Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2017 Páx. 9336

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 332611.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas que sexan pemes do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura, que terán como finalidade realizar investimentos:

1. Que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no ambiente, incluíndo o tratamento de residuos.

2. Que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo.

3. Que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano.

4. Que se refiran á transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.

5. Que se refiran á transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, en virtude dos artigos 6 e 7 do Regulamento (CE) nº 834/2007.

6. Que dean lugar a novos e mellores produtos, novos ou mellores procesos, ou novos ou mellores sistemas de xestión e organización.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para o ano 2017 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.771.1, que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2016, prorrogado polo Decreto 189/2016, do 29 de decembro, polo que se regulan as condicións da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. A concesión das subvencións queda supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017. Os importes máximos das subvencións que se concedan ascenderán a 18.105.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2017: 7.850.000 euros.

– Anualidade 2018: 10.255.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2016

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar