Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2017 Páx. 7156

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2017 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Coirós.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou, o 18.1.2017, o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Coirós a favor do Concello de Coirós.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 18 de xaneiro de 2017, da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Coirós que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do 18 de xaneiro de 2017, da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Coirós.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e en virtude da Resolución do 20 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en relación coa recepción parcial dos bens e dereitos procedentes da liquidación da Sociedade Anónima Xestora Bantegal e a simultánea entrega, con igual carácter, á Agader.

O Concello de Coirós solicitou a cesión do inmoble, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 16.10.2015 a presidenta de Agader acordou que se iniciara o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto do inmoble.

O 16.10.2015 a Subdirección de Mobilidade de Terras de Agader emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble.

O 13.11.2015 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 7.12.2015 a Asesoría Xurídica emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble.

O 11.12.2015 a Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 18.12.2015 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 20.1.2016 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11.7.2013 o Consello de Dirección de Agader delegou na persoa titular da Presidencia de Agader as competencias para o alleamento e a cesión de bens inmobles e dereitos reais ao que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e despois da proposta do director xeral de Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Coirós, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Coirós, que se describe a continuación:

Descrición: parcela 1024 do polígono 502 da zona de concentración parcelaria de Coirós-Colantres-Lesa e Armea, no concello de Coirós (A Coruña), cunha extensión superficial de vinte e unha áreas e oitenta centiáreas. Limita: norte, con Agustín Tomé Roca (1023); sur, con zona excluída e camiño; leste, con Agustín Tomé Roca (1023) e zona excluída, e oeste, con Agustín Tomé Roca (1023) e camiño.

Na parcela nace un rego e localízase un lavadoiro.

Referencia catastral: inserida en 8287502NH6888N0001TL.

Inscrición catastral: o inmoble figura a nome do Concello de Coirós, segundo certificación catastral descritiva e gráfica do 9.9.2015.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Betanzos, a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, tomo 1750, libro 95, folio 202, nº rexistral predio 10224, inscrición 1.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase á instalación dun lavadoiro.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes nel que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, e renuncia ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das cales a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular, ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida. Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. A persoa cedente debe remitir cada tres anos a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos dende o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización, á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará pola súa conta a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for o caso, inscrita no rexistro da propiedade.

Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán por conta da persoa cesionaria, incluído o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística. Polo tanto, renuncia á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno de Agader, ou funcionario en quen delegue, e nel deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.