Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2017 Páx. 14664

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de marzo de 2017 pola que se clasifica de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito sanitario a Fundación Hifas.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Hifas con domicilio no lugar de Portamuíños número 7, en Bora (Pontevedra).

Feitos:

1. O 12 de agosto de 2016, Tomás Casquero Cimadevila, secretario do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Hifas constituíse en escritura pública outorgada en Pontevedra o 5 de agosto de 2016, ante o notario Ramón Mucientes Silva, co número de protocolo 530, pola sociedade Hifas da Terra, S.L. que actúa representada pola súa administradora única, Catalina Fernández de Ana Portela.

Esta escritura emendouse por outra outorgada tamén en Pontevedra o 15 de decembro de 2016, ante o mesmo notario, co número de protocolo 854

3. A Fundación, segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto o estudo, potenciación e divulgación da aplicación dos fungos, a micoloxía e outros ámbitos de coñecemento tecnolóxico á saúde humana e animal, á alimentación funcional e á mellora ambiental.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Catalina Fernández de Ana Portela como presidenta; Francisco Fernández de Ana Magán como vicepresidente; Tomás Casquero Cimadevila como secretario; e Esteban Sinde Stompel e Ana Margarita Quiñones Laguillo como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito sanitario da Fundación Hifas, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 27 de febreiro de 2017.

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito sanitario a Fundación Hifas e adscribila ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza