Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2017 Páx. 6776

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2017, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de coordinador/a de técnicos superiores do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (área sanitaria de Pontevedra).

Mediante Resolución do 14 de xullo de 2016, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés (DOG nº 153, do 12 de agosto) convocouse a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, dun posto de coordinador/a de técnicos superiores do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (área sanitaria de Pontevedra).

En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 47, do 7 de marzo), e a Orde do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos (DOG nº 188, do 30 de setembro), modificada pola Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo), esta xerencia

RESOLVE:

Primeiro. Adxudicar o posto de coordinadora de técnicos superiores do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a Mª Luisa Rivas Collado, aspirante que acadou a maior puntuación.

Segundo. A aspirante deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada da interesada, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita excedencia voluntaria por interese particular e será declarado/a nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Terceiro. A aspirante seleccionada obterá un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Antes da finalización do referido período, a profesional seleccionada será avaliada para os efectos da súa prórroga, por idéntico período, ou remoción. Neste último caso darase previamente audiencia á interesada.

Cuarto. Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pontevedra, 17 de xaneiro de 2017

José Manuel González Álvarez
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés