Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2017 Páx. 14749

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 17 de marzo de 2017 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2017.

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007 (Regulamento único para a OCM), con miras a mellorar as condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, establece, de conformidade co artigo 55 e seguintes, axudas no sector da apicultura para programas nacionais dunha duración de tres anos.

Este regulamento establece, no citado artigo 55, número 2, un sistema de cofinanciamento con participación da Unión Europea ao 50 % dos gastos efectuados polos Estados membros para estes programas. Pola súa banda, o Regulamento (CE) nº 917/2004 da Comisión, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 797/2004 do Consello, relativo ás medidas destinadas a mellorar as condicións de produción e comercialización dos produtos da apicultura, modificado polo Regulamento de Execución (UE) nº 768/2013 da Comisión, do 9 de agosto de 2013, establece as disposicións de aplicación dos programas nacionais apícolas e é de aplicación aos programas apícolas nacionais en vigor ata o ano 2016.

A partir do programa trianual 2017-2019, esta última base legal substitúese polo Regulamento de Execución (UE) 2015/1368 da Comisión, do 6 de agosto de 2015, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo ás axudas ao sector da apicultura e o Regulamento Delegado (UE) 2015/1366 da Comisión, do 11 de maio de 2015, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo ás axudas ao sector da apicultura.

En España, o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, modificado polo Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, e tamén polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, de modificación destes dous reais decretos citados, establece un réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

No marco do dito Programa nacional 2017-2019 establécese un réxime de axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, no que a participación financeira corresponde ata un 50 % ao financiamento comunitario, ata un 25 % corresponde ao financiamento do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a restante porcentaxe á Consellería do Medio Rural.

No artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 2015/1368 da Comisión, do 6 de agosto de 2015, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ás axudas ao sector da apicultura, establécese que os pagamentos dos Estados membros deberán efectuarse, como máis tarde, o 15 de outubro, data en que se deben ter presentados os xustificantes de gasto por parte do Estado membro da Unión Europea. Para adiantar no posible a data de pagamento das axudas, cómpre que os gastos correspondentes ás accións realizadas se xustifiquen ante a Consellería do Medio Rural no prazo fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder o 10 de agosto de 2017.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento MR506A, MR506B).

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Artigo 2. Finalidade das axudas, contías e límites

1. Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional e encamiñadas a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:

a) Liña A. Asistencia técnica a apicultores e organizacións de apicultores. A esta liña só poderán optar as agrupacións de apicultores.

1º. Contratación de técnicos e especialistas en apicultura para a información e asistencia técnica aos apicultores das agrupacións apícolas na sanidade apícola, loita contra agresores da colmea, así como o asesoramento global na produción.

Poderá subvencionarse a contratación dun máximo de dous técnicos por asociación, sendo necesariamente o primeiro deles un licenciado en Veterinaria.

A axuda para a contratación de técnico veterinario poderá ser de ata o 90 % do seu custo, cunha limitación de 27.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 1 euro por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

A axuda para a contratación doutros técnicos titulados poderá ser de ata o 70 % do seu custo, cunha limitación de 21.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 0,5 euros por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

En todo caso, o importe máximo da axuda nesta liña por agrupación non superará os 48.000 euros.

2º. Organización e celebración de cursos e xornadas de formación de apicultores, formación continuada dos técnicos e especialistas das agrupacións e asociacións de apicultores. Poderá subvencionarse ata o 90% do seu custo.

3º. Sistemas de divulgación técnica, a través de folletos, catálogos e outras publicacións, así como de soportes audiovisuais e informáticos. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.

b) Liña B. Loita contra as agresións e enfermidades da colmea.

1º. Adquisición de tratamentos quimioterápicos e/ou tratamentos compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, autorizados pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios. Poderá subvencionarse ata o 80 % do seu custo, cun máximo de 4 euros por colmea, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.

2º. Sobrealimentación das colmeas. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo co límite de 2 euros por colmea. Unicamente poderán optar a esta liña os apicultores beneficiarios da axuda recollida na liña B.1º anterior.

3º. Renovación e purificación de cera. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo, co límite de 400 gramos de cera por colmea no caso da renovación de cera. Unicamente poderán optar a esta liña os apicultores beneficiarios da axuda recollida na liña B.1º.

c) Liña C. Racionalización da transhumancia.

1º. Adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte. Material para o manexo das colmeas: guindastres, mallas de cobertura, cambio de colmeas para obter meles monoflorais, sistemas móbiles de extracción de mel e outros útiles e equipamento necesario para facilitar a transhumancia, a excepción de vehículos de transporte, combustible, produtos para a alimentación das abellas e cera. Poderá subvencionar ata o 70 % do seu custo.

2º. Sistemas de protección ou vixilancia antirroubo ou de xeolocalización integrados nos cadros das colmeas. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.

3º. Mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas. Serán subvencionables soportes para illar colmeas, traballos e utensilios de roza, peches portátiles para a protección dos asentamentos fronte a depredadores e aqueloutros que a xuízo do órgano xestor sexan compatibles con esta liña. Non será subvencionable a realización de traballos con maquinaria pesada para o movemento de terras. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.

4º. Cota de subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas, sempre que as pólizas non cubran garantías xa incluídas no sistema de Seguros Agrarios Combinados. A esta liña poderán acollerse tamén os apicultores con colmeas estantes. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo cun límite de 0,5 euros por colmea asegurada.

d) Liña E. Medidas de apoio á repoboación da poboación apícola española.

1º. Cría de raíñas de razas autóctonas para reposición de baixas, sempre que se cubran as necesidades financeiras para asistir as solicitudes da medida anterior.

2º. Investimentos para a cría de raíñas (núcleos de fecundación, incubadoras, material para inseminación artificial de raíñas).

Para os 2 casos, poderá subvencionarse ata o 50 % do custo de actuación, cun límite máximo de 5 euros por colmea.

2. Para o cálculo das axudas terase en conta o número de colmeas que os solicitantes teñen inscritas no Rexistro de Explotacións Apícolas de Galicia, segundo a declaración censual efectuada correspondente ao ano 2016.

3. Os gastos e investimentos obxecto da axuda deberán ter sido realizados no período comprendido entre o 1 de agosto do ano anterior a esta convocatoria e o 31 de xullo de 2017, ambos os dous inclusive, período de duración da campaña apícola de acordo co establecido no artigo 2 do Regulamento de execución (UE) nº 2015/1368 da Comisión, do 6 de agosto de 2015, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello relativo ás axudas ao sector da apicultura. No caso de ter sido beneficiario das axudas na campaña 2016, entón os gastos elixibles serán aqueles realizados a partir do 1 de setembro de 2016.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2:

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención destas axudas estar inscrito no Rexistro Oficial Apícola da Comunidade Autónoma de Galicia, polo menos con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2016. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).

Os apicultores que estean incluídos na solicitude de axuda presentada por unha cooperativa ou asociación ou agrupación de produtores, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda a título individual.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas polo seu titular.

2. Para poder acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.

b) Ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.

c) Ter realizada a declaración censual anual obrigatoria referida en 31 de decembro de 2016.

d) Realizar polo menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento: Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.(MR506A)

As persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, integradas ou non nunha asociación ou organización de apicultores, presentarán solicitudes individuais e achegarán á solicitude a seguinte documentación:

1º. No caso de representación exixirase autorización para facer a solicitude nos termos exixidos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2º. Fotocopia da/s seguinte/s folla/s do libro de rexistro de explotación apícola, en función do formato de libro do que dispoña o apicultor (Caderno de explotación apícola e de transhumancia):

a) Validación anual favorable ou actualización por parte dos servizos veterinarios oficiais do ano 2016. No caso de que na citada folla non figure o código REGA do titular entón deberá achegarse tamén a fotocopia da folla onde aparece reflectido o dito código.

3º. Nas axudas da liña de loita contra as agresións e enfermidades da colmea: declaración responsable do veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

4º. Programa de actuación que pretende desenvolver: memoria onde figuren os datos do apicultor, número de colmeas, descrición dos investimentos e finalidade deles, incluíndo orzamentos ou facturas pro forma dos investimentos, desagregados para cada unha das liñas para a que se solicita axuda. De acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras ou de 18.000 euros para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

As empresas invitadas a presentar ofertas non poderán estar vinculadas entre elas e exixiráselles sempre unha declaración das empresas coas que teñan vinculación. No expediente deberá deixarse constancia das invitacións cursadas, das ofertas recibidas e das razóns para a súa aceptación ou rexeitamento.

Non obstante o anterior, con independencia do gasto subvencionable, nos gastos restantes o beneficiario deberá de considerar igualmente un sistema de avaliación dos custos que permita á Administración comprobar o valor de mercado dos gastos subvencionables: comparación de ofertas, prezos de mercado, cotizacións de mercados nacionais, estimación por referencia aos valores recollidos en rexistros oficiais de carácter fiscal, ditame de peritos da Administración, taxación pericial contraditoria e calquera outro medio de proba admitido en dereito.

5º. Dispoñibilidade dos terreos nos cales pretenda facer os asentamentos das alvarizas, así como permisos ou licenza das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos, de ser o caso.

6º. Memoria explicativa da realización da transhumancia (resume e esquema da situación de orixe das colmeas e do destino onde se pretende realizar a transhumancia e datas probables do movemento), de ser o caso.

7º. Xustificación da exclusividade dos equipamentos para a actividade transhumante, se é o caso.

8º. Xustificación de ter subscrito un seguro de responsabilidade civil, mediante a fotocopia da póliza do seguro en vigor, onde se especifique o nome do titular, o código REGA da explotación e o número de colmeas aseguradas e o xustificante bancario do seu pagamento.

Non será necesario achegar o documento do número 1º que xa fose presentado anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento: Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia (MR506B)

As persoas xurídicas (cooperativas apícolas, asociacións e organizacións representativas con personalidade xurídica propia ou calquera outro tipo de sociedade ou entidade) presentarán a solicitude coa seguinte documentación:

1º. Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2º. Certificación do órgano competente que acredite o desempeño actual do cargo.

3º. Acta de constitución da asociación ou organización, ou copia dos estatutos.

4º. Relación nominal de socios actualizada, en formato electrónico, concretamente nun arquivo excel que conteña os seguintes campos, de cada un dos socios:

– Nome e apelidos.

– NIF.

– Código REGA da explotación.

– Número de colmeas actualizado á data de solicitude.

– Indicación expresa dos socios incluídos e colmeas afectadas para cada unha das liñas solicitadas, de ser o caso. No caso de solicitar axuda para a Liña C, deberán indicar, ademais, cales están aseguradas e especificar as que son estantes e as que son transhumantes.

Todos os datos deberán ir en maiúsculas, sen acentos e os campos de tipo alfanumérico, sen espazos entre os caracteres.

5º. De cada un dos socios integrantes: fotocopia da/s seguinte/s folla/s do libro de rexistro de explotación apícola, en función do formato de libro do que dispoña o apicultor (Caderno de explotación apícola e de transhumancia):

a) Validación anual favorable ou actualización por parte dos servizos veterinarios oficiais do ano 2016. No caso de que na citada folla non figure o código REGA do titular, entón deberá presentarse tamén a fotocopia da folla onde aparece reflectido o dito código.

6º. Copia do contrato e titulación do veterinario e dos outros técnicos titulados responsables da execución do programa sanitario de loita contra a varroase. Para o caso doutros técnicos titulados, as titulacións admitidas serán as de veterinario, biólogo, enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola, enxeñeiro forestal, enxeñeiro técnico forestal, técnico en produción agropecuaria, técnicos que dispoñan da certificación de cualificación profesional da familia agraria en Apicultura nivel 2 de acordo co Real decreto 1784/2011. Para outras titulacións será necesario presentar a documentación acreditativa da formación dos técnicos que xustifique a experiencia no sector apícola.

7º. Nas axudas da liña de loita contra a varroase: declaración responsable do veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

8º. Programa de actuación que pretende desenvolver para cada unha das liñas de axuda solicitadas: memoria descritiva de cada actuación onde figuren os datos dos apicultores incluídos no programa ou liña de axuda, número de colmeas afectadas, descrición dos investimentos e finalidade deles, incluíndo orzamentos pormenorizados e/ou facturas pro forma dos investimentos. De acordo co artigo 29, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras, ou de 18.000 euros para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

As empresas invitadas a presentar ofertas non poderán estar vinculadas entre elas e exixiráselles sempre unha declaración das empresas coas que teñan vinculación. No expediente deberá deixarse constancia das invitacións cursadas, das ofertas recibidas e das razóns para a súa aceptación ou rexeitamento.

Non obstante o anterior, con independencia do gasto subvencionable, nos gastos restantes haberá que considerar igualmente un sistema de avaliación dos custos que permita á Administración comprobar o valor de mercado dos gastos subvencionables: comparación de ofertas, prezos de mercado, cotizacións de mercados nacionais, estimación por referencia aos valores recollidos en rexistros oficiais de carácter fiscal, ditame de peritos da Administración, taxación pericial contraditoria e calquera outro medio de proba admitido en dereito.

9º. Xustificación do cumprimento dos puntos 5º, 6º, 7º e 8º do artigo 4. Para o caso do apartado 8º, deberá presentarse a fotocopia da póliza do seguro en vigor, onde se especifiquen os nomes de todos os titulares incluídos na dita póliza, o código REGA de cada unha das explotacións e o número de colmeas aseguradas, así como o xustificante bancario do seu pagamento.

Non será necesario achegar os documentos dos números 1º, 2º e 3º que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos elaborados polas administracións públicas:

a) A información relativa ao titular e ao tipo e clase de explotación, así como o número de colmeas consultarase no sistema integrado.

Estes datos xa figuran en poder da Administración, xa que é obrigatorio que os titulares de explotacións apícolas realicen a declaración censual anual no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de cada ano de acordo co artigo 4, pto. 3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, así como a validación anual do libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) segundo o recollido no artigo 7, pto. 2 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, modificado polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril.

b) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitalas segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Solicitudes de axuda, forma de presentación, prazos e documentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para as persoas que representen unha persoa interesada obrigada á presentación electrónica.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. As solicitudes axustaranse aos modelos que figuran como anexo I (solicitudes individuais de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas) e anexo II (solicitude de cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia).

9.Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen se producir a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

10. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, se é o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 8. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen se producir a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario e que estará presidido polo xefe do Servizo ou por un dos xefes de Área do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, que emitirá un informe que conterá unha relación dos solicitantes para os que se propón a concesión de subvención e a contía, así como daqueles para os que se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, o subdirector xeral de Gandaría elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. Os criterios obxectivos de outorgamento serán os seguintes:

No caso de que as axudas superen o crédito dispoñible, seguirase a prioridade seguinte entre as diferentes liñas sinaladas no artigo 2.1:

1. Axudas contidas no punto b.1º.

2. Axudas contidas no punto a.1º.

3. Axudas contidas no punto b.2º.

4. Axudas contidas no punto b.3º.

5. Axudas contidas no punto c.4º.

6. Axudas contidas nos puntos c.1º, c.2º e c.3º.

7. Axudas contidas nos puntos a.2º e a.3º.

8. Axudas contidas nos puntos d.1º e d.2º.

En cada unha das liñas terán prioridade as solicitudes presentadas por cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, sobre as presentadas polo resto de persoas físicas e xurídicas. Así mesmo, tanto entre as primeiras como entre estas últimas, terán prioridade as das asociacións ou os apicultores que reúnan maior número de colmeas propiedade dos apicultores que as integran.

Non obstante, para as liñas recollidas nos puntos c) e d), terán prioridade aquelas solicitudes presentadas por apicultores titulares dunha explotación profesional sobre as presentadas por apicultores titulares de explotacións non profesionais, conforme as definicións do artigo 2.g) do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas. Dentro delas, terán prioridade aquelas que afecten un maior número de colmeas.

As axudas serán adxudicadas a aquelas solicitudes que queden colocadas diante na prelación establecida en función dos criterios anteriores.

Dada a finalidade colectiva desta axuda, e para acadar satisfactoriamente os seus obxectivos facilitando as actuacións ao máximo número de apicultores, naquela liña onde teña lugar o esgotamento do crédito distribuirase o crédito dispoñible nela entre todos os solicitantes que cumpran os requisitos necesarios para poder percibila, sempre de xeito proporcional ao número de colmeas de cada solicitante obtido segundo a prelación establecida nesa liña.

4. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da Subdirección Xeral de Gandaría. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As notificacións que se practiquen nos procedementos habilitados nesta orde deberán realizarse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

7. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

8. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

9. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

10. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11. A notificación da resolución de concesión de axuda realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

12. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 9. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo anterior, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor o recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 10. Xustificacións e pagamento

1. A data límite para a presentación das xustificacións técnicas e económicas da realización do programa será o 15 de agosto de 2017. A documentación xustificativa presentarase preferiblemente por vía electrónica e deberá ser perfectamente lexible. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica das xustificacións será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta as xustificacións presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación xustificativa presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común

2. O pagamento tramitarase logo de xustificación da execución do proxecto no prazo sinalado e, para tal efecto, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación:

a) Memoria de realización de actividades. En relación co asesoramento técnico, deberá achegarse unha listaxe das explotacións que recibiron a visita dos técnicos, indicando a data da visita e o seu obxecto. Para outras actividades de asesoramento e cursos de formación para os apicultores, deberá indicarse na memoria o tipo de actividade, as datas de realización, o seu contido e o nome dos apicultores asistentes, así como calquera outro aspecto de interese. Ademais, deberá achegarse a documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

b) Facturas, nóminas, orixinais ou fotocopias compulsadas. Os gastos virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo, é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria.

No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberase xuntar unha relación delas.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, así como acompañarse dunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín do provedor.

Todos os pagamentos efectuados polos beneficiarios se xustificarán mediante facturas e documentos de pagamento. Cando isto non sexa posible, os pagamentos xustificaranse mediante documentos de valor probatorio equivalente.

c) Se a actividade subvencionada correspondese á publicación en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación sobre temas apícolas, dirixidos á formación en materia apícola, incluída a súa preparación e elaboración sempre que a súa finalidade sexa a distribución de balde entre o público, entregarase ademais do establecido no parágrafo anterior, un exemplar orixinal ou unha copia equivalente do material realizado ou algún exemplar editado no caso de que sexa impreso, cunha memoria que indique o seu destino e a xustificación da distribución.

d) No programa de loita contra a varroase, certificación/informe do veterinario responsable acerca da/s explotación/s en que foi executado:

– Nome e apelidos.

– NIF.

– Código REGA da explotación.

– Identificación da/s receita/s empregada/s, agás no caso de tratamentos que non precisen prescrición veterinaria.

– Número de colmeas implicadas.

– Nome comercial e doses de tratamento químico empregado, se é o caso, e de cumprimento da normativa vixente en materia de medicamentos veterinarios. Ademais, o beneficiario deberá achegar a copia das receitas medicamentosas emitidas para o tratamento contra a varroase na súa explotación ou nas explotacións integrantes para o caso das cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, agás no caso de tratamentos que non precisen prescrición veterinaria, nos cales non haberá que achegar copia das receitas medicamentosas.

As copias deberán ser perfectamente lexibles e que permitan identificar claramente o número de receita, o nome comercial e as doses de tratamento químico empregado.

3. Xunto coa xustificación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. As asociacións presentarán unha táboa coa relación dos socios en formato electrónico (excel), que conteña o dato do número de colmeas de cada socio referidas ás liñas B.1º, B.2º, B.3º da solicitude, indicando, se é o caso e para cada liña de axuda, se existen variacións no número de colmeas que foron consideradas para a adxudicación.

4. A contía das axudas será satisfeita unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, tras a súa comprobación por parte dos servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Os beneficiarios teñen a obriga de conservar a documentación xustificativa relacionada coa operación comprendida dentro do sistema de financiamento do FEAGA por un prazo de 3 anos contados desde o pagamento da axuda.

6. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorrer os beneficiarios.

Artigo 11. Outras condicións

En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase constar a frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e fondos FEAGA da Unión Europea», cos correspondentes logotipos institucionais.

Artigo 12. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Control da execución das actuacións

1. O control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Os beneficiarios deberán comunicar por escrito, de ser o caso, as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se consideren oportunas. Ademais, están obrigados a facilitar todos os labores de inspección ao persoal técnico das distintas administracións que cofinancian o programa, achegando todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e o Servizo de Auditoría Interna do FOGGA no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, haxa algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria da solicitude, ou calquera outra modificación, será comunicada á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para os efectos de tramitar e propoñer a aprobación ou denegación da devandita modificación.

Artigo 14. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2017 de cincocentos dezanove mil trescentos vinte euros (519.320 €) Esta axuda está cofinanciada polo FEAGA da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) ata un 25 % e a porcentaxe restante a Xunta de Galicia en virtude do Regulamento (CE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.

En caso de que non haxa solicitudes de axuda para unha liña ou liñas das establecidas no artigo 2.1 ou se dea a circunstancia de que existan créditos sobrantes nunha liña de actuación, a autoridade competente poderá destinar os fondos a aquelas que considere de maior importancia ou necesidade.

2. En ningún caso poderá a axuda financeira do Estado membro ser superior á da Comunidade, en virtude do artigo 1 da decisión da Comisión do 10 de agosto de 2007. Por tanto, a contía total de axudas aprobadas dependerá do importe de FEAGA consignado a Galicia na repartición estatal.

3. De conformidade co disposto no número 4 do artigo 5 do Real decreto 519/1999, cando o importe das resolucións ditadas exceda, no que respecta aos importes que se financien mediante fondos achegados polo MAPAMA, as contías aprobadas para a Comunidade Autónoma de Galicia, procederase a reducir proporcionalmente as contías unitarias das axudas.

4. Igualmente, as resolucións poderán ser modificadas incrementando a contía das axudas, para readxudicar a parte de crédito autorizado e non utilizado e recoñecido en obriga dentro do exercicio, por falta de xustificación polos beneficiarios da realización das actuacións ou incumprimento do resto das súas obrigas, sempre que non se excedan as limitacións establecidas nesta orde e seguindo a mesma orde de prioridade sinalada no artigo 7.

5. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 15. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no seu réxime de infraccións e sancións.

2. Se, como consecuencia dos controis, se detectan incumprimentos na execución do programa aprobado en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

– Do 5 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 15 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 25 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 50 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución do programa sanitario en máis dun 40 % das explotacións gandeiras inspeccionadas, perderase o dereito á axuda.

Ademais, se nas inspeccións efectuadas sobre o terreo se comproba que o número de colmeas que hai na explotación é inferior ao número de colmeas declaradas para a aprobación da axuda, sen existir unha causa xustificada da redución, o importe que percibirán os beneficiarios recalcularase a partir das colmeas comprobadas, coa aplicación das porcentaxes de penalización seguintes:

a) Se a diferenza entre as colmeas declaradas e as colmeas comprobadas é inferior ou igual ao 5 %, ao importe destinado por colmea aplicaráselle unha porcentaxe de penalización igual ao dobre da porcentaxe de diferenza.

b) Se a diferenza entre as colmeas declaradas e as colmeas comprobadas é superior ao 5% e inferior ou igual ao 15 %, ao importe destinado por colmea aplicaráselle unha porcentaxe de penalización igual ao triplo da porcentaxe de diferenza .

c) Se a diferenza entre as colmeas declaradas e as colmeas comprobadas é superior ao 15 %, non se contabilizarán as colmeas desta persoa apicultora para o cálculo final da axuda que se percibirá no caso de que o solicitante sexa unha cooperativa ou agrupación ou asociación apícola. Se se trata dun apicultor individual, perderá o dereito ao cobramento da axuda.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos; polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Disposición adicional

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file