Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2017 Páx. 12609

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2017 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Lourenzá.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), adoptou o 24.2.2017 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Lourenzá a favor do Concello de Lourenzá.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 24 de febreiro de 2017 da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Lourenzá, que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO
Acordo do 24 de febreiro de 2017 da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que cede en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado no concello de Lourenzá

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e en virtude da Resolución do 20 de novembro de 2012 da Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, Xunta de Galicia, en relación coa recepción parcial dos bens e dereitos procedentes da liquidación da Sociedade Anónima Xestora Bantegal e a simultánea entrega, con igual carácter, á Agader.

O Concello de Lourenzá solicitou a cesión do inmoble, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 30.8.2016 a presidenta da Agader acordou que se iniciara o procedemento para a transmisión en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto do inmoble.

O 1.9.2016 a Subdirección de Mobilidade de Terras da Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 26.9.2016 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 17.10.2016 a Asesoría Xurídica emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 26.12.2016 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 28.12.2016 a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 29.12.2016 o Consello da Xunta de Galicia, autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11.7.2013 o Consello de Dirección deaAgader delegou na persoa titular da Presidencia da Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais ao que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e despois da proposta do director xeral da Agader,

DISPOÑO

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Lourenzá, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Lourenzá, que se describe a continuación:

Parcela 787 do polígono 4 da zona de concentración parcelaria de Lourenzá Sur, no concello de Lourenzá, cunha extensión superficial de sete áreas e dez centiáreas. Limita norte con camiño, sur con Áurea Gayoso Marful (786), leste con Cámara Agraria Local (788), e oeste con camiño.

Na parcela localízase parte do Centro Cívico de San Jorge e un recinto valado con instalacións de lecer.

Referencia catastral: 27027C004007870000DA

Titular catastral: Sociedade Anónima Xestora Bantegal figura como titular catastral.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Mondoñedo, a nome de Comunidade Autónoma de Galicia, tomo 742, libro 100, folio 116, nº rexistral finca 13.344, inscrición 1ª.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a ubicación de local social e actividades de lecer e divulgativas.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes no mesmo que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código Civil. No caso de obras, construcións e instalacións das que a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que o inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular (ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida). Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos a persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considérase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos nos que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas que se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que as mesmas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se fose o caso, inscrita no Rexistro da Propiedade.

Todos os custos e impostos que se deriven da cesión serán de conta da persoa cesionaria, incluso o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houbera.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando polo tanto á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno de Agader, ou funcionario en quen delegue, debendo constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. A Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.