Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 2017 Páx. 8004

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2017 pola que aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 332598.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle de televisión privada nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, a proxectos audiovisuais das seguintes modalidades:

1.a. Modalidade A: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de ficción, segundo as seguintes submodalidades:

– Modalidade A.1: longametraxes de ficción de autoría galega que poñan en valor a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego, posúan unha alta capacidade de internacionalización e o seu orzamento total non supere o importe de 1.200.000 euros.

– Modalidade A.2: longametraxes que posúan un especial valor cinematográfico, cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego, teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional e conten cun orzamento total de produción superior a 1.200.000 euros.

1.b. Modalidade B: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de animación que posúan un especial valor cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego e teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional.

1.c. Modalidade C: produción e coprodución de longametraxes documentais con especial valor cinematográfico que non empreguen como especial instrumento a recreación de ficción.

1.d. Modalidade D: produción de curtametraxes de ficción, animación e documental de autoría galega e en versión orixinal galega, cunha duración máxima de 30 minutos.

1.e. Modalidade E: producións ou coproducións de autoría galega destinadas a seren emitidas por televisión de acordo coas seguintes submodalidades:

– Modalidade E1. Longametraxes e miniseries televisivas de ficción de autoría galega, que promovan a cultura galega, empreguen e salienten os valores creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego e teñan un decidido propósito de difusión. Consideraranse longametraxes de ficción para televisión aquelas producións que teñan unha duración mínima de 60 minutos. Consideraranse miniseries de ficción aquelas producións de 2 capítulos que teñan unha duración mínima de 52 minutos cada un.

– Modalidade E2. Longametraxes documentais para televisión de autoría galega que contribúan á difusión da cultura galega, a poñer en valor as manifestacións creativas e artísticas galegas ou aborden calquera aspecto da realidade social galega, pero sen empregar como principal instrumento a recreación de ficción. As longametraxes documentais para TV deberán ter un mínimo de 52 minutos de duración.

– Modalidade E3. Series de animación infantil e xuvenil destinadas a seren emitidas por televisión que destaquen polo seu carácter innovador, fomenten a aplicación das novas tecnoloxías da produción e teñan unha clara vocación de comercialización a nivel nacional e internacional. As series de animación deberán ter unha duración mínima global de 80 minutos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 6 de febreiro de 2017 pola que aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de total 2.000.000 euros, coa seguinte distribución por anualidades, na aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0:

2017: 214.000 euros.

2018: 600.000 euros.

2019: 1.186.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais