Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 23 de maio de 2017 Páx. 24806

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 4 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

BDNS (Identif.): 346613.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que presentase oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel, caso en que a concesión da subvención queda condicionada á súa efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2015 no Consello de Contas de Galicia.

c) Non ter recibido axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o mesmo equipamento nos últimos cinco anos, incluído 2017, de acordo co establecido no artigo 5.

d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos, os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coa solicitude individual dos concellos que a compoñen.

Segundo. Obxecto

Establecemento das bases reguladoras e da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupación de voluntarios de protección civil inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 4 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2017 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Cuarto. Importe

A actuación que se desenvolve ten natureza de subvención en especie e o equipamento que se vai ceder distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: 10 vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2: 19 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3: 7 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Liña 4: 9 baúis de salvamento.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza