Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2017 Páx. 14310

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2017 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do 8 de febreiro de 2017 que aproba a instrución relativa á remisión telemática dos convenios e da relación anual daqueles formalizados polas entidades do sector público local de Galicia.

En cumprimento do acordo do Pleno adoptado na sesión do día 8 de febreiro de 2017, polo que se aproba a instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos convenios e da relación anual daqueles formalizados polas entidades do sector público local de Galicia, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 8 de febreiro de 2017, polo que se aproba a instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos convenios e da relación anual daqueles formalizados polas entidades do sector público local de Galicia

O artigo 53 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ditada ao abeiro da competencia exclusiva do Estado sobre as bases do réxime xurídico das administracións públicas, establece que dentro dos tres meses seguintes á subscrición de calquera convenio cuxos compromisos económicos asumidos superen os 600.000 euros, estes deberán remitirse electronicamente ao Tribunal de Contas ou órgano externo de fiscalización da Comunidade Autónoma, segundo corresponda, así como as modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, a alteración dos importes dos compromisos económicos asumidos e a extinción dos convenios indicados. Ademais, o precepto engade que estas obrigas se entenderán sen prexuízo das facultades do Tribunal de Contas ou, se é o caso, dos correspondentes órganos de fiscalización externos das comunidades autónomas para reclamar cantos datos, documentos e antecedentes consideren pertinentes con relación aos convenios de calquera natureza e contía.

En desenvolvemento deste precepto legal, o Consello de Contas de Galicia, como órgano de fiscalización externa das contas e da xestión económico-financeira e contable das entidades locais de Galicia e dos entes e organismos, calquera que sexa a súa forma xurídica, dependentes ou controlados directa ou indirectamente por aquelas, debe establecer as regras pertinentes para que as entidades locais galegas poidan cumprir os deberes regulados no mencionado artigo 53 respecto dos convenios definidos no artigo 47 da devandita Lei 40/2015.

Para tal efecto é conveniente aproveitar as funcionalidades que proporciona o sistema informático denominado Plataforma de rendición de contas das entidades locais, con enderezo electrónico www.rendiciondecuentas.es, que o Consello de Contas comparte co Tribunal de Contas e que xa está suficientemente experimentado, con resultados positivamente valorados, tanto para a remisión da conta xeral como para a remisión dos extractos dos expedientes contractuais e relacións anuais de contratos a que se refiren, respectivamente, o artigo 29 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, e o artigo 40 da Lei 7/1988, do 5 de abril, de funcionamento do Tribunal de Contas.

Na súa consecuencia, cómpre seguir utilizando regras homoxéneas e tecnicamente compatibles coas xa adoptadas polo Tribunal de Contas e demais entidades fiscalizadoras adscritas á devandita plataforma e establecer un modelo semellante ao establecido na instrución aprobada por acordo do Pleno deste consello adoptado con data do 22 de febreiro de 2016 e publicado no DOG núm. 45, do 7 de marzo, para a remisión telemática das actuacións en materia de contratos.

Para iso, este consello e o Tribunal de Contas, con data do 15 de marzo de 2017, asinaron unha nova addenda ao convenio de colaboración asinado entre ambas as institucións con data do 27 de xuño de 2011, para a implantación de medidas de coordinación da rendición telemática das contas xerais das entidades locais, en cuxa virtude a presentación da documentación que se especifica no texto da presente instrución polas entidades incluídas no seu ámbito de aplicación a través da expresada plataforma sorte os efectos legais previstos no artigo 53 da referida Lei 40/2015, do 1 de outubro, simultaneamente, ante o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

O Tribunal de Contas, mediante Acordo plenario do día 24 de novembro de 2016, aprobou a súa instrución relativa á remisión telemática ao Tribunal de Contas de convenios e de relacións anuais dos subscritos polas entidades locais do sector público local (BOE núm. 295, do 7 de decembro) e, por Resolución da Comisión de Goberno do 2 de decembro de 2016, aprobou adecuar para tales efectos o ámbito de funcionamento do rexistro telemático do Tribunal (BOE, ídem).

Nese contexto de loable coordinación no exercicio da función fiscalizadora e de eficaz explotación da información que subministra a plataforma, é aconsellable que o Consello, ao desenvolver as previsións do artigo 53 da expresada Lei 40/2015, harmonice, sen prexuízo das debidas adaptacións ao seu propio marco legal, os seus criterios xurídicos e requisitos técnicos cos expresados na instrución homóloga do Tribunal de Contas.

Así, o Consello de Contas de Galicia, ao abeiro do disposto nos artigos 7.3.b) e 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora da institución, e demais de xeral e pertinente aplicación, na sesión do seu pleno, o día 8 de febreiro de 2017, acordou aprobar a seguinte instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos convenios e da relación anual daqueles formalizados polas entidades do sector público local de Galicia.

I. Obxecto e ámbito de aplicación.

Mediante a presente instrución, o Consello de Contas de Galicia establece a información e documentación relativa aos convenios formalizados polas entidades do sector público local galego que lle deben ser remitidas, así como o procedemento e medio para levalo a cabo.

A obriga de remisión de documentación sobre convenios ao Consello de Contas, como órgano externo de fiscalización da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte dos órganos, organismos e entidades do sector público local de Galicia, configúrase do seguinte modo:

1. As entidades do sector público local que, conforme o artigo 53.1 da Lei de réxime xurídico do sector público, en diante LRXSP, no prazo nel establecido, teñan que remitir ao Consello de Contas os convenios cuxos compromisos económicos asumidos superen os 600.000 euros, deberán enviar a información e documentación que se indica no punto III.1 desta instrución.

2. Deberán comunicarse as modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, a alteración dos importes dos compromisos económicos asumidos e a extinción dos convenios referidos no punto anterior, de acordo co disposto no punto III.1 desta instrución.

3. As entidades do sector público local deberán remitir relacións certificadas comprensivas dos convenios formalizados no exercicio precedente, calquera que fose o seu importe, de conformidade co establecido no punto III.2 desta instrución, ou, no caso de non subscribirse ningún, unha certificación negativa.

II. Determinación da contía dos convenios.

Para os efectos desta instrución, entenderase por compromisos económicos asumidos aos que se refire o artigo 53.1 da LRXSP o importe total das achegas financeiras que se comprometan a realizar o conxunto dos suxeitos que subscriben o convenio, independentemente da achega que corresponda á entidade local que envíe a documentación.

III. Documentación que deben remitir as entidades do sector público local de Galicia e requisitos de envío.

En concordancia co exposto, a información e documentación que deben enviar ao Consello de Contas relativa aos convenios subscritos polas entidades do sector público local de Galicia axustaranse aos seguintes criterios:

III.1. Documentación que teñan que remitir ao longo do exercicio:

Primeiro. Dentro dos tres meses seguintes á subscrición de calquera convenio cuxos compromisos económicos asumidos superen os 600.000 euros, que consonte o artigo 53.1 da LRXSP deban enviarse ao Consello de Contas, as entidades locais deberán remitir copia do documento de formalización do convenio, xunto coa correspondente memoria xustificativa.

O envío desta documentación efectuarase por procedemento telemático a través da Plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendiciondecuentas.es) e deben cubrirse tamén os datos básicos do convenio que se requiren na citada plataforma.

Segundo. A comunicación das modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, a alteración dos importes dos compromisos económicos asumidos e a extinción dos convenios anteriormente indicados que se efectúe conforme o artigo 53.2 da LRXSP levaranse a cabo, así mesmo, dentro dos tres meses seguintes á data en que se produzan a través da Plataforma de rendición de contas das entidades locais. A comunicación destas incidencias realizarana as entidades locais achegando os datos básicos da correspondente incidencia que se indican na citada plataforma e remitindo os respectivos documentos de aprobación e, se é o caso, de formalización.

Así mesmo, enviaranse os convenios que, polo seu importe, non fosen remitidos en cumprimento do artigo 53.1 da LRXSP e que fosen obxecto de modificacións posteriores á súa formalización cando, illada ou conxuntamente, eleven os compromisos económicos asumidos por encima dos límites sinalados no citado precepto, incluíndo a documentación relativa ás mencionadas modificacións. A remisión, no que se refire ao convenio orixinal, efectuarase telematicamente, enviando a documentación que se relaciona no punto anterior. Respecto da modificación, cubriranse os datos básicos da incidencia que se indican na Plataforma de rendición de contas das entidades locais e remitiranse os correspondentes documentos de aprobación e de formalización daquela.

III.2. Documentación que deben remitir unha vez concluído o exercicio correspondente:

Co fin de dispor do coñecemento adecuado da natureza, do número e importe total dos convenios subscritos en cada exercicio e de poder planificar adecuada e oportunamente a actividade fiscalizadora, en aplicación do artigo 53.3 da LRXSP, que habilita o órgano fiscalizador para reclamar cantos datos, documentos e antecedentes considere pertinentes con relación aos convenios de calquera natureza e contía, as entidades locais deberán remitir anualmente unha relación certificada comprensiva dos convenios formalizados por elas e polas súas entidades dependentes no exercicio anterior, con independencia do réxime xurídico a que estean sometidas. Os organismos e as entidades dependentes doutra entidade local presentarán as súas relacións de convenios integradas nas da entidade principal.

A referida relación anual enviarase por procedemento telemático a través das aplicacións informáticas situadas na plataforma de rendición de contas das entidades locais, antes de que conclúa o mes de febreiro do exercicio seguinte a que se refira.

A información conterá os datos que veñen determinados na referida plataforma, entre outros, os relativos aos suxeitos que subscriben o convenio e os básicos deste, tales como os descritivos do obxecto, os compromisos económicos asumidos polas entidades que participan e o seu prazo de vixencia. No caso de que non se formalizasen convenios, farase constar a dita circunstancia mediante a comunicación negativa que a citada aplicación contén, sexa como información única da entidade local ou como información parcial dalgunhas das súas entidades dependentes.

Para uniformar o criterio que se debe seguir na inclusión dos convenios na relación anual, atenderase ao ano da súa formalización, polo que a relación certificada deberá comprender todos aqueles convenios que fosen formalizados no exercicio de referencia, aínda cando as actuacións que van realizar as entidades asinantes para o seu cumprimento se levasen a cabo nos exercicios seguintes.

As relacións certificadas deberán conter exclusivamente os convenios primitivos. As incidencias que se produzan durante a súa execución (modificacións, prórrogas, variacións de prazos, etc.) serán obxecto de comunicación posterior ao Consello de Contas, nos termos sinalados no punto III.1 desta instrución.

IV. Requirimento doutra documentación.

Con independencia da información e documentación sinalada nas epígrafes anteriores, no exercicio da súa función fiscalizadora, o Consello de Contas poderá requirir o envío de documentación adicional en relación cos convenios anteriormente identificados ou con calquera outro incluído na relación anual dos convenios subscritos a que se refire o punto III.2 desta instrución ou que debesen incorporarse a ela. A entidade local requirida deberá facilitar a información e documentación solicitada, en cumprimento da colaboración debida conforme prevén o artigo 23 da xa mencionada Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e o expresamente establecido no artigo 53.3 da LRXSP. A dita solicitude deberá ser atendida nos termos e prazos fixados naquela.

V. Requisitos de envío.

A información relativa aos convenios recibirase a través do rexistro electrónico do Consello de Contas, conforme os criterios dispostos no Acordo do Pleno do día 23 de decembro de 2011, regulador do referido rexistro (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro de 2012). O procedemento de remisión telemática desta información axustarase ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas disposicións de desenvolvemento relativas aos procedementos electrónicos.

VI. Regra adicional.

A aplicación da instrución realizarase con sometemento ás disposicións contidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ao resto de normas específicas que regulan a propiedade intelectual e o tratamento electrónico da información.

VII. Regra transitoria.

A documentación e información establecidas nesta instrución referidas aos convenios regulados no artigo 53.1 da LRXSP que se formalizaron a partir da entrada en vigor desta lei (o día 2 de outubro de 2016), así como a das incidencias que se produzan na súa execución, remitiranse telematicamente, en todo caso, a partir do 15 de xaneiro de 2017, data en que se estará operativo o correspondente módulo da Plataforma de rendición de contas das entidades locais.

As previsións contidas no punto III.2 da presente instrución relativas á remisión das relacións certificadas de convenios formalizados anualmente ou, no caso de non subscribirse ningún, das correspondentes certificacións negativas, serán aplicables aos exercicios 2017 e seguintes.

VIII. Entrada en vigor.

Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.