Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2017 Páx. 17739

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2017 pola que se procede a publicar o acordo de encomenda de xestión de diversas consellerías a prol desta consellería para a colaboración nun programa de inspección e control da incapacidade temporal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o acordo de encomenda de xestión de diversas consellerías a prol da Consellería de Sanidade (aprobado no Consello da Xunta de Galicia do 9 de marzo de 2017), para a colaboración nun programa de inspección e control da incapacidade temporal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO
Acordo de encomenda de xestión de diversas consellerías
a prol da Consellería de Sanidade

Primeiro

Este acordo de encomenda de xestión foi subscrito polas seguintes consellerías con data do 9 de marzo de 2017:

– Consellería de Sanidade.

– Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

– Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

– Consellería de Política Social.

– Consellería do Mar.

– Consellería do Medio Rural.

Segundo. Actividades a que se refire

O acordo de encomenda de xestión resposta á finalidade de precisar a colaboración entre as consellerías da Xunta de Galicia asinantes para que os servizos de inspección sanitaria da Consellería de Sanidade se convertan en unidades de asesoramento facultativo ás cales os órganos de persoal respectivos poidan solicitar informe para os efectos de valoración da incapacidade temporal para a concesión de licenzas, de acordo co disposto no artigo 90.1.a) do Decreto 375/2003, polo que se aproba o Regulamento do mutualismo administrativo.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, o Consello da Xunta de Galicia, decidido a facilitar e promover a colaboración e a unidade de acción entre os diferentes departamentos da Administración da Xunta de Galicia afectados polo presente acordo de encomenda de xestión para gañar en efectividade, determinou levar a cabo esta.

Terceiro. Natureza e alcance da xestión

O obxecto do acordo de encomenda de xestión é propiciar unha colaboración eficiente entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia para levar a cabo o control da prestación sanitaria por incapacidade temporal do empregado público da función pública galega adscrito, para os efectos deste aseguramento, ao mutualismo administrativo de Muface e Mugeju.

Trátase, por tanto, de comprobar que o absentismo por incapacidade temporal se adecúe a situacións médicas reais nas cales o repouso laboral debe formar parte do tratamento clínico, o que cumpriría con dúas premisas esenciais que garantirán unha maior eficiencia na Administración da Xunta de Galicia.

1. Evitar a potencial existencia de prácticas que desvirtúen a esencia da prestación.

2. Reducir as repercusións económicas das prácticas incorrectas dentro do capítulo I dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.

En consecuencia, o acordo define o ámbito de aplicación, concreta as cuestións de competencia e a colaboración entre as unidades e axentes implicados para acadar con éxito unha área do Programa especial de inspección e control da incapacidade temporal no ámbito do empregado público que pertence ao réxime especial da Seguridade Social de funcionarios civís do Estado e da Administración de xustiza, xestionado por Muface e Mugeju, respectivamente, non sometido, ata este momento, a ningún control por parte das unidades de saúde laboral da Inspección sanitaria.

Así mesmo, o acordo de encomenda de xestión ten como último fin a efectiva abordaxe dun programa especial de inspección e control da incapacidade temporal e cumprir coas actuacións e obxectivos dos anexos deste acordo.

Cuarto. Prazo de vixencia

O presente acordo de encomenda de xestión producirá efectos a partir do mesmo día da súa sinatura e ata o 31 de decembro de 2017, e poderá ser prorrogado por períodos anuais mediante acordo expreso das partes formalizado con anterioridade á súa finalización. O presente acordo dará soporte ás accións que, en relación co seu obxecto, se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.