Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2017 Páx. 18347

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 31 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento SI437A).

BDNS (Identif.): 342606.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, relativas á sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero, ou dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos.

Son subvencionables os gastos e as actuacións realizados entre o 1 de novembro de 2016 e o 30 de setembro de 2017, ambos os dous incluídos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 31 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento SI437A).

Cuarto. Importe

A contía máxima da axuda é de 3.000 €.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de cento oitenta mil euros (180.000 €) con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma e de acordo coa seguinte distribución: a) liña 1, consolidación do movemento asociativo: ata 90.000 euros; b) liña 2, promoción de accións singularizadas en materia de igualdade: ata 90.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2017

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade