Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 2017 Páx. 18573

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2017 pola que realiza a convocatoria de candidaturas para a concesión da distinción de comendador da gastronomía de Galicia para o ano 2017.

1. O 9.8.2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 99/2016, do 21 de xullo, polo que se regula a concesión da distinción de comendador da gastronomía de Galicia, decreto que entrou en vigor o 10.8.2016, de conformidade co disposto na súa disposición derradeira segunda.

2. O citado Decreto 99/2016, do 21 de xullo, ten por obxecto a regulación da concesión da distinción de comendador da gastronomía de Galicia e dispón que tal distinción poderá outorgarse á persoa, entidade, asociación ou colectivo que, no seo da Comunidade Autónoma de Galicia, contribúa dun xeito singular á dignificación, mellora e promoción dos produtos alimentarios e da gastronomía de Galicia, e que se outorgarán anualmente dúas modalidades:

– Individual, a persoas físicas ou xurídicas privadas.

– Institucional, a institucións ou entidades públicas.

3. Pola súa banda, o artigo 5 establece que a Axencia Turismo de Galicia realizará anualmente unha convocatoria en que se fixarán os prazos de presentación de candidaturas para as citadas modalidades, e que as persoas, entidades, asociacións e institucións galegas vencelladas ao sector alimentario e gastronómico galego poderán presentar ante a Axencia Turismo de Galicia as candidaturas razoadas a comendador da gastronomía de Galicia, en nome propio ou de terceiros.

4. A distinción outorgarase con carácter vitalicio por resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia e terá un carácter exclusivamente honorífico, sen que da súa posesión derive dereito administrativo ou económico ningún.

5. De conformidade co artigo 4, os comendadores da gastronomía de Galicia comprométense a colaborar para:

a) Difundir os valores propios da cultura dos sectores produtivos alimentarios galegos.

b) Dar a coñecer os produtos alimentarios e a gastronomía de Galicia en restaurantes de referencia a nivel nacional e internacional.

c) Facilitar o establecemento de novas canles de comercialización para os produtos alimentarios de Galicia.

d) Achegar ás figuras relevantes no mundo da cociña o coñecemento da cultura enogastronómica galega.

e) Potenciar e dar a coñecer os produtos galegos de calidade diferenciada.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto a convocatoria para a presentación de candidaturas para a concesión da distinción de comendador da gastronomía de Galicia, correspondente ao ano 2017, ao abeiro do disposto no artigo 5.2 do Decreto 99/2016, do 21 de xullo, cuxo código de procedemento é o TU402A.

A convocatoria correspondente ao ano 2017 terá por obxecto o outorgamento de dúas distincións: unha distinción a título individual e outra a título institucional.

Segundo. Solicitudes e documentación

1. Para poder presentar as candidaturas deberá presentarse unha solicitude segundo o modelo oficial do anexo I desta resolución.

2. Xunto coa solicitude achegarase, ademais, a documentación establecida no artigo 6 do citado Decreto 99/2016, do 21 de xullo, que se detalla a seguir:

a) Identificación da candidatura: nome da persoa ou entidade a que se refire, enderezo, e teléfono e persoa de contacto.

No caso de que se propoña a candidatura dun/dunha terceiro/a, nome da persoa ou entidade propoñente, e teléfono e correo electrónico, así como a autorización da persoa ou entidade candidata, segundo o modelo oficial do anexo II desta resolución.

b) Memoria explicativa da candidatura proposta.

c) Poderán xuntarse tamén, se se considera oportuno, apoios á candidatura proposta e, en xeral, cantos datos ou información se consideren axeitados para fortalecer a proposta.

3. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa, a Axencia Turismo de Galicia requirirá a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se terá por desistida na súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos na dita normativa.

As candidaturas admitidas serán avaliadas polo xurado establecido no punto sexto.

4. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE/NIF das persoas físicas ou xurídicas propoñentes.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Terceiro. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As candidaturas, xunto coa documentación requirida, dirixiranse á Axencia Turismo de Galicia.

As candidaturas presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as Administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. O prazo para presentar candidaturas será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Cuarto. Lexitimación

Están lexitimadas para presentar as citadas candidaturas as persoas, entidades, asociacións e institucións galegas vencelladas ao sector alimentario e gastronómico galego.

Quinto. Xurado

1. O xurado encargado de avaliar as candidaturas admitidas correspondentes ao ano 2017, e de conformidade co disposto no artigo 8 do Decreto 99/2016, do 21 de xullo, terá a seguinte composición:

Presidente/a: a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

Secretario/a:

Un/unha funcionario/a da Axencia Turismo de Galicia.

Un/unha vogal en representación da consellería con competencias en materia de pesca e acuicultura.

Un/unha vogal en representación da consellería con competencias en materia de agricultura.

Un/unha vogal en representación da Academia Galega de Gastronomía.

Un/unha vogal en representación de Galicia Calidade.

Un/unha vogal en representación da Axencia Turismo de Galicia.

Un/unha vogal en representación dos consellos reguladores dos produtos alimentarios galegos de calidade, designado pola persoa titular da Consellería do Medio Rural, tras consulta cos ditos consellos reguladores.

2. Os membros do xurado poderán ser substituídos polos membros suplentes que se designen.

3. Unha vez designados os membros do xurado por cada unha das entidades que representan, este constituirase e reunirase para os efectos de avaliar as candidaturas admitidas.

4. Os membros do xurado emitirán persoalmente o voto nas xuntanzas que celebren, e en caso de empate, dirimirá co seu voto o/a presidente/a.

5. Das reunións do xurado o/a secretario/a levantará acta, de conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

6. As candidaturas que obteñan a maioría dos votos do xurado para cada unha das modalidades serán propostas por este á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para o seu nomeamento como comendador da gastronomía de Galicia, deixando constancia na acta da votación dos criterios seguidos para a súa valoración.

7. A persoa titular da Xerencia da Axencia Turismo de Galicia, vista a proposta do xurado, ditará unha proposta de resolución en que inclúa as candidaturas que se distinguirían e as que non, facendo constar a valoración de todas elas, o que se notificará ás persoas ou entidades que realizaron as propostas e a aquelas que foron propostas, para os efectos de que manifesten a aceptación da distinción no prazo de dez días hábiles contados desde a notificación da citada proposta de resolución. No caso de non pronunciarse, entenderase aceptada a concesión da distinción.

8. As distincións outorgaranse de xeito vitalicio por resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que se notificará ás persoas que presentaron as candidaturas, sexan ou non distinguidas.

No Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://turismo.gal/ darase publicidade ás distincións outorgadas.

8. As candidaturas que non resulten distinguidas poderán volver presentarse en convocatorias correspondentes a outros anos.

9. O prazo máximo para a concesión das distincións será de 5 meses.

Sexto. Acreditación e acto de entrega

1. O outorgamento das distincións farase a través da expedición dun diploma acreditativo do seu nomeamento, no cal se fará constar o recoñecemento expreso da sociedade galega á súa dedicación na defensa e promoción da gastronomía da nosa terra.

2. Esta distinción terá carácter exclusivamente honorífico, sen que da súa posesión derive dereito administrativo ou económico ningún.

3. Os comendadores da gastronomía de Galicia participarán nun lugar preferente nos actos de exaltación e promoción dos produtos alimentarios de Galicia organizados polas consellerías competentes en materia do medio rural e do mar, así como pola Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, poderán ser consultados pola Administración nos ámbitos turístico, económico, cultural e social da cultura gastronómica galega.

4. Acordada a concesión, a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia entregará o diploma nun acto solemne.

Sétimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitavo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das candidaturas, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Estrada Santiago-Noia, km. 3-A Barcia, 15897 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a secretaria.turismo@xunta.gal

Noveno. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file