Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2017 Páx. 3612

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Celina Brañas Fernández, presidenta do padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 2 de setembro de 2016, ante o notario Manuel Mariño Vila, co número 2.189 do seu protocolo, por Beatriz Rey Gómez e María Isabel Rey Gómez que actúan no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto a promoción, fomento, desenvolvemento e difusión das artes plásticas, especialmente a pintura, e dos seus creadores en Galicia.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os datos relativos á personalidade das fundadoras, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Celina Brañas Fernández como presidenta, Emma Miranda Varela como secretaria e Beatriz Rey Gómez e María Isabel Rey Gómez como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 15 de novembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 233, do 7 de decembro) clasificouse como de interese cultural a Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Hermanas Rey Gómez-Guitián.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2017

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria