola comisión de faltas poden ser:

a) Amoestación privada.

b) Advertencia por escrito.

c) Suspensión no exercicio profesional por un prazo non superior a 3 meses.

d) Suspensión no exercicio profesional polo prazo de 3 meses e inferior a 2 anos.

e) Expulsión do Colexio.

Artigo 73. Correspondencia entre infraccións e sancións

As infraccións moi graves serán castigadas coa sanción da letra d) ou e) do artigo anterior.

As infraccións graves serán castigadas coa sanción prevista na letra c) do anterior artigo.

As infraccións leves serán castigadas coas sancións previstas nas letras a) ou b) do artigo anterior.

Para a debida ponderación das sancións que se impoñan teranse en conta os seguintes criterios: intencionalidade, importancia do dano causado, ánimo de emendar a falta ou remediar os seus efectos e proveito económico obtido.

Artigo 74. Procedemento disciplinario

O procedemento disciplinario iniciarase de oficio, tendo como referencia a normativa reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común e a normativa que regula a potestade sancionadora. Non se admitirán a trámite denuncias anónimas.

Con anterioridade ao acordo de iniciación do procedemento disciplinario, a Xunta de Goberno poderá abrir un período de información previa para coñecer as circunstancias do caso concreto e determinar a conveniencia ou non de abrir expediente disciplinario. Esta información terá carácter reservado e a duración estritamente necesaria para alcanzar os obxectivos sinalados. Do mesmo xeito, e como medida preventiva, poderá acordar cantas medidas provisionais considere oportunas para asegurar a eficacia das resolucións que puidesen recaer, sempre que conte con elementos de xuízo suficientes para iso e non cause con elas danos irreparables aos interesados ou a violación dos dereitos amparados polas leis. O nomeamento do instrutor non poderá recaer sobre persoas que formen parte do órgano de Goberno que iniciase o procedemento.

A Xunta de Goberno, á vista dos antecedentes dispoñibles, poderá acordar o arquivo das actuacións ou dispor a apertura de expediente, designando, neste caso, instrutor e secretario. O acordo de apertura de expediente notificarase ao colexiado ou colexiados expedientados.

Tras as dilixencias indagatorias oportunas, o instrutor proporá o sobresemento do expediente ou ben formulará prego de cargos en que se concreten de forma clara os feitos imputados, a infracción presuntamente cometida e as sancións que poidan serlle de aplicación, concedendo ao expedientado un prazo non inferior a dez días hábiles para contestar por escrito.

No expediente son utilizables todos os medios de proba admisibles en dereito, correspondendo ao instrutor a práctica dos que se propoñan e consideren pertinentes ou el mesmo acorde de oficio, deixando constancia na acta das audiencias e das probas practicadas. Concluída a instrución do expediente, o instrutor elevarao, xunto coa correspondente proposta de resolución, á Xunta de Goberno. A proposta de resolución notificarase ao inculpado para que, no prazo de quince días hábiles, tras estudar o expediente, poida alegar canto considere conveniente na súa defensa. Nin o instrutor nin o secretario poderán intervir nas deliberacións nin na toma de decisión do órgano disciplinario.

As resolucións acordaranse por maioría de dous terzos do número de membros asistentes, en votación secreta, e serán motivadas, apreciando a proba segundo as regras da sa crítica, relacionando os feitos probados en congruencia co prego de cargos, dilucidando as cuestións esenciais alegadas ou resultantes do expediente e determinando, se for o caso, as infraccións e a súa fundamentación, con cualificación da súa gravidade. A decisión final ou resolución poderá ser de sanción, de absolución por falta de probas ou por inexistencia de conduta sancionable, ou de sobresemento por prescrición das faltas.

As resolucións serán notificadas integramente aos interesados con indicación dos recursos que procedan, conforme o previsto no capítulo seguinte destes estatutos, e prazos para impolos.

Artigo 75. Execución das sancións

As sancións non se executarán mentres non se esgoten todos os recursos en vía administrativa, sen prexuízo das medidas cautelares. Mentres, a Xunta de Goberno poderá acordar a suspensión da execución cando se acredite a interposición en prazo de recurso en vía contencioso-administrativa con petición de medida cautelar, estando suxeita ao que preventivamente se acorde en vía xurisdicional.

Se a sanción consiste na expulsión do Colexio, a execución quedará en suspenso ata que adquira firmeza a resolución correspondente.

Artigo 76. Comunicación

A Xunta de Goberno enviará ao Consello Galego de Colexios de Economistas e ao Consello Xeral de Economistas testemuño dos seus acordos de sanción nos expedientes disciplinarios dos colexiados por faltas graves e moi graves.

Artigo 77. Prescrición e cancelación

Os prazos de prescrición das infraccións cóntanse desde o día en que a infracción se cometese. Prescribirán as leves en seis meses, as graves, en dous anos, e as moi graves, en tres anos. Os prazos de prescrición das sancións cóntanse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción, e son, para as leves, un ano; as graves, dúas e as moi graves, tres.

No que respecta a infraccións, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, renovándose o prazo de prescrición se o expediente estiver paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao presunto infractor.

En canto ás sancións, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Os sancionados serán rehabilitados automaticamente nos seguintes prazos contados desde a data en que se tome a resolución:

1. Se foren por infracción leve, aos seis meses.

2. Se foren por infracción grave, aos dous anos.

3. Se foren por infracción moi grave, aos tres anos.

4. As de expulsión, aos seis anos.

Os prazos anteriores contaranse desde o día seguinte a aquel en que a sanción se executase ou terminase de cumprir ou prescribise.

A rehabilitación supón a anulación de antecedentes para todos os efectos e, no caso das sancións de expulsión, permite ao interesado solicitar a reincorporación ao Colexio.

A Xunta de Goberno enviará ao Consello Galego de Colexios de Economistas e ao Consello Xeral de Economistas testemuño das rehabilitacións acordadas.

CAPÍTULO XIII
Réxime xurídico dos actos colexiais e a súa impugnación

Artigo 78. Normas aplicables

Na súa organización e funcionamento o Colexio de Economistas da Coruña rexerase polas seguintes normas:

1. Normas de ámbito particular:

a) Os presentes estatutos particulares.

b) Os regulamentos de réxime interior que os desenvolven.

c) Os acordos de carácter xeral que se adopten para o seu desenvolvemento e aplicación.

2. Normas de ámbito superior:

a) O Estatuto orgánico da profesión de economistas.

b) A lexislación estatal e autonómica galega na materia de colexios profesionais.

c) O resto do ordenamento xurídico que resulte aplicable.

En materia de procedemento, rexerá supletoriamente a lexislación vixente sobre procedemento administrativo común.

Artigo 79. Eficacia dos actos e acordos

1. Os acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, así como as resolucións de la Xunta de Goberno e Comisións, así como a súa impugnación, están suxeitos ás prescricións de dereito administrativo e deberán axustarse ás regras contidas na lexislación sobre o réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común e ás previsións dos estatutos do Consello Galego de Colexios de Economistas.

2. Salvo o disposto en materia de réxime disciplinario, os acordos adoptados polos órganos colexiais no exercicio de potestades públicas consideraranse executivos desde a súa adopción, sen máis requisito que súa notificación ou publicación en forma cando proceda e salvo que os seus propios termos resulten sometidos a prazo ou condición de eficacia.

3. Os regulamentos colexiais e súas modificacións, así como os restantes acordos de alcance xeral asimilables a aqueles polo seu contido e a extensión do seus efectos entrarán en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no boletín ou circular colexial, salvo que expresamente se estableza neles outro prazo.

4. As resolucións ou acordos particulares, ou que afecten de modo especial e inmediato os dereitos ou os intereses dos colexiados, deberán ser notificados a estes incluíndo en todo caso motivación suficiente e indicación dos recursos que procedan e prazos para interpoñelos. As notificacións practicaranse por calquera medio que permita ter constancia da recepción polo interesado ou o seu representante, así como da identidade e o contido do acto notificado. As notificacións practicadas por medios telemáticos terán carácter preferente, con todos os efectos legais previstos na lexislación sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo, ademais, de que a notificación poida levarse a cabo por outros medios, sempre con respecto dos dereitos e intereses lexítimos dos que puideran resultar afectados o interesados polo acto ou acordo obxecto de notificación.

5. Os acordos obrigarán todos los colexiados desde o momento da súa adopción, sen prexuízo de que o decano-presidente do Colexio poida suspender, dentro do prazo de cinco días, aqueles que sexan nulos de pleno dereito, por seren manifestamente contrarios á lei; os adoptados con notoria incompetencia; aqueles cuxo contido sexa imposible o sexan constitutivos de delito; os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido para iso ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación dos órganos colexiados.

6. Serán nulos de pleno dereito os acordos e resolucións dos órganos colexiais nos supostos previstos nas leis de procedemento administrativo común e de colexios profesionais ou, se for o caso, anulable, logo de resolución dos procedementos de nulidade ou anulabilidade, conforme o previsto na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 80. Recursos contra os acordos dos órganos colexiados

Os recursos que se interpoñan contra os actos dos órganos colexiados resolveraos o Consello Galego de Colexios de Economistas.

1. Con excepción dos recursos específicos previstos nos presentes estatutos, os acordos e resolucións dos órganos colexiais, incluso os actos de trámite se impiden a continuación do procedemento, producen indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, son susceptibles de recurso en alzada ante o Consello Galego de Colexios de Economistas. A interposición, prazos e resolución dos recursos na vía administrativa rexeranse polo disposto na lexislación sobre procedemento administrativo común.

2. Os acordos ditados en uso de facultades ou competencias delegadas da Comunidade Autónoma de Galicia estarán sometidos ao réxime de impugnación xeral dos actos desta.

3. A resolución do recurso de alzada porá fin á vía administrativa, co cal quedará expedita a vía xurisdicional contencioso-administrativa.

CAPÍTULO XIV
Modificación dos estatutos do Colexio

Artigo 81. Modificación dos estatutos do Colexio

Os presentes estatutos poderán modificarse por proposta da Xunta de Goberno, convocada con carácter extraordinario nos termos previstos neles, ou cando así o solicite de forma fidedigna un número de colexiados equivalente a un terzo do censo colexial no momento en que se formula a solicitude.

O procedemento de modificación de estatutos requirirá a elaboración dunha proposta redactada por unha comisión de traballo designada para o efecto que, logo de aprobación por maioría absoluta da Xunta de Goberno, se someterá á aprobación da Xunta Xeral.

A Xunta Xeral, que deberá de dispor como documento incorporado á convocatoria dos artigos que se van modificar, tanto na súa redacción primitiva como na proposta pola Xunta de Goberno do Colexio, aprobará a modificación de estatutos, en primeira convocatoria cun quórum de asistencia mínimo do 50 % dos colexiados e do voto a favor da modificación da metade máis un dos asistentes, presentes ou representados e, en segunda convocatoria, non se exixirá quórum de asistencia pero se requirirá o voto a favor da modificación de, polo menos, dous terzos dos asistentes presentes ou representados.

CAPÍTULO XV
Réxime económico

Artigo 82. Ingresos

O Colexio ten autonomía financeira e patrimonial respecto ao Consello Xeral de Economistas e ao Consello Galego de Colexios de Economistas, aínda que, precedendo acordo do pleno dos devanditos consellos, deberá atender as cotas ou participar nos quebrantos que se orixinen para o mantemento deles, logo de acordo da Xunta de Goberno.

A vida económica do Colexio desenvolverase a base de:

1. As cotas dos colexiados, que se devindicarán segundo acorde a Xunta de Goberno.

2. As achegas dos colexiados sobre os honorarios que estes perciban polos seus traballos nos asuntos que lles proporcionou o Colexio e recoñecemento de sinatura en traballos escritos.

3. As subvencións oficiais que poidan serlle outorgadas.

4. Os donativos e asignacións que poida recibir de entidades privadas ou de particulares.

5. Os ingresos e dereitos sobre as publicacións en que colabore ou que edite o Colexio.

6. O cobramento dos custos asociados á tramitación da incorporación ao Colexio.

7. Os bens que forman parte do patrimonio do Colexio e aquilo que poida derivarse da explotación deles.

8. Os ingresos procedentes por cotas de inscrición a xornadas, seminarios ou outras actividades que leven á formación profesional tanto dos colexiados como de terceiros.

9. Calquera outro ingreso que legalmente proceda.

Os orzamentos anuais ordinarios e extraordinarios do Colexio detallarán os ingresos e gastos previstos para o exercicio correspondente, integrando todas as súas actividades. De iniciarse un novo exercicio económico sen que se aprobase o orzamento correspondente, quedará prorrogado o do exercicio anterior ata a aprobación do novo orzamento, salvo aquelas partidas que resulten da aplicación de disposicións vixentes en materia laboral ou outras.

Artigo 83. Destino

Os fondos do Colexio investiranse nas atencións inherentes á súa existencia social.

Os orzamentos de ingresos e gastos de cada exercicio económico deberán ser aprobados antes da finalización do exercicio anterior pola Xunta Xeral de colexiados.

Artigo 84. Responsabilidade

A Xunta de Goberno será responsable do investimento dos fondos do Colexio, así como dos prexuízos que a este lle poidan sobrevir por incumprimentos das leis e dos acordos da Xunta Xeral.

Artigo 85. Memoria anual

1. O Colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, deberá elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, no seu caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, se for o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos, en caso de dispor deles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os membros da Xunta de Goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre de cada ano.

3. O Colexio adecuará a súa contabilidade, así como a auditoría das súas contas anuais e demais estados financeiros análogos, ao marco normativo específico de información financeira, segundo a lexislación colexial aplicable respecto diso, e, na súa falta, polo plan xeral de contabilidade que estea vixente.

CAPÍTULO XVI
Fusión e disolución do Colexio

Artigo 86. Fusión e disolución do Colexio

O colexio poderá ser disolto:

a) Por lei.

b) Por acordo adoptado en Xunta Xeral Extraordinaria, por proposta de dous terzos dos membros da Xunta de Goberno, aprobada por un voto favorable de dous terzos dos colexiados asistentes, sempre que representen como mínimo un terzo dos colexiados.

No acordo de disolución formalizarase o nomeamento de liquidadores e as funcións que a estes se atribúen. Na súa falta, a Xunta de Goberno actuará como órgano liquidador.

O destino do patrimonio resultante da liquidación será fixado pola propia Xunta Xeral que tome a decisión da disolución e destinarase ao Colexio de Economistas a que poidan adscribirse os colexiados do que se disolve e, na súa falta, a fundacións ou asociacións benéficas ou asistenciais.

Idénticas maiorías e procedemento se exixirán para a adopción de acordos de fusión e segregación do colexio.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nos presentes estatutos será de aplicación o previsto no estatuto profesional de economistas e de profesores e peritos mercantís, nos estatutos do Consello Galego de Colexios de Economistas, nos estatutos do Consello Xeral de Economistas de España e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que se aplicará a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas.

Disposición adicional segunda

Para os efectos do cómputo da antigüidade dos colexiados prevista nestes estatutos, terase en conta a data da súa colexiación nos seus respectivos colexios de economistas e titulares de orixe, unificados no actual Colexio de Economistas da Coruña.

Disposición transitoria. Mandato da Xunta de Goberno Constituínte

A Xunta de Goberno Constituínte cesará aos 2 anos da súa elección e tras este prazo procederase á convocatoria de eleccións segundo o disposto no capítulo IX destes estatutos.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, momento en que quedarán derrogadas as normas estatutarias anteriores.