Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2017 Páx. 14526

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación Dr. Severiano Campos e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Dr. Severiano Campos, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

Primeiro. José Severiano Padua Campos García, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Dr. Severiano Campos foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 20.12.2016, ante o notario Pablo Rueda Rodríguez-Vila, co número de protocolo 2.353, por José Severiano Antonio Padua Campos García, María Amelia Peláez Rodríguez e Iria Campos Peláez.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– Levar a cabo a acción social, psicolóxica e educativa de persoas e colectivos vulnerables e excluídos desde unha visión integral, traballando na investigación e formación, desenvolvendo campañas de sensibilización e incidencia para facer visibles os problemas.

– Contribuír á transformación social e individual das persoas excluídas e vulnerables, aportando axuda médica e psicolóxica.

– Conseguir o dereito universal á saúde ocular mediante promoción e desenvolvemento de programas preventivos e/ou asistenciais na área da saúde ocular.

– Así mesmo, calquera outra actividade similar ou análoga ás anteriores.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cese, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por José Severiano Antonio Padua Campos García como presidente, María Amelia Peláez Rodríguez como vicepresidenta e Iria Campos Peláez como secretaria.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías na xuntanza do día 6.2.2017 elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Dr. Severiano Campos consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e de conformidade co establecido no artigo 47 da antedita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 10 de febreiro de 2017, clasificouse como de interese asistencial a Fundación Dr. Severiano Campos, e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Dr. Severiano Campos, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro e 15/2009, do 21 de xaneiro, e despois do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social, da Fundación Dr. Severiano Campos, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Dr. Severiano Campos.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Dr. Severiano Campos, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2017

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Política Social