Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 8 de marzo de 2017 Páx. 11880

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de xacemento arqueolóxico o castro de Fazouro, no lugar de Punta do Castro, parroquia de Santiago de Fazouro, termo municipal de Foz (Lugo).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indicábase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

No ano 2007, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou o proxecto denominado Prospección arqueolóxica para a delimitación e declaración de ben de interese cultural de xacementos castrexos na Comunidade Autónoma de Galicia. Uns dos xacementos obxecto deste estudo foi o castro de Fazouro, no concello lucense de Foz. Posteriormente, o Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais emitiu un informe relativo á memoria técnica dos traballos de prospección arqueolóxica para a delimitación e declaración de ben de interese cultural do xacemento arqueolóxico do castro de Fazouro (GA27019010), documento que incluía unha proposta de delimitación das áreas do xacemento e contorno de respecto que foi valorada positivamente.

A seguir, solicitouse o informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo e dos órganos consultivos (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes e Facultade de Humanidades do campus universitario da Universidade de Santiago de Compostela), que informaron favorablemente sobre a declaración de ben de interese cultural do castro de Fazouro, e propuxeron algunhas recomendacións relativas á súa área de protección. O 1 de febreiro de 2017 o Servizo de Arqueoloxía desta dirección xeral emite un novo informe, en que se revisa a delimitación do xacemento do castro de Fazouro e se incorpora unha zona de contorno de protección na súa franxa marítima, na liña do recomendado polos órganos consultivos e asesores.

Segundo o contido dos informes, este xacemento ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro, xa que se trata dun xacemento costeiro asentado nunha pequena península que penetra no mar ao carón dunha zona acantilada que presenta escavado parte dun poboado castrexo, con estruturas visibles e musealizadas. As escavacións de que foi obxecto deron como resultado a obtención de moita información sobre os modos de vida dos seus habitantes na época romanizada e grazas a elas púidose encadrar entre os séculos I e III a. C., que foi a etapa de máis ocupación e de maior grao de romanización. Esta presenza romana asóciase coa chegada ao territorio por mor da súa explotación aurífera. Así pois, tendo en conta os valores deste castro, proponse a súa declaración singular como xacemento arqueolóxico, por estimala a figura más acaída para o seu réxime de protección, que deriva da categoría de xacemento arqueolóxico, establecido no artigo 10.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, que o define como: o lugar no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e en virtude do que dispón o título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992), e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 150, do 6 de agosto), como consecuencia dos informes técnicos mencionados e da documentación xustificativa completa,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de xacemento arqueolóxico, o castro de Fazouro, sito no lugar de Punta do Castro, na parroquia de Santiago de Fazouro, no concello lugués de Foz, conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta nos anexos II e III, e proceder aos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os xacementos arqueolóxicos en particular, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita, e no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Lugo (Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Sexto. Notificar esta resolución aos interesados, ao Concello de Foz e aos departamentos con competencias no ámbito afectado pola delimitación.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición do ben

1. Denominación: castro de Fazouro.

2. Descrición.

O castro de Fazouro atópase na costa lucense, no lugar de Punta do Castro, da parroquia de Santiago de Fazouro, a uns poucos quilómetros da vila de Foz. Este poboado costeiro é o único escavado e musealizado na costa cantábrica galega e, neste senso, é un referente para o coñecemento e a difusión dos valores culturais da época castrexa. Existen outros xacementos das súas características, xa que nas súas proximidades están os castros de Marzán, Devesa, Vilaselán, A Rueta e Burela, de morfoloxía e características semellantes a Fazouro, pero non co seu grao de coñecemento e posta en valor. Todos eles están situados en istmos de suave relevo e basean as súas defensas en parapetos, murallas e foxos na franxa que une o istmo á terra. A súa orografía contrasta coa doutros castros costeiros máis occidentais, nos cales o terreo é máis abrupto e montañoso, como é o caso de Espasante ou Baroña.

Outro dos elementos comúns aos castros cantábricos é o seu forte grao de romanización, ao tratarse de asentamentos cun alto nivel de ocupación entre os séculos I e III d. C., e que amosan restos que os asocian a explotacións metalúrxicas. Outro elemento característico é o material empregado na súa construción: as laxas de lousa, en contraste co granito empregado na franxa atlántica.

Aínda pode apreciarse o resto do foxo, así como as defensas do parapeto. O resto do sistema defensivo estaría constituído polo propio cantil.

A zona visitable datouse no século III d. C., época en que se abandona o castro, e entre as súas estancias poden apreciarse dous cuartos con lar central, probablemente espazos destinados á cociña; restos de receba e lousado interior de tipo romano, suponse que cun uso habitacional; dependencias con bancos encostados ás paredes; unha estancias cunha lareira rodeada de pedras fincadas, cheo de escouras, que ben puido ser un taller metalúrxico. A maioría delas presentan planta cadrada con esquinas redondeadas.

No aspecto construtivo destaca o sistema para favorecer a drenaxe das augas interiores, ao construírse os pisos dos cuartos a un nivel superior ao exterior. Tamén é Fazouro un exemplo da evolución construtiva producida pola ocupación romana e poden observarse muros medianeiros reutilizados e anexos sobre construcións anteriores, e mesmo o grupo de escaleiras, que se atribúen á utilización dun segundo piso, caso pouco habitual noutros castros galegos.

Os materiais cerámicos recuperados nas escavacións están moi fragmentados e só hai algúns restos de sigillatas de importación. En canto a metais, a pesar da gran cantidade de escouras presentes no xacemento, atopáronse só uns poucos cravos de ferro e algúns fragmentos informes, así como fíbulas e alfinetes de bronce. Ademais, acháronse dúas moedas, un antoniano de mediados do século III d.C. e outra con ceca de Clunia.

Polo que respecta aos restos orgánicos, cómpre dicir que a súa análise permite afirmar un amplo uso dos recursos costeiros e do gando ovino.

En resumo, a configuración do castro é sinxela, posúe un só recinto, defendido por un foxo escavado no istmo que o une á terra, que desta forma illa completamente o asentamento. Interiormente existen dúas liñas de parapeto moi alteradas por labores agrícolas, e das cales só se conserva o seu tramo oeste.

No seu conxunto e grao de coñecemento, resulta un exemplo paradigmático dos xacementos costeiros da cornixa cantábrica de Galicia e o que mellores condicións ten para a difusión das súas características e valores culturais polo seu coñecemento e posta en valor.

3. Delimitación da contorna afectada.

A área que ocupa esta zona arqueolóxica é bastante reducida e adáptase á punta do saínte costeiro onde se localiza o castro. Boa parte do xacemento foi erosionado polo mar, e con certeza a súa extensión foi moito maior da que se conserva hoxe en día. Na zona onde se separa do istmo pódense apreciar parte dos parapetos que illan o castro da península, así como os foxos.

Considérase axeitado establecer un contorno de protección para protexer as características ambientais dos predios que rodean o xacemento.

A proposta de delimitación do ben e o seu contorno asume as recomendacións tanto da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo como dos órganos consultivos. Estas recomendacións supuxeron incluír unha franxa de protección arredor do foxo polo lado suroeste.

En coherencia con outros procedementos de declaración, considerouse conveniente incluír no contorno de protección do castro de Fazouro o mar próximo, tendo en conta que, especialmente as calas e a praia próxima que puideron chegar a funcionar como desembarcadoiros, lugares de descarga de importacións para abastecer o poboado durante a súa vida útil, poden conter información de relevancia para o seu coñecemento e estudo.

4. Estado de conservación.

As primeiras intervencións neste ben comezaron en 1963, ligadas á Dirección Xeral de Belas Artes. As campañas, de curta duración, realizáronse na zona norte do xacemento, xunto ao cantil, e puxeron ao descuberto unha serie de construcións que, lixeiramente ampliadas, configuran un espazo expositivo que aínda pode ser visitado.

Estas escavacións, baseándose nos materiais atopados e nas características construtivas (plantas rectangulares, restos de recebas, lousados, etc.) sinalan unha ocupación tardía dentro do mundo castrexo, claramente relacionados co influxo romanizador.

En 1988 efectuouse unha intervención coa intención de recuperar o xacemento como un centro de atracción social de carácter estritamente arqueolóxico e en 1989 decidiuse realizar unha curta intervención para arranxar danos, aproveitando a ocasión para colocar carteis de sinalización de acceso ao xacemento.

Posteriormente, en 1993 realizáronse unha serie de tarefas de campo onde se ultimaron os traballos de escavación e consolidación do xacemento. Con esta derradeira campaña de escavación quedou ao descuberto unha área total dun 400 m2, cun total de nove estruturas.

5. Uso.

As diferentes escavacións realizadas permitiron determinar que, temporalmente, o castro de Fazouro podería encadrarse entre os séculos I e III d. C., que foi a etapa de máxima ocupación e de maior grao de romanización. A súa estrutura conformaríase mediante un recinto defensivo formado por un foxo escavado na zona que une o núcleo habitacional do resto do territorio, o que leva a illalo e protexelo.

No interior deste foxo hai dúas liñas de muralla, das cales se conserva só o lado oeste. O dito sistema, xunto cos limites naturais que fornecería o cantil, completaría o potencial defensivo dun espazo destinado á vivenda e á produción metalúrxica.

As vivendas escavadas corresponderían ao último momento ocupacional do castro, pertencente ao século III d. C. Cada unha destas construcións permite observar diferente funcionalidade. Na actualidade o uso deste espazo está relacionado en exclusiva co estudo, protección e conservación dos restos, e é compatible coas visitas xerais, coas cautelas necesarias derivadas da súa localización costeira.

6. Localización.

Este xacemento atópase ao leste da praia de Arealonga no lugar de Punta do Castro, na parroquia de Santiago de Fazouro, do concello de Foz (Lugo), sobre unha zona de cantil, e forma parte dunha serie de castros situados en pequenas penínsulas ao longo da costa e con continuidade en Asturias.

ANEXO II
Delimitación literal e gráfica

A delimitación do castro de Fazouro, tanto da área do xacemento coma do contorno de protección, corresponden coas seguintes puntos do sistema xeodésico de referencia oficial nas coordenadas ETRS89 Fuso UTM 29:

Delimitación do xacemento arqueolóxico

Punto

X

Y

1

637.145

4.829.230

2

637.115

4.829.191

3

637.225

4.829.166

4

637.319

4.829.059

Delimitación do contorno de protección

Punto

X

Y

1

636.542

4.829.739

2

636.526

4.829.701

3

636.517

4.829.672

4

636.904

4.829.336

5

637.038

4.829.391

6

637.140

4.829.108

7

637.167

4.829.126

8

637.268

4.828.777

9

637.280

4.828.767

10

637.436

4.828.849

A descrición da área do xacemento axústase aos seguintes puntos, en primeiro lugar e situándonos no extremo noroeste da delimitación da área do monumento, comezamos o seu trazado no litoral no punto 1, situado nun entrante do cantil ao sueste da praia de Arealonga e ao oeste da Punta de Fazouro, onde se sitúa o castro, e é a seguinte:

– P1. 637.145 – 4.829.230. Desde o entrante no cantil da praia de Arealonga, o límite da área de protección do monumento traza unha liña recta en dirección suroeste ata o linde da liña de ferrocarril, onde se atopa o P2.

– P2. 637.115 – 4.829.191. Desde aquí vírase en liña recta en sentido leste ate chegar á bifurcación do camiño de acceso ao castro na Punta Fazouro, ata a coordenada UTM de referencia do P3, situada na marxe dereita do camiño.

– P3. 637.225 – 4.829.166. Desde este punto cóllese o muro de peche de parcela con vivenda en dirección sueste e se segue en paralelo á costa polo lindeiro parcelario que deixa ao leste as parcelas catastrais 34:956 e parte da 34:171, ata chegar ao extremo sueste da parcela 34:174, onde se vira ao norte e se segue o seu lindeiro cara ao mar ata acadar o seu extremo na beira litoral, onde se atopa o P4.

– P4. 637.319 – 4.829.059. Desde aquí se segue a liña de costa en dirección norte-noroeste, bordeando o cantil e a totalidade da Punta Fazouro, para enlazar co P1, no cantil da praia de Arealonga.

Polo que respecta á descrición do contorno de protección do xacemento, cómpre dicir que este comeza, de noroeste a sueste, no extremo noroeste da praia de Arealonga, na rampla de acceso á praia, onde se sitúa o P1, e segue:

– P1. 636.542 – 4.829.739. Desde a rampla de acceso á praia de Arealonga se segue en liña recta dirección sur ata topar coa estrada N-642, que discorre paralela á praia; nese punto de cruzamento coa estrada atópase o P2.

– P2. 636.526 – 4.829.701. Desde aquí continúa o linde en dirección sur ata o cruzamento do primeiro camiño que sobe en dirección suroeste coa liña férrea de FEVE, onde se sitúa o P3.

– P3. 636.517 – 4.829.672. Desde aquí continúase a delimitación seguindo a liña do tren que vai paralela á praia en dirección sueste, ata o punto onde se cruza a ponte da estrada sobre a vía, onde se atopa o P4.

– P4. 636.904 – 4.829.336. Desde este punto continúase uns metros pola estrada N-642 cara ao sueste ate chegar a unha bifurcación da estrada, onde se atopa o P5.

– P5. 637.038 – 4.829.391. Na bifurcación cóllese á esquerda pola estrada que leva ao castro a través de zonas de vivendas, se segue en dirección ao castro ata o primeiro cruzamento coa pista que baixa en dirección norte cara ao castro, onde se atopa o P6.

P6. 637.140 – 4.829.108. Neste cruzamento cóllese pola estrada que vai en liña case recta cara ao norte en dirección ao castro. Unha vez transcorridos uns metros chégase á ponte sobre a liña férrea, onde se atopa o P7.

P7. 637.167 – 4.829.126. Neste cruzamento vírase á dereita en dirección sur-sueste seguindo a liña da vía do tren por unha pista de servizo paralela, ata o P8.

P8. 637.268 – 4.828.777. Desde aquí vírase ao leste en liña recta para coller un cruzamento cun camiño paralelo á vía do tren, onde se atopa o P9.

P9. 637.280 – 4.828.767. Desde este punto cóllese por unha pista que vai cara ao mar, en dirección nordés, ata chegar ao cantil, no remate da pista, onde se sitúa o P10.

P10. 637.436 – 4.828.849. Desde aquí establécese unha liña equidistante de 200 metros medidos desde a beira da costa que se interna no mar e vai abeirando a costa cara ao norte ata chegar á altura do P1.

ANEXO III
Plano coa delimitación e contorno de protección

missing image file

ANEXO IV
Réxime de protección e salvagarda provisional

A incoación para declarar ben de interese cultural como xacemento ou zona arqueolóxica do castro de Fazouro, no lugar de Punta do Castro, parroquia de Santiago de Fazouro, no concello lucense de Foz, determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 e 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 da LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Será tamén necesaria a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para a realización de calquera actividade arqueolóxica. Calquera actuación que comporte a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno tamén requirirá tamén a devandita autorización previa.

– Utilización: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

ANEXO V
Fotografías

missing image file