Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 9 de maio de 2017 Páx. 22548

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións a proxectos de instalacións fotovoltaicas nas comunidades de propietarios para o ano 2017.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo , e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir na medida do posible a dependencia exterior.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite a presente liña de subvencións, co obxectivo de fomentar o aforro enerxético a través da utilización de fontes de enerxía renovables como é o caso da solar fotovoltaica.

Máis concretamente, con esta nova convocatoria, dirixida á instalación de fotovoltaica nos edificios das comunidades de propietarios, téntase dar un impulso para que os edificios de vivendas incorporen esta fonte de enerxía renovable nas súas instalacións e, por tanto, reduzan o seu consumo de enerxía eléctrica procedente da rede e as súas emisións de CO2.

A presente convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2017, e o importe total asignado a esta convocatoria ascende a 300.000 €.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de instalacións fotovoltaicas nos edificios das comunidades de propietarios e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nelas.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións a proxectos de instalacións fotovoltaicas nos edificios das comunidades de propietarios que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (IN421M).

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases, sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 23.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse á seguinte aplicación orzamentaria:

Código

Concepto

Total fondos

Aplicación orzamentaria

IN421M

Proxectos de fotovoltaica en comunidades de propietarios

300.000 euros

09.A2.733A.781.2

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 14 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios as comunidades de propietarios/as que leven a cabo as instalacións fotovoltaicas establecidas no artigo 5 destas bases nas vivendas en que sexan titulares da subministración eléctrica e que estean dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, aos membros da comunidade de propietarios/as que incorran nunha ou varias destas prohibicións establecidas no parágrafo anterior non se lle atribuirá a parte proporcional que lles correspondería da subvención recibida, que se rateará entre os restantes membros da comunidade.

3. Destinarase o importe íntegro da subvención ao pagamento das correspondentes actuacións. Tanto o importe íntegro da subvención como o custo das obras deben repercutirse nos propietarios das vivendas e locais, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Artigo 5. Instalacións que se subvencionan

1. Serán subvencionables os sistemas de xeración eléctrica que transforman a enerxía da radiación solar utilizando módulos fotovoltaicos, e poden consistir en:

a) Instalacións illadas da rede: a enerxía eléctrica producida terá como fin último o seu consumo directo ou a través dun sistema intermedio de acumulación.

b) Instalacións conectadas á rede: en función da necesidade de demanda, autoconsomen e/ou exportan enerxía á rede eléctrica.

2. Serán elixibles os seguintes compoñentes da instalación:

a) Xerador fotovoltaico: módulos fotovoltaicos e os seus elementos de soporte e fixación, así como os elementos de interconexión de módulos etc.

b) Sistema de acumulación de baterías.

c) Acondicionamento da enerxía eléctrica: inversores, convertedores e reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cableado, equipamentos de medida etc.

d) Monitorización: sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.

e) Montaxe , conexión e posta en marcha.

f) O IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.

3. Custos elixibles máximos

O custo elixible máximo establécese como o sumatorio de dous compoñentes:

a) Establécense para cada solicitante custos na instalación por kWp en función da potencia instalada en paneis fotovoltaicos.

Potencia en paneis (kWp)

€/kWp (sen IVE)

P<= 5 kWp

2.500

5<P<= 20 kWp

2.850-70 P

P > 20 kWp

1510- 3P

b) Adicionalmente á táboa anterior, consideraranse custos por kWh de acumulación nas baterías, distinguindo entre as baterías de última tecnoloxía (litio) e o resto das baterías convencionais (monoblock, opz, xel etc). De non incorporar o proxecto baterías, este sumando sería cero.

Tipo de baterías

€/kWh acumulación (sen IVE)

Baterías de litio

750

Resto de baterías (monoblock, opzs, xel, etc)

200

Artigo 6. Contía da axuda

A contía da subvención será do 50 % do custo elixible da instalación, cun máximo de 60.000 euros por proxecto.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente pola persoa que acredite a representación da comunidade de propietarios.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As comunidades de propietarios presentarán as solicitudes por medios electrónicos, dado que por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Se algunha persoa interesada presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose presentada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

4. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir mais información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal.

Artigo 8. Documentación complementaria da solicitude

Xunto coa solicitude (anexo I) presentaranse anexadas copias dixitalizadas da documentación administrativa e técnica que se describe a seguir:

1. Documentación administrativa.

a) Acta de constitución da comunidade de propietarios/as.

b) Acta onde conste o nomeamento do presidente ou ben certificado, emitido e asinado polo secretario co visto e prace do presidente, do acordo da xunta de propietarios en que se aprobou o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de propietarios.

c) Anexo II debidamente cuberto, no cal se relacionan as vivendas e locais que integran o edificio, coa respectiva cota de participación de cada un deles. Este anexo deberá completarse a través sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

d) Certificado, emitido e asinado polo secretario co visto e prace do presidente, do acordo da xunta de propietarios en que se acordou :

– Aprobar a realización das instalacións.

– Participar na convocatoria de axudas do Inega para proxectos de instalacións fotovoltaicas nas comunidades de propietarios

2. Documentación técnica.

a) Memoria técnico-económica asinada por un técnico cualificado segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) , que inclúa como mínimo:

– Descrición da instalación proxectada e do equipamento que se vai instalar.

– Cálculos de produción e dimensionamento (orientación, inclinación , etc)

– Xustificación das necesidades enerxéticas anuais e balance enerxético final (consumo, xeración, vertedura á rede, autoconsumo etc).

– Esquema unifilar eléctrico da instalación.

– Orzamento desagregado por partidas elixibles.

b) Folla de especificacións técnicas do fabricante dos equipamentos principais (paneis, inversores e baterías).

c) Copia da última factura eléctrica e xustificación de consumo anual.

d) Orzamento dun instalador perfectamente detallado canto ás súas diferentes partidas económicas con unidades e prezos unitarios. Non se admitirá ningún orzamento con partidas económicas agregadas que fagan imposible a distinción das partidas económicas relevantes do proxecto.

e) Plano en planta coa localización dos paneis na edificación.

f) Fotografía de detalle do sitio onde irán colocados os paneis (cuberta, chan etc).

3. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

4. Non será necesario achegar documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha persoa interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superen os tamaños máximos establecidos, 5MB por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación da solicitude de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante da comunidade de propietarios.

b) Certificación de referencia catastral.

c) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda autonómica.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Ademais, de acordo co establecido, na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a presentación da solicitude de axuda leva consigo o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións referidas, así como as sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Facenda.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 11. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 19 destas bases reguladoras.

Artigo 12. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De non ser así, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se tera por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizarase a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De maneira que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 68.1 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A notificación do requirimento de emenda realizarase mediante a plataforma Notifica.gal (https://notifica.xunta.gal).

O sistema Notifica foi concibido pola Xunta de Galicia para converterse no sistema de notificación electrónica de Galicia, é dicir, un punto único en que recibir as comunicacións das diferentes administracións públicas galegas.

Calquera persoa física ou xurídica poderá dispoñer deste sistema de enderezo electrónico habilitado asociado ao seu NIF, no cal recibirá a notificación dos procedementos a que se subscriba. É un procedemento gratuíto que só require dispoñer de calquera dos certificados dixitais habilitados na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación a que se refire a emenda deberá presentarse de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoñan de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Unha vez recibida a acta cos resultados de valoración das solicitudes presentadas emitida pola comisión de valoración, elevará a correspondente proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 14. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O xerente do Inega.

b) O xefe da Área de Renovables do Inega.

c) Un técnico do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, con especificación da puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

4. De ser o caso, contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de espera. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de espera no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou recaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

5. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan suficientes para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 15. Criterios de valoración

Ademais do cumprimento das bases reguladoras, a valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios:

1. Relación entre o investimento e o custo máximo elixible determinado no número 5 (50 puntos). Outórganse 0 puntos aos proxectos cuxo rateo supere o 105 % do custo máximo elixible que lle corresponda, e a puntuación máxima para aqueles cuxo rateo sexa inferior ao 80 % do custo máximo elixible. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

2. Relación almacenamento/xeración da instalación (10 puntos):

Capacidade de almacenamento en baterías (kWh) >= 0,4 x potencia pico (kWp): 10 puntos.

Capacidade de almacenamento en baterías (kWh) < 0.4 x potencia pico (kWp): 0 puntos.

3. Eficiencia e Innovación do sistema de acumulación (10 puntos):

Baterías de litio: 10 puntos.

Resto das baterías: 0 puntos.

4. Relación consumo anual/ xeración (10 puntos):

Consumo anual ( kWh) >= 300 x potencia pico (kWp): 10 puntos.

Consumo anual ( kWh) < 300 x potencia pico (kWp): 0 puntos.

5. Integración arquitectónica dos paneis (chan, superposto ao tellado, marquesiña, tellado horizontal) 5 puntos:

Tipoloxía

Puntuación

Sobre chan

1

Sobre soportes con distinta inclinación que a cuberta

2

Marquesiña

3

Superposición na cuberta coa mesma inclinación

5

6. Renda municipal (15 puntos). Localización xeográfica do proxecto: (ata 15 puntos).

Renda do concello (ata 15 puntos) valoraranse os proxectos que se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas, utilizando os datos máis recentes dispoñibles polo IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos municipios galegos. Outórganse 0 puntos aos proxectos situados no concello que teña a máxima renda dispoñible bruta por habitante de Galicia, e a puntuación máxima ao de menor. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 14.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de dous (2) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, se for o caso, da súa emenda.

Se transcorrer o prazo sen se dictar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Notificacións

1. Con carácter xeral non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán as notificacións polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, poderá solicitarse a modificación do seu contido se concorresen as circunstancias previstas no parágrafo segundo deste punto 1. Toda variación das circunstancias tidas en conta para ditar a resolución de concesión poderá dar lugar á modificación da subvención concedida e o beneficiario debe notificalo por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), mediante instancia dirixida ao director do Inega.

O beneficiario da axuda poderá solicitar a modificación da resolución de concesión polos seguintes motivos:

– Variación do orzamento aceptado polo Inega.

– Obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

– Finamento do titular.

– Alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

– Circunstancias de forza maior e circunstancias asimilables.

Unha vez ditada a resolución de concesión e, en todo caso, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo para a realización do proxecto, o beneficiario da axuda poderá solicitar a modificación do seu contido.

2. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

3. O beneficiario da axuda ten a obriga de comunicar ao Inega as variacións no orzamento respecto á resolución de concesión da subvención, cando o orzamento definitivo sexa inferior a un 80 % do orzamento máximo elixible da instalación subvencionada.

4. A modificación poderase autorizar sempre que:

a) A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

b) Non exista prexuízo a terceiros.

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorreren na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo a carpeta do cidadán da persoa solicitante, e comunicar este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos, a través da plataforma Notifica.gal, de conformidade co procedemento establecido no artigo 13.2 destas bases reguladoras.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que se efectúe o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría».

Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos.

g) O beneficiario da axuda deberá dar publicidade ao financiamento por parte do Inega do investimento que se subvenciona, consistente en incluír a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia, así como nas inscricións relativas ao financiamento nos carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos audiovisuais, ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

I) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título da citada lei.

Artigo 22. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona, nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 16 de outubro de 2017.

Artigo 24. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica accedendo á carpeta da persoa interesada.

2.Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 13.2 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 25. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario presentará toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Conta xustificativa composta de:

1. Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Cando o beneficiario non dispoña de factura electrónica para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copia debidamente compulsada debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación á organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co solicitante, agás que concorran as seguintes circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

i. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

ii. Que se obteña a pertinente autorización por parte da dirección do Inega.

2. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

i. Xustificante bancario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

ii. Efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

iii. No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibo asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

iv. Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos da data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

v. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 23.

b) Sempre que o custo elixible sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 € (cando se subministran bens ou se prestan servizos por medio de empresas de consultoría ou asistencia técnica) o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e o beneficiario debe neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

c) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (paneis, reguladores, inversores, baterías etc).

d) Folla de especificacións técnicas do fabricante dos equipamentos principais (paneis, inversores e baterías).

e) Certificado do instalador en que se indique a data de finalización da instalación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación. Naqueles proxectos de potencia superior aos 10 kW achegarase no seu lugar o correspondente proxecto e certificado de dirección de obra.

f) Xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

g) Comunicación fidedigna realizada polo titular á compañía distribuidora de solicitude de punto de conexión para a instalación en cuestión, de acordo co Real decreto 1699/2011 (non necesario se a instalación é illada da rede).

Artigo 26. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega poderán realizar unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 27. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado concesión de subvencións, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.gal.

Artigo 28. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os intereses de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva á devolución a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 29. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Cuentas Europeo.

Artigo 31. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. O Inega, cando así o considere pertinente, poderá realizar unha inspección de comprobación material en que certifique que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 32. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no DOG a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no DOG, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 33. Remisión normativa

Rexerase pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular as seguintes:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file