Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 7 de abril de 2017 Páx. 16618

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 23 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que serán executados polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS (identif.): 340793.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita organización, ou aquelas nas cales os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (procedemento PR 804A):

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que serán executados polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destinase un crédito por un importe total de 400.000 euros (160.000 euros no ano 2017 e 240.000 euros no ano 2018) que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.481.0.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto e a subvención concedida non superará en ningún caso os 35.000 €. Para proxectos que se executen só durante o ano 2017, a subvención máxima concedida será de 25.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 45.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2017, a subvención máxima concedida será de 35.000 €.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase da seguinte forma: o 40 % no ano 2017 e o 60 % en 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza